Buscar neste blog

Amosando publicacións coa etiqueta segadoras. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta segadoras. Amosar todas as publicacións

venres, 15 de maio de 2026

Manifesto. Begoña Caamaño XIII Nosa Señora das Letras. 2026



                                   Das que miran cara atrás para mirar cara adiante

Mirar cara a atrás é desfacer o relato que os homes teceron sobre nosoutras e co que nos amortallan, é atopar novos significados, reconciliarnos coas nosas devanceiras, recoñecer as verdadeiras heroínas e protagonistas e sementar referentas. Isto supón desfacer o relato e é aí cando as mulleres que miramos cara a atrás podemos enxergar o noso arredor e o cara a adiante.

Na literatura dos homes, a figura dos clásicos (sempre en masculino branco occidental cisheterocentrado), actúa como un dedo acusador que indica o que non debe tocarse. Atreverse a relatar con outros ollos desanímase como transgresión contra o sagrado patriarcado. Toda aquela muller que mire cara a atrás será castigada.

Por iso, unha e outra vez, as autoras debemos facer fronte e fitar aos ollos os relatos creados nas diferentes culturas. Transgredir para chegar a outro lado. Desfacer os mitos dos heroes, as fazañas que se edificaron sobre os nosos corpos e mediante a nosa opresión.

Remexer o pasado para remanecer nun novo presente, nun futuro diferente. É esta unha tarefa ben complexa e hai a quen as meigas e as deusas tocan para que dese esforzo emerxa non só unha relectura, senón tamén unha voz singular e única.

Escritas que tecen devanceiras para converterse nas nosas fragas libertarias. Relatos que revisan conceptos da nación. Palabras que anovan a linguaxe ao fozar cunha pericia insólita nos lugares máis escolleitos do idioma. Novelas que refugan da superficialidade e buscan irmás cómplices nas súas profundidades.

Mares, fragas, tecidos, rebeldías, amizade, sororidade e comunidades de mulleres. 

Todo isto e máis construíu coa súa escrita e coa súa vida a nosa señora das letras 2026: Begoña Caamaño.

martes, 5 de maio de 2026

XIII Día das Galegas nas Letras. Quen será a Nosa Señora das Letras 2026?



Serás quen de adivinar quen é a Nosa XIII Señora das Letras?

PISTA 1: por Beatriz Maceda



PISTA 2: por María Reimóndez



PISTA 3: por Eli Ríos



PISTA 4: por Susana S. Aríns




PISTA 5: por Andrea Barreira




PISTA 6: por Nuria Vil




PISTA 7: por Antía Marante






 

xoves, 11 de abril de 2024

As alumnas de Paula Carballeira por Mónica Cores

Crieime escoitando as historias sobre a escola de meus pais durante o franquismo. Unha escola chea de medo, de golpes con varas por falar galego, de leite en po e de servidume absoluta. Miña nai sempre conta o caso dunha compañeira de clase que era obrigada a traer cada día unha vara de vimbio coa que sabía que a mestra, Dona algo, lle ía pegar por non saber ler ben.


En “As alumnas”, ese mundo narrado na casa, cobrou máis vida e devorei esas case cen páxinas coma quen busca nun álbum de fotos familiar en branco e negro o seu pasado.

Elvira e Rosa, amigas dende a infancia, foron alumnas da pedagoga Maria Barbeito e foi tal a súa influencia que ambas decidiron ser mestras buscando seguir o seu exemplo. Ás veces, as que nos dedicamos ao ensino soñamos, non digo que non haxa algo pretencioso en iso, en poder ofrecer ilusión e formación a partes iguais. Mais, que ocorre con Elvira e Rosa? Que ven a guerra e logo a ditadura e, o ensino xa non é libre se non unha especie de cárcere onde se busca que ninguén saia do camiño marcado polos que mandan.

Rosa, ou Paula Carballeira, fala da liberdade como aquilo que “entendemos mellor o que é cando nos falta”. E a estas dúas mestras fáltalles. As dúas son a cara dunha moeda. Elvira, cedendo ás presións impostas, deixando o ensino e aguantando un matrimonio polo que dirán. Rosa, rebelde, castigada continuamente pola súa maneira de ensinar, ao borde da fame e da soidade. Nesa moeda as dúas nunca se miran pero comparten espazo.

Rosa e Elvira reencóntranse tras anos sen verse no enterro de Maria Barbeito e nese encontro van facendo memoria e abrindo debate. O libro é unha homenaxe absoluta a esta pedagoga culta e liberal que introduciu na ensinanza galega métodos como os de Montessori ou Decroly buscando unha transmisión de coñeementos viva. Co auxe do franquismo, Barbeito foi destituída do seu cargo e posteriormente forzada á xubilación con acusacións como formar unha biblioteca escolar con autores pouco recomendables, ser partidaria da coeducación ou descoidar a educación moral das nenas.

Outros temas de interese na obra son o tratamento ás mulleres e ao galego. Na ditadura, existían manuais de como ser boas esposas, xa non mulleres, esposas. Esposas que soubesen bordar, cociñar e criar aos fillos e fillas mentres poñían boa cara. Onde ían a a parar os soños e as ansias desas futuras esposas? Con respecto ao galego, máis do mesmo, oprimilo e rexeitalo buscando non só acabar coas ansias de soñar se non coa arma para expresar eses soños. Acabar co propio.

Paula Carballeira é para min das mellores narradoras orais do mundo e, esta peza de teatro destila iso. Contar algo importante e facelo dunha maneira única, que chega ao corazón. De aí, os premios que esta gran historia vai acumulando, Premio Nacional de Literatura Dramática, Premio Follas Novas á mellor obra de teatro 2023 e Premio Luisa Villalta a proxectos pola Igualdade.

“Rosa: Todo o que non é normal trae mala sorte. Que é normal?

Elvira: O que segue a norma.

Rosa: E quen marca as normas?

Elvira: Nós non.

Rosa: Non. Nós non”


Carballeira, P., As alumnas, Galaxia, 2022

domingo, 31 de marzo de 2024

Sermos o reverso, por Susana S. Aríns


Entrei em Reverso. Testimonios de mujeres bertsolaris, após ler a obra de ficção1 de Uxue Alberdi (aquela à que temos acesso em galego ou castelhano). O meu interesse primeiro era continuar a ler obras da autora. Um segundo, conhecer um pouco melhor o mundo do bertsolarismo, que me deixara fascinada o dia que visionei a peça com que Maialen Lujanbio ganhou o campionato de Euskal Herria em 2017. Um pavilhão ateigado com milheiros de pessoas para atender aos cantos improvisados por poetas. Fascínio. 

E por trás do fascínio, a realidade. 

O fascínio da excepção, porque não é o bertsolarismo, como tantos outros, lugar para mulheres. 

Neste ensaio, Premio Euskadi em 2020, a autora entrevista a quinze bertsolaras e analiza os seus testemunhos na procura de um padrão de condutas e violências contra as mulheres nesse espaço cultural. E como nesses romances mundo em que a escola, o hospital, a ilha deserta, não deixam de ser uma metáfora da sociedade da que fazem parte, assim as leitoras que não somos euskaldunas nem bertsolaris mas poetas galegas reparamos nas equivalências entre umas violências e outras. 

Com um grande fundo teórico feminista, a autora escolhe como guia na análise a uma amiga comum, que n’A Sega adoramos: Joanna Russ e o seu Cómo acabar con la escritura de las mujeres. Neste ensaio de 1983 Joanna Russ faz um percorrido pola literatura canônica em língua inglesa para marcar uma série de padrões de comportamento sistémico que limitam, reduzem e mesmo eliminam a participação das mulheres. Quando lemos Joanna Russ desejamos que alguém parasse a fazer essa análise no sistema literário galego. Uxue Alberdi fez o que nosoutras não. Ademais de desejar, tomou a iniciativa. 

O primeiro, não poder fugir do corpo. Somos corpos antes que nada e é o nosso corpo que sobe ao cenário e se expõe ao público que vê, define e julga. Com independência da sua identidade, as bertsolaris sempre serão mulheres e isso já as coloca na excepção, no estranho, na outridade. Se são femininas de mais ou de menos, se mostram decote ou o ocultam, se têm voz aguda ou grave, se cantam temas públicos ou privados, se fazem brincadeira ou são sensíveis: todo leva a marca mulher que denigra, reduz, limita ou, ao invês, que eleva porque “não parecem mulheres”.

E antes que o primeiro, a negação da gineologia. Surpreendia-me a mim que o bertsolarismo, vindo da tradição oral, estivesse em mãos masculinas, quando nas nossas outras literaturas foi o campo aonde foram expulsas ou relegadas as vozes femininas e, em consequência, despreçada (a tradição oral) como cultura menor. Porém, o bertsolarismo toma força no século XX, como representação da essência cultural euskaduna, gozando portanto, de grande poder simbólico. E não, não pode aver aí mulheres. E passamos a acreditar que nunca houve. Quando sim. Como a Aña Deabrua que desapareceu da cena uma vez que esta se instalou em teatros e licéus.

A obra avança en capítulos onde a ensaísta enuncia o padrão de violência (voz defetuosa, falsas categorizações, autoexigência destrutiva, hipersexualização e descorporeização, infantilização, paternalismo, fenda salarial, competência…) e a continuação coloca os testemunhos das bertsolaris oferecendo exemplos, vivências próprias conforme esse padrão. Combina, assim, teoria e experiência pessoal. 

A autora percorre primeiro as microviolências (lembremos, micro- não por pequenas mas por baixa intensidade) para passar a tratar as violências sexuais, que havê-las, hai-nas, onde não. 

Como leitora, o impacto mais grande dos testemunhos é conhecer os processos de emancipação das artistas. Várias delas descrevem a sua cega travessía até identificar, graças ao feminismo, as violências às que eram submetidas. Alguma mesmo abre os olhos no processo das entrevistas, chegando a verbalizar por vez primeira momentos bem duros da sua actividade bertsolarista. 

E como não, a proposta de construção. As iniciativas feministas para oferecer espaços, para criar rede, como a festa Ez da kasualitatea, onde só cantam mulheres. 

Porque não somos reverso do verso, mas verso livre. 


Uxue Alberdi: 
Reverso. Testimonios de mujeres bertsolaris. 

Tradução de Miren Iriarte. Reikiavik ediciones, 2021.

1Aqui a primeira dúbida: que recensiono? Porque todas as obras dela me tocaram: querer que existam as pitxinas de La trastienda, acompanhar a peregrinatio da jenisjoplin, desejar que não acabe nunca o jogo das cadeiras. Lede-lhe todo, sim. 

domingo, 24 de setembro de 2023

Hoxe presentamos a...



Son Montse Paz e nacín en Redondela en 1962. Debo meu nome ao feito de que meu pai traballara daquela nun barco da Trasatlántica chamado Montserrat. Trasladámonos a vivir a Vigo cando eu tiña 8 anos e dende entón vivín case sempre aquí.


Estudei Filoloxía inglesa en Santiago de Compostela e ao rematar aprobei as oposicións de secundaria. 

Vivín en Panxón e traballei nas Escolas Proval. Tiven o meu primeiro destino definitivo en Bande (Ourense) e alí descubrín un país diferente ao que eu coñecía. Aprendín moito profesional e persoalmente e fun moi feliz. Despois desa etapa volvín a Nigrán e logo ao Instituto Politécnico de Vigo onde adquirín a condición de catedrática e formei parte do primeiro equipo directivo dun centro de 160 docentes no que a Xefatura de Estudos e a dirección eran asumidas por mulleres. Alí pasei a maior parte da miña vida profesional como docente até o pasado mes de xullo.

Durante uns poucos anos compaxinei a docencia con algúns traballos de tradución do inglés para o galego.


Dende os trece anos adoito visitar a miña familia inglesa en North Yorkshire, o que espertou o meu interese pola cultura e vida das illas.


Gústame moito viaxar, ler, calcetar e o fútbol (na ledicia son celeste, celtista no padecer)


Teño unha filla que é xornalista e na actualidade vivo en Vigo co meu compañeiro con que comparto tamén lecturas e días de fútbol.


Son feminista. Formei parte da comisión promotora da 1ª Iniciativa Lexislativa Popular presentado no parlamento galego a prol da unidade baixo o lema “Nós Mesmas” no ano 1989.


luns, 4 de setembro de 2023

Hoxe presentamos a...

 Comeza setembro e con el temos segadora nova! 



Son Mónica Cores Vázquez e nacín na aldea de Santa Cruz de Montaos, en Ordes (A Coruña), no ano 1983. No meu lugar só había dúas casas rodeadas de árbores e natureza e as miñas compañeiras chamábanme “Mónica a do monte”. Vivín a movida ordense no seu apoxeo e desfrutei das sobremesas a base de queiques. 

Dende nena, o que máis fago (non significa que o mellor) é falar e reivindicar. Ás veces escribín poesía. Estudei maxisterio, licencieime en Psicopedagoxía e actualmente traballo de mestra de Pedagoxía Terapéutica no ensino público. Convivo cunha gata.

Son unha apaixonada da literatura e do galego e creei o proxecto “Libros e outros contos” onde, con outras compañeiras, facemos clubs de lectura, retos lectores, recensións, videos, etc. Feminista convencida, aquilo que non se nomea, o das marxes, é o que a min me soe interesar.

Podedes atoparme no facebook: “Libros e outros contos”, no Instagram e no twitter (X) : @libroscontos”


luns, 25 de febreiro de 2013

Manifesto d'A Sega

Co sombreiro ancho e un foucín na man, estamos dispostas. É tempo xa de sega, de apañar o que outras sementaron, facer as gavelas, debullar o gran e facer algo útil da palla. É hora de que o oficio adquirido cos sólidos vimbios do estudo e da análise crítica saia a que lle dea o sol na cara.



A Sega nace do exercicio de observar un panorama da crítica caracterizado polos silencios das voces das expertas, por lecturas sen explicitación da posición, pola falla de análise crítica dos textos das autoras. O tempo é chegado de okupar con enerxía o espazo público para que as lecturas críticas adopten voces ás que non se lles deu ata o momento nin visibilidade nin autoridade. 

Na sega as nosas voces individuais póñense ao servizo do colectivo nun cantar da sega que se caracteriza polo exercicio reflexivo e responsable dunha lectura que poida orientar á comunidade que le. Amosaremos de forma clara os calos das nosas mans, a bagaxe compartida do coñecemento feminista e subalterno para abrir un espazo onde a autoridade se derive do coñecemento e onde a crítica se entenda como un exercicio responsable de intervención no espazo público, de visibilización da escrita e de pertenza gozosa á comunidade lectora galega. 

O noso foucín pasará áxil polos libros sen facer distinción de xéneros, épocas, estándares ou novidade, mais cun afán claramente visibilizador de textos que se impulsan ás marxes ben co silencio ou ben con lecturas nesgadas e cargadas de bagaxes patriarcais. O noso foucín tentará poñernos en conexión co mundo, amosando tamén lecturas de textos doutras linguas non hexemónicas grazas a unha rede ampla de colaboradoras doutras latitudes. 

Coas mangas refucidas, as segadoras tenderemos as nosas mans primeiro cara á nosa propia cuadrilla, na que todas somos maioralas e como tales avaliaremos calquera crítica que queira publicarse neste o noso campo por un proceso de revisión entre pares que asegure a calidade dos monllos que arrexuntamos. Coas mangas refucidas, faremos a forza necesaria para que de entre as nosas segadoras se singularicen proxectos individuais que estean presentes na rede e nos medios de comunicación en pé de igualdade merecida con outras voces que ocupan ata o de agora de forma exclusiva eses espazos de autoridade e remuneración. 

No medio do labor, pararemos só para facer a comida da sega, para analizar tamén as bases que nos alimentan, os discursos críticos que manexamos. Daremos así a ver as nosas ferramentas e compartirémolas con quen teña a ben aprender da nosa destreza segadora. 

As segadoras estamos listas. Co sombreiro ben calado. Co foucín na man. Cun sorriso na faciana. Porque quen sega tamén sementa o pobo no que quere vivir. 

-------------------------------------


Co sombreiro amplo e um foucinho na mão, estamos dispostas. É tempo já de sega, de apanhar o que outras sementaram, fazer as gavelas, debulhar o grão e fazer algo útil da palha. É hora de que o ofício adquirido com as sólidas vimes do estudo e da análise crítica saia a que lhe dê o sol na face. 

A sega nasce do exercício de observar um panorama da crítica marcado polos silêncios das vozes das expertas, por leituras sem explicitação da posição, pola falta de análise crítica dos textos das autoras. O tempo é chegado de okupar con energia o espaço público para que as leituras críticas adoptem vozes às que não se lhes deu até o momento nem visibilidade nem autoridade.

Na sega as nossas vozes individuais pôem-se ao serviço do coletivo num cantar da sega que se caracteriza polo exercício reflexivo e responsável de uma leitura que poda orientar à comunidade que lê. Mostraremos de forma clara os calos das nossas mãos, a bagagem compartida do conhecimento feminista e subalterno para abrir un espaço onde a autoridade seja derivada do conhecimento e onde a crítica seja percebida como uma prática responsável de intervenção no espaço público, de visibilizaçaõ da escrita e de pertença gozosa à comunidade leitora galega.

A nossa foucinha passará ágil polos livros sem fazer distinção de gêneros, épocas, padrões ou novidades, mas com uma vontade claramente visibilizadora de textos que são impulsados às margens bem com o silêncio ou bem con leituras nesgadas e carregadas de bagagens patriarcais. O nosso foucinho tenciona pôr-nos em conexão com o mundo, mostrando também leituras de textos doutras línguas não hegemônicas graças a uma rede ampla de colaboradoras doutras latitudes. 

Com as mangas arregaçadas, as segadoras tenderemos as nossas mãos primeiro face a nossa própria quadrilha, na que todas somos maioralas, e como tais avaliaremos qualquer crítica que queira publicar-se neste nosso campo, por um processo de revisão entre pares que asegure a qualidade dos monlhos que arrejuntamos. 

Com as mangas arregaçadas, faremos a força necessária para que de entre as nossas segadoras sejam singularizados projetos individuais que estejam presentes na rede e nos meios de comunicação em pé de igualdade merecida com outras vozes que até agora ocupam de forma exclusiva esses espaços de autoridade e remuneração.

No meio do labor, pararemos só para fazermos a comida da sega, para analisar também as bases que nos alimentam, os discursos críticos com que operamos. Daremos assim a ver as nossas ferramentas e comparti-las-emos com quem tenha a bem aprender da nossa destreza segadora.

As segadoras estamos prontas. Com o sombreiro bem calado. Com a foucinha na mão. Com um sorriso na faciana. Porque quem sega também sementa o povo no que quer viver.