Buscar neste blog

Amosando publicacións coa etiqueta poesía. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta poesía. Amosar todas as publicacións

venres, 16 de agosto de 2024

Gael musica Tiven medo de vogar de María Mariño




Tiven medo de vogar,
tiven medo da auga crara.
Anque fora cuns bons remos
anque fora na mar calma,
non vogaba!, non vogaba!

O medo xa non sei del.
Xa secou aquel mar longo.
E sin saber donde veu,
si é doutro ou é meu,
navego nun mar de fondo.


 Mariño, M. , Palabra no tempo (1994)

xoves, 8 de agosto de 2024

MOMENTOS DE ALTA POESÍA por Carmen Blanco



A miña filla Mariña e a miña nai María


2007. Son aquela


En María Mariño hai momentos de alta poesía:


¡Son aquela que no bosco

escoitaba o himno dela!


Linme hoxe toda por dentro.

¡Linme!


¡Terra, verba miña!


¡Terra, di!


Soio teño alboradas.


É outono i en min nace primaveira


¡Quen me dera que miña nai me dera hoxe unha tunda! ¡Ouh!


A fonte que en mar en min aboia

non verte en claros días o seu canto.

¡Sabe a noite o que leva dela soia!


¡Por riba de nós queda o mar!


¡Oleaxe, oleaxe ao mar!...


    María Mariño é unha voz poética persoal e auténtica cun misterioso mundo propio. Deste mundo mariñán o que a min máis me gusta é o seu canto subversivo de nena asombrada ante a marabilla do mundo, da terra do Courel e do mar de Noia e da Coruña, convertidos pola súa imaxinación nunha terra total e nun mar absoluto, á vez materiais e palpables e á vez inalcanzables sempre ao lonxe, unha terra e un mar escuros e misteriosos. Gozo especialmente cando o seu eu se perde con todos os seus sentidos abertos na inmensidade desta natureza telúrica e mariña. Para min son magníficos os poemas dedicados á nai, o seu canto tenro da pobreza noiesa das súas orixes e da pobreza da aldea do Courel, e tamén a súa poética do tecer da costureira que era.


2024. Son esta

No meu libro Un mundo de mulleres (2011), no apartado “No mundo galaico” que leva o lema “Era o lugar máis fermoso do mundo”, recreei María Mariño no poema do seu nome:


            MARÍA MARIÑO

    Son a nena que no bosque

    escoitaba o mar dela

    Ondada ondada ao mar


Lugo, 2007 e 2024. 

Carmen Blanco

Universidade de Santiago de Compostela


mércores, 7 de agosto de 2024

María Mariño por Patricia Arias Chachero

Confeso que no ano 2006, cando a editorial Galaxia confiou en min para facer unha antoloxía poética da obra de María Mariño Carou (Noia, 1907- Parada do Courel, 1967), eu apenas sentira falar dela. Pairaba sobre min a néboa de se a escritora existira realmente ou era a Uxío Novoneyra o que Dosinda Areses a Ferrín. Non era consciente de ter lido os seus versos pero interiorizara que era anovadora, dificilmente encadrable e que apenas mantivera relación con algún dos intelectuais galegos da época. Ía “por libre” e iso prestábame. A proposta da escolma, que nun primeiro momento soara a reto, converteuse decontado nunha sorte de misterio a desvelar. Quen era aquela muller que vivira máis de vinte anos retirada no Courel e que fixera unha obra tan sorprendente?, quen era aquela a quen Novoneyra –con acerto- cualificara de “Dinamiteira da fala”?

Había ben pouca bibliografía. Así de memoria lembro os artigos de Borobó, de Manuel María, de Méndez Ferrín, de Trapero Pardo… Saudaban a aparición do único poemario que publicara en vida, Palabra no tempo (Lugo, 1963). Moitos anos despois, nos oitenta, xurdira a voz dunha muller, a da profesora Carme Blanco que, en 2006, era, creo, quen máis e máis certeiras páxinas lle tiña dedicado á obra da noiesa. Esgotado o traballo bibliográfico chegou a quenda dos arquivos. Na Fundación Penzol apareceron as cartas cruzadas con Otero Pedrayo autor do prólogo de Palabra no tempo. Nada fun capaz de encontrar en Noia onde naceran a escritora e a Asociación Cultural Catavento que, en 1983, promovera un concorrido acto literario capitaneado por Antón Avilés de Taramancos que culminaría coa publicación de Verba que comenza (Concello de Noia, 1990), o poemario inédito que a poeta asinara meses antes de morrer.

Aquel ano as Letras Galegas obrigáronnos, quizais máis que nunca, a investigar. Era a terceira vez, en 43 anos que a RAG tiña a ben escoller o nome dunha muller. Era o dunha escritora autodidacta, que bebera en fontes nunca antes transitadas nas nosas letras, era unha poeta persoal, con pouca obra, de cuxa valía –e mesmo de cuxa existencia- se dubidara.

Chegou o tempo das entrevistas a quen puidese ensinarme algo sobre ela. Detodas as que fun quen de facer lembro con especial intensidade dúas. A primeira, a Visitación Vila García, unha muller de Parada de Moreda, a arredada aldea onde a poeta falecera. Trasladeime alí e pasei varios días na contorna. Lembro a mañá que coñecín a Visitación, chuviñaba e estaba gris. Falamos diante da escola, na entrada da aldea. Explicoume que era a afillada de María Mariño, a quen ela chamaba Maruja. Hoxe sei que non souben formular as preguntas adecuadas. Eu preguntáballe se a vía ler, ela respondía que cosía. Eu preguntáballe se escribía, a miña interlocutora falaba dos longos paseos con Eugenio (Uxío Novoneyra), seu veciño. Eu quería saber se viaxaba á cidade, ela dicía que don Roberto, seu home, o mestre da aldea, estaba bastante xordo, que puña escola para os mozos a última hora da tarde e que, ás veces, enfadábase con eles polos comentarios que facían. Marchei sen sacar gran cousa en limpo. Só que a tumba estaba abandonada, que por alí nunca ía ninguén a vela, que as letras da lousa se despegaran e algunha mesmo se perdera.

A segunda entrevista que lembro foi a que lle fixen a José Zarza Zamora, o apoderado da Editorial Celta de Lugo, onde se imprentara o único poemario que a escritora publicara en vida. Pasei a tarde no seu piso de Bolaño Ribadeneyra, enriba mesmo de onde estiveran a imprenta e a coñecida libraría lucense. O meu entrevistado afirmou desde o principio, que el non sabía nada nin de Palabra no tempo nin da súa autora. Faloume, iso si, de Francisco Esteban González, seu sogro, o fundador da Celta, que nada máis comezar a guerra fixera diñeiro na retagarda acompañando aos soldados cunha furgoneta na que transportaba os cadernos, os sobres e o material de escritura que lles ía vendendo. 

Eu sabía que na Celta, cos anos, publicaran moitos dos grandes das nosas letras. Desde Manuel María que alí deu ao prelo Contos en cuarto crecente e outras prosas (1952), Terra Cha (1954), Documentos persoais (1958) ou o Libro dos pregos (1962); a Luís Pimentel e o seu Barco sin luces (1960); pasando por Arcadio López Casanova e Hombre último (1961), Crecente Vega e Codeseira(1965) ou Ricardo Carballo Calero e a súa Contribución ao estudo das fontes literarias de Rosalía (1959), o seu discurso de ingreso na RAG. Sabía tamén que durante moitos anos o gran dinamizador da imprenta fora o profesor Xesús Alonso Montero, a cuxas máquinas confiara o seu primeiro libro La palabra en la realidad (1963) e outros moitos no transcorrer dos anos. Entre eles Os cen mellores poemas da lingua galega (1970) e Política e cultura en Galicia (1978).

Zarza Zamora explicoume que a única muller que el lembraba que publicara na Celta fora Adela García González, esposa de Francisco Lamas López, o alcalde republicano de Lugo, que, preso no 36, lograra salvar a vida grazas á mediación do seu sogro, o pai de Adela, o coronel da Garda Civil, Román García Pardo. Adela, que con Maruja Torviso fora unha das poucas mulleres que recibira a Lorca cando visitara Lugo en 1932, era unha persoa culta, significada politicamente, cun neno pequeno a seu cargo e seu home preso en Ezkaba, unha das prisións máis crueis da España franquista. Quizais por gardar as aparencias ou quizais por motivos económicos escribira, segundo Zarza Zamora, o primeiro libro da Celta, El correo de los enamorados. Apenas un folleto que reunía modelos de cartas de amor para que os soldados puidesen escribir as súas mozas ou ás súas madriñas de guerra. Pouco máis tiñan que facer que copiar o que recomendaba o libro e cambiar o nome do saúdo. 

Seguramente Adela sexa tamén a autora de Consejos y recetario de belleza (1939). Un pequeno volume en tampas duras, impreso na Celta e asinado por unha misteriosa Mary L., que reúne unha serie de consellos para conservar a beleza e a saúde. E por moito que repaso o catálogo da casa non atopo outro nome feminino ata que en 1963 aparece o de María Mariño. A segunda muller en publicar en tan senlleira imprenta, daquela xa unha empresa solvente que levaba impresos máis de 75 títulos. Tras dela, e nunha listaxe que inclúe a centos de autores e títulos, poucos máis nomes femininos. Apenas os de Victoria Carballo-Calero, o de Dora Vázquez e o de Luísa Crestar que en 1973, 1975 e 1982 publican cadanseu libro.

Ao repasar as cifras dáse unha conta de que a historia da literatura galega moderna é fiel reflexo da sociedade patriarcal en que se creou. Unha literatura que se inaugura cun nome de muller, Rosalía de Castro, e que, durante décadas, medra practicamente allea a elas, a nós. Baste recordar que se contan cos dedos da man as autoras que publicaron en Nós ou en A Nosa Terra e que os primeiros libros asinados por elas tras a guerra civil non serían impresos ata 1952, cando aparecen O paxaro na boca de Luz Pozo Garza e Íntimas de Pura Vázquez, ambas en Xistral. Entre elas e o Palabra no tempo (1963) voces pioneiras como a de Xohana Torres que con Do sulco convértese na primeira en publicar en Galaxia, sete anos despois da súa fundación, ou María do Carmo Kruckenberg que con Canaval de ouro (1962) é a primeira en facelo na colección Salnés. 

Hoxe somos moitas máis pero convén recordar de onde vimos e a todas as que nos precederon, é por iso que non podo máis que felicitar á Sega por esta iniciativa teimuda que veu para quedar. Os meus máis sinceros parabéns por un traballo turrón e necesario, o de render homenaxe ás mulleres galegas que, pese as circunstancias, souberon –saben- facerse valer. Os meus parabéns por esta década de certeiro traballo feminista!

luns, 5 de agosto de 2024

MJ Pérez musica Tiven medo de vogar de María Mariño

 



Tiven medo de vogar,
tiven medo da auga crara.
Anque fora cuns bons remos
anque fora na mar calma,
non vogaba!, non vogaba!


O medo xa non sei del.
Xa secou aquel mar longo.
E sin saber donde veu,
si é doutro ou é meu,
navego nun mar de fondo.


 Mariño, M. , Palabra no tempo (1963)

luns, 16 de decembro de 2013

As mulleres ollan para as mulleres


Por Andrea Nunes Brións

O verán pasado vin nun muro dalgunha cidade do país, un graffiti que dicía: “Galiza apoia o festival de poesía”.  Referíase ao, sen dubida, un dos encontros mais agardados por tod@s nós cada verán: o  Festival da Poesía do Condado, en Salvaterra do Minho.

Alí puidemos sentir a forza da desobediencia a crecer no colectivo. Puidemos escoitar, alén doutras, a voz de María Rosendo, acompañada do grupo Sacha na Horta cantando un dos poemas de Nómade, libro gañador do XXIII edición do certame de poesía Pérez Parallé.  As que puidemos asistir,  non deixamos de nos emocionar cun acto de tal beleza e forza. 

Regreso agora a esta autora, querida e admirada, desde a diáspora mais forzosa (as explicacións que vaian en privado) e non deixa de resultar curioso, cando menos, que unha teña esa terríbel vontade de voltar e abra un libro como o de Rosendo e desexe ser nómade.  Nómade ou a que camiña en todas as direccións, cobizando os espazos que unha desexa (como ten que ser) e non tendo conta das cancelas e buceiras que hai, ultimamente incluso máis, para nos silenciar.

No previo, intuímos, é Karen Finley lembrándonos que non viríamos ser comprendidas, que somos forasteiras, estrañas nas nosas propias familias, países ou sociedades. Arranca a voz dunha nómade que se afasta do doado, do estipulado, loitando contra unha sociedade excluínte e inxusta, que fere nos cavorcos da pel.

Versos que atravesan as voces de tantas; das que se revelan, das silenciadas, das do norte e das do sur, das que lle teñen medo a escuridade, onde as meninas amorfas non entramos nos moldes e deixamos claro que non queremos entrar. Un libro pois, onde as mulleres ollan para as mulleres.

E a loita, sabemos, é múltiple, porén non deixa de ser a mesma. “Hai unha lingua que aínda non foi destruída” lese e é unha lingua de moitas, desas que Rosendo chama obreiras da dignidade, que foxen da resignación, rebelándose contra a submisión, contra o verso machista.

Falamos pois, das distancias, do nome dos océanos. Dende Bos Aires, San Paio, London City, Nairoby, Compostela ou Changchun. Porque nestas latitudes ou noutras, o conto é sempre o mesmo.

Nós preferimos a analoxía de ir cara un espazo físico como ir cara unha mesma, mais pode que sexa verdade iso que din de que as inadaptadas non temos lugar ou pode que  habitamos en todas as latitudes. Quizais simplemente somos nómades transitando diferentes puntos cardinais, arelando nesta sega continua os pétalos de Alice Walker ou habitando as  cidades que somos cada unha de nós.

Mais non deixa de nos convencer o que facemos, esa rede que tecemos en cada unha das latitudes que habitamos, e para con ou sen cuarto propio seguirmos escribindo, arroupándonos na loita, nómades na procura de xustiza.  Velaí estes poemas e a súa subversión, como cuarto propio, para tod@s as que nos chamamos Eva.

Rosendo, María. Nómade. Espiral Maior 2011.

Nota: Para quen gostar, o videopoema que as candongas do quirombo realizamos cun poema de María Rosendo;  Helena a escuras en https://vimeo.com/24655310