Buscar neste blog

Amosando publicacións coa etiqueta begoña caamaño. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta begoña caamaño. Amosar todas as publicacións

venres, 29 de maio de 2026

Eli Ríos recomenda... Begoñísima de Andrea Nunes e Agustina Shuan


 Esta achega a historia de Begoña Caamaño non é unha biografía inzada de datos, non... É un texto cheo de moito querer e amizade e de vida. Nel abrollan como raíces rexas os elos das amigas, das mestras, das que acompañan. Así, sabemos, entre outras, de María Xosé Queizán, de Ana Romaní, Uxía Senlle e, tamén, dos colectivos e asociacións que erguen a voz contra as violencias.
As ilustracións de Agustina Shuan acompañan marabillosamente o texto de A. Nunes e as cores enchen de luminosidade cada páxina e deixan un sorriso pousado en quen le. Así que recomendadísima esta obra para quen queira achegarse ás reflexións de B. Caamaño e ás súas obras na voz das amigas.

venres, 15 de maio de 2026

Manifesto. Begoña Caamaño XIII Nosa Señora das Letras. 2026



                                   Das que miran cara atrás para mirar cara adiante

Mirar cara a atrás é desfacer o relato que os homes teceron sobre nosoutras e co que nos amortallan, é atopar novos significados, reconciliarnos coas nosas devanceiras, recoñecer as verdadeiras heroínas e protagonistas e sementar referentas. Isto supón desfacer o relato e é aí cando as mulleres que miramos cara a atrás podemos enxergar o noso arredor e o cara a adiante.

Na literatura dos homes, a figura dos clásicos (sempre en masculino branco occidental cisheterocentrado), actúa como un dedo acusador que indica o que non debe tocarse. Atreverse a relatar con outros ollos desanímase como transgresión contra o sagrado patriarcado. Toda aquela muller que mire cara a atrás será castigada.

Por iso, unha e outra vez, as autoras debemos facer fronte e fitar aos ollos os relatos creados nas diferentes culturas. Transgredir para chegar a outro lado. Desfacer os mitos dos heroes, as fazañas que se edificaron sobre os nosos corpos e mediante a nosa opresión.

Remexer o pasado para remanecer nun novo presente, nun futuro diferente. É esta unha tarefa ben complexa e hai a quen as meigas e as deusas tocan para que dese esforzo emerxa non só unha relectura, senón tamén unha voz singular e única.

Escritas que tecen devanceiras para converterse nas nosas fragas libertarias. Relatos que revisan conceptos da nación. Palabras que anovan a linguaxe ao fozar cunha pericia insólita nos lugares máis escolleitos do idioma. Novelas que refugan da superficialidade e buscan irmás cómplices nas súas profundidades.

Mares, fragas, tecidos, rebeldías, amizade, sororidade e comunidades de mulleres. 

Todo isto e máis construíu coa súa escrita e coa súa vida a nosa señora das letras 2026: Begoña Caamaño.

martes, 24 de febreiro de 2026

Eli Ríos recomenda O transgredir das ondas de Paula Carballeira

O transgredir das ondas é unha obra de teatro inzadiña de curiosidades e quereres como para prender sen remedio desde a primeira aparición, perdón, quero dicir mención á autora á que se lle dedica o Día das Letras Galegas 2026.

Entón, "movémonos ao compás dos latexos, do sangue que circula" (p.19) para acompañar este podcast en que interveñen persoas que compartiron tempo con Begoña Caamaño e descubrir, de novo, cun sorriso nos beizos, a "Bego, para as amigas, a do sorriso eterno, a da voz na radio, a da escrita necesaria, a da roupa lila, a insubmisa, a desobediente, a transgresora"(p.74).

Nesta historia "aínda que moito do que se vai contar aconteceu no pasado, todo é presente para quen confiamos no poder das palabras"(p.19). E ese presente, quizais, está por escribir nos escenarios de moitos centros educativos e ata pode que algunha presenza misteriosa se achegue para brincar coas luces e co son!

Carballeira, P. O transgredir das ondas, Galaxia(2026)

sábado, 24 de outubro de 2015

De Circes e Morganas

Begoña Caamaño

Por Lara Rozados

Hai case un ano que perdimos a Begoña Caamaño, amiga, veciña, escritora, xornalista, compañeira na loita feminista... Irmá. A palabra sororidade cargábase de significado coas redes que Begoña tecía. Despois de dous anos de loita incansable, malia conseguir coa súa forza incrible que crésemos nos milagres, a enfermidade levouna un 27 de outubro.

Begoña Caamaño encarnou os famosos versos de Bertolt Brecht no requiem de Lenin: “Quen son febles non loitan. Quen son fortes loitan unha hora. Quen son máis fortes loitan moitos anos. Quen son as máis fortes, loitan toda a súa vida. Esas son as imprescindibles”. Necesitamos moito a Begoña, loitadora imprescindible.

Ela, coma esa Penélope de Circe e o prazer do azul, tecía e destecía. Tecía fíos que nos unían nunha comunidade, nunha tribo que compartía cariño, liberdade e amor pola vida, no Barrio de San Pedro, na Rede Feminista, en tantos colectivos como se implicase, ela, activista inesgotable do día a día. Destecía, coa súa escrita, os relatos construídos desde a mirada patriarcal, as narrativas dos que sempre dominaron, para reconstruír a historia desde a perspectiva das silenciadas.

Esa voz forte e liberadora ecoa nas súas novelas, e desde A Sega quixemos recoller homenaxes de escritoras que, coma Begoña, lles desen a volta aos mitos, aos contos, ás formas de explicar o mundo que sempre nos foron narradas desde o androcentrismo. Para que sexan escoitadas as silenciadas, as esquecidas, as malditas, coma a súa Morgana en Esmelle, que presenta ao final da novela a súa historia, “contada por min mesma, coa miña voz. A única historia en que me vexo e en que me recoñezo”. Para racharmos cos mitos, e tecermos rede entre nós, como Circe e Penélope a intercambiaren cartas.

E velaquí esta carta colectiva, con prólogo de Encarna Otero. As palabras de Begoña Caamaño inspiráronnos poemas, ou lembráronnos poemas antigos que recuperamos, a María do Cebreiro, Andrea Nunes, Marta Dacosta, Enma Abella, Rosalía Fernández Rial, Eli Ríos, Ana Romaní, Lucía Novas Garrido, Helena Villar Janeiro, Carmen Blanco, Chus Pato, Sabela Rodríguez Reino, Susana Sánchez Arins, María N. Soutelo, e quen lles fala. Anxos Sumai achegounos “Donaizide e as mil e unha mulleres sen nome”; Raquel Miragaia, “Mouras”; María José Fernández López, “A herdeira da serpe”; Cris Pavón, “Acordar de bela”; Iolanda Aldrei, “Isolda dos beijos tristes”; Goretti Sanmartín Rei, “As cousas, a partir de agora, xa non serán o mesmo”; Mercedes Leobalde, “Musas”; e María Reimóndez trouxo para o galego “A filla do guerreiro”, de Zitkala Sá, “Escóitame, Sanjaya”, de Sashi Deshpande e “Whakātane”, de Ngahuia Te Awekotuku. Esta última autora maorí demostrou como esas redes que Begoña tecía chegaban a conectarnos a mulleres do mundo todo, e quixo vir a Galiza para coñecer o lugar e as amigas dela.

Por último, indicamos que De Circes e Morganas pode descargarse na páxina da Sega desde hoxe mesmo. E pechamos esta presentación co poema de Andrea Nunes Brións, lanzando así un fío desa rede con Nanjing, na China, onde ella vive e traballa.


VARIACIÓNS
1
Cando marchaches,
ficou un animal ferido no meu padal,
un animal en crequenas a se lamber as coxas da alma,
unha alma partida en anacos que morderán as bestas,
Bestas que fican a escuras procurando carne
por non tragar mais
a RAIBA.
2
Cando marchaches,
atopei aloumiños en cada letra do teu nome,
as mans abertas acariñando fazulas.
Foi pronunciarte
e chegaren as bruxas que viven no barrio de San Pedro.
Comeza o aquelarre:
Dafne sabía que a noite aínda daba para outro viño,
Atenea engataba con Medea,
              -ben sabemos como gosta dos seus cabelos-
mentres Aretusa cubríanos con barro a todas,
Circe e Penélope líanlle as súas epístolas a Medea.
A cantar alto mais unha vez Filomena
Hera, Eris e Afrodita recollían mazás para o banquete
mentres Atenea sorprendía cun aturuxo,
sorría Lilith mirando como ardían nas chamas
os odios de Eva e de todas as súas fillas.
Bailaba Cenis, brindaba Morgana,
e eu
dende lonxe,
ollei como te subías sorrindo, a túa vasoira, .
unha estela lilás apareceu de golpe,
fitando o teu voo, puiden descifrar as túas palabras:
“Somos malas, pero podemos ser peores”.
Para Bego, nosa valente.

martes, 4 de novembro de 2014

Homenaxe a Begoña Caamaño

Begoña Caamaño

A semana pasada tivemos que lamentar a perda dunha compañeira, amiga e escritora excepcional: Begoña Caamaño. No espírito do seu traballo vitalista, sabio e colectivo dende A Sega estamos organizando unha homenaxe. Se es feminista e escritora ponte en contacto con nós: assegadoras@gmail.com


luns, 29 de xullo de 2013

Obrigada, senhora, por me devolver Ítaca

Tear. Foto: Juantiagues

Por Susana Sánchez Aríns

Marco Denevi, autor argentino, escreveu um micro-relato de título Tradução feminina de Homero que nos faz chegar outra maneira de ver a história, o mito. Segundo ele, para Penélope, as aventuras de Ulises não são outra cousa que uma armadilha ao seu privado gozo amoroso.

Temos sorte as leitoras galegas de contar com a escrita de Begoña Caamaño, pois graças a ela podemos publicamente gozar duma grande tradução feminista de Homero. É tópica a expressão italiana traduttore traditore, porém, Circe ou o prazer do azul faz-nos ver que no caso de muitas personagens femininas a traição estava, provavelmente, na escrita original.

A traição de construir um imaginário cultural e mítico (chegado até os nossos dias) no que a única maneira de trunfar uma mulher é através da renúncia a ser ela, como faz Ateneia. A traição de construir uma história na que o lugar reservado á mulher é a da custódia da honra ou a de ser moeda de cámbio e engano em negócios familiares e políticos.

Begoña Caamaño constrói um romance no que dá voz a mulheres acaladas na mitologia: a bruxa e a fiel esposa, dous dos arquétipos femíneos próprios da tradição literária patriarcal, estabelecem um diálogo no que se conhecem e aprendem uma da outra, uma na outra, as armas que usa o poder hegemónico para mantê-las ocultas e em silêncio. Só desse aprendizado em comum pode nascer, e nasce, a liberdade.

Circe e Penélope, que seguindo o pensamento que ainda hojendia rexe a sociedade, deveram ser inimigas mortais a competir polo amor do mesmo homem, compartem as suas cuitas, queixas e protestos e conseguem, uma com a ajuda da outra, dominar a arte de velas e ventos, navegar.

Como n'A Cidade das Mulheres de Cristina de Pizán, Circe e Penélope tecem juntas um cobertor que recolhe todo um manado de deusas, ninfas e mulheres às que os seus amos só lhes deixárom o caminho da morte ou a loucura se quisseram libertar-se. E esse cobertor feito a meias será o que dê quentura e força a Penélope para decidir o seu destino.

Muitos são os pormenores que devem ser atendidos no romance de Caamaño, cheio de referências e intertextualidades que fam dele um autêntico manual de sororidade: a alcova de Penélope transformada, por arte de Virginia Woolf, num quarto de seu; Laertes como o louco do faio que não está assim tão maluco; a transformação, a nível textual, dum texto epopeico, canto do herói, num intercámbio íntimo de correspondência; a ilha de Ea, paraíso adánico para todas as lilith que no mundo sofrem; a reflexão sobre a educação das crianças, feitas inimigo interior, como cavalo troiano adentro das portas da cidade; o juíço a Ateneia como remedo do juíço de Paris; a conxura linguística contra o epíteto épico, substituído por uma cornucópia de adjectivos afectivos, por um léxico trabalhado com inteligência e sensibilidade; e essa Penélope, uma Penélope imensa que o último que deseja, em contra da tra(d)ição imposta, é a volta do amo(r) -porque não há, no mundo em que vive, amo(r) que não tiranize.
Finalmente, esses versos de Xohana Torres, aos que Circe ou o pracer do azul é acabada resposta:

existe a maxia e pode ser de todos.
A que tanto novelo e tanta historia?

EU TAMÉN NAVEGAR.

Begoña Caamaño: Circe ou o pracer do azul. Editorial Galaxia, Vigo 2009.