Buscar neste blog

Amosando publicacións coa etiqueta segadoras x segadoras. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta segadoras x segadoras. Amosar todas as publicacións

martes, 2 de xullo de 2024

Corpo jazz: toda a luz está na música por Susana S. Arins



Como adolescente leitora de Julio Cortázar, tenho gravada na memória o relato El Perseguidor, aquele saxofonista de jazz levado do álcool e as drogas que se perde de si próprio na música. Lembro a leitura um pouco alucinada, pois era eu desconhecedora do jazz e os seus mundos de improvisações e estándares, e as visões metafísicas do Johnny Carter ficavam longe de mim. Desconheço se a Jackie Kay conhece este relato, porém a sensação foi a de ela escrever à contra. 

Kay coloca diante nossa outro génio musical: Joss Moody, trompetista. Escocês, negro, de família humilde, pretendido músico de jazz. Muitas papeletas para ficar à margem. Porém, Joss consegue fazer-se um lugar no mundo artístico e, quando morre, é saudado assim, como grande músico. As pessoas que o quiseram e as que o conheceram evocam a sua figura, ao mesmo tempo que jornalistas procuram a reportagem melhor sobre ele. Essa devera ser a essência da trama: o réquiem final, de amores e ódios, por uma pessoa que falece. A viúva a viver o seu dó, o filho a internar-se na orfandade, as amizades a esmiuçar pecadinhos de artista, a trabalhadora da casa a rejoubar das misérias conjugais dele. 

Dele ou dela. 

Porque o dia do falecimento do Joss faz-se público um feito privado só conhecido pola sua viúva: tinha corpo de mulher. E isso faz com que muitas das pessoas que o quiseram ou o conheceram duvidem da verdade que viveram com ele, que mudem a olhada sobre a pessoa, a sua música, as suas decisões. E faz com que abutres jornalísticos procurem rapina onde só há uma pessoa falecida. 

O livro organiza-se em capítulos de vozes variadas: as pessoas da vida de Joss (viúva, filho, amizades infantis, amizades adultas, mãe) e as pessoas da sua morte (forense, funerário, notário…) narram as suas convivências ou os seus encontros com ele. Têm protagonismo especial mãe e filho, ela a navegar o loito, ele a transitar a raiva. Outra voz protagonista é a da jornalista que procura escrever O livro sobre o Joss Moddy, ou a Josephine Moddy, em realidade. Partindo dessas narrações variadas as leitoras acedemos não tanto a uma visão poliédrica do que pôde ser a vida do trompetista, mas a uma visão poliédrica sobre as atitudes transfóbicas ou respeitosas da diversidade sexual na nossa sociedade. As personagens exprimem as suas impressões perante o descobrimento sobre o Joss e colocam diante nossa todo o catálogo de preconceitos e (in)sensibilidades que unha pessoa diversa pode encontrar no seu dia a dia. 

Joss Moddy só tem voz em um capítulo. Nele narra a sua própria morte. E o seu encontro coma música. A morte como transo, a música como transo. O transo sem corpo. Na música e na morte. 

Para mim este é um dos grandes acertos da autora. Em quanto (muitas d)as personagens divagam sobre qual o corpo do Joss, qual o seu nome, qual a sua identidade, ele define-se a si próprio como alguém que apanhou um corpo estándar, e fez dele a sua versão baseada na improvisação. Autêntico jazz.

São muitas as correntes e subtemas que recorrem este romance, que merece um leitura atenta e apaixonada: o labor dos meios de comunicação de massas, o contraste rural/urbano, as identidades nacionais, o racismo. 

A surpresa enorme para nós, leitoras, foi ler nos créditos a data de publicação da obra. Porque Jackie Kay escreveu esta maravilha noutros tempos que eram, como diz tanta gente, sem a visibilidade atual das diversidades LGTBIQ+: 1998, há bem mais de 20 anos. 

E deve ser mencionado o labor essencial das mediadoras que perseguem para nós estes textos. Neste caso, a tradutora, María Reimóndez, ademais do trabalho brutal de agalegar o texto para nós (em todos os sentidos), manteve o empenho em procurar editora galega para esta obra, ao considerá-la necessária no nosso repertório literário (concordamos). Este é também o labor das boas tradutoras. Essas são as perseguidoras. 


Trompeta, de Jackie Kay

Tradução de María Reimóndez

Hugin e Munin 2023

luns, 19 de febreiro de 2024

Todas nós somos curuxas por María Reimóndez


    Non vou negar que Susana Sánches Aríns é unha das miñas autoras favoritas en calquera lingua. A súa maneira de narrar ten unha singularidade única, desas que fai dalgúns noutras linguas candidatos ao Nobel e no caso que nos ocupa un tesouro con menos difusión da que merecería a súa escrita. Este comentario introdutorio pode parecer irrelevante para achegarse ao texto do que quero falar, mais penso que é importante lembrar que o que nos escritores se valora (a voz propia, sabermos ao abrir o libro que é un, por dicir nomes, Manolo Rivas ou Paul Auster quen o escribe), nas autoras parece mencionarse máis como chata que como valor positivo. Non ten por que ser en si mesmo nin unha cousa nin a outra, pero crear un mundo propio e un estilo propio é un fito que no caso de Aríns non é para nada menor.

    Nesa fronteira Anzalduana entre a prosa e o poema, neses textos que parten da aparente anécdota para compartir conmovedoras verdades, espreitan tamén estas Cinco corujas. Fai falta moito saber literario para producir un libro coma este, no que se parte de “contos”: non deses dos irmáns Grimm, nin sequera dos de Ánxel Fole, senón dos “contos” que contamos nas familias, nas amizades íntimas, sobre o que pasou, sobre o que lembramos, sobre o que fixemos cando eramos cativas. Arins demostra que podemos falar con sensibilidade da vida propia sen que esta caia nos vicios da “autoficción”, ese relato a miúdo autocentrado e inzado de referentes literarios que aburren, desconectado do social.

    A escrita de Aríns é precisamente o contrario. É retrato do individual inscrito no seu contexto, da memoria política contra a nostalxia. E neste libro faino nun territorio que precisamente é o espazo primordial da nostalxia: a infancia. Ese lugar idealizado no que as liñas se fan borrosas ata tal punto que as propias crianzas non conectan co relato porque as súas vidas son moitísimo máis complexas ca a nebulosa que crean os autores que defenden que esta é a súa “patria”. As Cinco corujas escriben contra todo isto, rescatan o vivo da lembranza para facer vibrar en nós a actualidade do sentimento.

    Nese sentido, é este un libro fronteira tamén no referente á idade. É un libro interxeracional, diría eu, que nos lembra que para falar de/con/para a infancia se cadra o máis importante non é mencionar as cousas que as persoas adultas pensamos que interesan ás crianzas, senón volver ao esencial das emocións, dos segredos, dos momentos.

    Aí é onde estas curuxas alcanzan a marabilla, en seren capaces de deitar unha ollada infantil, en non perderen nunca a sorpresa, o medo, a conmoción, o enfado que recoñecemos no noso eu máis pequeno. Nese sentido, é un libro que fala ás crianzas de xeito directo, como unha máis. E tamén fala ás maiores coa voz dunha curuxa máis que observa nas anécdotas cuestións tan importantes como a vida no rural, a violencia, as estruturas de clase, a familia estendida da aldea. Porque estes son os temas que percorren estes retallos de vida, magnificamente ilustrados por Andrea López, nos que lembramos o coche de Bebeto, os inicios (frustrantes) na escrita, a observación das fisuras sociais (os privilexios das fillas do mestre aos que xa a voz narradora quere renunciar), o feble equilibrio dentro das familias, a violencia que fica silenciada nas voces pequenas.

    Oxalá estas curuxas se multipliquen e estendan as súas ás preto e lonxe coa xenialidade incisiva e sensible da escrita desta autora singular que temos a sorte de chamar compañeira.

xoves, 11 de abril de 2019

Tu contas e eu conto de Susana S. Arins por Eli Ríos




Hai escritas que se acompañan con rituais necesarios. No meu caso acontéceme cos libros de Susana Sanches Arins. Nos días da publicación fuxo, a canto dan os pés, de calquera spoiler. Tapo as orellas, como as crianzas, e repito "non te escoito, non te escoito" para non romper a maxia. Esperar que chegue a obra á libraría coa emoción da noite de reises. E reservar o tempo porque sei que o preciso nada máis saia pola porta. Ese tempo sen teléfono, sen compromisos. Ese tempo só para escoitar os contos de Susana S. Arins. E volta o verbo escoitar cos ollos, oír na lectura porque as grandes contadoras, como Susana S. Arins, saen do papel para transmitirnos a memoria do miúdo. A memoria do cotián, desas cousas do íntimo das que ninguén fala e que son as heroicidades diárias como sobrevivir á precariedade ou regresar á casa despois de sentir o medo no corpo. O privado e o público. O político desde o persoal. Repensar onde estabamos o día do accidente do Alvia ou na nevarada de 1987. A narradora, nunha auto-ficción maxistral, cóntanos que facía ela ese día e nós tamén queremos saber. E, nese instante, prende a maxia. A faísca primixenia para sabernos parte da historia. Dentro. Porque a Historia que se conta nunca é individual: está quen cala e quen obriga a calar. Tamén quen ofrece as liñas do papel para erguer a voz:

E deu um nome. E sabia.1


Dezasete contos, dezasete poemas nos que o humor atravesa as palabras para nomear o que non existe. A nosa historia na voz que vén desde o tempo no que "Um torques de areia separava o manto azul da terra. E no norte chocava nuvens um imenso Pindo que da nossa aldeia não parecia assim tão crescido. Nunca eu pensara que o mundo pudesse ser tão extraordinário" (páx.140) ata os outros máis próximos nos que:

eu voto na rúa
porque está proibido2


E o sorriso conxélase nos finais sorprendentes. O frío instálase entre as costelas e case doe ao respirar. "O conto é, para mim, o equivalente da poesia, mas em prosa", di a autora. A poética da narración e a narratividade da poesía conxúganse para premer na dor da conciencia. Pensar ou respirar? Aterecidas, e case afogadas, escoitamos a voz da narradora axotándonos: "Todas sabemos contar. É sentar e escrever frases, umas atrás das outras. Como quando falamos. Início, desenvolvimento e desenlace. Problema e solução" (páx. 77). E tu contas e eu conto, e temos un problema e buscamos a solución xuntas porque diso se trata, de non abandonarnos na narrativa. A narradora regresa sempre a buscarnos para protexernos do frío e cunha bombona de osíxeno. O humor e a sororidade. Crer na palabra da compañeira aínda que o alzheimer poboe as memorias. Sobrevivir ás violencias arrancándoas dos espazos sen aire, dos silencios, para construír outros novos nos que "Rimos as duas. Comportadinhas e cumpridoras das leis" (páx.135). E, incluso, para recuperar outros que habitamos desde as marxes " porque nesta manhã, a cidade é nossa" (páx. 74).
Sobrevivir ás violencias coa ferramenta da retranca na narración colectiva porque a alegría de vivir é o motor desta novela. De vivir, si, pero desartellando as estratexias que manipulan a memoria histórica ou invisibilizan as violencias. Cambiar o foco para cuestionar a intimidade, as situacións sociais, culturais, etc, para crear novas formas de amar, de relacionarnos e de ofrecer referentes nos que poder repensarnos.
E pecho a última páxina sendo consciente que a transmisión seguiu o seu destino, prendeu. A lembranza das traxedias colectivas, da memoria histórica, da neve na pel ou a das mulleres que cambiaron o día da festa. Quizais, algún día, contarei algunha destas historias e direi que lla escoitei a Susana S. Arins nun lugar no que tu contas e eu conto e todas contamos porque todas sabemos contar. E a maxia da literatura oral escrita en papel continuará o seu camiño.

Susana S. Arins, Tu contas e eu conto, Através editora, 2018
















1 páx.62
2 páx 138

xoves, 14 de marzo de 2019

Punto de encontro por Ánxela Lema París




Pasar as páxinas do Spleen en catro tempos de Arancha Nogueira é adentrarse nun mapa onde todos os puntos marcados nos resultan familiares. Un mapa por onde todas as que nacemos entre finais dos oitenta e principios dos noventa vagamos zombies, cansas e ansiosas. Un espazo que creou como punto de encontro para o acougo e o entendemento, para a empatía e a rede.

Un discurso poético con pegadas dunha Lupe Gómez cando lemos as súas vontades “de saír correndo polas rúas/ espida e vermellísima/ case igual que como nacín” e, como os de Lupe, versos directos, desgarrados, reais, que doen por momentos e que, por outros, sacan un sorriso. Un espello no que non sempre e cómodo verse, mais si necesario.

Encontramos aquí unha cidade escura e gris, unha Compostela na que vivimos de aluguer, na que os corpos teñen cicatrices e nada teñen que ver cos maniquís utópicos, na que xa non están as amigas de sempre porque tiveron que emigrar e onde as que aquí ficamos imos dun lado para outro en constante transición precaria. Nogueira mostra sen filtros de Instagram a crúa realidade da nosa xeración cunha angustia constante que percorre todo o poemario sobre as promesas nunca realizadas, os obxectivos nunca acadados e con ese conflito continuo co que vivimos entre a realidade e a ficción. Porque, como ben di, “o feo sempre nos molesta” nunha ollada afeita ao mundo de Mr. Wonderful, cheo de emoticonos e un mundo dixital tan perfecto como irreal que nos fai cuestionarnos a cada paso. Ben ao contrario, o que nós temos como paisaxe é unha “chaira enorme de plantas de interior” que nunca fotografamos por vergoña a partillar. E como iso, o silenciamento do número de lavadoras que poñemos, do blue tac que queda pegado nas paredes de cada piso que habitamos e das postais que non imos mandar porque iso, como o feo, incomoda.

Neste clima de ansiedade e nervosismo, a voz poética deambula cansa, chea de sono, entre luces de neón e afters e encontra a calor de quen mira e goza feliz da cidade (“ollar para ti daba case calor/ todo en ti era un sanxoán”). Unha voz poética que, confesa “eu quería ser labrega pero só son outra cousa” porque non todo dependía de nós como o mantra que nos repetiron de pequenas. E por iso a fascinación de mirar para quen trae “o sol nunha manda de area”.

Prometéronnos o futuro e agora temos que pagar a cómodos prazos as ilusións que nos inxectaron. Un poemario, este Spleen en catro tempos, de perfecto tamaño para acompañarnos nunha vida ás présas que sucede en transportes públicos por non poder permitirnos nada de noso.

Nogueira, A., spleen en catro tempos, letra inversa, toxosoutos, 2018

xoves, 11 de outubro de 2018

Quem leia, perceberá. Palavra de bruxa por Susana S. Arins

Fotografía Paula Gómez del Valle

Quem tivera alguma vez interesse no historia da bruxaria, saberá do Malleus maleficarum, o tratado mais completo sobre as bruxas, contemporâneo à época de caça mais frutífera. Era o guia de inquisidores e torturadores para fazer um trabalho bem aprimorado. Quem tivera alguma vez interesse na historia da tortura saberá da cadeira das bruxas, ferro a se cravar nas entranhas reclamando confissão, saberá das tatuagens em ferro candente, do rapado de cabelos e pêlos, todos, saberá da submersão em águas frias e caldas. Quem tivera alguma vez interesse na história das infâmias saberá nomes: saberá de Martín del Río e do seu Disquisitionum magicarum libri sex, saberá do processo de Zugarramundi, saberá de Alfonso de Salazar e a sua crítica às torturas. 
 
Todo isto, e mais, demonstra conhecer fundamente, no seu Palabra de bruxa, Andrea Barreira Freije, mas com a mestria de não o mostrar. 
 
Um dos grandes perigos dos romances históricos, ou daqueles que sem ser históricos, são colocados em épocas distantes da nossa, é o excesso expositivo. A abundância explicativa. A cornucópia contextual. Contar-nos como comiam, dormiam, sentavam, caminhavam naquelas idades para que nos fique claro o fundo trabalho documental da escritora. Que é um tribunal inquisidor. Como funciona um moinho. Que peças de roupa veste cada grupo social. Quanto lhe leva a uma carruagem fazer uma posta entre Queixumes e Naibaco. Informações desnecessárias que empecem a leitura da trama. 
 
Andrea Barreira sabe que naquelas idades as mulheres comiam, dormiam, sentavam, caminhavam e eram tratadas coma hoje somos tratadas. Por isso nos poupa os contextos e opta por trazer a nós as vozes e os boatos. As opiniões e as reflexões. As estórias e os contos. Os feitos. E quem não souber de bruxaria, torturas, infâmias, ficará com vontades de ir a wikipédias e caros barojas, porque a curiosidade é o pouso que deixa a leitura. 
 
Palabra de Bruxa descreve o julgamento ao que é submetida Berenice, da casa das Xanas, acusada de ser bruxa, assim em geral, mas de todos os delitos associados a este, em particular. Cada particular é uma parte das que artelha o livro: o delito de não depender de homens, o delito de ser parteira, o delito de não acreditar no deus cristão, o delito de sandar feridas e doenças, o delito de ter relações sem ser casada… 
 
Numa estrutura que de longe recorda à d’A Esmorga1, cada parte começa com a voz altisoante do juiz a recitar a acusação para continuar a narradora a relatar os feitos tal qual aconteceram. O ponto de vista dança dumas personagens a outras, mas tem especial presença a da Berenice e a do Pío Salazar, caçador caçado. Nesta narrativa dos feitos vamos compreendendo o espaço que ocupam as mulheres acusadas de bruxaria na sociedade da época: a margem, a desobediência, o incomodo. Na figura de Berenice são concentradas todas as características que podiam cumprir as suspeitas: serem autónomas social e economicamente, possuirem terras ambicionadas pola vizinhança, contarem com conhecimentos ou saberes vedados a outrem, praticarem a medicina por fora dos canais acadêmicos. Berenice faz todo isso e mais: é pagã. Acredita na Natureza como deusa e pratica ritos e crenças desses que a Igreja exterminou ou assimilou como próprios. Todas as atividades da Berenice podem ser vistas duma outra maneira. E assim o recorda de contínuo a narradora com uma frase que devém leit-motiv: quen escuitasse, quen visse, quem observasse, quem contemplasse a cena poderia pensar que… era uma dança do demo, era uma serva do demo, era uma paixão do demo, era todo obra do demo. Mesmo as cousas mais quotidianas e naturais.

Berenice non abriu os ollos até que sentiu uns choros fortes, contundentes. Quen escoitase podería pensar que acabava de nacer unha nena tan poderosa que se podería dicir que era filla do Demo. Xoana e Pío non eran quen de articular palabra. Cortaron o cordón… (pág. 117).

Percebemos as percepções sem necessidade de escuitar os testemunhos, mas como Pío, podemos imaginar perfeitamente que vizinho narra e como cada um dos feitos provados para a acusação2. 
 
Só as vozes de três personagens escuitamos durante o juíço. A do juiz acusador a recitar delitos e reclamar a confissão da ré. A do Pío Salazar, advogado defensor, a fazer um discurso que utiliza o argumento da inferioridade feminina para lhe evitar a morte à acusada. E só, no final, entre as lapas da fogueira, a voz da protagonista. A mesma Berenice e defender a sua vida e as suas práticas. A negar-se à súplica. A reivindicar o seu mundo em extinção. 
 
Andrea Barreira consegue manter a nossa atenção mesmo sabendo quase desde início o fim do conto (quem sabe de histórias da bruxaria, da tortura, da infàmia, sabe). Consegue que acreditemos nas personagens e as leiamos reais, autênticas, possíveis. Consegue mergulhar-nos na atmosfera da época e do lugar só com a força das palavras. Palavras de Escritora. 
 
Só não percebemos mui bem o lugar que ocupa o romance no repertório da editora, pois pensamos que o seu público é mais amplo que o juvenil ao que vai destinado a coleção Costa Oeste.

Andrea Barreira Freije: Palabra de Bruxa.
Editorial Galaxia, 2018.
1 A autora consegue, só com as escolhas de estilo e língua que as leitoras percebamos claramente a distância, brutal, entre poder e vítimas.
2Isto parece-nos do mais logrado da obra: evitar-nos os testemunhos histéricos ou raivados de personagens vingativas, como nos típicos filmes judiciais.

martes, 24 de maio de 2016

Cando a poesía persoal é política (tamén)

Imaxe: Lara Rozados

Por Eli Ríos

Seique a poesía é esa expresión artística onde se manifestan sentimentos, pero que acontece cando ese sentir privado da poeta atinxe o político? Pois, como ben afirmou o xurado do VII Certame de Poesía Victoriano Taibo sobre o Caderno amarelo de Lara Rozados, agroma unha "radiografía xeracional" na que se prescinde do eu como suxeito para convertelo nun plural do que todas formamos parte. A poesía transfórmase nunha ferramenta de expresión das rúas, das súas xentes, do colectivo, do hoxe, do aquí e do agora. Sen adornos e cunha linguaxe clara. Sen eufemismos. Poemas contundentes dun tempo precario, agresivo e inzado políticas discriminatorias e dominantes. Si, o persoal é político tamén.

O Caderno amarelo parte do cotián, das cousas concretas que vivimos ou vemos. A poeta enfoca, aporta un gran de luz e fixa a atención nunha notícia dun xornal, nunha carta, nun insomnio, nun silencio,..., e, quen lemos, descartamos a posibilidade da inverosimilitude porque todas coñecemos un Birama, ese desacougo que nos impide durmir("aproveitaremos tamén/ o insomnio/ para destecermos as arañeiras", ( p.37), esa incerteza laboral( "Buscamos unha liña de fuga/ que nos permita vivir/ sen termos que vender seguros/ a porta fría", ( p.45) ou tentamos "acalmar o proído/ con menta brava"( p.55). Incluso, si, incluso, gardamos na memoria a "dúas adolescentes/ enforcadas/ e antes violadas/ en Uttar Pradesh"( p 41) porque sabemos, e somos conscientes, que a primeira dominación vén dada pola estrutura da familia patriarcal. Na infancia e máis alá porque as relacións interxeracionais danse no eido da desigualdade. E sobre un sistema de dominación sexual apóianse xerarquías, élites ou dominacións de raza e clase. A opresión no seu sentido máis amplo. O control sexual, económico ou psicolóxico onde " o peor é que poden deixar claro,/ por riba de todo, que eles poden./ Ti nunca podes nada."  (p.54) e " Queremos marchar/ e non sabemos onde"( p.46), pero non o faremos, non... porque, a pesar de non ter diñeiro nunha cultura do diñeiro, de ler " as noticías do xornal/ a reproduciren a neo lingua" ( p. 29), de que os nosos sentimentos sexan " transcritos/ en castelán"( p.35) ou que as violencias e agresividades pretendan inventar privilexios... nós sabemos que " o único que non é real/ é o muro" ( p.30) e a visión do trauma non fai máis que revolvernos. A fendedura pola que entra de novo o aire.

O Caderno amarelo arrepón, como nosoutras, o xenio ante a inxustiza. E non somos as únicas porque xa " así o dicía Billie/ Nunca acougamos/ Algo proe aquí, / no fondo." ( p.48) e estamos/somos " No camiño, sempre. / Compañeir@s de viaxe" (p.20).


martes, 8 de marzo de 2016

'A cidade sen roupa ao sol', mais coa forza da palabra, de Marga do Val

Cadro de Catherine Lopes-Curval

Por Ánxela Lema París

Aínda que existen moitos poemarios que recollen poemas máis que reveladores, poemas que se meten no corpo ou que asaltan a túa cabeza, sempre hai un poema con que cada lectora dá e que pensa: “Só por este texto este libro tiña que publicarse”.

No medio da situación actual en que nos encontramos, onde o ser muller está a baleirarse de signficado e onde o corpo semella pertencer a un mundo ao que miramos desde o sofá crendo velo dentro dunha película de serie B, ás veces unha encóntrase cunha sucesión de versos que paga a pena espallar. Pois ben, desta vez foron os versos de Marga do Val proxectados en A cidade sen a roupa ao sol e, máis concretamente, os versos pertencentes ao seu poema “Kahlschlag”. Quizais non sou eu a persoa máis indicada (en fin, quizais non, senón que seguramente non) para reflexionar sobre estas palabras, mais o importante da poesía, penso, é transmitir, facer estoupar e mover os corpos, mais da forma que nós mesmas decidamos e non da forma que deciden desde ese outro mundo guionizado e patrocinado por deus-sabe-quen.

e lustramos os zapatos/que gardan as pegadas do andado/e así procuramos/que sea máis doado cada día/mentres agardamos outro día/coa mesma tranquilidade/con que dobramos as sabas!


Unha, despois de ler isto, busca os zapatos que ten no armario e comeza a debater con eles sobre as historias que viviron, cales lembran e cales non, sobre os pasos que a trouxeron até o agora... Todo isto sen deixar de pensar que vivimos co terrible costume de alterarmos a estética dos pés cada mes, ou quizais cada semana, semellando que con cada calzado novo esquecemos as pisadas realizadas co anterior. Coa data de caducidade que cada elemento que nos rodea ten a día de hoxe chegamos ao punto de non manter ningunha relación de confianza, ningunha relación real. Conseguen/-imos que sintamos a necesidade de renovarnos mais nun proceso en que o baleiro está continuamente presente, é dicir, nun proceso que non avance e que apenas enfatiza o baleiro sen deixar que proxectemos ningún recordo ou que deixamos algunha mínima pegada na memoria.

E cada día erguerse, ir traballar, volver a casa, comer, volver ao traballo, cear, durmir... conscientes, no mellor dos casos, de que esas pisadas están, ou estiveron aí, mais das que por veces non queremos facernos cargo. Falta o sentimento de arraigo, mais non a unha terra, a un país, ou a calquera deses conceptos socialmente construídos, senón un arraigo ao que si que é realmente noso, á arquitectura máis importante: o NÓS, o noso corpo. Está a configurarse o corpo como un construto alleo a nós sobre o que non podemos emitir ningún xuízo de valor e ao que temos que deixar traballar no lugar de sermos nós quen decida por onde o queremos levar. Está a facerse do corpo unha entidade que parece falar por si soa e sobre á que temos que preguntarlle cal é a nosa relación con ela. A pregunta, entón, que nos debemos facer é como ser nós mesmas en lugar de Jhon Malkovich (?!).

se baleiramos as cidades/e achamos as heroínas/que gardan as pisadas do andado/e así procuramos/que sexa máis novo cada día/mentres agardamos outro día/co mesmo desasosego!


É preciso baleirarmos toda esa obsolescencia, baleirarmos todos os armarios ateigados de obxectos sen carga de significado, para darmos coas verdadeiras heroínas, aquelas que precisamente construíron cada un dos pasos que nos trouxeron até aquí. Unha heroínas cuxas voces algúns se esforzan en difuminar entre o ruído, entre o ruído de tantas voces baleiras de significado.

Espir as palabras/de fanáticas roupaxes/É máis ca lles mudar a roupa/É tirarlles a vendaxe. Como rozando o chan... /Sen tinturas nen verniz/Un novo comezo!


Hai que baleirar as cidades e hai que espir as palabras para encontrarmos a realidade e quitarmos de diante a espesa brétema que non nos deixa mirarnos os pés e ver os cangrexos en que nos convertemos. Hai que quitarse os zapatos, rozar e sentir o chan seguras de cada paso que damos cos nosos pés, co noso corpo e con ningún outro corpo robótico e tecnoloxicamente deseñado para saber como sobrevivir no mundo das palabras corruptas, nese outro mundo que nos ataca polas noites e intenta caracterizarnos á súa imaxe e semellanza.


Isto apenas foi o traslado do que estes versos conseguiron revolver na miña cabeza. Isto foi un breve momento, mais os versos de Marga do Val ficarán para sempre tal e como se deseñaron: cargados, ateigados, do significado e a forza con que contaron desde o primeiro día. Son unhas palabras espidas de roupaxes definidas por conceptos puramente estéticos coa finalidade de se converteren en palabras feitas por e para o real, para seren unhas palabras coas que si temos que botar a andar.

Marga do Val: A cidade sen roupa ao sol (Espiral Maior, 2010)

xoves, 25 de febreiro de 2016

Todas as mulleres que fun

SEGADORAS X SEGADORAS

Fotograma de Todas as mulleres que fun.

Por Eli Ríos

Andrea Nunes e Raquel Rei crean no 2008 o grupo poético-musical As Candongas do Quirombo a través do cal xeran as imaxes que acompañan este poemario.

Podería destacar a importancia desta creatividade experimental na que a poesía escrita se reinventa impresa en sucesivos fotogramas. Podería, tamén, falar da intertextualidade (María do Cebreiro, Chus Pato, Ana Romaní…) coa que, a autora, xoga deconstruíndo o suxeito para erixir outro colectivo feminino como quen tece un fío tras outro até chegar á peza final: un poemario-matria. Podería, sen dúbida, ademais, chamar a atención sobre a temática na que o mundo simbólico se alza ben lonxe do capitalismo, da falta de consciencia ecolóxica e a contrafío do sometemento. Podería, filoloxicamente falando, analizar os recursos e técnicas que a poeta domina á perfección para artellar, páxina a páxina, un poemario como Todas as mulleres que fun.

Podería facer todo o anterior pero… non quero! Porque hai escritas que nos abren portas a moitas persoas que experimentamos esta forma de expresión artística. E, este, é o caso.

Xa sabemos que aquilo que non se representa non existe. Entón, se desexamos visibilizar a figura da muller podemos colocala como protagonista e suxeito do texto. A idea estaría ben se non fose porque a linguaxe é falocéntrica nas propias estruturas, é dicir, esa hipotética relación binaria nos xéneros, ao final, non é máis do que unha clara estrataxema que exclúe o feminino. O poemario de Andrea Nunes é devastador nese sentido: o imaxinario masculinista non existe!

Todas as mulleres que fun son historias de mulleres contadas por esas mesmas mulleres cunha linguaxe emancipadora sen filtros de ningún tipo. Tratan as relacións coa nai, coa literatura, co cinema, a violencia cotiá, etc., dando orixe a unha cosmovisión feminina desde a mesma xénese. A identidade feminina para “describir o comezo” (p. 65) no que “teño que nomear cada unha das túas vértebras”( p.33) edificando un universo simbólico desde o suxeito colectivo feminino “porque esta Matria constrúese logo de perder o medo” ( p.67). E o eixo que nos acompaña, ao longo desta Matria, é o desexo feminino, autónomo e consciente. O afectivo e o erostismo articulados literariamente no estético alí onde “o rito comezaba núas, léndonos” (p. 47).

Pecho o poemario e colócoo no estante sabendo que as palabras non quedan presas nas páxinas. Elas irán chamando polas compañeiras e, algún día, mostraránnos mancheas de versos ás que entramos, pola porta aberta por Andrea Nunes, na procura de novas linguaxes e descubrimos que é posible

“ Retorcer as palabras e rillar entre os dentes
berros púrpuras”
(p.21)

Andrea Nunes Brións: Todas as mulleres que fun. Compostela: Corsárias, 2011.