Buscar neste blog

Amosando publicacións coa etiqueta colaboración externa. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta colaboración externa. Amosar todas as publicacións

domingo, 27 de outubro de 2024

María Mariño e P. García Negro. Xinealoxías e referentes de noso por Eli Ríos

    

    María Mariño no ronsel das escritoras galegas é un estudo coordinado por María Pilar García Negro. E digo coordinado porque xa desde a “Nota inicial”, a autora pon en valor unha primeira persoa do plural: o NÓS de quen encomenda o traballo; o NÓS das axudas emprestadas e o NÓS de quen axunta, nos “Apéndices”, o textos autoriais. Estamos, por tanto, diante dunha obra cunha declaración de intencións cristalina: un achega á creación de María Mariño como parte dun proxecto colectivo en que “ a leitura da obra de María Mariño, como de toda a literatura galega, (per)dure máis aló do 17 de Maio, Día das Letras Galegas”1 Aínda que este colectivo debe manter a individualidade de cada quen, de aí o ronsel e seguir as pegadas, porque se de algo é consciente P. García Negro é da “necesaria individuación das escritoras”2. Recolle, a autora, neste punto unha extensa cita3 da crítica literaria Pilar Pallarés sobre o canon e a poesía escrita por mulleres. Nela clarifica como dentro do canon se masculiniza o universal e se universaliza o masculino.


Xoguemos ás hipóteses: ¿que plus de coñecemento tería a nosa autora se en lugar de María se chamase, por exemplo, Roberto (o nome do seu home)? ¿”Roberto Mariño” * ocuparía o lugar merecido naquela sincronía da literatura galega? 4

    Xa vimos noutras ocasións, nesta páxina web5, como rematar coa escrita das mulleres6 e é moi de agradecer que Pilar García Negro presente, na mesma liña, esta lúcida análise no caso mariñá, incluída a da escolla lingüística, para examinar os motivos e razóns do ostracismo da escritora María Mariño e dos que levaron á demora de 27 anos en publicar a súa obra.

    Esta primeira parte do estudo pon na mesa unha problemática documentada rigorosamente, e exemplificada ata a extenuación, e convídanos a reflexionar sobre o uso dos lugares comúns xa que se son verdadeiros teñen un gran valor, pero como sexan falsos son ben nocivos. Estes tópicos, que se aplican á escrita das mulleres, vai desmotalos, un a un, Pilar García Negro cunha documentación irrefutable. Así enuncia unha mostra representativa de autoras invisibilizadas que rebate o tópico de que hai poucas escritoras na literatura galega; recolle os textos do Padre Feixoo, a defensa dos dereitos das mulleres por Xoán Vicente Viqueira, entre outros, que desmonta o non interese pola produción das escritoras por parte dos homes; arromba coa “lóxica matrilineal” que sostén que todas somos fillas de Rosalía de Castro e non escritoras con características propias;etc

    Pilar García Negro debulla todos estes elementos para propoñer que nos acheguemos á

poesía de María Mariño lonxe das impresións androcéntricas e optar pola opción que a insere nunha tradición social e cultural que non unifica a escrita das mulleres como descendentes de Rosalía de Castro senón que “estima no que vale unha distintiva diacronía galega, dentro da cal a nosa autora brillou con luz propia e intransferíbel no combate contra a xinofobia e contra a galegofobia, abrindo un suco de valor incomensurábel para todas as colegas que alumou a posterioridade e que, inevitabelmente, viron e tiveron nela un antecedente lexitimador da súa propia dedicación. Unha muller abrira o camiño: outras podían tripalo con seguridade e confianza nas súas forzas.” 7 María Mariño, e as escritoras galegas en xeral, temos en Rosalía de Castro unha xinealoxía de noso, referentes propios, que gorece e ilumina o camiño individual de cada unha.

    Unha vez que a parte teórica xa se sitúa como marco, P. García Negro propón unha revisión das lecturas feitas sobre a obra poética de María Mariño xa que “se se consignan com méritos estilísticos ou achados de grande relevo transgresións, rupturas iluminadoras, en poetas homes coetáneos ou contemporáneos, tal mérito non se pode ralear na poesía da autora que nos ocupa”8. Como nos capítulos anteriores, García Negro argumenta, con exemplos e bases teóricas, a definición da creación da autora como poesía existencialista moi afastada do simple paisaxismo xa que a natureza corporeízase, asenta nas raíces da xenealoxía galega (Rosalía de Castro, Amado Carballo, Manuel María, etc) e acubilla a comunicación coa palabra escrita.

É poesía existencialista por antonomasia, como a que pioneiramente inaugurará o Manuel María de Advento (1954), o que acredita na literatura galega un alento criativo, orixinal (para os perpetuos contempladores do exterior, un estar à la page), que, máis unha vez, pede clamorosamente unha análise desde dentro da especificidade da propria literatura galega, non a reboque das literaturas institucionalizadas do centro do sistema.9



    Fai, tamén, García Negro unha revisión dos elementos que constitúen esta denominada ruptura formal, nas composicións 
mariñás, pola que Novoneyra lle atribuiu aquel “dinamiteira da fala” antes de pasar á escolma en que se recollen textos de Palabra no tempo (1963) e da obra póstuma Verba que comeza.


    Na última parte hai unha recolla de textos coetáneos á publicación das obras de María Mariño. Así, transcríbese o prólogo á edición orixinal de Palabra no tempo feito por Ramón Otero Pedrayo en 1960, un artigo de Manuel María publicado en El Progreso en 1963, un de Xosé Luís Méndez Ferrín de 1965 e outro de Uxío Novoneyra, xa de 1982 e publicado na Nosa Terra, en que a califica como “dinamiteira da fala” que é sabedora “de que a verdadeira esencia do noso idioma é a liberdade”10. Ademais, inclúense dous artigos que nos achegan, por unha parte, no de Carmen Blanco, publicado en 2006, unha “Elexía previa a María Mariño” composta por U. Novoneyra e, por outro, no escrito por Kathleen N. March, e publicado en 1989, unha reivindicación da escrita de María Mariño moito antes de que a RAG decida dedicarlle o Día das Letras Galegas.

    María Mariño no ronsel das escritoras galegas é un estudo feito por María Pilar García Negro que dá de beber ao colectivo. Somos moitas quen hai dezasete anos gozamos desta lectura e aprendemos un outro mirar que nos agasallaba moita paz no medio dunha celebración das Letras desacougante. Hoxe, na lectura de 2024, este estudo continúa a remoer as cabeciñas de quen le e iso si que é abraiante: 17 anos despois da súa escrita as reflexións case proféticas que aniñan nas súas páxinas son de plena actualidade. Toca, polo tanto, seguir sachando os camiños que antes abriron as compañeiras e que podemos tripar con seguridade e confiando nas nosas forzas grazas a elas.

García Negro, M. P., María Mariño no ronsel das escritoras galegas, Laiovento, 2007.



1En María Mariño no ronsel das escritoras galegas, páx. 10

2Páx. 15

3Páx 16-17

4Páx. 18

5 http://www.asega-critica.net/2024/03/sermos-o-reverso-por-susana-s-arins.html?q=joanna+Russ

7En María Mariño no ronsel das escritoras galegas, páx. 24

8Páx. 33

9Páx. 34

10Páx. 73

venres, 4 de outubro de 2024

Escolma mínima. María Mariño por Branca Novoneyra


                                            Uxío Novoneyra, Roberto Pose, Manuel María, María Mariño, 

                                            Saleta Goi, Pepín Varela Novo e Paco do Val no souto en Parada.

                                                    (fotografia achegada por Branca Novoneyra)


ESCOLMA MÍNIMA. MARÍA MARIÑO


María Mariño Carou escribiu durante a década final da súa vida (1957-1967) unha poesía en

lingua galega caracterizada pola fluencia da palabra popular, a lembranza da nenez e a

xuventude tecidas co mar, e a experiencia madura coa serra courelá tinguida co presentimento

continuo da morte.

A poeta viviu na casa escola de Parada do Courel entre os anos 1947 e 1967. No derradeiro

ano de vida a súa poesía acadou cumios expresivos de alta intensidade. Escollemos 6 poemas:

3 da súa primeira entrega poética Palabra no Tempo, 2 do libro póstumo Verba que comenza e

1 do ano 1966, escrito a catro mans con Uxío Novoneyra.


Somos un ou somos dous, ou tantos como en nos temos?, 1963, María Mariño, Palabra no

Tempo.

Sempre hai verba que non di e bon alalá que non zoa, 1963, María Mariño, Palabra no Tempo.

Pinga, pinga hoxe a chuvia. En min ten o seu reprexo, 1963, María Mariño, Palabra no Tempo.

Encéndeseme o peito, brua en alma soia, 1990, María Mariño, Verba que Comenza.

Linme hoxe toda por dentro, 1990, María Mariño, Verba que Comenza.

Era a migalla dun home o que facía andar o mar, 1966, María Mariño.

DÍA DE NEBRA / O COUREL, 1990, María Mariño e Uxío Novoneyra, A Trabe de ouro.


***


Somos un ou somos dous, ou tantos como en nos temos?

Cada un é o caber dun mundo que non sabemos

si somos ou si é o que ten e nós mecemos.


Sempre hai verba que non di e bon alalá que non zoa

Hai xiro longo en rabelo, mil medidas pra unha soia.


1


Pinga, pinga hoxe a chuvia. En min ten o seu reprexo.

O sol que o vai menguando olla ben o que eu non vexo.


2


Mares hai sin ondas neles e hai teitos sin niadas.

Eles teñen o que ven i outros teñen sin olladas.


Palabra no Tempo (Ediciones Celta, Lugo, 1963)


Encéndeseme o peito, brua en alma soia

̶ verba que comenza   ̶.

Ti que sabes de onde viñen

ti que sabes ben quen son,

ti que ves por onde ando.

Ouh, raxa o tempo ca tua hora, raxa as cousas!

Ti xa morta, viva ou non sei, ti...

Pro, quén eres ti?

Si non peneiras o farelo, si non daás

formento á masa,

si non coce xa o teu forno,

que pan sacara o teu grau ben do mundo?

Ti, hoxe miña,  ̶ sóio hoxe, mañán xa

non,

mañán serás nebra nubra como outra.

Hoxe dime,

dime das cousas, dime si o meu de ti alento

é alento ou bruma,

dime si respiro ou afogo,

dime daquela hora miña día noso   ̶ .

Ouh Natureza pequeniña e longa, hoxe

téñote na man, cinguida ós meus dedos de

terra,

puño xusto da miña forza,

soio latido.


Linme hoxe toda por dentro.

Linme!

Cómo me estáchegando!

Cómo me apaña!

Eu non sei,

non sei si me chega ou vou por ela.

Non o sei

Ouh, pra que me trouxeches si hoxe me levas?

Hoxe,

hoxe, día de todos en un.

Infindá do tempo. Hoxe!

Hoxe de quen todos somos na marea sin ondas,

sin velas,

sin barcos en coor vello.

Hoxe, de quén?

Hoxe: dirán uns.

Hoxe dirán outros mentras...

mentras reparan no que non hai.

En hoxe todos,

todos damos do fin o paso dél.


Meu amigo, onte!


Ti vas quedando,

quedas pregón que enmarca nas áas do tempo a voz

que ti mesmo diches sinxela e pulida, aquela

Ti quedas como queda o aire

entre as cousas que son

como queda a loita

como queda a terra,

como queda a Forza

aquela en que ti vas ata a derradeira

derradeira,

vas calado.

Calas mentras contas as presadas que de nós van

caendo,

vas na verba,

verba que rixe,

verba enteira que é.

Vas e dis anque calas e non cingues

xeito novo.

Pro sí:

de nós levas.


Verba que Comenza (Concello de Noia, 1990)


Era a migalla dun home o que facía andar o mar

Dáballe ás augas voo

voo que brincaba en ondas.


As pernas de argazo rubían as penas

recén paridas de cunchas

de vermello

e toxo limpo.


As mans peixe aparexado   ̶ facían parir as augas.


A cabeza oca sabía do seu.

Os ollos farola do primeiro barco que aprendeu a andar

eran quedos non espentenexaban

quedos e alumeados.

A boca non tiña dentes escondrixo sóio de lengua

que non falaba nin estaba queda.


Os brazos peladiños de oso movíanse como caracol sin casa.

O peito só era luz

luz que en raio decía:

Deus das augas embarrancou aquí!


Fuxín deixando todo naquel brilante.

Un ai! Levou conta del.


De lonxe vin rubir o mar ribía rubía hasta bicar o ceo.

A súa chegada os peixiños todos flotaban a flor de auga

e quedos agardaban o que eu

non sei


1966


DÍA DE NEBRA / O COUREL

Poema a dous


SOMBRA branca pecha de fíos celando ámeto

Marmurio que só de fora se escoita


A nebra hoxe raxoume que non sei de min

Perdín a rede da loita.


Anda tamén a terra a meter valeiro


Amén digo a todo o longo das cousas

que tran o tempo xordo que non di.

...


Reina a Terra nun xordomundo.

En canto lle veña a fala

Fuxiremos todos por non saber contestar.


Caiu pra outra beira e deu nél

Xa pode deixar os ollos niste intre


Despertei nun futuro que xa eu vivira.

Ó atopalo vivo

Morrín na noite que xa dormía dela faro feito.

26/XI/1966

María Mariño Carou/Uxío Novoneyra

luns, 9 de setembro de 2024

Barahúnda musica Tiven medo de vogar de María Mariño



Tiven medo de vogar,
tiven medo da auga crara.
Anque fora cuns bons remos
anque fora na mar calma,
non vogaba!, non vogaba!


O medo xa non sei del.
Xa secou aquel mar longo.
E sin saber donde veu,
si é doutro ou é meu,
navego nun mar de fondo.


 Mariño, M. , Palabra no tempo (1963)

sábado, 31 de agosto de 2024

Lagháchema canta a María Mariño

 


Lagháchema canta un fragmento dun poema de Palabra no Tempo, de María Mariño:

"Pica o canteiro a pedra,

a que onte foi tecida,

na erguida voz da poeta

para a verba da cantiga".

martes, 27 de agosto de 2024

Alejandra L. Rey conversa con María Mariño

 Diálogo con María Mariño

Inda vou na mesma meniña aquela que andaba na busca dun muro. O revelador da falsidade dun infinito inconcibíbel que non a deixaba acougar na seguridade, non de todo segura, do son do mar calmo a través dunha fiestra entreaberta na noite.

No profundo vexo o mesmo enredo de hoxe, que corre por ese mar vello cunha potencia atraente para as ondas que soio van. Devólveas ao ollar cauto das que non ousamos a inclinarnos cara dentro ata palpar o mar de fondo, por se despois nos deixamos levar polas que soio van, nunca retornan. Seica a seguridade duns bos remos unidos ás xemas por un débil remendo, non asegura ter o control da dirección. É o risco do desvío no transcurso dun camiño que avanza sobre un veo tecido con tino, ao mesmo ritmo que o do paseo pola ribeira. Pois, de quen nos fai mandadas fuximos e se afogamos na marcha, vogaremos forte pra prendermos a agulla nas redes das correntes mariñas, salvaxes e ancestrais do anonimato. Nesta nova paleta de cores dos adentros, descubrimos a tonalidade das ansiadas verbas ceibes.

Medrou a meniña, acaso alcanzaría o muro que buscaba levada polas augas calmas? Quen entenderá este mar vello?


Alejandra L. Rey

venres, 23 de agosto de 2024

Olaia Novo recita a María Mariño

Olaia Novo recita "Inda vou na meniña", do libro Palabra no tempo, de María Mariño:

Inda vou na meniña

aquela que fogueaba sin leito!

Son aquela!

Aquela que no bosco 

escuitaba o himno dela!

Son aquela mañanciña,

entre orballo das rosas,

entre area de sendeiros,

onde atopaba a campana.

Caladiña eu chamaba

en berros que hoxe esquezo,

cando o navío de lonxe

o meu mar cheo atracaba.

Son aquela!

Son aquela tarde queda

que no serán se chamaba

miña aurora sin coores

chea dun farto rebusco

que en un xordo a min chegaba.

Son aquela!

Son aquela pena nubra

que de mofo entrenzaba

a lonxe voz do poeta,

cando aínda non sabía

que era pra ela 

o que aquela voz narraba.

Son aquela!

Son aquela sempre soia

que paseaba a ribeira

a ver si nela atopaba,

a ver si nela afogaba.

Eu non sei,

eu non sei son sinceira.

Eu sentía un lonxe triste,

eu sentía nel ledicia,

en quería estar soia,

en quería compañía,

aquela que eu non sabía!

Hoxe o sol enxuga a néboa.

Os dous tecen amores.

Han de saber algo dela!

mércores, 21 de agosto de 2024

Quen me dera que a miña irmá me dese hoxe unha tunda, por Monica Bar Cendón

Quen me dera que a miña irmá me dese hoxe unha tunda*


Da fraga érguese un rumor

que semella o das praias da infancia,

dun lado, o estrondo das ondas de Panxón

doutro o doce  bisbeo das cadeluchas do Vao

Entre as rochas e os penedos,

Desde o meu Coruxo ao teu Courel, María,

de Panxón á Barbanza, quen me dera, 

que a miña irmá me dese hoxe unha tunda.


Na praia de Panxón 

deitadas miña nai e ti, irmá, 

cos bucles dourados

deusas das dunas

agachadas dunha bandada

de cabaleiros rendidos

aos vosos pés.


E andarán a soñar contigo 

Coma min, irmá, 

inaccesible á rabia, 

ao outono, á vida

tamén á min, a nena vai e vén co caldeiro

vai e vén refrescarlles o peito

tamén a min, miñoca mártir do estío.


Como narrar o teu feitizo irmá,

A lenda, chamábante así

de Coruxo ás Illas Cíes,

eu, coa pala, a facer castelos na area

por que ninguén me protexe a cabeza?

insolada nas dunas do Vao

quentura dos recordos.


Dáme a febre de verán 

Dáme unha tunda 

Polos areais orfos

Dáme a ironía, devólveme a lingua bufa 

que o teu sorriso, 

escintile entre os xuncos

alén Monteferro.


A marea dilúe as pegadas sen nome

Quen son eu? un humor da nada.

Onde quedarei sen vós

insípida narración de min, de nós

A cravar con saña a pala na area 

ata ver sangrar ao chan 

baixo os toxos, para volvermos á vida.


Candeleda, agosto de 2024



*En homenaxe a María Mariño Carou, a lombos da súa poesía, á que intentei aproximarme co título e algún retallo emotivo. 

Neste momento sombrío, uns versos elexíacos para a miña irmá Pilar. 


Nota:


Descubrín a obra de María Mariño, os poemarios Palabra no tempo e Verba que comenza, no ano 1997, cando as Feministas Independentes Galegas, FIGA, preparábamos o Encontro de poetas peninsulares e das illas, celebrado en Vigo en xuño de 1996. As actas do Encontro, xunto cuns artigos e unha antoloxía sobre María Mariño, completaron a edición da Festa da palabra silenciada número 13.

 

Sería o xermolo do volume de 2006, cando María Xosé Queizán nos propuxo dedicarlle, integramente, o monográfico nº 21 da Festa da palabra silenciada a María Mariño Carou.

 

Comprometínme coa escolma de poemas, agardando coñecer máis da autora a través dos artigos de escritoras máis acreditadas.


Axiña sorprendeume a súa maneira de versificar, de torpedear a sintaxe; non lera nada semellante ata o momento: unha vangardista a contratempo?  


María Xosé Queizán convocou para este monográfico, e diría máis, incitou ás persoas participantes para que, a través das súas investigacións e relecturas, esclarecesen quen era, en verdade, María Mariño, figura da que mesmo se cuestionaba a súa existencia como escritora. Que tanto había de patriarcalismo no seu halo de misterio, ou ao contrario, de inconsistencia da súa literatura. 


En definitiva, ese foi o propósito do monográfico da Festa, resolver estas cuestións ou, polo menos, dirixir unha ollada máis ampla e feminista á vida e obra desta poeta misteriosa.


Mónica Bar Cendón

martes, 20 de agosto de 2024

Ana Romaní fala de María Mariño



Ana Romaní fálanos sobre a súa descoberta de María Mariño e como nos anos 80, en Noia, xermolou e medrou un movemento para recuperar a súa figura.

A un tempo explícanos como ve ela a poesía da Nosa Señora das Letras e lenos o poema 28 de Verba que comeza:

Está caendo a folla i en min nace primaveira,

Quen entenderá este mar vello?

Como digo onte sendo hoxe?

Como farto a miña verba do nacer que xa pasou!

Como reino nas migallas onde medrei un bon día!

Como piso forte sendo branda?

Como digo si si o non está escoltando?

Quen entenderá este mar vello?

Medro, medro e non sei onde parar.

Presa xa e ceguiña no cume

lévame,

lévame ó chan a verba.


Queda hoxe o chan soio

muxindo a pegada do tempo.

Mesturadas terras peneiran, peneiran fariña,

fariña que non fai masa.

Rebélanse as ondas ós mares,

os ríos afogan a pradeira seca,

os camiños non se atopan.

Quen entenderá este mar vello?

É outono i en min nace primaveira.

Quen o entenderá?

venres, 16 de agosto de 2024

Gael musica Tiven medo de vogar de María Mariño




Tiven medo de vogar,
tiven medo da auga crara.
Anque fora cuns bons remos
anque fora na mar calma,
non vogaba!, non vogaba!

O medo xa non sei del.
Xa secou aquel mar longo.
E sin saber donde veu,
si é doutro ou é meu,
navego nun mar de fondo.


 Mariño, M. , Palabra no tempo (1994)

xoves, 15 de agosto de 2024

mércores, 14 de agosto de 2024

Coa voz a monte de María Mariño por Cintaadhesiva

Cintaadhesiva interpreta Suma total de María Mariño e achega unha espectacular proposta visual.



Son a suma total
daquel que foi medindo
a pegada aquela que non digo,
pegada que soia se puxo o seu nome.
Son resta da esperanza -diferencia quedou-.
Multiplicada xa nacín,
pra que dividirme agora?

San, enteira voume indo,
san, enteira vou quedando,
o paso xa me cederon,
inda que o camiño se vira,
vaise virando en duro,
as pegadas ben se ven
vense volcar nas penas,
liman os picos dos montes,
raxan a cume i o mar,
raxan as alturas todas,
raxan a néboa,
raxan o sol,
ráxanse todas nunha,
esta cínguese
vaise cinguindo.
Terra, alma dona!
Pegada que soia
se puxo o seu nome.

Mariño, M., Verba que comeza(1990)

Ela enfiou palabras de noso para crear, por Aurora Marco



Antes enfiara puntadas para facer vestidos e movera os palillos para facer encaixes, ao xeito dos de Camariñas, porque era unha creadora. Fíxoo naquela casa da rúa Cega do casco histórico de Noia onde naceu,  ou na da rúa do Comercio da mesma vila, en Escarabote, na localidade vasca de Berango –alí pasou un tempo na casa dunha irmá–, en Romeor e en Parada do Courel, onde residiu até a morte. Despois, ou en simultáneo, enliñou palabras porque era, como moitas compañeiras de oficio, gardadora e transmisora de fermosas palabras de noso. 

Cando María Mariño comezou a escribir –a finais da década de 1950, se non o fixo antes–, o horizonte de expectativas non era en absoluto favorábel para as mulleres e, de maneira especial, para as que escribían en lingua galega. Naquel ermo da posguerra perderan dereitos reivindicados e logrados durante a República e houbo un grande retroceso en todos os ámbitos, tamén no que di respecto ao desenvolvemento da actividade literaria. A  manifestación de que as mulleres precisaban soltar amarras, sobre todo as referidas ao espírito, que tan axeitadamente pronunciara na “Agrupación Republicana Femenina” da Coruña a escritora e pedagoga María Barbeito na conferencia La Mujer, antes, ahora y después (1934), era difícil de levar a termo porque a ditadura, coma un furacán, arrasara coas liberdades, e con todo. A censura estaba até no ar que se respiraba e non era doado desafiar os roles e espazos que a Sección Femenina lles asignara. Porque se trataba do “perigo rosa”, expresión machista utilizada pouco antes nun artigo sen asinante  –“Reflejos. El peligro de las mujeres” –, do xornal madrileño La Voz, cando se producira o acalorado debate do voto feminino en 1931: “El peligro rosa es con nosotros, y no es fácil hacer vaticinios”. 

Foi unha muller nacida moi perto de Noia –Áurea Lorenzo Abeijón (Beneso- Porto do Son, 1904-Buenos Aires, 1995)– a que rachou co silencio literario imposto polas circunstancias históricas coa publicación de Queixas (Buenos Aires, 1944). A sonense ten certas similitudes biográficas coa etapa inicial da Nosa Señora das Letras: nacera no seo dunha familia numerosa con escasos recursos económicos, recibiu unha instrución elemental na escola, coidou nenas e nenos en Portosín e aprendeu costura en Porto do Son. E cun fardel acugulado de soños e tristura emigrou a Arxentina aos 18 anos, adquiriu cultura, dedicouse á escrita e ensinou inglés, castelán e piano até idade moi avanzada nun colexio que montou na casa –tamén María montara un parvulario na estadía en Escarabote–. E coa sabedoría herdada da nai, teceu unha rede cos fíos da ausencia, do amor á terra, das lembranzas; coa lingua, o froito primeiro que agarimou na lonxanía, “a fala das cousas”, segundo poetizou.

Na década de 1950, tres mulleres, Pura Vázquez, Luz Pozo e Xohana Torres, deron á luz os poemarios Íntimas (1952), O paxaro na boca (1952), e Do sulco (1957) respectivamente. Tres voces femininas fundamentais no panorama da literatura galega de posguerra, que comezara a camiñar paseniño. Xohana Torres reivindicou a voz poética feminina nunha intervención no Círculo Mercantil compostelán no ciclo de conferencias organizadas polo grupo reunido arredor das Festas Minervais (Méndez Ferrín, Franco Grande, Xosé Manuel Beiras, entre outros, onde ela era a única muller). Era o 29 de marzo de 1957,  algo insólito naquela altura: “No movemento literario de hoxe non podía faltar a muller. A súa actividade está unida ao porvir histórico da terra…”. A seguir referiuse a Luz Pozo e a Pura Vázquez. 

Aínda que non foi fácil para as mulleres accederen á esfera do público porque tiñan que andar defendendo cos cóbados os seus espazos, María Mariño uniuse ao movemento literario do momento mais a súa traxectoria non estivo inzada de pétalas de rosa e a súa obra tivo os mesmos problemas de transmisión e visibilidade, e de recepción, que tiveron outras mulleres dedicadas á escrita. Aínda máis, dubidouse de que fose a autora dos libros que asinou:  “ondea a prevención de que a sombra dun dos máis grandes poetas galegos fora para ela sol vivificante”, en alusión a Novoneira, expresou o antólogo González Garcés. Até se pensou que “María Mariño” era un pseudónimo do escritor do Courel. Desde que publicou o seu primeiro libro houbo moitas sombras para a escritora noiesa, tamén algunhas luces. Vexamos:  

O poemario Palabra no tempo, publicado en outubro de 1963, levaba máis de dous anos escrito e a súa benvinda á República das Letras foi escasa. María seguiu sendo a descoñecida poeta que en 1965 tiña preparado un segundo libro de poemas e relatos curtos en castelán, Más allá del tiempo, ilocalizábel durante corenta e dous anos, que viu a luz en 2007 en Alvarellos editora, edición de Helena González. Verba que comenza, escrito antes da morte, foi publicado polo concello de Noia en 1990, vinte e tres anos despois, en fermosa edición ilustrada por Reimundo Patiño. Segue inédito Los años pobres. Memoria de guerra y posguerra. O percorrido da súa produción mantívoa abondo afastada do público lector. 

Segundo o testemuño dunha sobriña que viviu con ela certo tempo, Mariño escribía e lía todo o día, até na escaleira exterior da casa-escola de Parada do Courel. E quería que se coñecese a súa obra. Mais, con poucas excepcións, a imaxe que chegou de forma reiterativa desde que iniciou a súa andadura literaría até 2007,  presentábaa como unha iletrada, que tiña que ampliar as súas lecturas, que elaborara unha poética propia, extraña, allea a lecturas cultas… Escrito está. Canto á lingua, ficou escrito, por exemplo, que escribiu nunha lingua familiar e cómoda por inseguridade na utilización do código, debido á inexistencia dunha gramática específica.  Penso que a súa gramática levábaa dentro: alterou a sintaxe, buscou novas formas para se expresar, utilizou numerosos recursos, e fíxoo non para dinamitar a fala senón para innovala.  

Impresas ficaron asimesmo as alusións ao seu carácter, reproducidas unha e outra vez: solitaria, sufrida, reservada, fráxil e sensíbel, doente, deprimida, extraña e enigmática, rara… Ai, as rarezas das mulleres! "Muller de raros talentos", dicían de Mª Teresa Caamaño, música e notábel poeta do século XVIII, moi instruída en Física e Historia, que falaba tres idiomas. Sobre o aspecto físico, que tamén se salientou moito, sinalouse que Mariño era unha muller fermosa, cun porte elegante no vestir, no peiteado; era presumida, pintaba os ollos e botaba carmín nos labios… Escrito está. Todas estas descricións,  son innecesarias para a lectura dos poemas  –e contraditorias coas que a presentan como unha muller de carácter forte, falangueira e comunicativa, e lectora– porque o que interesa é ler, comentar, interpretar a súa obra e divulgar os seus contributos para que non fique só en círculos reducidos e/ou especializados. Como ficou.

A partir da década dos 80, e até chegar a 2007 –ano en que a RAG lle dedicou as Letras Galegas e houbo actos na súa honra, publicacións e achegas centradas na vida e obra– comezou a lembranza e reivindación da poeta a través de asociacións culturais como Catavento de Noia, máis tarde Barbantia, de homenaxes, números monográficos de revistas (Caravela de Xiada, Dorna, Alameda) ou case monográficos (Barbantia), Xornadas de Historia realizadas en Noia, o Premio de Poesía María Mariño,  promovido por Teenses pola Igualdade...  Após aquel 17 de maio, a meu ver,  volveu habitar os espazos do silencio. 

En todo o escrito desde 1963 –a bibliografía sobre ela é doada de localizar e consultar– houbo interesantes interpretacións da súa obra, como as de Manuel María e Méndez Ferrín na década dos 60, cando saíu Palabra no tempo. En 1990 e sobre todo en 2007 as achegas de Carmen Blanco e doutras escritoras, entre as que están Ana Romaní, María do Cebreiro Rábade Villar, María Xosé Queizán,  Helena González, por citar algunhas, mostráronnos outra imaxe máis cabal da poeta. A noiesa hai que achegala, tamén, á xente nova para descubriren, gozaren, recitaren ou pintaren os seus versos... Os que foi creando con teimosía, en silencio, non para competir senón para compartir. O tempo para ela non foi un inimigo senón un bo compañeiro da viaxe literaria. E a espera unha forma de reafirmación: 

Calma, amiga, calma que tamén eu 

espero.

No me empuxes.

No me mandes falar o que non dis.


A vila de Noia e Galiza enteira poden gabarse de ter entre a pléiade de escritoras a María Mariño Carou, poeta singular que se resiste a toda etiqueta, escola, grupo ou xerazón, postergada durante moito tempo; poeta de fondura filosófica, que expresa o sentir íntimo do ser humano e o tempo en estreita comuñón coa natureza. 

O nomeamento do colectivo de crítica literaria feminista A Sega como Nosa Señora das Letras 2024 é unha boa ocasión para desfrutar coa beleza dos seus poemas, para nos emocionar, para apreixar o espírito que latexa nas súas creacións. A beleza está onde pousamos os ollos e desde onde nos chega serenidade, alegría, reflexión, emoción, nostalxia, tristura ou desacougo, por que non? A cada unha, a cada un de nós, lectoras e lectores, corresponde atribuír significado aos seus poemas, como propón a teoría da recepción. 



NOTA: No texto inclúense dúas imaxes da Noia de María Mariño, un recorte de La Noche (16/3/1961), a placa da rúa Cega e o busto da escritora na Alameda do seu pobo, obra da escultora noiesa Soledad Penalta. 

Aurora Marco