Buscar neste blog

Amosando publicacións coa etiqueta libros. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta libros. Amosar todas as publicacións

martes, 30 de setembro de 2025

Eli Ríos recomenda A ilha onde as mulheres voam de Marta Lamalfa


    A escritora italiana Marta Lamalfa vainos acompañar nesta engalaxe literaria sen estrañezas. Xa desde a primeira páxina, na nota da autora, presenta os estudos antropolóxicos sobre o "centeio cornudo", "o pão negro" e o feito de que "a ilha viveu uma alucinação coletiva". Non hai sorpresa ningunha e, aínda así, as vivencias da familia protagonista e, sobre todo, das mulleres prende a nosa lectura de xeito cativador.

    A escrita, inzada de imaxes sensitivas, abre unha porta á Historia das curandeiras1 e a das mulleres que non desexan seguir os camiños marcados pola tradición e polos homes da aldea. E é aí, nese instante, en que na nosa cabeza resoan as palabras con olores de ruda.

                                        Barlavento e sotavento, 

                                        leva-me...

1curandeira:



mércores, 24 de setembro de 2025

María Reimóndez recomenda Probably Ruby de Lisa Bird-Wilson

 


    Un clásico da literatura indíxena canadense onde aquelas a quen se lles negou a dignidade e o relato retoman a palabra para falar do atroz, mais tamén da esperanza.
    A violencia que relata Bird-Wilson é durísima e encarnada, cun relato que remexe e busca seguir a protagonista, Ruby, nas consecuencias do racismo que a sociedade branca non quere ver. Detrás de todas as "historias tristes" de persoas indíxenas drogodependentes e sen fogar hai, como demostra Ruby, unha longa batalla co relato imposto ata atopar a propia voz.

sábado, 24 de outubro de 2015

De Circes e Morganas

Begoña Caamaño

Por Lara Rozados

Hai case un ano que perdimos a Begoña Caamaño, amiga, veciña, escritora, xornalista, compañeira na loita feminista... Irmá. A palabra sororidade cargábase de significado coas redes que Begoña tecía. Despois de dous anos de loita incansable, malia conseguir coa súa forza incrible que crésemos nos milagres, a enfermidade levouna un 27 de outubro.

Begoña Caamaño encarnou os famosos versos de Bertolt Brecht no requiem de Lenin: “Quen son febles non loitan. Quen son fortes loitan unha hora. Quen son máis fortes loitan moitos anos. Quen son as máis fortes, loitan toda a súa vida. Esas son as imprescindibles”. Necesitamos moito a Begoña, loitadora imprescindible.

Ela, coma esa Penélope de Circe e o prazer do azul, tecía e destecía. Tecía fíos que nos unían nunha comunidade, nunha tribo que compartía cariño, liberdade e amor pola vida, no Barrio de San Pedro, na Rede Feminista, en tantos colectivos como se implicase, ela, activista inesgotable do día a día. Destecía, coa súa escrita, os relatos construídos desde a mirada patriarcal, as narrativas dos que sempre dominaron, para reconstruír a historia desde a perspectiva das silenciadas.

Esa voz forte e liberadora ecoa nas súas novelas, e desde A Sega quixemos recoller homenaxes de escritoras que, coma Begoña, lles desen a volta aos mitos, aos contos, ás formas de explicar o mundo que sempre nos foron narradas desde o androcentrismo. Para que sexan escoitadas as silenciadas, as esquecidas, as malditas, coma a súa Morgana en Esmelle, que presenta ao final da novela a súa historia, “contada por min mesma, coa miña voz. A única historia en que me vexo e en que me recoñezo”. Para racharmos cos mitos, e tecermos rede entre nós, como Circe e Penélope a intercambiaren cartas.

E velaquí esta carta colectiva, con prólogo de Encarna Otero. As palabras de Begoña Caamaño inspiráronnos poemas, ou lembráronnos poemas antigos que recuperamos, a María do Cebreiro, Andrea Nunes, Marta Dacosta, Enma Abella, Rosalía Fernández Rial, Eli Ríos, Ana Romaní, Lucía Novas Garrido, Helena Villar Janeiro, Carmen Blanco, Chus Pato, Sabela Rodríguez Reino, Susana Sánchez Arins, María N. Soutelo, e quen lles fala. Anxos Sumai achegounos “Donaizide e as mil e unha mulleres sen nome”; Raquel Miragaia, “Mouras”; María José Fernández López, “A herdeira da serpe”; Cris Pavón, “Acordar de bela”; Iolanda Aldrei, “Isolda dos beijos tristes”; Goretti Sanmartín Rei, “As cousas, a partir de agora, xa non serán o mesmo”; Mercedes Leobalde, “Musas”; e María Reimóndez trouxo para o galego “A filla do guerreiro”, de Zitkala Sá, “Escóitame, Sanjaya”, de Sashi Deshpande e “Whakātane”, de Ngahuia Te Awekotuku. Esta última autora maorí demostrou como esas redes que Begoña tecía chegaban a conectarnos a mulleres do mundo todo, e quixo vir a Galiza para coñecer o lugar e as amigas dela.

Por último, indicamos que De Circes e Morganas pode descargarse na páxina da Sega desde hoxe mesmo. E pechamos esta presentación co poema de Andrea Nunes Brións, lanzando así un fío desa rede con Nanjing, na China, onde ella vive e traballa.


VARIACIÓNS
1
Cando marchaches,
ficou un animal ferido no meu padal,
un animal en crequenas a se lamber as coxas da alma,
unha alma partida en anacos que morderán as bestas,
Bestas que fican a escuras procurando carne
por non tragar mais
a RAIBA.
2
Cando marchaches,
atopei aloumiños en cada letra do teu nome,
as mans abertas acariñando fazulas.
Foi pronunciarte
e chegaren as bruxas que viven no barrio de San Pedro.
Comeza o aquelarre:
Dafne sabía que a noite aínda daba para outro viño,
Atenea engataba con Medea,
              -ben sabemos como gosta dos seus cabelos-
mentres Aretusa cubríanos con barro a todas,
Circe e Penélope líanlle as súas epístolas a Medea.
A cantar alto mais unha vez Filomena
Hera, Eris e Afrodita recollían mazás para o banquete
mentres Atenea sorprendía cun aturuxo,
sorría Lilith mirando como ardían nas chamas
os odios de Eva e de todas as súas fillas.
Bailaba Cenis, brindaba Morgana,
e eu
dende lonxe,
ollei como te subías sorrindo, a túa vasoira, .
unha estela lilás apareceu de golpe,
fitando o teu voo, puiden descifrar as túas palabras:
“Somos malas, pero podemos ser peores”.
Para Bego, nosa valente.