Buscar neste blog

Amosando publicacións coa etiqueta Luisa Villalta. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Luisa Villalta. Amosar todas as publicacións

venres, 12 de agosto de 2022

Manifesto. Luisa Villalta a Nosa IX Señora das Letras

 



No mesmo lado, o compromiso

Celebrámoste desde a complexidade da épica ao publicismo, deste ti, desde o teu pensar, lúcida e comprometida, sempre na construción dun pobo, dese pobo que foxe de si mesmo, dunha literatura, dunha lingua, no foro da cultura.

Ti, na liberdade, da contra-ética do poder. 

Lémoste e sentímoste na arela dun teatro de nós que te abrigue e nos abrigue, dramaturga, que nos adentra no paseo das esfinxes e nas certezas de Ofelia. 

Lémoste e aprendemos, ensaísta, que nos enreda na ecuación teatral de Don Hamlet, para nos mostrar esa obra enteiramente nova; para nos levar ao outro lado da música, para nos guiar pola poética, sobre un certo estado de conciencia e nos erguer desde a prensa o libro das columnas. 

Lémoste e gozamos, narradora, da lingua coa que nos convocas, nesa teoría de xogos en que lle dás a man ás afinidades electivas, para andarmos mundo; a lingua que non se pode chamar silencio, e por iso nos legas as chaves do tempo para abrirmos ao futuro o reino que un día perdemos. 

Ti, que sabes do couto á liberdade, do silencio, da banalización, das estratexias para neutralizar o discurso ético e literario. 

Lémoste, poeta, e gozamos e cantamos e a música reservada estoupa e xorde o ruído e soñámoste co violín e préndensenos as túas palabras coas que vestimos minutos de poemas polo papagaio nunha rota ao interior do ollo contigo no outro lado da música, na Cidade Alta. 

Ti, que reclamas a liberdade de ser escritora galega nunha Galiza viva e democrática. 

Galiza, esa palabra, que pronunciaches con boca chea. 

Ti, que dixeches isto é tamén unha muller que resiste. 

Igual que un tigre ignora a tigritude: 

Salta. 

Penélope tece o tecido do regreso. 

Celebrámoste, gozamos, saltamos contigo, LUÍSA VILLALTA.


venres, 6 de maio de 2022

Luísa Villalta. Unha postal para as Letras Galegas

 


No mes das Letras Galegas, propoñémosvos encher de postais a sede da Real Academia Galega para apostar por Luísa Villalta como homenaxeada en maio de 2023.

Como? Primeiro, descargando os pdfs; hai dúas opcións segundo cantas se queiran enviar: unha ou catro.  Logo, imprimindo a imaxe a dobre cara sobre cartolina. Así xa estará lista a postal! Só queda pegarlle o selo e levala á caixa de correo máis próxima.

Animámosvos a compartir nas redes unha foto ou un vídeo no que se vexa á Nosa Señora das Letras embarcando na caixa de correo, etiquetándonos e usando os cancelos #LetrasGalegasparaLuísaVillalta, #IXDGL, #LuísaVillalta.

Tamén poderás facer un adhesivo