Buscar neste blog

Amosando publicacións coa etiqueta nuria vilán. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta nuria vilán. Amosar todas as publicacións

mércores, 13 de agosto de 2025

O que non queremos escoitar por Nuria Vilán

Entrevista a Sara Guerrero no Zig Zag Diario o 13/11/2024.



                                                Postais da fotógrafa Rebeca Cambeiro (@poloreghocomaomineral)


Se hai algo que me reconforta especialmente na escrita —o meu alumnado de creación literaria pode dar boa fe— é o recurso da personificación, da prosopopeia... Así que Sara Guerrero tiña, en parte, o meu corazón xa gañado co título da novela antes incluso de lela.


Á marxe desta parvada contextual dos meus gustos, eu non era seguidora do blog Rehabitar o rural que a autora publicaba periodicamente en O Salto Diario, non coñecía nada da obra de Guerrero, do seu contexto, da súa vontade interdisciplinar, nada, antes de chegar a esta obra. Puiden intuíla na cursiva que abre Eu son o monte como un guión fílmico ou unha acotación teatral, puiden recoñecer o desexo de converter as palabras nunha cámara que documenta sen intervir, máis ben na cámara de alguén que grava o making of, o como se fixo do documental e decide amosarnos o fóra de campo, as olladas pouco amábeis, o que acontece ao retirar os focos e quedar na soidade dun plató imaxinado.


Supoño que esta é a lectura que necesito facer, o lugar ao que me leva a miña mente é o de imaxinar afacerse a un espazo aséptico e frío para enchelo, paseniño, de vivencias acolledoras. Todo o que eu poida dicir, como persoa branca europea, sobre Eu son o monte, resúltame anecdótico. Síntome sobrecualificada para a pobreza, enuncia a voz narradora. Atraveso as páxinas e o relato devólveme conceptos: privilexio, distancia, branquitude, racismo, dignidade, pobreza, clase, caridade... Hai palabras que non aparecen así escritas no texto, pero que a miña experiencia nomea sen dubidar: fraxilidade branca.


Hai unhas semanas os nazis pasearon impunemente por Torre Pacheco, en Murcia; vivimos nun intre no que non podemos negar nin ocultar o racismo do Estado Español: a islamofobia, a negrofobia, a xitanofobia. Para min, non ten sentido falar desta novela sen expoñer a incomodidade de recoñecerme no costume do racismo aprendido. De que serve un carné no medio da montaña? Non digo que non teño papeis. Ninguén polo de agora dixo que tiña dereitos. É doado sinalar a violencia dos outros, o complexo é facer o exercicio de traela ao propio, de asumir que tamén somos nós quen necesitamos colocar un marco que separe o de aquí e o de fóra. O texto avanza e afonda nas olladas, no silenzo como arma, como castigo, nas múltipes e sutís —ou non tan sutís— formas de marcar distancia... Quen vén de fóra gústanos, até que deixa de comportarse como esperamos e nese intre aproveitamos para recordarlles que este territorio é máis noso ca seu. Esforzámonos en lembrarlles que están aquí de prestado.


Que sutil.

Ser vistos.

Outorgar.

A sensación

de dignidade.


Esta novela non afonda tan só no proceso migratorio e as dificultades que atravesa calquera persoa ao entrar en territorio español, senón que disecciona diferentes conceptos: familia, ocio no rural, relación cos animais, vínculos co territorio e coa lingua, precariedade, a escrita como oficio... 


Véxome reflectide en moitas das pasaxes que crea Sara Guerrero e no seu xeito de interpretar a relación corpo-paisaxe. No meu Simún, escribo sobre o paso do tempo e a memoria nunha casa familiar, describo nun poema que a ferruxe comerá as ferramentas e esqueceremos o lugar onde habitaron os animais, o espazo da horta, os nomes... Encóntrome nese paralelismo que traza a autora entre a voz narradora e o propio monte. Entre a casa, unha casa viva, e o corpo que se esforza por afastarse da morte. Personifica a casa e casifica a persoa. E unha idea, unha sensación, coa que me gusta traballar nas performances e nos poemas.


Ao longo da novela hai un trásito do individual ao colectivo; abandónase o eu particular para identificarse con todo o que arrodea, a voz narradora asúmese como parte do territorio e da lingua, enúnciase como un elemento máis da paisaxe, faise dona do espazo que a somete. 


Agora é a casa a que se perde detrás da curva. O seu renxer terá sempre o ton da miña voz. Desaparece entre os eucaliptos, pero atópoa debaixo da pel, habitando nas paredes do meu corpo.


Outro dos eixos sobre os que se articula a novela é a lingua, concretamente o uso do galego. Achega unha visión incómoda para as galegofalantes; negar isto sería absurdo. Por unha banda, aparece o desexo (ou máis ben necesidade) de aprendelo, pola outra, o recordatorio de que é algo alleo. Hai un vínculo distante que se reforza tamén na actitude da contorna.


Aprendo rapidamente a súa lingua. Aínda que me falan en español, os xestos sempre se suavizan cando lles contesto coas súas palabras que, de tan lixeiras, parece que se me escapan como nubes dos beizos.


Ao chegar falo na súa lingua pero a muller da recepción non me entende e pídeme que lle fale en castelán.


Esa idea de lingua descoñecida esténdese máis alá, até interpelar a propia paisaxe, a casa... O lugar no que agora habitan. O terreo engóleme e engáname. Non falo a súa lingua, non entendo a súa lóxica.


Neste contexto abafante, hai varios elementos que xorden como áncoras coas que amarrarse á realidade. Entre eles a escrita e os vínculos coa veciñanza. A escrita aparece como oficio e como dignidade; aquí tamén me resulta moi interesante ese Non menciono que non son periodista, a porta aberta a debater sobre a titulite, por exemplo. Os vínculos coas veciñas van e veñen, e con eles observamos as súas consecuencias; aínda que o texto non faga xuízos, como lectoras si podemos reflexionar e observar canto mellora a realidade das personaxes cos saúdos, os cafés, a compaña, a rutina... Os vínculos, a rede do tipo que sexa, salva vidas ou, cando menos, mellóraas. Aquí non hai unha familia nuclear, senón un colectivo coa capacidade de ser cruel ou acolledor. Cada unha sostén a soidade da outra. Memo, o gato, compórtase, literalmente, como unha ponte entre dous mundos. A morte, o dó, a soidade e o abandono roldan de forma incómoda a narración. Están por todos lados e loitan tamén polo seu espazo na propia casa. Sara Guerrero fai visíbel na novela as múltiples e complexas capas da realidade.


En resumo, Eu son o monte, camiña no limiar e move lixeiramente os marcos da nosa percepción; ofrécenos unha ollada pouco edulcorada da migración e do rural, ábrenos a posibilidade de repensar os costumes e de revisar a nosa ollada colonial e privilexiada.


Eu son o monte, Sara Guerrero (Ed. Euseino?, 2024).

Nuria Vilán Prado



venres, 7 de marzo de 2025

Contruímos a casa que habitamos por Nuria Vilán

Sobre Construímos la casa que habitamos. Experiencias trans no-binarias, trans, migras y racializadas. (Coord. Por Sayre Domínguez y Damián Pacheco. Ed. Killameztli Ediciones).


Hai xa máis de un ano, grazas ás recomendacións de varias compañeiras, coñecín a Sayre Domínguez, unha das grandes descubertas que levo do proceso de facer real Delincuente (unha curtametraxe a partir do meu poema homómino e inédito). Sayre —a carón de Max Xavier Pérez— é unhas das persoas responsables da identidade gráfica de todo o proxecto; con moitísimo mimo, elaboraron o deseño da campaña, as camisolas, o cartel e practicamente todo o deseño gráfico delincuente.

Algo que me fixo determe en Sayre Domínguez era que xa traballara antes con poesía e no seu portfolio aparecían fanzines, poemarios, conciencia lgtbiaq+ e varios elementos máis que destacaban a súa rabia sensíbel cara ao social.


Este pequeno artefacto (pequeno de tamaño; cabe, case, na palma da man), Construímos la casa que habitamos é un relato colectivo que coloca no centro a violencia racista e cissexista da sociedade. Tal e como indica o título, e como ben reflexiona Damián Pacheco nos seus agradecementos: «más que un libro, es una casa y un lugar seguro desde donde contar nuestras experiencias» (p. 101). A edición é cómoda, práctica e fermosa: quero poñer isto en valor porque temos normalizado que libros feísimos e carísimos de editoriais de prestixio cheguen ás nosas mans con grallas ortotipográficas, imaxes polas que non se pagan dereitos, tipografías incómodas e ilexibles e un sinfín de descoidos. Neste volume, Sayre Domínguez asina a realización gráfica e a edición e fai un traballo impecable que publica Editorial Killameztli Ediciones.


A antoloxía reúne dez autories atravesades pola migración, a non branquitude e a pertenza ao colectivo lgtbiaq+ de formas diversas que reflexionan de formas diversas e fan tanxible un relato á marxe do cis-tema colonial. Entre es autories, hai voces que xa nos son coñecidas como a de Aranxa Vicens (Flor de Cempasúchil, Trauma [fanzines]) que continúa no rexistro vivencial ao que xa nos ten afeites e agasalla ideas agudas e á par divertidas como: «(...) lo que no acostumbro compartir es como mi cuerpecito se siente atrapado entre las apariencias, las etiquetas, la hegemonía y el gran tamaño de mis tetas» (p. 19). Reflexións nas que descarga a rabia cotiá que supón convivir nunha sociedade que sinala a outredade e que abafa en terminoloxía académica. «En un rinconcito del sur global, viven niñes que nacieron de la tierra, hijes del maíz y del frijol» (p. 23).


«VI

Me autopercibo

Nada

Me autopercibo

Harta

(...)

Me autopercibo

Violentada

Por tus insistentes preguntas

Por tus miradas llenas de odio

Me autopercibo

Odiada por vos

Y por mí misma

Me autopercibo

Venganza

Por tanta cobardía

Echada a mi espalda

En mi frente y en mi vida»
(Ryo Chuelo, pp. 63, 64).


Algo que me encanta do conxunto de textos é que non regalan os ouvidos ás persoas brancas. Estamos afeites ao relato da tolerancia, da integración e precisamente porque nesta casa non enchen unha cota e non son reducides a racializades, agroman nas súas voces discursos críticos, didácticos e cheos de rabia produtiva.


«Les que vinimos más peques y sin ningún tipo de ánimo a la europa colonial, hemos vivido el no-lugar con nuestra identidad. Es decir, en casa vivíamos una cultura y fuera otra completamente distinta. Y lo que vivíamos en casa no se tenía que notar mucho afuera, para poder pasar desapercibidos y que nos acepten, porque queríamos vivir en la ilusión que llaman integración. Qué mentira más grande.» (Sayre Domínguez, p. 95).


As prácticas da europa cimentada sobre os alicerces coloniais quedan expostas neste fogar, nun diario íntimo que eu recibo como unha aperta colectiva. «Ser trans, marrón y maricón era vivir sentenciado» (Arturo Dávila, p. 29), «ni siquiera tuve el chance de decirte que era "elle" y no "él"» (Azules Tavera, p.33), «Soy una zanja que he cavado con mis propias manos, hutgando mi carne, mi dolor y mi rabia, sacando trozos de mi existencia y llenándome las uñas de mí mismo, todo sea por ocultarme del enemigo. Todo sea por salvarme… me atrinchero en mí» (Damián Pacheco, p. 45).


Es adultes que nos recoñecemos fóra das identidades binarias e emprendemos obras para reformar as casas mentais e facelas habitables teimamos en revisar a nosa infancia e destacaría desta antoloxía a omnipresenza da infancia e da adolescencia sen punitivismo. 


«Siendo ahora una persona adulta, veo cómo normalizaron las mujeres de mi casa los abusos de los hombres.« (Rioko Fotabon, p. 84).


As persoas brancas necesitamos renunciar a espazos e dedicarnos unicamente a escoitar. Contruímos la casa que habitamos agasalla a calquera que se asome ás súas xanelas nove relatos que cuestionan o que nos veu dado e que evidencian o racismo das nosas prácticas cotiás. Algo que se denuncia desde colectivos antirracistas desde hai moito é a problemática das etiquetas e a dificultade de entender que en cada persoa poden converxer ducias delas e non unha soa: semella que as persoas migrantes perden a súa identidade como bolleras, como maricas, como discas… Na nosa realidade colonial, antepoñemos o relato da migración a calquera outro. «Para mi sorpresa, cuando llegué a aquel espacio feminista en Madrid, era la única persona negra. (...) La blanquitud siempre ha pesado mucho más que un supuesto hermanamiento de las "muejeres"» (Rioko Fotabon, p. 85, 86).


Cada un dos relatos está inzado de reflexións que dan a man entre lingua-territorio-memoria de xeitos diversos. Nesta casa hai poesía, hai fantasía e ensaio… A mestura leva en si mesma a cuestionar a propia validez dos xéneros literarios e das propias clasificacións que adoitamos empregar para etiquetar e catalogar novamente a escrita. Hai pouco, nunca entrevista para RTVE a autora Camila Sosa Villada lanzaba unha afirmación que se me vén á cabeza pensando nisto: «Soy travesti, no sé si creo en que haya géneros literarios. Eso es para hacer lectores más estúpidos. Los únicos que no están etiquetados son, bueno, estos popes, Vargas Llosa… Estos escritores (y escritorcitos) de ahora que gozan de ser escritores sin género. Las mujeres están etiquetadas como literaturas de mujer, literaturas feministas, literatura trans, literatura queer… E incluso, a veces, están felices con pertenecer a eso y eso es quitarle toda la posibilidad de sorpresa a un libro». (A partir del minuto 17:58, aprox., entrevista completa)


«Mi nombre es mi casa. Yo me nombré. (...) Tengo un nombre inglés bíblico, un apellido español colono y otro apellido suizo-alemán. Se me ocurrió autonombrarme con una palabra en quechua por lo que significa eso personalmente, en relación a la historia colonial de borrado de nombres, que fue un intento de erradicación de la identidad quechua» (Jonah Kawri Ramírez Sturzenegger, pp. 49, 51).



Grazas a todes por esta aperta colectiva en forma de relato.


Nuria Vilán Prado

Xullo 2024


domingo, 15 de decembro de 2024

Apalpar o outro lado por Nuria Vilán

Sobre Runrún, Ana Varela, Galaxia, outubro 2024


"A doutora fálalle naquel ton musical tan característico mentes avanza cara a ela, sen achegarse de abondo, deixa un espazo, como terra de ninguén. Se estirase o brazo non a podería tocar. A distancia do medo". (p. 91).


Remato este libro no Miradoiro do Monte Cepudo. Subín até aquí nun dos tantos cortes de electricidade que se repiten nas parroquias de Vigo para poder cargar un pouco o móbil no coche… O mesmo poden ser 2 horas ca 24. Hoxe, en concreto, o desabastecemento durará case 7.


Ana Varela dá o salto á novela cun relato que diseca a realidade dunha moza ferrolá de vinte e poucos anos no que converxen violencias diversas e acotío silenciadas: a saúde mental, a precariedade da sanidade, os abusos de poder, as cargas familiares, o estigma do suicidio… A narración colócanos a carón de Uxía, describe e redirixe a ollada a determinadas, pero non saca conclusións; quen narra, penso eu, quere que sexamos nós, do outro lado, es que atemos cabos soltos e é precisamente esta idea de distancia a que vertebra todo o relato. 


Desde o comezo, a saúde mental colócase no centro: as tolas, as psiquiatrizadas, as eternas invisibles e infantilizadas toman o control da narración. Uxía e Aldara, as dúas irmás, funcionan como personaxes antagónicas; por unha banda a Uxía adulta funcional e asisada, pola outra a Aldara insensata que foxe do centro no que está ingresada -de forma voluntaria- porque non soporta que mesturen as cores na ensala rusa. Ou algo así. A historia irá deformando esta percepción para deixar espazo á dúbida. Xoga nos lindes difusos entre o establecido como loucura e cordura e abre espazo a cuestionar a posibilidade de que estes dous "lados" entren en contacto. Aparece un runrún constante de xestos mínimos que, chegado chegado o intre, poderán ou non empregarse EN CONTRA de quen, historicamente, son es desequilibrades en potencia.


A novela abre cunha cita esclarecedora de María Luísa Elío: "El otro lado está muy cerca de este, no hay más que alargar un brazo, y ahí está, se toca".

Dáse protagonismo a unha Uxía que chega á consulta médica con varias dores para recibir un diagnóstico de "nervios". É cada vez máis habitual evidenciar a misoxinia e a precariedade de diagnósticos nas mulleres, nas persoas trans, non binarias, no diagnóstico de calquera identidade que non encaixe en "home cis". Nas últimas semanas, ademais, varias amizades próximas relátanme como os seus pais, irmáns, tíos, curmáns, acudiron a urxencias con sintomatoloxías graves, afectados por dores no peito e dificultade respiratoria, foron atendidos con cautela e DESPOIS de TACS, analíticas e outras tantas probas… Recibiron o diagnóstico de ansiedade, pánico ou depresión. Por desgraza, a atención médica en consulta está tremendamente obsoleta e do outro lado (sempre hai un lado contrario), ao acudirmos a urxencias con migrañas, apendicite, adenomiose, endometriose…, escoitamos algo similar a "tes que calmarte".



Runrún pousa a ollada nese baleiro, na deshumanización da enfermidade, en xeral, e da doenza mental en especial. A violencia na novela chega cun sorriso e cheiro doce, sen grandes xestos; é precisamente Uxía, ao saberse abandonada polo sistema que debería de coidala, quen excede a agresión física e a violencia contra si mesma, superada pola impotencia.

Varela escolle tamén o contexto dos estaleiros ferrolás, "hai anos que o amianto está prohibido na construción dos barcos, pero no estaleiro seguimos reparando os barcos vellos" (p. 32), para colocar as consecuencias do "asasino silencioso" (amianto) e da considerada "enfermidade profesional" como escenario de fondo. A industria naval de Ferrol está considerada como unha das máis afectadas polo uso de amianto e desde AGAVIDA (Asociación Galega de Vítimas do Amianto en Ferrol) continúan a esixir responsabilidades e indemnizacións para as familias. A novela evidencia a dificultade de lidar coa inxustiza e de facer fronte a trámites xudiciais no medio do dó.

Acompaña toda a novela, como unha sombra, o estigma do suicidio que apenas se nomea. Da orfandade. Maniféstanse as fallas dun sistema que abandona aos traballadores enfermos á súa propia sorte e deixa ás familias como únicas responsables de recompoñerse e continuar. Runrún consegue recrear de forma sinxela (que non simple nin doada) unha atmosfera que circunstancias que xogan tamén coa perspectiva de quen le e fan que se alimente o imaxinario colectivo de que é así como se constrúe a loucura: a base de antecedentes familiares e situacións traumáticas.


Nese ruído de fondo, aparece tamén a relación entre Uxía e Nacho, o seu xefe no bufete de avogados responsable de xestionar as denuncias por neglixencias no naval. Unha relación intermitente e marcada polas condicións que Nacho, moitos anos maior ca ela, impón sen demasiadas consideracións. Algo que chama atención nesta ollada que acompaña sen xulgar é que coñecemos unha Uxía consciente e pouco inxenua, unha Uxía que non acepta de todo, pero si sabe das mentiras de Nacho e non é unha meniña coitada. Interpreto a construción desta personaxe como un pasiño máis que se avanza á hora de desfacer o imaxinario da vítima perfecta e do acosador encapuchado. A violencia machista, facemos público aos poucos, ten estratexias infindas e á vez atravesadas pola clase, a raza… A violencia non é unha e clara, senón moitas e difíciles de desenmarañar. A semana pasada, mesmo, desatouse a denuncia pública contra Íñigo Errejón, un nome máis na lista de homes con poder e comportamentos de depredación sexual.


"Nótao por todas partes, sobre ela, como un depredador. (...) Déixase facer. Non quere estragar o encontro. (...) Normalmente adora a urxencia nel. Pero hoxe todo vai moi rápido. (...). (p. 43).


Supoño que alguén aínda poderá ler estas escenas en ton de affaire de telenovela, que para alguén haberá morbo e provocación… E é precisamente aí, nesa visión voyeurista e sexualizada da erótica do poder, onde habería que facer un traballo de revisión. O filme The assistant (dirección e guión Kitty Green, 2019), sen ir máis lonxe, coloca a ollada no devir cotiá dunha secretaria no seu posto de traballo. Non aparece o nome, pero facilmente podemos identificar a sombra de Harvey Weinstein. Entre cafés, fotocopias e citas, a asistenta observa, sen poder facer nada, a impunidade con que o seu xefe abusa do seu poder. Bárbara Rey podería ser unha secretaria máis que un día, cansa de calar, abre un arquivo de 20 anos de escoita na sala contigua de calquera multinacional exitosa.

Para moitas, o relato non é erótico, senón que amosa unha indefensión aprendida e a ausencia de ferramentas para describir o desexo feminino. Simplemente, en moitas ocasións, o noso imaxinario -imaxinario real e construído a base de violacións en manda, casos mediáticos de desaparicións e asasinatos- sabe que é mellor calar a resistirse. É preferible calar e non arriscarse a unha resposta violenta. "Tarda pouco e en certo modo é un alivio" (p.43). Esta frase é fulminante. Levamos anos a falar da cultura da violación e do consentimento e semella que agora comeza a dar froitos. Non é que haxa máis agresións, senón que agora poden denunciarse. Sería interesante expor este capítulo a adolescentes e deixar que fagan preguntas; o sexo e o desexo están inzados de violencia e cómpre revisar de forma colectiva o xeito en que os entendemos; o xeito en que esa mesma violencia escoa fóra do cisnormativo e acaba por reproducirse tamén en relacións lésbicas, nas relacións homosexuais entre homes… Cómpre entender que o machismo constrúe a identidade masculina fráxil e incapaz de expresarse e de crear vínculos na tenrura. Series como I may destroy you (escrita e dirixida por Michaela Coel, 2020) ou filmes como O descoñecido do lago (escrita e dirixida por Alain Guiraudie) e L'animale (escrita e dirixida por Katharina Muckstein) tratan como temas transversais as dificultades de relacionarse desde a masculinindade hexemónica para os propios homes.


No festival Curtocircuíto, este mesmo outubro, asisto á proxección de Las novias del sur (Elena López Riera), unha mediametraxe documental na que, ante a cámara, un grupo de mulleres di diferentes idades rompe co seu silenzo. Entre risas, unha delas di que non gozou do sexo en case 40 anos de matrimonio e que aos 60, xa viúva, coñeceu a un home que lle descubriu o mundo e tamén o seu propio desexo.

Uxía non nos agasalla grandes xestos, pero si acompañamos como cambia a súa perspectiva "Realmente parece máis baixo do que recordaba", "Así vestido bótanselle os anos enriba e aparenta a idade que ten, ou aínda máis", "Non lle gusta o xeito en que a miran, como un trofeo. Quere marchar". E ás veces un cambio de perspectiva abonda.

Ana Varela non escribe de forma didáctica, crea unha narración que diseca, expón, dá pistas… Quen non queira recoñecer a evidencia, ten un traballo persoal pendente.


Outubro, 2024.
Nuria Vilán Prado