Buscar neste blog

Amosando publicacións coa etiqueta manifesto. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta manifesto. Amosar todas as publicacións

venres, 15 de maio de 2026

Manifesto. Begoña Caamaño XIII Nosa Señora das Letras. 2026



                                   Das que miran cara atrás para mirar cara adiante

Mirar cara a atrás é desfacer o relato que os homes teceron sobre nosoutras e co que nos amortallan, é atopar novos significados, reconciliarnos coas nosas devanceiras, recoñecer as verdadeiras heroínas e protagonistas e sementar referentas. Isto supón desfacer o relato e é aí cando as mulleres que miramos cara a atrás podemos enxergar o noso arredor e o cara a adiante.

Na literatura dos homes, a figura dos clásicos (sempre en masculino branco occidental cisheterocentrado), actúa como un dedo acusador que indica o que non debe tocarse. Atreverse a relatar con outros ollos desanímase como transgresión contra o sagrado patriarcado. Toda aquela muller que mire cara a atrás será castigada.

Por iso, unha e outra vez, as autoras debemos facer fronte e fitar aos ollos os relatos creados nas diferentes culturas. Transgredir para chegar a outro lado. Desfacer os mitos dos heroes, as fazañas que se edificaron sobre os nosos corpos e mediante a nosa opresión.

Remexer o pasado para remanecer nun novo presente, nun futuro diferente. É esta unha tarefa ben complexa e hai a quen as meigas e as deusas tocan para que dese esforzo emerxa non só unha relectura, senón tamén unha voz singular e única.

Escritas que tecen devanceiras para converterse nas nosas fragas libertarias. Relatos que revisan conceptos da nación. Palabras que anovan a linguaxe ao fozar cunha pericia insólita nos lugares máis escolleitos do idioma. Novelas que refugan da superficialidade e buscan irmás cómplices nas súas profundidades.

Mares, fragas, tecidos, rebeldías, amizade, sororidade e comunidades de mulleres. 

Todo isto e máis construíu coa súa escrita e coa súa vida a nosa señora das letras 2026: Begoña Caamaño.

mércores, 3 de abril de 2024

Manifesto. María Mariño a Nosa XI Señora das Letras

Había que chegar pra ser.


Porque navegamos contigo as marxes. Cruzamos uces e toxos, cruzamos o mar desde o fondo, pincheiras e cumes cruzamos.

Porque nos lemos por dentro, porque por dentro te lemos, porque contigo queremos estar no torreiro da festa, bailarmos coas palabras quebradas sempre novas 

para un tempo que vén de lonxe e mocea cada día.

Desde a Ponte de Sampaio, polas ondas da Marola, á noite caurelá moitos camiños para andarmos.

Porque non queremos a túa imaxe calada no altar de quen xa foi, e só flor dun día, esquecida nun andel, nun libro grande fechada. 

Porque non queremos o teu nome a pé de páxina, mellor as súas letras ciscadas polo chan a caer no fundo máis fundo do mundo dos buracos para de alí retornar co seu cantar e darlle luz a tea do teu tear.

Porque non queremos o mundo que a ti te envolve baixo lousa de alentos gardados, querémoste viva, para dinamitarmos contigo a historia que a ti te olvida.

Por ese algo de ti que sempre alenta en forza viva.

Pola pegada aquela que nosoutras tampouco dicimos

mais sabemos.

Por moita folla que caia e haberá de seguir caendo sempre haberá primavera, un novo longo que sempre de ti agroma, navegadora dun mar de fondo, contra todo.

Pingoada somos, coma ti, queremos celebrar todas as palabras que tronzadas, reviradas coma nós, dunha reviravolta veñen. Vivas están e vivas querémolas!



Sabemos coma ti, 

Sempre hai verba que non di e bon alalá que non zoa.

E somos contigo segadoras de palabras, Nosa Señora na festa, 

pola luz aquela que encendiches e non se apaga,

Por ti, celebramos, desde o papel trillado e o arrecendo da chambra da túa nai, 

a palabra no tempo, a verba que comeza,

Por ti, Nosa Señora das Letras, pra ser, pra sermos,

MARÍA MARIÑO.



luns, 24 de febreiro de 2020

VII Día das Galegas nas Letras. INMA ANTÓNIO



 MANIFESTO. A palabra no escenario 

Houbo e hai unha grande xenerosidade para nos levar á escena. Resistirmos, porfiarmos, construírmos sobre ruínas. Si. Mais non nos gusta asentar a vida no resistir, cómpre ir máis alá. Porfiarmos era/é preciso. Construírmos sobre a ruína, construírmos a ruína. Así foi e así é para vivificarmos palabra. Para vivificarmos o xesto: a rebeldía. Para vivirmos.



Houbo e hai unha grande xenerosidade para dignificar a escena. Ela escribe. Desde a soidade do seu espazo, chanta no papel persoas de onte, de hoxe e de mañá: a humanidade que habita en cada ser. Pénsalles a voz, os movementos, os desacougos, as alegrías. Nacen espidas e ela ponlles roupa. Nácenlle no país das súas palabras, no seu laboratorio, cuarto propio íntimo. Nácenlle das palabras que dela nacen. Algunhas véñenlle herdadas, outras de cárceres de esquenzo. Ela escribe e no seu corpo estoupan choros e gargalladas e flúe a tranquilidade necesaria, para ese pouso de serenidade. Todo o que lle importa vai entrar no papel. Amazona, cabalga e sabe da brida necesaria para dirixir e dominar os cabalos: a apocalipse. Sabe da fame e do alimento do texto.

Houbo e hai unha grande xenerosidade para revirar a escena. Ela é actriz. Métese nas palabras e nos seus silencios, pénsaas, devóraas, expúlsaas. Habita en cada unha e alentan no xesto: a rebeldía. Dálle vida ás palabras coa voz, co silencio, co corpo, co movemento. Hai tantos mundos no seu interior e ela desfacéndose dela, espíndose, habita todos eses mundos. Non é maxia. É traballo digno. Traballo en escena. Traballo, o seu que nos pertence, é para nosoutras. Para todas nós. Temos dereito ao seu traballo. Ela ten dereito ao seu traballo.

Houbo unha gran necesidade para vestir a escena. Ela deseña o escenario. O mundo que acolle as palabras que xa son grandes e abandonan a casa do texto. Traza no papel o vestiario. Píntao para ser cosido.

Ela é Dramaturga.

Resistiu. Porfiou/porfía. Constrúe. Ela fixo a pregunta: Que hai aí?

Nesa pregunta que o teatro propón habita a humanidade. Habita a rebeldía.

Que hai aí?

INMA ANTÓNIO.

sábado, 23 de febreiro de 2019

Manifesto Nosa Señora das Letras 2019




 Escachar a palabra

Apoiada no espello, unha treboada. Ninguén é capaz de contela, nin sequera o texto. O universo enteiro ábrese no seu puño contido. Desafíanos e desacóuganos porque sabe que as imaxes que nos contaron non son certas.

Ela, a treboada apoiada no permanente espello, pariu o fillo do que ninguén nos falara. Fíxose corpo. Deunos voz. Perseguiunos coa súa forza, intemperiadas, ata un infinito que chegou demasiado axiña. Arrasou os marcos, desbotou as imaxes para quedar coas palabras.

E a palabra permanece. Permanecen os seus anacos que non buscan recompoñernos, senón escacharnos por dentro. Transgredir e transcender. Cada palabra escrita co sangue da vida. Na poesía, na tradución, na edición. Abrindo dun lado e doutro un cento de espellos nunha imaxe súa que quixeron presentarnos solitaria, mais que agora é nosa para multiplicala, porque nela nos recoñecemos.
Non é tempo de pararse a mirar. Nun mundo do que sempre se sentiu parte activa, dende o coidado e a ollada atenta, sensible á imaxe que fixeron dela, rebelde contra a estampa sexualizada do gusto de señores que dan títulos de poeta nova, ela fendeu o espello, desbotou as estampas, construíu a diario. Retorceu as palabras, escachounas. E no seu xesto inconmensurable aliméntanos cos anacos para converternos nós tamén en escachadoras, para espallar a súa rebeldía e talento incomparable, como espallamos a partir de hoxe o seu nome que tamén é noso: Xela Arias.