Buscar neste blog

Amosando publicacións coa etiqueta novela. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta novela. Amosar todas as publicacións

mércores, 19 de novembro de 2025

María Reimóndez recomenda... Suya era la noche de María Ovelar

    Seguramente esta é unha desas novelas onde o formal xustifica un relato que sería unha sucesión de decisións dubidosas. O delirio de sexo, drogas e unha vida na que o material está demasiado ausente (de onde saca a protagonista os cartos para drogarse, como sobrevive un corpo en permanente contacto sexual con outros sen pasar por ningunha ETS?) que se narra ao longo da novela resulta interesante pola compaixón coa que se acompaña a protagonista por esta baixada aos infernos. Esa mirada que acompaña e observa cunha certa tristeza (e que só ao final entendemos a quen pertence) é a que axuda a deixar de manifesto sen glosalas todas as violencias obvias, empezando pola necesidade permanente de validación e o "cuelgue" constante de tipos (un en particular) que se algo merece é, como mínimo, unha patada no cu e, como xusto, unha denuncia (ou varias).
    Aínda que a suposta evolución da protagonista me pareceu bastante curta (e non sei que dicir dunha tía galega maligna que aparece polo medio e onde non sei moi ben a que vén enfatizar unha orixe que non se indica en case ningún outro personaxe... ou do paso tan machocentrado pola bisexualidade da protagonista) penso que a pulsión literaria fai que non poidamos deixar de lela. Nun tempo de moita literatura escasa de, precisamente, literatura, esta voz perdida na noite axuda a explorar espazos nos que as mulleres tamén teñen dereito a estar, a vivir como decidan, coas sùas decisións e conflitos.

mércores, 19 de marzo de 2025

xoves, 13 de marzo de 2025

A continuidade planetaria por M. Reimóndez


    En Australia, semella que o nome de Inga Simpson adoita ir sempre acompañado da ladaíña “escritora da natureza”. É este un título estraño que se cadra busca recoller a escrita dunha autora fondamente sensible e cunha gran capacidade para achegarse á realidade dende un lugar que supera os límites do humano (e, polo tanto, acaba entrando no “natural”).

    Tiven a fortuna de compartir unha mesa sobre “escrita verde” con Inga Simpson no fantástico Festival Literario da Universidade de Dibrugarh, no estado indio de Assam e, como adoito facer nesas ocasións, sempre que as miñas habilidades lingüísticas mo permiten, achegueime a un dos seus títulos que atopei en formato electrónico, Nest. Fascinoume esa historia íntima da relación entre unha pintora solitaria e o seu alumno, un neno pequeno, que reflexiona sobre a perda e a capacidade para pechar feridas que o coñecemento proporciona. Mais se algo me abraiou desa novela foi a capacidade de Simpson para inserirme nun lugar, Nova Gales do Sur, en Australia, do que nada coñezo e sentir o canto riseiro das cucaburras, a ollada de todos os paxaros, a súa plumaxe e a presenza dos diversos tipos de eucaliptos que alí, si, están no seu fantástico medio natural.

    Non puiden máis que recibir coma un auténtico agasallo que Simpson me trouxese unha copia da súa última novela, non accesible en formato electrónico, ao festival. The Thinning vén descrita coma un thriller distópico e novamente non sei se concordo de todo con estas categorizacións comerciais, porque para min o libro estableceu unha conexión mesmo estraña (no sentido dos “contos estraños”, non de allea) coa miña propia escrita que me deixou bastante pampa. Non entendo aínda como dúas mulleres en dous lugares tan distantes podemos escribir de cousas tan semellantes. Serán os eucaliptos? (Espero que non!)

    The Thinning é unha novela narrada por unha adolescente, Fin, a quen atopamos nunha Australia distópica na que, por motivos que ela mesma vai relatando, acaba vivindo unha vida como proscrita ao negarse a que a alisten para procrear cos chamados “seres incompletos”. Estes “incompletos” son seres humanos que “evolucionaron” a teren grandes capacidades mentais para desvantaxe das súas capacidades físicas (por exemplo, non poden soportar a luz do sol porque as súas retinas sufriron deformación polas pantallas, algo que Simpson comenta nunha nota final, xa está comezando a acontecer con crianzas en moitos países deses que chamamos “desenvolvidos”). 

    Fin vainos contando os feitos que a levaron a atoparse percorrendo furtivamente o espazo no que antes vivía con liberdade e a facelo con outro furtivo: un incompleto chamado Terry. Nos días previos a un eclipse solar total e sen entender moi ben por que, Fin e Terry deben chegar ao cumio do Monte Kaputar para axudar nunha misión rebelde da que realmente teñen moi poucos datos. A mai de Fin, unha fotógrafa dos ceos, é quen encomenda esa tarefa que fai que Fin percorra tamén o lugar onde viviu en liberdade cando a súa familia se dedicaba á observación astronómica.

    É esta unha novela que traballa temas como o dó ou, por suposto, o control estatal dos corpos das mulleres, ademais da devastación do medio natural (que se amplía tamén ao espazo) para chegar a un final conmovedor onde a propia Terra, con axuda dunha humanidade rebelde, acaba coas ameazas da cobiza.

    A escrita de Simpson volve ser directa, sincera e evocativa, unha combinación certamente de finos equilibrios. É interesante como a adolescencia ocupa un espazo central e tamén a multiplicación de significados, dende o propio título. Thinning ou “adelgazamento” non é só o proceso polo cal se vai perdendo biodiversidade (Simpson relata como escoitou falar deste concepto nun podcast), senón tamén a adelgazamento da luz solar cando a Lúa se interpón entre o astro e a Terra.

    En tempos de Intelixencia Artificial e de viaxes comerciais á Lúa precisamos máis relatos que nos fagan reflexionar sobre as consecuencias e, sobre todo, que nos dean esperanza e responsabilidade. Porque Fin e Terry constrúen no seu perigoso percorrido unha lapa que interesa seguir. E, se a seguimos ata o final do libro, atoparemos unha nota sobre como as paisaxes que no libro se mencionan, tan alleas para min pero que tan próximas sentín, están en mans de pobos orixinarios australianos que loitan neste momento nos tribunais e fóra deles contra un macroproxecto mineiro. Que Simpson doe parte dos beneficios da obra a esta iniciativa forma parte dun relato de esperanza que ten que partir de facernos conscientes da unidade de perigos que asexan en todas as latitudes. E tamén sobre a capacidade da literatura de achegarnos a quen, nun principio, parece ficar distante.



Simpson, Inga (2025). The Thinning.


xoves, 30 de xaneiro de 2025

O que non se conta por Eli Ríos

  
                                                                                                                                                                                                                                                                                                                                                                                                                                                                                                                                                                                                                                                                                                                                                                                                                           Aínda que Flores de ferro é unha novela coral de 430 páxinas, o silencio domea cada un dos recunchos e cada unha das experiencias que aquí se comparten connosco. Nela, a protagonista, Camila, que está na casa dos trinta con familia, éxito laboral, etc, non sabe que o silencio é o gran protagonista da súa vida. Tampouco é consciente de que no momento en que as palabras lle poñan nome á súa historia terá que decidir que facer con elas. E nós, como persoas lectoras, tamén.                                                                                                    
    O que non se conta vai prender en nós desde quen intúe, desde quen vai colando, aos poucos, os retallos de cada unha das historias para construír o plano xeral que nos ofreza a narrativa do lugar e de quen o habita: Briana, esa vila que pode ser calquera vila de Galicia( igrexa, praza, concello, somier, taberna, panadaría, feira,…) inserida nunha contorna facilmente recoñecible como Buño, Laracha ou Paiosaco, entre outras. E como nun cesto de cereixas, o relato de Camila, que regresa á vila para vender as propiedades familiares, vai desvendar como as existencias encerellan unhas nas outras e de todas queremos saber, incluso antes que a protagonista. Ese coñecemento que levamos adiantado vainos situar nun lugar incómodo da lectura porque sentiremos esa necesidade de intervir igualiño que cando vemos un filme e sabemos quen se esconde cunha machada na parte escura da pantalla cara onde se dirixe a persoa protagonista. E aquí o instinto chamará por nós para termar de Camila e explicarlle que Nidia non é mala persoa, que non digas cousas tan feas dela, que escoite a súa historia porque lle tronzaron a vida cando tiña dezasete anos e decidiu converterse na «Tola do Cemiterio» e alí hai “un feito que lle causa tristura e desconcerto: os calados. Os que están enterrados por fóra do valo, a carón do castiñeiro, sen lápidas, sen cruces nin nomes. Non reciben visitas e ninguén fala deles. Pero están aí, xuntos, amoreados, anónimos”1 . E nós, que estamos deste lado das páxinas, coñecemos a identidade dalgunha desas persoas que foron asasinadas na volta do 18 de xullo de 1936 e que non teñen nome nesa fosa común.

Un día Olga contoulle que don Daniel e os demais parecían alarmados. Dicían que a República estaba en perigo, que os militares conspiraban contra o Goberno. Antón escoitábaa, pero non sabía que dicir. El nada entendía de política.

Aquela tarde na horta, Olga deixou o labor que estaba a facer e, ao tempo que esculcaba o fondo do val, fíxolle unha pregunta estraña.

–Oíches o canto do cuco, Antón?

–Pois...–pensouno un intre–. Non, a verdade é que non fago caso de escoitalo ultimamente (…)

– O cuco non canta cando chega o fin do mundo–dixo ela.

E non se equivocou.

Porque o mundo virou do revés. Foi como se alguén abrise as portas do inferno e o mal prendese como o lume na louza seca. E xa non houbo máis que medo.2

  Pero no medio dese medo tamén hai resistencia para enfrontalo. Os homes, por alistados, fusilados ou escapados, non aparecen nunha realidade social en que as mulleres sacan adiante as familias, os traballos e os labores. E son estas mulleres bravas e afoutas quen cambian e interveñen a Historia. Aurora, Olga, a mestra María, Nidia, Elvira, Catarina, Matilde, Rosa,…, todas, dunha maneira ou doutra, axuntan os seus esforzos para tecer unha rede de sororidade en que se protexan unhas ás outras e na que chaman pola vida incansablemente. Neste terror de represión hai un espazo para o querer, para crear, para os coidados e para todo o que de verdade importa. Neste sentido a personaxe de Nídia, entre outras, representa a esperanza como comunidade, como colectivo, o futuro.


  O oficio de escrita de María Rei vai conxugar unha ambientación nun lugar moi concreto da xeografía galega, non só polas descricións, senón tamén polas escollas léxicas cunhas transicións, tan naturais, que facilitan inmenso o seguimento do fío narrativo. Combinar estes dous elementos non é nada sinxelo de conseguir cando tratamos con xenealoxías de familias estendidas e con continuas idas e voltas do pasado cara o presente e ao revés. Este traballo narrativo converte nun pracer a lectura desta novela e, tamén, grazas a que a autora consegue crear unha voz narradora que nos deixa o relato no punto exacto da intriga en cada capítulo. Ese discurso vainos levar cara o final sen decatarnos de que os silencios se encheron de palabras e que unhas outras historias van comezar sen que se oculte a tinta coa que foron escritas. 

Rei Vilas, M., Flores de ferro, Galaxia, 2020

1 Páx 210

2Páx. 228-229

sábado, 25 de xaneiro de 2025

Senhoras que leem siborgs por Susana S. Arins


“Lapislázuli. O regreso das superguerreiras camiña entre os eidos do new weird de China Miéville, da fantasía épica de Robert E. Howard, Emily Rodda ou Andrezj Sapkowski, e sobre todo do sentai de Akira Toriyama e do mahōshōjo de Naoko Takeuchi”, explica a editora na contracapa da obra. E a leitora fica pampa perante a ignorância que reflete esse espelho de palavras. Desconheço absolutamente todos os referentes que guiaram o trabalho da autora. E como sou senhora de verdade e quase não atendo a podcats, pois nunca escuitei o Baleiro Perfecto, onde Alba Rozas (e outras) nos introduzem nestes mundos. 

E foi assim, a cegas, levada só pola força e capacidade narrativa da autora, que entrei no romance. Percebim, parva de todo não sou, que está artelhado como as telas dos vídeo-jogos, mas como só joguei Donkey Kong em toda a minha vida, não sei até que ponto se pretendeu transliterar os jogos de batalhas e luitas, que é o que protagoniza esta obra. Percebo também que a narrativa progride como nesses ecrãs em que damos com muitas portas e temos que escolher qual abrir, aguardando que seja talismã e não demo o que aguarde na outra banda. 

Lapislázuli. O regreso das superguerreiras coloca-nos numa Galiza distópica tomada por uma praga de moscas-robós. Para defender-se delas, a gente do comum depositou a sua confiança em uma caste de feiticeiras, que com os seu conjuros estendem capas de proteção das vilas. A situação permanece inalterável desde há quase cem anos. Porém, umas aprendizas de feiticeiras viram superguerreiras ao se converter em depositárias de candasua pedra mágica e demostram que podem acabar com as moscas. Viram também um perigo para o statu quo: se vencem as moscas a cacicada perderá também o seu poder, baseado só na capacidade de defesa da povoação civil.

O título da obra coloca-nos no meio da trama, ou no terceiro livro da suposta trilogia: uma para a origem, outra para a primeira batalha e perdida e esta para o feche. Lembro que comprovei no web que não havia romances prévios. Para mim é este um dos acertos da autora, lá onde mostra a sua destreza construtiva: são esses três os momentos da história que vamos conhecendo em paralelo tirando de flashbacks, narrados cada um deles por diferentes personagens, o que outorga ao texto diversidade de vozes. Viajamos de 2010 a 2021 levadas polos elefantes pretos (adoramo-los) ou as lembranças da cacica de Lalim. Viajamos também por toda a geografia galega, pois as batalhas entre superheróis e robôs precisam de muito céu e muita terra. 

O caso é que a senhora que nunca jogou vídeo-jogos, que não lê new weird, pouco manga e menos ainda visiona anime, enredou na leitura e continuou a ler, rindo com a sua superhoine preferide, Coralia, flipando com esse apiário corroído em que se converteu Compostela, querendo saber do ranger e a sua natureza cíborg, e admirando a capacidade da autora de integrar mitos e lendas da cultura popular galega com a cultura pulp chegada de fora, e com a história do país, que incorpora com naturalidade e sem maneiras enciclopédicas à trama. Ao tempo, divertiu-se com a funda retranca que lateja por toda a obra: a universidade como ninho de vilões, a aventura do saber transformada em um campo de minas, superheroínas que têm que fazer paradinhas para mijar ou para papar uma empada, os gêmeos Zalo Torrente e Gonza Ballester como irmãos espúrios, o castigo às dissidentes e as torturas, o desprezo à diversidade e as feiticeires… 

Como tantas narrativas distópicas, a obra traz consigo a reflexão ética: até onde podemos levar a ciência? Quais os limites no controlo da humanidade? Vale todo para ganhar? Compensa uma morte uma vitória? Pode um cíborg ter humanidade?

E sobre todo isso: a arte de narrar. Porque Lapislázuli. O regreso das superguerreiras conta com um estilo tremendamente cuidado, em que cada palavra está escolhida para quadrar com as outras, onde os diálogos fluem, onde as descrições nos trazem a realidade fantasiada à cabeça, onde as vozes das personagens têm e deixam marca. 

E a senhora que lê chega ao final do livro, consulta os códigos qr com as músicas que nem conhece, fecha o volume e pensa: Bem interessante o mundo este dos new weird, sentai, mahō shōjo.


Alba Rozas: Lapislázuli. O regreso das superguerreiras

Boadicea Editora 2024


xoves, 25 de abril de 2024

Cegadas polo sol, iluminadas pola poesia por Susana S. Arins



Três páginas me levou. Três páginas de leitura e já andava eu absolutamente submersa no novo romance de Audur Olafsdóttir. Admirada fechei o livro, admirada da capacidade da autora para levar-nos por uma história em aparência mínima, em realidade filosófica, na verdade quotidiana, em realidade tão complexa e simples como a luz e a escuridade. 


Dỳja, parteira descendente de parteiras, ajuda a nascer crianças no pior do inverno islandês, quando a luz é pouca e irisada em auroras boreais. Ao tempo, faz por reorganizar a sua vida, é dizer, os manuscritos que a tia-avó Fífa lhe deixou em herdo, uns textos estranhos, caóticos, em que mistura a história das parteiras (e o parteiro) islandesas com reflexões filosóficas sobre o sentido da vida e a mudança ambiental. 

A protagonista exerce de narradora, em um presente que nos faz sentir ao seu carão nos poucos dias que a acompanhamos. Entramos com ela na sala de partos, no apartamento atestado de mobílias e trastes em que vive, no fundo dos textos da tia que relê e anota. Entramos na sua cabeça e no seu processo de pensamento e reflexão: vemos como uma ação mínima provoca a dúvida, a descoberta, o achado da frase, a compreensão, ou não, do fenómeno em que não estávamos a pensar, e como esse fio de pensamento leva a outro e a outro e vemos crescer perante nosoutras urdime e trama, e os fios são de cores e acabam por desenhar um tapete, uma madonna aleitadora, a verdade sobre a luz. 

Uma dessas leituras canónicas veio-me à memória enquanto lia: El árbol de la ciencia, de Pío Baroja. Pouco lembro, mas sim uma palavra: ataraxia. O protagonista, médico, vive em um estado de amargura existencial e fastio que lhe faz sentir a vida como algo inútil, incessário, invivível. 

Audur Ava Olafsdóttir escreve uma resposta ao Baroja, sem o conhecer de nada, damos por feito. Muda o médico por uma parteira, ele por ela, o que sana pola que acompanha. E muda a amargura existencial dele pola certificação da insignificância do ser humano combinada com um fundo amor a cada criatura (quando menos no momento da nascença) dela, pola curiosidade infinda dela, pola procura da beleza dela, pola preocupação polo planeta dela, polo enorme sentido do humor dela. 

Surpreendi-me a rir mais de uma e duas e três vezes durante a leitura. 

O estilo da narrativa combina o tom bíblico e versicular de muitas afirmações da narradora, as frases feitas construídas como aforismos, o recurso à poesia, às listagens (de palavras, de cousas para fazer, de nomes, de músicas), aos dados estatísticos. O resultado é a sensação de caos que pretende reproduzir o modo de pensar da tia Fífa. 

Mas não há caos nenhum na construção da obra. Toda ela está recorrida por la família léxica da luz e a escuridade, que dá unidade ao conjunto e liga umas temáticas com outras: dão a luz as mulheres e há problemas com a eletricidade no andar da parteira, acode a ela o eletricista que conehceu no paritório, ao tempo que estuda constelações, estrelas, auroras boreais e buracos pretos; falham as lâmpadas da casa, e a amiga da tia Fífa tem nome de alba, a luz do sol brilha nas folhas das árvores e a noite é escura e trevosa. 

Porém, o melhor da narrativa, para mim, é estar colada a filosofia às contrações dos partos. Ligada ao medo de mães e pães pola criatura indefesa. Ligada às palavras de bem-vinda que Fífa oferece a cada. Ligada à depressão post-parto e as mortes neo-natais. Ligada à vida (e à morte) na imagem mais física da mesma: a viagem à escuridade do mundo que inicia cada bebé.

E gostamos ainda mais de que Audur Ava Ólafsdóttir escreva, em realidade, para responder ao Platão: no futuro que augura tia Fífa só há lugar entre a humanidade lugar para as crianças, para as adultas que ainda conservam uma criança dentro, e divertem-se soprando as penugens de um dente de leão e não perderam a sua capacidade de surpresa, e para as poetas. 

Como as parteiras: mães da luz.


Audur Ava Ólafsdóttir: 
La verdad sobre la luz
. 

Tradução de Fabio Teixidó.

Alfaguara 2024