A Nosa Señora das Letras, dramaturga valente, atreveuse a contestar o noso Questionário Fou(cinha).
Buscar neste blog
Amosando publicacións coa etiqueta Questionário fou(cinha) b>. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Questionário fou(cinha) b>. Amosar todas as publicacións
sábado, 15 de agosto de 2020
luns, 26 de setembro de 2016
Questionário fou(cinha): María Lado
![]() |
| María Lado. Imaxe: Santos-Díez |
1. Con que frecuencia/cantas veces che fixeron un
cuestionario con preguntas machistas, estúpidas e inapropiadas como por
exemplo: con que famoso compartirías toalla, que vicios non soportas da túa
parella e cousas semellantes?
Pois teño que recoñecer que esas tres preguntas
absurdas non mas fixeron nunca, cousa que lamento, porque sería unha boa
oportunidade para dar as respostas que verdadeiramente merecen esas parvadas.
2. Cantas veces te chamaron "rapaza" nun
contexto literario profesional?(valen sinónimos: moza, chica, rapariga, nena,
nenita...)
Rapaza chamáronmo unhas cantas, especialmente cando era rapaza
(cando comecei con 17 anos). Co paso do tempo menos, pero aínda agora mo chaman
algunha vez. Depende do contexto non o vexo mal nin me senta mal.
3.
Cando foi a última vez que viches unha comedia romántica e quixeches matar
alguén xusto despois?
Debeu ser na década dos 90... Eu sempre coidei moito da
miña saúde mental.
4.
Cando foi a última vez que queimaches un suxeitador, tuneaches unha
parede/estatua/estrada...?
Nunca queimei un sostén, paréceme un estrago porque
os compro cos meus cartos. Cando non o quero poñer déixoo no armario. Se cada
vez que me molesta un o tivese que queimar non ganaba para roupa interior. Só intervín
paredes na adolescencia. Agora adoito deixar notas en coches que están mal
aparcados sobre beirarrúas, pasos de peóns, dobre fila... con mensaxes
explícitas do tipo: “son un estorbo”, “son un incívico e non me importa” ou o
meu preferido “bobit@”. A miña ilusión é chegar a facer con estas mensaxes
unha pegatinas desas de folio que se imprimen na casa e poñelas directamente
sobre a chapa, porque sei que son moi malas de sacar.
5. Con que feminista viva ou morta non compartirías
toalla?
Pois en principio con ningunha morta...
6. Cando escribes se tes fill@s? De onde sacas o
tempo?
Pois de onde antes sacaba o tempo para ir traballar a unha oficina. Eu
decidín decicarme só a escribir e cousas relacionadas e tomalo como un oficio
coas súas horas laborais. Isto permíteme compaxinalo mellor coa maternidade.
Por veces escribo de noite, mentres el durme, sobre todo se teño moito
traballo, pero son as menos.
7.
Escribes para mulleres, sobre "temas de mulleres" ou a crítica falou
da túa obra como "literatura feminina"?
Nalgunha ocasión, sobre todo
cando nos 90 foi aquel momento onde continuamente nos interrogaban sobre a
literatura de muller, teñen falado da miña escrita como literatura de muller.
Eu non teño esa intención cando escribo, escribo dende a miña mirada e se trato
temas de mulleres é porque me interesan a min.
8. Quantas vezes te aplicaram o substantivo meiga,
feiticeita, fada?
Mmmm... creo que ningunha, polo menos no referido ao ámbito
literario e profesional. Se algunha vez se dirixiron a min neses termos para
tentar ligar foi perder o tempo, iso seguro.
9. Cantas veces che preguntaron que escritorEs son unha
referencia para ti?
Cada vez que me fan unha entrevista.
10. Cantas veces te chamaron poetisa (se escribes poesía)?
Uns cantos centos de miles. É unha palabra terrible. Normalmente adoita chamarme
“poetisa” a xente que di que escribo “poesías”.
11. Qual é a personagem feminina mais patética que leste num
escritorO?
En xeral os estereotipos das mulleres da novela negra clásica
americana, da que son moi fan, por contradictorio que pareza, son bastante
limitados.
12. Qual é personagem masculina mais patética que leste num
escritorO?
É posible que Don Celidonio, O porco de Pé, de Risco sexa do máis
patético que vin pasar polas páxinas impresas da literatura mundial.
13. Um paiaso da vida real...
A de paiaso é unha profesión
moi respetable que non me gusta empregar coma insulto, e esa é a maneira na que
vou entender esta pregunta. Os meus paiasos preferidos da vida real son Faemino
e Cansado.
14. Um
paiaso da vida literária...
Na mesma liña que a resposta anterior, un dos meus
paiasos preferidos da literatura é o osiño Winnie.
15. Qual foi a última vez que che enviaram a esfregar
pratos/fazer camas/passar a fregona?
Pois nunca. Ben... mandábame miña nai cando
viviamos as dúas xuntas, pero non como un xesto machista, como podedes entender
perfectamente.
16. Qual foi a última vez que exerceches de crica
testemunhal no meio do nabal?
Hai pouco, nun recital polo día da Galiza Mártir.
martes, 6 de setembro de 2016
Questionário fou(cinha): Lorena Rei
![]() |
| Lorena Rei |
1. Con que frecuencia/cantas veces che fixeron un cuestionario con preguntas machistas, estúpidas e inapropiadas como por exemplo: con que famoso compartirías toalla, que vicios non soportas da túa parella e cousas semellantes?
O certo é que este é o primeiro cuestionario que realizo, de comezar así estou segura que abandonaría todo empeño en resolvelo.
2. Cantas veces te chamaron "rapaza" nun contexto literario profesional?(valen sinónimos: moza, chica, rapariga, nena, nenita...)
Uf... moitas. Case sempre son moza ou rapaza. Vouno aceptando como algo “afectuoso” pero os anos van pasando e non me vai facer xustiza tanta “xuventude” se é ao que quero crer que alude o termo... senón mal imos...
3. Cando foi a última vez que viches unha comedia romántica e quixeches matar alguén xusto despois?
Non son consumidora deste tipo de filmes, prefiro facer comedia da vida.
4. Cando foi a última vez que queimaches un suxeitador, tuneaches unha parede/estatua/estrada...?
Só me dou licenza para tunear e corrixir os carteis nas salas de (d)espera dos centros médicos.
5. Con que feminista viva ou morta non compartirías toalla?
A miña toalla sempre a dispor.
6. Cando escribes se tes fill@s? De onde sacas o tempo?
Non son nai pero seguro que escribiría mentres durmisen. De noite.
7. Escribes para mulleres, sobre "temas de mulleres" ou a crítica falou da túa obra como "literatura feminina"?
Non escribo especificamente para ninguén e, ao tempo, creo que o fago para todos/as os que se sintan identificados/as co que expreso.
8. Quantas vezes te aplicaram o substantivo meiga, feiticeita, fada?
Creo que son moi rabuda para que me chamen iso.
9. Cantas veces che preguntaron que escritores son unha referencia para ti?
Nas épocas nas que máis escribo apenas leo, é como un cerimonial de pechazón para atoparme comigo mesma e coas miñas maneiras de dicir. Con todo, calquera poeta actual da nosa literatura é boa referencia.
10. Cantas veces te chamaron poetisa (se escribes poesía)?
Tantas que perdín a conta.
11. Qual é a personagem feminina mais patética que leste num escritorO?
Aquela que viste de rosa.
12. Qual é personagem masculina mais patética que leste num escritorO?
O dominador frustrado.
13. Um paiaso da vida real...
Feijoo.
14. Um paiaso da vida literária...
Eses gústanme todos, son necesarios para explicar a outra vida.
15. Qual foi a última vez que che enviaram a esfregar pratos/fazer camas/passar a fregona?
A última vez que me dixeron que non era muller da miña casa deixei de facer o xantar para dous.
16. Qual foi a última vez que exerceches de crica testemunhal no meio do nabal?
Foi na capital e prefiro olvidar.
luns, 5 de setembro de 2016
Questionário fou(cinha): Clara Gayo
![]() |
| Clara Gayo |
1. Con que frecuencia/cantas veces che fixeron un cuestionario con preguntas machistas, estúpidas e inapropiadas como por exemplo: con que famoso compartirías toalla, que vicios non soportas da túa parella e cousas semellantes?
Pois eu creo que nunca… Digo eu que me lembraría, non?… Aínda que se por cuestionario tamén se entenden os test que aparecen nos magazines infames que ateigan as mesiñas dalgunhas salas de espera, entón teño que recoñecer que si. O máis triste é que os fixen por vontade propia... Non me xulguedes, agardar vez no dentista é moi duro, hai que distraerse.
2. Cantas veces te chamaron "rapaza" nun contexto literario profesional? (valen sinónimos: moza, chica, rapariga, nena, nenita...)
A min sempre me chamaron "señora". Desde que nacín.
3. Cando foi a última vez que viches unha comedia romántica e quixeches matar alguén xusto despois?
Había unha... Do idiota éste inglés, como se chama.... Hugh Grant! Facía de presidente e namorabase dunha chavala e era todo tan políticamente correcto e tan guai e el era un presi tan de putamadre, que si, déronme ganas de empezar a machetazos con todo...
4. Cando foi a última vez que queimaches un suxeitador, tuneaches unha parede/estatua/estrada,...?
Eu non queimo suxeitadores que é moi contaminante. A ultima vez que tuneei unha parede estaba cunhas colegas (eramos como 50 ou así) dounos un arrouto artístico paseando pola avenida de Lugo... Pero xa fai moito... Uf... Pero moito, eh? Temos que quedar urxentemente para tunear outra....
5. Con que feminista viva ou morta non compartirías toalla?
Pero que clase de pregunta é esta?! Como sodes as xornalistas... Sempre buscando carnaza... Agh...
6. Cando escribes se tes fill@s? De onde sacas o tempo?
Non teño! Adiósgracias
7. Escribes para mulleres, sobre "temas de mulleres" ou a crítica falou da túa obra como "literatura feminina"?
A crítica nin me mira.
8. Quantas vezes te aplicaram o substantivo meiga, feiticeita, fada?
Xamáis! Ben, algunha vez chamáronme "bruja", así, en español...
9. Cantas veces che preguntaron que escritorEs son unha referencia para ti?
Ante esas preguntas, sempre paso palabra...
10. Cantas veces te chamaron poetisa (se escribes poesía)?
O meu é o teatro... Así que me chamaron teatreira e todas as circunstancias posibles.
11. Qual é a personagem feminina mais patética que leste num escritorO?
A máis de todas?? Non sabería dicir... Normalmente sempre nos escriben patéticas. Salvo excepcións, claro, como cando se poñen super chachipirulis e super a prol da igualdade... Non sei que será peor, a verdá...
12. Qual é personagem masculina mais patética que leste num escritorO?
Psss... Xesucristo?
13. Um paiaso da vida real...
Non mola usar "paiaso" como epíteto despectivo.
14. Um paiaso da vida literária...
E dálle...
15. Qual foi a última vez que che enviaram a esfregar pratos/fazer camas/passar a fregona?
Hai un taberneiro do meu barrio co que me levo moi ben e que sabe que son feminista e sempre me fai a "coña" con iso de fregarlle a cociña. Así, pa facerme rabear. Algunha vez pedinlle que diversificara as "coñas" pero é que tampouco dá para máis, meu pobre. É motero. Que lle vas facer.
16. Qual foi a última vez que exerceches de crica testemunhal no meio do nabal?
Eu intento que a miña crica non se limite a unha presenza testemuñal as veces que me vexo nun nabal... Pero si é certo que incontables veces mirei ao meu arredor e pensei: "Bendita tú, entre todas las pirolas".
xoves, 11 de agosto de 2016
Questionário fou(cinha): Mercedes Leobalde
![]() |
| Mercedes Leobalde |
1. Con que frecuencia/cantas veces che fixeron un cuestionario con preguntas machistas, estúpidas e inapropiadas como por exemplo: con que famoso compartirías toalla, que vicios non soportas da túa parella e cousas semellantes?
Nunca (aínda). Mais lembro unha entrevista telefónica na que eu contaba que non dispoñía de moito tempo para escribir nun horario disciplinado porque ademais da xornada laboral tiña dúas fillas que me requirían continuamente como taxista, e de aí a entrevistadora tirou da manga un abraiante “Ser nai é a miña segunda profesión” que colocou en letra negra tamaño 16 debaixo do titular.
2. Cantas veces te chamaron "rapaza" nun contexto literario profesional? (valen sinónimos: moza, chica, rapariga, nena, nenita...)
Non adoitan chamarme “rapaza”, “nena” nin similar, vese que cheguei tarde de máis ao mundo literario.
3. Cando foi a última vez que viches unha comedia romántica e quixeches matar alguén xusto despois?
Adoita ocorrerme máis ben durante, pero unicamente nos casos máis graves de cursilería, polo xeral teño bastante aguante. Toléroas porque che permiten facer outras cousas ao tempo: mirar o Facebook, pasar o ferro, botar unha soneca, revisar facturas, chatear, ordenar fotos, remexer no Wallapop, asar un lacón... Éche un tempiño moi aproveitado.
4. Cando foi a última vez que queimaches un suxeitador, tuneaches unha parede/estatua/estrada...?
Queimar un suxeitador, co caros que van? Nunca tal fixen!
5. Con que feminista viva ou morta non compartirías toalla?
Con ningunha morta, son escrupulosa ao respecto. Das vivas compartiríaa con calquera
minimamente aseada.
6. Cando escribes se tes fill@s? De onde sacas o tempo?
O que máis tempo che saca non son os fillos, é a necesidade ineludible de vender o teu traballo (e o teu tempo, pois) para subsistir. Pero ben, cando as rapazas eran máis pequenas, roubáballo ao descanso e ao sono, non quedaba outra. Agora son mociñas e vanme deixando solta, así que non hai queixa. Nin escusa.
7. Escribes para mulleres, sobre "temas de mulleres" ou a crítica falou da túa obra como "literatura feminina"?
Escribo para quen me queira ler e sobre persoas, pero o certo é que de Funambulistas se ten comentado a abundancia e a forza das personaxes femininas. Logo poste a mirar e o cómputo no protagonismo dá bastante parello, mais semella que o feito de que as personaxes mulleres actúen con criterio propio, que mostren carácter e iniciativa, non deixa de chamar a atención. Haberá que insistir, a ver se nos imos afacendo...
8. Quantas vezes te aplicaram o substantivo meiga, feiticeira, fada?
Xamais, creo! Nin na intimidade (supoño que intuían que me daría a risa). Pero estou por asegurar que máis de un me ten chamado “bruxa”. “Bruxa” vale?
9. Cantas veces che preguntaron que escritorEs son unha referencia para ti?
Unhas poucas. Sempre entendín que se referían tanto a homes como a mulleres, e nese sentido respondín.
10. Cantas veces te chamaron poetisa (se escribes poesía)?
Algunha tamén. Non me molestou, entendo que procuraban corrección gramatical sen máis. De feito, se non fose pola preguiza que dan estas cousas (e máis con tanto como hai por facer!), creo que nós mesmas deberiamos retomar a palabra “poetisa” e reivindicala con orgullo ata desposuíla de toda connotación negativa, por xustiza cara ás que nos precederon. Pregúntome se ao renegarmos dela non estamos, en certa maneira, asumindo os prexuízos de todos aqueles que a cubriron de desprezo para denigrar as mulleres escritoras.
11. Qual é a personagem feminina mais patética que leste num escritorO?
En canto percibo ese cheiro cáeme o libro das mans.
12. Qual é personagem masculina mais patética que leste num escritorO?
Haiche moitos, pero o de Abraham... Que é iso de estares disposto a asasinar o teu propio fillo en sacrificio por...? Por que? Dou por feito que a Biblia a escribiron homes, claro, só así se entenden moitas cousas.
13. Um paiaso da vida real...
Pérez-Reverte. E engado en bloque todos os Berlusconis do mundo.
14. Um paiaso da vida literária...
Pérez-Reverte de novo. Ben merece a dobre mención polas súas pallasadas continuas.
15. Qual foi a última vez que che enviaram a esfregar pratos/fazer camas/passar a fregona?
Foi non hai moito, nunha rotonda, un tipo que aínda non sabía que o carril exterior ten preferencia. En realidade mandoume “á cociña”, sen máis especificación. E alá fun, a xantar, que eran horas.
16. Qual foi a última vez que exerceches de crica testemunhal no meio do nabal?
Non o lembro, hai tempo que non me ocorre. Si, polo xeral é certo que seguimos en minoría, pero iso afortunadamente vai mudando. E máis que mudará!
mércores, 10 de agosto de 2016
Questionário fou(cinha): Estíbaliz Espinosa
![]() |
| Estíbaliz Espinosa |
1. Con que frecuencia/cantas veces che fixeron un cuestionario con preguntas machistas, estúpidas e inapropiadas como por exemplo: con que famoso compartirías toalla, que vicios non soportas da túa parella e cousas semellantes?
Preguntas fóra de lugar lembro algunha, non moitas, anonimamente na web; ou durante a época na que abrira un formspring [e tamén de xeito anónimo]. Nunca un cuestionario a boca de cano.
2. Cantas veces te chamaron "rapaza" nun contexto literario profesional? (valen sinónimos: moza, chica, rapariga, nena, nenita...)
Sobre todo ao principio. Recordo esas melindradas do tipo «recital cun fermoso ramallete de mulleres poetas». Sempre parte dun grupo, por xunto, tipo harén, non? Agora ensártanme outras perlas cando digo, por exemplo, que me autoeditarei Curiosidade: «é que non atopas ninguén que che queira publicar?» Como cando decido ter un fillo soa: «Non atopaches ninguén con quen ter un fillo?». A pouca xente se lle pasa pola cabeza que ambas sexan decisións meditadas e propias, orgullosas e desafiantes.
Detectar condescendencia e paternalismo por parte de «intelectuais» varóns foi [e é] moeda común, tanto para mozas como para mozos. Un fósil mental segue a ser esa reticencia palpable a recoñecer a calquera XX como impulsora de obra singular, fonda, reflexiva ou de certo calado intelectual. Igual que coas mulleres na ciencia: recoñecemento a duras penas e a moi poucas [caso da astrofísica Jocelyn Bell e o Nobel, entre outros miles].
En ocasións, sentinme xulgada máis por prexuízos ou imaxes que por un texto e cónstame que moitas compañeiras tamén. Algo que lamento, xa que sempre quixen que o que escribo chegue antes que un nome propio, o contido abríndose paso. Por iso agradezo á xente [de colexios, institutos ou xente de fóra] que se achega a min simplemente porque lle gusta o que le, sen máis algoritmo que ese.
Unha anécdota: levo varios anos brindando a posibilidade de contribuír cunha cantidade simbólica polas descargas que se fan de libros, traducións e artigos dende a miña web. Até o de agora as persoas que me «micromecenaron»... foron mulleres. Aproveito para darlles as grazas.
3. Cando foi a última vez que viches unha comedia romántica e quixeches matar alguén xusto despois?
Non son moi de comedia romántica e iso que teño un pésimo gusto sentimental e choro fácil. Con todo, o test de Bedchel non o pasan boa parte das películas que tragamos, sexan ou non comedias románticas.
Gana de matar... igual que de axudar a dar a luz ideas e modelos novos. Todo moi yin-yang.
4. Cando foi a última vez que queimaches un suxeitador, tuneaches unha parede/estatua/estrada...?
Suxeitador nunca queimei, aprézoos bastante. Si tuneei algunha parede. Hai mil anos. Na universidade quizais. Levámolo nos xenes, non?, dende as mans en negativo que deixamos nas covas cántabras, hai 35.000 anos. Arte parietal.
5. Con que feminista viva ou morta non compartirías toalla?
Toalla hai para todas, vivas ou zombis, mais igual era máis escéptica cos que, inadvertidamente, defenden un feminismo-en- pack: o feminismo é facer isto, vir por este carreiro, ser así. Non metaforizo o feminismo como unha vía senón como conclusión, unha narración expandida á que se chega con sentidiño e fronte común, equilibrando a nosa balanza interna de xustiza e reivindicando dende ángulos obvios e ás veces non tan obvios.
6. Cando escribes se tes fill@s? De onde sacas o tempo?
Teño un fillo e outro facéndome dunas no ventre neste momento. Chego cansa ás noites, cando máis ideas anoto. Escribo sobre todo polas mañás, aproveitando cole. Cando era bebé, nas sestas, nos intres nos que aprendía a xogar só. O do tempo... é un malabarismo, realmente, porque a textura social non é cómoda para un labor de introversión e concentración combinado con ser nai [non digamos xa ser nai soa]. Máis aínda dende que a literatura semella un zoco de extroversión, viaxes e relacións públicas.
Gustaríame ver máis bebés e nenas en obradoiros, feiras, residencias artísticas, xiras, recitais... Pero a mensaxe social tácita é: se tes fillxs, ocúpate ti deles, non mos impoñas e mos fagas sufrir a min. Ten a súa lóxica, vaia, pero os espazos de creación ou divulgación non contemplan nenxs. Isto vese tanto en lugares como unidades de investigación ou postos de dirección como en traballos subalternos por conta allea... Cantos dispoñen de garderías ou espazos para cativxs?
Son esenciais movementos como o child-free ou sen-nenos para as mulleres. É revolucionariamente honesto ter claro que non sempre queremos fillxs, marabilloso sermos por fin quen! Orabén, tamén creo honesto -e ás veces revolucionario- querer telos contra todo. Porén nalgúns campos profesionais, valórase á muller que mimetiza mellor o estilo de vida clásico masculino: sen fillos [ou sen fillos á vista, ao coidado doutras/os]. Presenzar o coidado dos nenos é molesto e presupón ben que a muller é instintiva, elemental, ben que ha ser tenra e amorosa tamén no que escribe. E aí si xa me poño radioactiva...
Adoro ver as fotos de Marie Curie no laboratorio, entre os seus tubos fosforescentes de uranio e as dúas fillas. A Clarice Lispector mutando a literatura en portugués coa máquina de escribir nos xeonllos para atender mellor, dicía, aos seus pequenos. A potencia intelectual e a maternidade xuntas. Claro que é posíbel. Claro que é probábel!
7. Escribes para mulleres, sobre "temas de mulleres" ou a crítica falou da túa obra como "literatura feminina"?
Non penso só en mulleres cando escribo, penso en unidades de carbono, en homo sapiens e noutro tipo de seres vivos, deste planeta ou de exoplanetas remotos. Interpor esa distancia foi para min sempre necesario. E un alivio.
Unha forma de escepticismo, de abraio cara ao descoñecido. Enfoco as humanidades e nas ciencias [naturais e sociais] como unha soa cultura. Aí tamén vexo enerxía escura.
8. Quantas vezes te aplicaram o substantivo meiga, feiticeita, fada?
Unhas cantas, si. As mulleres somos meigas e musas. E os julioiglesias do mundo adórannos. «Y bien que lo sabes». E o que conseguimos é porque somos «feiticeiras», non por sagaces ou descubridoras compulsivas. Non consta que haxa meigos e musos. Pero igual, habelos, hainos.
9. Cantas veces che preguntaron que escritorEs son unha referencia para ti?
Sempre que nos preguntan por escritores de referenza, a xente agarda escoitar o canon ou unha parte del. O canon é masculino ao 90%. A excepción en Galiza é Rosalía, pero non Emilia Pardo Bazán, por exemplo.
Comecei a curiosear mulleres porque descubríaas por casualidade: a Lispector leveima dun hipermercado hai moitos anos, cando era case descoñecida aquí; a Fleur Jaeggy, de casualidade na biblioteca; Virginia Woolf por recomendación do meu irmán... Outras porque falabamos delas entre mulleres (Pizarnik). A certas escritoras atopeinas por empeño en ler a mulleres e a científicas. Ou porque coincidín con elas no espazotempo (Luísa, Marías, Teresa, Emmas, Dores, Antía, Yolanda, Marilar...)
O que as mesas de novidades, medios, críticos, premios e editoriais poñíannos diante dos fociños eran case sempre homes. Curioso. Os editores eran homes, os libreiros, os críticos, os directores de seccións culturais, xurados de premios... Un nesgo tan evidente que é como sinalar que o emperador vai nu.
10. Cantas veces te chamaron poetisa (se escribes poesía)?
O documental «Se dice poeta», de Sofia Castañón, dá unha visión caleidoscópica dese tema. «Poetisa» aplicáronnolo a todas, penso. Pero teño as miñas dúbidas a respecto das intencións. Se cadra non sempre foi por mal, haiche mar de fondo aí. Para empezar, non creo que todo o mundo teña presente o aquel pexorativo que tivo esa denominación e hai quen a reivindica de novo por linguaxe inclusiva/ non sexista. Os termos gregos desa clase rematados en –a non adoitan desdobrarse en masculino-feminino: dicimos «cosmonauta», pero non «cosmonautisa». «Internauta» e non «internautisa».
Por que poeta si? Na historia da literatura, «poetisa» foi unha arroutada despectiva para denigrar ás señoras que cometían a ousadía, o frikismo de escribir. E con ripios malos. Pero ese dato non ten por que saberse. «Fauvista» ou «impresionista» en arte, ou «queer» en movementos de xénero, foron pexorativos en orixe.
Igual as nosas bisnetas reivindicarán a machucada palabra «poetisa» como propia e chea de oufanía. Vai ti a saber! Durante moito tempo soou cursi, insultante e cun cheiriño a gueto: a que escribe poesía de mulleres e só para mulleres. A que non interesa. Pero a invisibilidade pode volverse un superpoder...
11. Qual é a personagem feminina mais patética que leste num escritorO?
Tería que ter sido escrita por un escritor patético. Trato de non ler deses.
12. Qual é personagem masculina mais patética que leste num escritorO?
O certo é que calquera trama descontextualizada pode brindarnos personaxes patéticos, masculinos e femininos: as expectativas de rol mudan e fannos rir [ou regañar os dentes] conforme pasa o tempo.
Sen embargo, os personaxes en verdade patéticos non o son tanto polo seu comportamento, senón polo mal escritos que estean. O patetismo literario de base é escribir mal. Limitarse a redactar. Non arriscar, carecer de trazo, de radiación. Prosa acartonada, servil. Iso é patético.
13. Um paiaso da vida real...
Por exemplo... quen critica o que fan unhas poucos antes de tempo só porque agarda o intre no que, avalado pola masa, poida facelo el ou ela. Os maiores pallasos da vida real son autocompracentes e mediocres, teñen as rendas amarradas por medo, censuran pola boca pequena. Nunca arriscan.
Nunca dubidan. Van ao fácil.
14. Um paiaso da vida literária...
Esas xentiñas que, a cada frase, deslizan flores a si mesmas, vanaglorias chufeiras, viaxes, premios... son moi petardas, cun punto arrastrado. Nas redes sociais merenda moito pallaso literario: reproducen clichés máis que manidos, nin unha soa frase cun punch de singularidade propia, séguente para que os sigas e logo unfollow e, por suposto, promociónanse seguido.
Os máis miopes poden defender na súa literatura unha chea de causas sociais sen seren quen de ver logo obvias fendas na propia industria cultural na que se insiren.
15. Qual foi a última vez que che enviaram a esfregar pratos/fazer camas/passar a fregona?
Os apartamentos do eido público ou dos medios son moito máis sutís. Case ninguén comete a torpeza de enviar a mulleres a pasar fregonas ou similar [salvo o académico Félix de Azúa a Ada Colau, nunha eximia demostración de cómo de podre, pouco limpa e pouco dada ao esplendor vai parte da Academia].
A min até me parecería inxenuo que me mandasen a calquera desas [por outra parte nobres] actividades. Non menos graves parécenme outros empurróns e neutralizacións que xa teño comentado, máis subterráneas. No enfoque de ciencia e literatura, ou no campo da tecnoloxía ou mesmo de internet... menciónase de boas a primeiras algunha muller?
Por outra banda, a 1ª vez que me fixeron unha entrevista para un medio e notei que a xornalista SI lera algo meu con preguntas acaídas e intelixentes... a autora era muller. Casualmente, os editores que máis empatizaron comigo... foron todas damas.
Hoxe en día opacar a unha muller segue a ser doado, nin cómpre mandala expresamente a fregar pratos. Abonda con facer como que non escribe, nin conta cun discurso ou estilo de seu. Abonda con cortarlle o encéfalo que se lle abre dentro e non dedicar nin un minuto a saber qué fai coa tinta nas mans. Ou dedicarllo e facer coma-que-non.
Que «non che digo nada... pero vaia», que dicía a outra. Non estou dacordo en obrigar á xente a ler, naturalmente iso inclúe a lerme a min. Atopeime considerando isto: «quizais porque a literatura é un contido mutante, atópase noutros formatos, non só en libros e papel; quizais eu escribo raro, e xa está. Algo tan simple como iso».
Quedan recalcitrantes que mandan ás mulleres [na literatura, na ciencia e demais] ao ostracismo clásico: co ostrakon, ao desterro. Non a fregar ou vender peixe: a meternos nunha ostra. Pero seica as condenadas ao ostracismo acaban por lóxica cuspindo perlas.
Mmmm, se cadra iso era máis común hai uns anos, agora aos poucos se intenta que a crica testemuñal non quede só en unha. Sen embargo, acontece a un nivel amateur, as máis das veces, ou en actividades simbólicas e escasamente retribuídas. O institucionalismo máis reseso cada dous por tres
deléitanos a crica con fotos de comités científicos que son un nabal, frontes políticas que son un nabal, tecnocracias que son un nabal e, en xeral, grupos onde cortan o bacallau. Que son un nabal.
Un matiz: moi timidamente, cunha velocidade de saurio a desfosilizarse, percibo en sectores das xeracións máis novas a educación en xénero, a concienciación, pode que con calzador, pero non menos esforzo. Se cadra hai outra sensibilidade en reacción. Non digo isto por contemporizar. Malia os datos tan pesimistas ás veces, teño esperanza na masculinidade que vén e acho o seu papel indispensable no feminismo e, tamén, no sfumatto de xéneros marcados en binario. Será porque son nai de varóns. Ou porque ségueme a entusiasmar o que escriben e pensan moitos homes. Con frecuencia os menos empoleirados, os menos oficialistas, os que non me esperaba.
Subscribirse a:
Publicacións (Atom)




