Buscar neste blog

Amosando publicacións coa etiqueta recension. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta recension. Amosar todas as publicacións

luns, 19 de febreiro de 2024

Todas nós somos curuxas por María Reimóndez


    Non vou negar que Susana Sánches Aríns é unha das miñas autoras favoritas en calquera lingua. A súa maneira de narrar ten unha singularidade única, desas que fai dalgúns noutras linguas candidatos ao Nobel e no caso que nos ocupa un tesouro con menos difusión da que merecería a súa escrita. Este comentario introdutorio pode parecer irrelevante para achegarse ao texto do que quero falar, mais penso que é importante lembrar que o que nos escritores se valora (a voz propia, sabermos ao abrir o libro que é un, por dicir nomes, Manolo Rivas ou Paul Auster quen o escribe), nas autoras parece mencionarse máis como chata que como valor positivo. Non ten por que ser en si mesmo nin unha cousa nin a outra, pero crear un mundo propio e un estilo propio é un fito que no caso de Aríns non é para nada menor.

    Nesa fronteira Anzalduana entre a prosa e o poema, neses textos que parten da aparente anécdota para compartir conmovedoras verdades, espreitan tamén estas Cinco corujas. Fai falta moito saber literario para producir un libro coma este, no que se parte de “contos”: non deses dos irmáns Grimm, nin sequera dos de Ánxel Fole, senón dos “contos” que contamos nas familias, nas amizades íntimas, sobre o que pasou, sobre o que lembramos, sobre o que fixemos cando eramos cativas. Arins demostra que podemos falar con sensibilidade da vida propia sen que esta caia nos vicios da “autoficción”, ese relato a miúdo autocentrado e inzado de referentes literarios que aburren, desconectado do social.

    A escrita de Aríns é precisamente o contrario. É retrato do individual inscrito no seu contexto, da memoria política contra a nostalxia. E neste libro faino nun territorio que precisamente é o espazo primordial da nostalxia: a infancia. Ese lugar idealizado no que as liñas se fan borrosas ata tal punto que as propias crianzas non conectan co relato porque as súas vidas son moitísimo máis complexas ca a nebulosa que crean os autores que defenden que esta é a súa “patria”. As Cinco corujas escriben contra todo isto, rescatan o vivo da lembranza para facer vibrar en nós a actualidade do sentimento.

    Nese sentido, é este un libro fronteira tamén no referente á idade. É un libro interxeracional, diría eu, que nos lembra que para falar de/con/para a infancia se cadra o máis importante non é mencionar as cousas que as persoas adultas pensamos que interesan ás crianzas, senón volver ao esencial das emocións, dos segredos, dos momentos.

    Aí é onde estas curuxas alcanzan a marabilla, en seren capaces de deitar unha ollada infantil, en non perderen nunca a sorpresa, o medo, a conmoción, o enfado que recoñecemos no noso eu máis pequeno. Nese sentido, é un libro que fala ás crianzas de xeito directo, como unha máis. E tamén fala ás maiores coa voz dunha curuxa máis que observa nas anécdotas cuestións tan importantes como a vida no rural, a violencia, as estruturas de clase, a familia estendida da aldea. Porque estes son os temas que percorren estes retallos de vida, magnificamente ilustrados por Andrea López, nos que lembramos o coche de Bebeto, os inicios (frustrantes) na escrita, a observación das fisuras sociais (os privilexios das fillas do mestre aos que xa a voz narradora quere renunciar), o feble equilibrio dentro das familias, a violencia que fica silenciada nas voces pequenas.

    Oxalá estas curuxas se multipliquen e estendan as súas ás preto e lonxe coa xenialidade incisiva e sensible da escrita desta autora singular que temos a sorte de chamar compañeira.

venres, 7 de agosto de 2020

A Ciencia dos Anxos, por Eli Ríos

Cartaz da representación

Das dezanove edicións convocadas do Premio Rafael Dieste de Teatro só dúas mulleres gañaron este certame. En 2003, Inma António, coa obra A ciencia dos anxos, convertíase na primeira muller en acadar este premio.
Este escaso dez por cento de obras gañadoras de autoría de muller ofrécenos un punto de partida relevante para considerar os atrancos aos que se enfrontan as dramaturgas. Non descubro nada novo ao sinalar a concentración das posicións privilexiadas nos homes. Esta tradicional masculinización dos campos culturais galegos, cando non impediu a incorporación das mulleres, tentou invisibilizalas ou marxinalizalas. Resulta paradóxico que poidamos sinalar unhas cantas figuras masculinas "totalizadoras", é dicir, director- actor- escritor e que, pola contra, non recoñezamos esa mesma característica nas mulleres porque "só" se centran nunha das profesións. E, aquí, neste momento de finais do século XX e inicios do século XXI, é cando irrompen con forza as propostas escénicas das creadoras galegas fronte a estas inercias androcéntricas e aos discursos patriarcais do noso campo literario e da nosa sociedade.
Por unha banda, enfrontan a invisibilización da crítica académica e do mundo editorial coa creación de espazos alternativos, a recuperación dun repertorio cultural propio tanto na cuestión de xénero como de identidade ( Xohana Torres, María Xosé Queizán, Dorothea Bárcena, etc, etc, etc) e comparten un discurso feminista que conleva, por outra parte, á renovación das propostas escénicas. E, neste punto, é onde as mulleres deciden as regras do xogo e da ficcionalidade e atacan directamente o discurso falocentrista:

LUZ.- Non, Gabriel, non son un anxo... Son a científica modelo, ¿lembras? Os científicos non temos aciñas. Vestimos bata branca e somos señores moi serios...[1]

O humor, a retranca e ruptura coa linguaxe canónica desaban nunha mirada propia. A muller é quen mira e quen se mira sen que exista unha xerarquía vertical na que un autor colocaba a muller para ser mirada. Non. As creadoras xeran novas realidades tanto no nivel da escrita como no da representación xa que a muller non é quen espera a que apareza unha desas escasas protagonistas femininas para poder traballar. Non só desartellan o discurso patriarcal senón que abaten o omnipresente universo cisheteropatriarcal con novas dinámicas. E en A ciencia dos anxos todo isto é unha realidade cunha protagonista muller que guía a acción e ten un papel activo no desenvolvemento dos acontecementos. Ademais, o seu discurso non é o que se espera das mulleres e estoupa polos aires todos os prexuízos machistas.

... E alí están os dous irmáns, chamando a unha porta que el non coñece. Ábrelles unha muller cun meniño duns dous anos no colo que fica paralisada ao velos alí. Dilles que pasen, nerviosa. Luz pregúntalle a aquela muller: "¿sabes quen son?" A outra dille que si, que ela ... pero Luz non deixa que aquela muller fale, só di: "eu son a herdeira, pero a viúva es ti". E explica que xa fixo as xestións para tansferirlle a aquela muller a herdanza e que se ocupará de que a pensión do morto vaia parar ás mans do único fillo do defunto, o fillo daquela muller...[2]


A mirada de quen le, a mirada do público cuestionada pola sororidade entre mulleres. A ollada de quen participa no espectáculo anégase dunha mudanza que derruba universos simbólicos cunha muller que fala desde si mesma, do que lle peta, do que lle sae de dentro e lonxe dos estereotipos marcados. A sororidade, a amizade, o rexeitamento do capitalismo neoliberal, as mudanzas para encontrar o pracer, a diversidade...

GABRIEL.- Algún día teriamos que quedar para tomar un café ou unha copa ou cear... Os tres, quero dicir... É estraño que nestes anos nunca nos viramos fóra do traballo... Un día quedamos os tres e...
LUZ.- ¿Qué tres?
GABRIEL.- Ti e máis eu e... o teu mozo...
LUZ.- ¿O meu mozo?
GABRIEL.- O teu mozo... ou o que sexa...
LUZ.- Eu non tenño mozo.
(Gabriel dubida uns instantes)
GABRIEL.- ¿A túa moza?
LUZ.- Non, tampouco moza.
GABRIEL(Xustificándose).- Non, como dixeches que non vivías soa... eu pensei que ti... xa me entendes... que non vivías soa...
LUZ (A rir).- Vivo con dous gatos, unha cadela e dous acuarios de trescentos litros cada un, onde teño uns cantos peixes que son o pasatempo favorito de Fred.
GABRIEL.- ¿Fred?
LUZ.- Un papagaio atorrante e adorable.[3]

E a protagonista ten formación universitaria, un traballo prestixioso por méritos propios (rexeita o apelido familiar nun determinado momento), unha conciencia ecofeminista que defende ata as últimas consecuencias e toda unha serie de características que a definen como parte activa da sociedade e non do decorado. E a autora dóalle unha ferramenta imprescindible: a da palabra. Ata tal punto que é a protagonista quen artella o discurso da autora: se ela non sabe, por exemplo, como se chama unha máquina, tampouco o vai saber quen escribe as acotacións.

GABRIEL.- ¿Trebellos?
LUZ (Pon en funcionamento un deses obxectos de movemento continuo que hai a carón do microscopio de Gabriel.).- Por exemplo.[4]

Aí, no que non se di no texto teatral, nos silencios, é onde nos está buscando a autora para que enchamos eses ocos, para que entremos no xogo ficcional, para que escoitemos con atención a precisión da linguaxe de Luz cando nos fala de espectómetros, moléculas, virus e bacterias. E a ferramenta da palabra cimenta os espazos nos que facerse visible sen complexos, sen dramatismos, desde o lugar contemporáneo coa mirada posta no futuro que derrubará toda a arquitectura simbólica do patriarcado. Incluso sobre o corpo da muller porque o erotismo tamén é unha construción social da que a lectora-espectadora-parte do diálogo ten responsabilidade. E a palabra constrúe realidades, vólvese corporeidade.

LUZ.-( Silencio. Encende un cigarro) Nunca ninguén me fixera o amor deste xeito. Só palabras. Só desexo. Ninguén me fixera o amor así, como mo ves de facer ti. Con toda a alma. Totalmente... entregado. Supoño que así é como deben de facelo os anxos... como non teñen sexo, xa sabes... Así é como os anxos deben facer o amor. Así deben amarse. Si. (Séntase e ponse a traballar. Silencio.)[5]

A emoción de amar, neste caso, transfírese á palabra sen ningún tipo de drama e quebra aquel binómio canónico de pracer/dor( nas mulleres, claro!) para transformalo en gozo afectivo-sexual. E, curiosamente, ese deleite cuestiónanos, pon en corentena o falocentrismo da nosa sociedade e obríganos a ter un papel activo porque o erotismo aliméntase da fantasía e da imaxinación. O pracer nace do que a fantasía proxecta e quen le/participa do acto teatral idea as imaxes para que a experiencia ficcional sexa factible. Esta obra só nos suxestiona unha outra alteridade posible. O resto é cousa nosa.
Esta construción de mundos posibles veu para quedar. E, para conseguilo, un dos recursos que utiliza Inma António neste texto é a imprecisión espazo-temporal: a acción acontece nun laboratorio dunha Fundación, nun lugar indeterminado e nun lapso temporal non definido. Hai unha clara intención universalizadora do discurso. De feito, Luz, a protagonista, traballa cun virus bacteriano creado nun laboratorio que todos os poderes económicos e de investigación militar cobizan. Sóavos de algo? Pois esta, señoras, é só unha parte da historia de A ciencia dos anos escrita hai unha década. O resto é cousa vosa.

A Ciencia dos Anxos,  Inma António, (2005)





[1] António, I., A ciencia dos anxos, páx 43
[2] páx. 61
[3] páx. 19
[4] páx.10
[5] páx. 50

xoves, 27 de febreiro de 2020

Gardiás da nosa liberdade, por Beatriz Maceda


Fotografía extraída do Pazo da Cultura de Pontevedra
Banco de Pedra de Jenny Holzer

Cinco mulleres, cada unha coa súa historia mais, coa procura do amor sen ataduras e da vida sen fechaduras como unha rede que as vai unindo ao longo dos relatos. Pasado e presente entrecrúzanse como fíos nesta mestura de personaxes ficticios e reais. As súas voces móvense entre a tristura, a alegría, a liberdade, o amor, o sexo, as posibilidades infindas que temos para explorar os nosos límites e pensar que non sempre existen, aínda que haxa quen teime e poñelos. Poderían estar sentadas nunha estación, vendo pasar o seu propio tren ou deixando que siga de largo, desaparecendo con el iso que a sociedade da en chamar a normalidade.

Percorrer a vida a través dun banco con frases da artista conceptual Jenny Holzer, na que os códigos conceptuais son unha crítica aos estereotipos, por iso as súas obras gustan dos espazos públicos. Creadora de Laments, unha serie inspirada na maternidade, a violación, a dor, a tortura. Os laios de trece persoas, foron exhibidos en trece sarcófagos de pedra e en trece letreiros electrónicos LED; eran os anos nos que o SIDA pasou a ser unha certeza para unha sociedade que quería seguir cega. A obra de Holzer é a palabra que revela desde a rebelión.

I am awake in the place where women die ( Estoy despierta en el lugar donde las mujeres mueren)

Your oldest fears are the worst. (Tus miedos más antiguos son los peores)

A rapaza que namora de Gabriela Mistral e que será a súa albacea. Coñécea nunha conferencia da poeta en Barnard College, o 7 de maio de 1946, e queda impresionada.

Exisitía en esa mujer mayor, de apariencia tosca, algo más puro y a la vez más complejo que todo lo que hasta entonces había conocido.

Comezou a escribirlle cartas e a buscala até que Mistral accedeu. Empezaron unha relación de amor que pode lerse nos centos de cartas que Gabriela lle escribiu a Doris Dana. (A Editorial Lume, 2009, ten publicado o libro Niña errante. Cartas a Doris Dana). Si, por máis que unha parte da intelectualidade teimara en negalo, Gabriela Mistral era lesbiana.
Nesas cartas, que van aparecendo en parágrafos ao longo do relato de Doris, reflíctese o amor e a paixón que viviron.

Es muy raro eso de ser feliz, niñita mía. La dicha se quiebra por el cansancio —el tedio, o por el mero tiempo. Pero yo sé que te quiero desde que te vi hasta hoy con el mismo encantamiento anterior y con una curiosa sensación de que hemos vivido juntas mucho tiempo, mucho antes.
(de Gabriela Mistral a Doris Dana)

As mulleres desta historia de historias, están unidas pola dureza da procura do amor libre, do espazo individual. Nun mundo cheo de estereotipos, no que loitan contra os medos do pasado sen esquecelos, para atoparse. Para ter o seu propio cuarto.


                                   La estación de las mujeres. Carla Guelfenbein. Ed. Alfaguara, 2019.







xoves, 20 de febreiro de 2020

revoltas, confusas, valentes, por Arancha Nogueira




Coñezo a Belén Senín (como autora) debido á súa participación na antoloxía dentes para a mazá, da editora Chan da Pólvora, ou en revistas como Dorna, mais tamén (e sobre todo), por ser unha habitual de círculos como os polvoríns da libraría Chan da Pólvora, eses espazos que mesturan o intenso e o familiar, unha lareira vivísima que quece as noites de mércores en Compostela con moitas voces variadas en estilo e condición, incluída a rotunda voz da autora.

Coñecéndoa xa, repito, achégome a revoltos anos vinte, título recén publicado en Leite Edicións, con especial curiosidade: a capa vermella, charlestoniana (grazas ás inconfundíbeis ilustracións de Afra Torrado) e mais o título fanme pensar nunha obra que me vai interpelar como habitante deste lugar transitivo que son os anos 20 do século XXI, ese lugar que como todas as transicións ten a capacidade de nos volver funambulistas azarosas.

Abro o poemario e Senín toca un acorde perfecto cunha cita de A vitoria, de Ataque Escampe, ese himno xeracional que se cadra as poetas repetimos moito, de máis, en grande medida por falta de outros referentes que nos acheguen a esa realidade confusa que vivimos. Referentes, por exemplo, como estes revoltos anos vinte.

Porén, aínda que a confusión e a falta de certezas están aí, como un continuo que salpica os versos da autora, revoltos anos vinte preséntanos un relato que coñecemos de sobra: un relato de estirpe. A propia voz poética advirte, na primeira páxina:

 isto non é un bildungsroman
 é unha elexía

Senín non pretende falarnos de si, nin da súa voz poética, senón de como construímos o noso relato colectivo subidas na ponte colgante sen que rachen as cordas que nos suxeitan ás que viñeron antes, ás que cruzaron outras pontes. E faino desde unha perspectiva tamén coñecida, mais non por iso menos interesante: a dunha convencida posición como muller nunha sociedade patriarcal, cun patriarcado que se transforma, poliédrico, pero que acompaña tamén o relato das nosas nais e avoas.
Faino tamén desde o convencemento de que aínda que o que nos vara ás nosas antepasadas é unha áncora demasiado grande, o tempo vaina desgastando. Somos personaxes de novelas distintas, lémonos en plataformas distintas, traducímonos en linguas distintas.

o mate quentísimo só poden tomalo a nai e a avoa
a filla debe esperar
a boca inocente aínda non está preparada para queimarse

Se cadra, penso mentres leo os versos de revoltos anos vinte, necesitamos máis relatos das fillas que nunca serán nais; das fillas que aínda non medraron de todo, das que pode que nunca medren de todo. Se cadra máis relatos do que non é ser unha cousa nin a outra: de descoñecer as mans rugosas da avoa en mans que untamos con cremas hidratantes; de perder a conta das veces que lles contamos ás nosas nais que isto xa non é coma antes, que non queremos sacar unha oposición; se cadra, ao mesmo tempo, relatos de pintar os beizos para facernos maiores pero ter pánico do que significa facernos vellas, de sentirnos incapaces, de volver á nai e á avoa como un nicho onde escondemos as cousas das que xa só nos lembramos nós.

A autora expón unha vulnerabilidade que reflicte un sentir común, unha procesión de referencias que caeron, unha fin da historia que non é tal, pero na que xa ninguén nos aprende a continuar fiando.

Así, como unha manta de patchwork, a historia da avoa, a nai e a filla; unha historia de sangue, flores e dor de costas, tan iguais e tan tan diferentes. A historia dunha incomprensión frustrante, dun medo a non saber andar sobre faíscas, dunha tremendísima vontade, ao mesmo tempo, de que agromen nas fendas deses pés papoulas encarnadas como os nosos beizos. Eses que pintamos para sentirnos maiores, para sentirnos capaces, aínda que nos aterre o momento no que realmente sexamos vellas.
Eses beizos que despintamos con présa e desgana ao chegar a casa, cando na outra punta agarda un té quentiño, unha historia que nunca viviremos, a manta de patchwork que seguimos construíndo sen padrón, con alfinetes grosos e oxidados.

Se cadra necesitabamos unha historia así.







- revoltos anos 20, de Belén Senín, publicado en Leite Edicións (2020).

xoves, 13 de febreiro de 2020

Intuir o bosque na dispersão das sementes, por Susana S. Aríns



Abro o Atlas, de Alba Cid, com algo de medo. Temo uma cartografia ocidental e cega. Um recorrer o mundo em modo turista. Um olhar que faz do umbigo europeu o centro do universo e a lua única que ilumina a noite. E o que temo sempre que nosoutras nos internamos nos continentes outros.
E não. Não dou com isso. Dou com alguém que convida e diz, senta, calma, escuita: vou-che botar um conto.
Porque abrir este atlas não é recorrermos linhas num mapa e seguirmos um itinerário na procura do exótico, mas passearmos a vista por velhos herbários a nos relatar apócrifas origens de flores ajardinadas, ulirmos o saim de peixes ocultos no fundo dos lagos ou saborearmos a ligeireza duma pintura tecida em teia de aranha. Os poemas contam estórias resgatadas do fundo dos arquivos das antigas bibliotecas de idosas universidades que muitas nunca pisaremos. Partilha com nós a poeta o assombro da descoberta, do exotismo achado no mesmo centro do umbigo europeu que eclipsa a lua com ricto de dama enfadonha.
Têm em comum as histórias de cada ciclo o gosto pola observação atenta1, a reclamar a nossa atenção aos pormenores, à filigrana na raiz da madeira talhada, ao azul tão klein e molhado da primavera, ao gesto de um fento ao abrir os braços. No final de cada conto, desculpa, poema, a ligação com o pessoal, com a reflexão da voz lírica, com as suas impressões do mundo.
Como qualquer atlas de prezo, o poemário está edificado em continentes. Cada um deles um par de contos. Um nos deslizar polos nomes estranhos, pola linha de costa esquartejada polo gelo, polas fitas de coco e as nervaduras de plantas. As aves, elas, a voar de uma massa de terra à outra, migrantes garças e grous, tecendo redes entre espaços aparentemente diferentes. E assim, damos com cruzamentos surpreendentes, como encontrarmos a Safo na América ou o Celan na Ásia, cigarras soterradas durante anos até emergirem no poema.
Os textos, longos, divididos sempre em partes, acompanhados de fotografias e lâminas, dançam entre o aforismo e a prosa, sem esquecer nunca a analogia ou a incandescência por trás da palavras.
Atlas desborda citações de toda classe de autores, autoras e produtos culturais vários, desde o bilhete postal que é barco ou casa até a etimologia exata das mastabas e os versos de Anne Carson. Provavelmente percamos muitas delas, ignorantinhas que somos, leitoras com referentes distintos dos da autora. Podem estar bem trazidos ou bem levados, quem sabe, já nos dissemos ignorantinhas, mas nesse trazer e levar, deixamo-nos arrolar e, como um canto de berce, longe de nos afastar da leitura, de nos atirar fora do poema, todas essas citações fazem com que continuemos o caminho, pendentes da surpresa, do abraio de cada nova descoberta, essa lâmina miniada da que não sabíamos, aquele bestiário medieval nunca encontrado, essoutra lenda que ninguém nos narrou.
Permitimo-nos o luxo de não entender literalmente e chegamos ao final felizes de saber que restam no mundo uma cheia de maravilhas por conhecer. Como quem abre um atlas e traça nele as viagens futuras.
Isto é todo quanto li. Isto é todo quanto sei.

Alba Cid: Atlas.
Editorial Galaxia 2019
1A cadência do senta, calma, escuita. 

venres, 7 de febreiro de 2020

Espertar a empatía, por María Reimóndez


Admito que a curiosidade por achegarme ao volume As mulheres que amavam os videojogos de Antía Seoane e Maite Sanmartín era poderosa. No meu entendemento dos feminismos como un espazo no que poñer en dúbida o poder e as xerarquías, dende sempre me (pre)ocupan os espazos que socialmente están mal vistos, aqueles que non se consideran dignos de análise. Teño para min, precisamente, que é neses espazos onde a intervención é máis urxente, onde cómpre poñer a atención. Dende as telenovelas ás redes sociais, por diferentes motivos, o poder expulsa certas formas de convivencia e expresión ás marxes, coma se neles non houbese nada de interese, nada digno de reflexión. A miña intuición adoita verse confirmada. É precisamente nesas marxes da (alta?) “cultura” onde se producen e diseminan contidos aos que cómpre prestar atención dende unha óptica positiva, sen demonizar.
Un deses espazos na marxe son os videoxogos. Nunha marxe, loxicamente, só aparente, porque hai moitísimas persoas, como as propias autoras explican, que ocupan ese espazo intermedio entre o “real” e o “virtual” (e poño as aspas porque entendo que ambos lugares son reais). Porén, malia a que moita xente xoga, estes elementos de entretemento quedan fóra dos marcos de análise de produtos culturais, atrapados moitas veces no adultismo de pensar que son un eido específico da infancia e sobre todo da adolescencia, e polo tanto menos relevante ca aqueles produtos dirixidos a un público adulto. Mais eu, que escribo dende un lugar de observadora que nunca pasou do Pac Man (o comecocos) ou o Tetris, porque simplemente os meus espazos de interese e relación estaban noutro lugar, non podo evitar sentir a necesidade de mirar e tentar entender que acontece nese espazo de complexa interacción entre o de dentro da pantalla e o de fóra.
Este volume de Antía Seoane e Maite Sanmartín resulta unha achega certeira, ben escrita e interesantemente artellada, a un recuncho da vida do que moitas sabemos ben pouco. Un aspecto realmente salientable ao meu entender é que na primeira parte da obra ofrecen unha introdución relevante ás teorías feministas que van aplicar. Bastantes estudos de temas específicos non son quen de presentar un marco tan ben explicado e con referencias tan relevantes para a vida en xeral. Resumir calquera enfoque teórico feminista é sempre unha tarefa complexa e neste caso creo que o traballo está feito con mestría. Dende o ciberfeminismo punk ata Butler, Haraway ou Zafra, as autoras van debullando como o espazo virtual e os videoxogos en particular forman parte da esfera pública. Tamén desenmascaran as falacias de que “superar o corpo” é superar o xénero, pois o mundo virtual reproduce e retroalimenta o mundo “real”. Por exemplo, se ben ao principio se pensaba que nos videoxogos, pola súa propia natureza, calquera persoa podería transcender cuestións coma o xénero, a raza ou certas habilidades físicas, ao final, o sistema heteropatriarcal acaba facendo un remuíño no que as personaxes femininas son sempre inferiores, sexualizadas ou inexistentes, onde a heterosexualidade é máis obrigatoria ca nunca e onde o ideal do macho forte e musculado se reforza.  As autoras tamén describen dun xeito certeiro esa comunidade gamer masculinizada na que o suxeito masculino branco atopa un reduto no que aínda exercer o seu poder sen control.
Mais, por suposto, esta non é toda a historia. E dende a curiosidade distante, pouco a pouco, como acontece nos bos xogos, reais e virtuais, achegámonos á empatía. Fronte á demonización que adoito se fai dos videoxogos, as autoras presentan as alternativas e visibilizan aquelas mulleres que, como en calquera espazo público, buscan a transformación. Os paralelismos co espazo literario resultan por veces estarrecedores. As mesmas reaccións, semellantes debates.
Chama a atención, ao fío disto, como as autoras reclaman e argumentan a necesidade de crear xogos para un público infanto-xuvenil onde se promovan valores de igualdade. Se vemos o debate que hai coa LIX dá algo de azos e un chisco de vergoña ver como noutros espazos se reclama o que na literatura temos tan traballado e ao que certos señores aínda se opoñen, ignorando que a literatura sempre ensina, igual ca os videoxogos e que a súa reticencia ante introducir valores de igualdade ten máis que ver co privilexio que con ningún outro tipo de criterio.
Malia a súa brevidade, o volume de Seoane e Sanmartín permítenos facer un percorrido polo marco de análise, pola realidade e as súas alternativas, e tamén polos xogos que dan gana de meterlles o dente, ademais de axudarnos a ver aqueles coñecidos dende outras ópticas.

A única cousa que me chamou algo a atención foi a falla de análise da hexemonía lingüística neste terreo de socialización tan importante. De todos os xogos mencionados, ningún está en galego, nin sequera na variante internacional na que está escrito o texto de Através. A maioría deles existen só en inglés, en inglés e xaponés ou, se constan de máis idiomas, estes son o alemán, francés e castelán prioritariamente. Aí tamén cómpre facer traballo e, levada pola curiosidade, coma se fose un xogo deses nos que se abren portas, acabei descubrindo que en galego temos unha revista sobre o tema (Morcego) e que aprender a programar é algo para o que hai métodos moi sinxelos, como Blinx, e colectivos de mulleres para axudarnos. Porque o xogo, vídeo ou non, implica sempre comunidade e as autoras contribúen a ela cunha obra digna de ser lida e difundida entre a xente do ensino, mais, pais, xogadoras de videoxogos e aquelas que observamos dende a banda.

Seoane, Antía e Sanmartín, Maite,  As mulheres que amavam os videojogos, Através (2019)

xoves, 30 de xaneiro de 2020

Formigas que furan, por María Reimóndez


As formigas, como acontece ando unha senta nunha campa no verán, son un incomodo. E admito que a miña primeira reacción ante Formigas nos pés foi a incomodidade: unha muller duns cincuenta anos desfaise ante os meus ollos por unha ruptura sentimental cun home. De primeiras, como titula a primeira parte do libro, unha historia vulgar. Unha historia que intuímos repetida, sentimental (ese gran concepto patriarcal) e irrelevante. Unha historia escoitada ás nosas amigas, coñecidas, compañeiras, protagonistas de revistas desas “de mulleres”. A formiga, porén, fura.
Porque esa é seguramente a función da boa escrita. Furar. Tornar a incomodidade e o prexuízo inicial en curiosidade. A boa escrita é o que move a escoitar, a acompañar mesmo aquelas historias das que nos sentimos inicialmente distantes. Axúdanos a interrogar a nosa reticencia e mesmo un certo pudor inicial á hora de presenciar o día a día, nunha especie de pingar íntimo, dunha muller que chora a todas horas aparentemente por un home. A descrición, porén, é enganosa.
Porque se de algo trata esta novela é de, precisamente, poñer as mulleres no centro. Facer visible unha muller nun momento de crise vital, nun momento de virar de rumbo. Cando unha explora o que a narrativa nos ofrece tradicionalmente nestes casos, atopa ou a busca dun novo amor, o ingreso en mosteiros, a tolemia ou a desgraza de por vida. Seguramente porque estamos afeitas a que o desamor nolo conten señores dende hai séculos e as nosas expectativas sexan tan absurdas coma o seu imaxinario.
Formigas nos pés parte do mesmo principio para escoller un camiño ben diferente, o de tornar a “historia vulgar” nunha exploración da vulnerabilidade, do esmorecer das certezas que o amor romántico presenta como un anuncio de colonia. Na súa escrita de pequenos e certeiros impactos, a novela amosa a cara B de todas aquelas viaxes e momentos “románticos”, ás veces de forma un tanto oblicua, coma se a protagonista non fose quen de facer fronte aínda a certas cuestións, e outras, máis cara ao final, de xeito claro e contundente. Nesta novela escoitamos falar do desexo, do abandono, da xestión da dor dun aborto, do lado menos limpo das rupturas. Mais tamén da arte como ferramenta para a vida (a protagonista pinta e debuxa sen fin) e das redes de afecto fortes que nos manteñen en pé. Todas as amigas da protagonista carecen de nome propio pero estou certa de que todas as coñecemos dalgunha maneira: a amiga entusiasta, a amiga artista, a amiga herdada...
A protagonista de Formigas nos pés desafía a escrita cipotuda do desamor, esa na que os homes consideran lícito botarlles ás mulleres a culpa das súas desgrazas ficcionais e reais, fan lícita a violencia, o alcoholismo, afogarse no traballo... calquera cousa menos unha boa xestión emocional. A xestión emocional require o que as formigas nos presentan: bágoas e mocos, si, mais tamén todo o proceso de irse desprendendo, de recoñecer as fantasías da aceptación, que diría Mercedes Peón, que nós e a sociedade nos imos contando. As formigas furan na casca para chegar á cerna.
E a cerna é unha á que teño que sumar as miñas propias formigas, un tema que eu mesmo como escritora atopo fascinante e urxente: a reconciliación coa soidade que ás mulleres tanto nos custa. E non é sorprendente. Ninguén nos ensina a entender a súa importancia, cada minuto da nosa vida está cheo de obrigas cara a outras persoas. Na ficción, raras son as mulleres que nos guían nese camiño. De feito, rara é a ficción patriarcal que non advirta sobre os perigos das mulleres estaren soas: tolas, refugallos, frustradas e, moi a miúdo, vítimas de crimes.

A narradora deste libro sementa as súas formigas nas imaxes adquiridas, dende a “muller máis triste do supermercado” para roelas por dentro. Interróganos e subverte os prexuízos patriarcais que rodean a escoita do sufrimento das mulleres. Fura ata transportarnos empaticamente do afogo da parella a unha vida de diferente cor na que domine a esperanza.

Formigas nos pés, Nazaret López, Ed. Xerais 

xoves, 2 de xaneiro de 2020

Por que non me soaba de nada? por Eli Ríos



" Cada vez que se acenden, as luces do palco iluminan unha realidade secular: o patriarcado."1 Así comeza no prólogo, Xurxo Souto, este anecdotario sobre músicas galegas. Esta coidada edición xa deixa as estadas ben cimentadas antes de entrarlle ás páxinas: é unha colección de anécdotas, unha crónica ilustrada das músicas galegas que vai desde o tradicional até o rock and roll. E completa Laura Romero na presentación: "Neste libro ilustrado hai máis dunha trintena de mulleres referentes para calquera música hoxe en día. Todas supuxeron unha revolución na nosa escena musical"(páx. 7). Estamos, polo tanto, ante unha obra de divulgación que pretende visibilizar o papel das mulleres na música dunha maneira lúdica e atraente. Non encontraremos biografías cunha morea de datos, non. As autoras, Laura Romero e Iria Pedreira, poñen o foco de atención en aspectos vivenciais sen descoidar unhas breves notas biográficas que non fan senón esporear a nosa curiosidade para seguir sabendo sobre mulleres con traxectorias tan abraiantes como Maruxa das Cortellas, Finita Gay, Matilde Balseiro ou Áurea Rodriguez, entre outras moitas.
E o patriarcado, que se nos mencionaba no principio, atravesa as vidas de todas as músicas. Desde as roupas e aquel "Mirade! Un gaiteiro vestido de muller!"2 que lle berraron a Eclíptica Órbita, desde as dificultades para ser admitida nun grupo até as invisibilizacións ou as precariedades. Pero non só, a sororidade tamén percorre os camiños con elas. Así, o grupo Alén recorda como lles cederon o espazo para ensaiar e lles prestaron parte do material para tocar na Casa Encantada de Compostela, as Garotas da Ribeira contan como "beben dunha cultura popular feminina, dándolle visibilidade e internacionalizando unha maneira de estar no mundo"(páx 66). As sinerxias tamén son característica da produción das músicas: moitas delas tocan en varios grupos, pero, tamén, destacan as colaboracións entre compañeiras nun ámbito totalmente masculinizado. E o seu traballo chega até nós grazas á memoria, grazas ao boca a boca que rescata do esquecemento figuras que marcaron unha nova forma de facer as cousas porque diso trata esta recolla: das mulleres que abriron camiños. É certo que se nos queda curta. Demasiado curta porque sabemos que Laura Romero ten feita unha recolla moito máis ampla das músicas galegas. Pero, como primeiro paso, é de agradecer esta escolla cun estilo agradábel na escrita que se combina cunhas ilustracións nas que encontramos o complemento perfecto para engadir un chisquiño máis de información.
Para as profanas no tema resulta unha aventura cada liña e, para as que saben algo máis, seguro que van encontrar algunha que outra sorpresa ben interesante nestas páxinas. Este é un deses libros aos que volver unha e outra vez e que, con certeza, achega ferramentas necesarias para rematar coa invisibilización das músicas galegas.

Romero, L. e Pedreira, I., Ferreñas Rock and Roll, Baía Edicións, 2019
1páxina 9
2páx. 23

xoves, 12 de decembro de 2019

A miña irmá é un paxaro que... por Eli Ríos


Ilustración de María Montes (pax.23)

Poder celebrar, nos tempos que corren, o nacemento dunha editorial non é un tema menor, non. E máis se estamos a falar de Cuarto de inverno que nos propón unha experiencia sensorial na que nos apetece ler, ulir, tocar e sentir estes libros concibidos como obxectos artísticos. Aquí, nada é casual. Todo está coidado ao milímetro e disposto para adentrarse nos nosos sentidos. Incluídos o isbn e os hastag's das lapelas.
Inaugura, ou quizais debería dicir "bota a voar", este proxecto, o libro de poemas Irmá paxaro de Tamara Andrés. Un poemario que acae á perfección na liña editorial porque, nel, tampouco encontraremos puntada sen fio.
Antes de chegar aos versos de Tamara Andrés, agardan por nós, na solaina, as citas de María Victoria Moreno e Mara Wilson. Dúas autoras, nacidas en décadas diferentes, que comparten mundos de fantasía, de creación artística no eido infanto-xuvenil, enfermidades e perdas que arrexuntan os dous lados do océano Atlántico nun universo común.
E abrimos a porta, desta casa poética, e decatámonos que ese regresar á infancia como lugar emocional que xa non existe, e que está atravesado pola dor da separación, conxuga cos mundos e cos versos das autoras que nos acababan de dar a benvida nestas páxinas. O silencio redondo e escuro que abrolla cando alguén marcha. Neste caso, a irmá paxaro que " levas/        na túa estela/ os meus membros"(páx. 53) A irmá, a nostalxia, as complicidades, a perda, a dor, a fame, pero tamén a consciencia de facerse maiores como un proceso de esperanza e de curación. Unha narrativa poética que traspasa vexetacións, casas e corpos para loitar contra a soidade coas ferramentas da infancia e "cando sentiamos a chegada do tempo/ xogabamos ás estatuas" (páx. 37). Ou, tamén, coas que nos doa o futuro que constrúe a memoria do pasado:
descendo a longa estrada
ata a faldra da montaña
onde nacemos
para abrollar
a túa memoria

instálome
narciso que xermola neste mar
de perdas
e tento romper vertical
a forma que atravesa a auga

invoco todos os nomes
enredados na historia
da nosa infancia

ningún é xa,
pero ti segues
a voar
aló no alto
contornando unha e outra vez
o cume que cada día
pronunciabamos imposible

soa
música doutrora
o carrusel no que endexamais
montamos por ausencia de pais
roupa limpa
cartos

a forma
dos teus ollos
segue abarcando
todas as miradas[1]

A lembranza de mirarse unha na outra para abrollar/ a túa memoria e cimentar no sensorial o presente destas palabras que sandan a ferida. A sonoridade, aquí, é fundamental. Convídanos a percorrer as estancias, mentres nos acompaña, neste discorrer das estrofas, co son dos paxaros, coas cancións, coas voces, pero, tamén, cos silencios ("mais a migalla fundiu hai tempo/sobre a túa lingua para envolvela/ e adormentar unha infancia/ de casas baleiras e pasos", p.19). Esa ausencia de sons que a poeta aplica desde a disposición gráfica dos versos( páx. 11):

elaborei coa miña irmá o
único Catálogo Mundial Onomatopeico
           dos Golpes


O sensitivo, e a fame, esporean a imaxinación para transformar os fotogramas en temperaturas, cores e sensancións que nos transportan a momentos como "aquel día comeramos flores/beberamos os restos da inundación/nadamos na flor da memoria/como sobremesa" (páx. 45) e que veñen  " a ofrecernos/ as súas lambetadas/ fluorescentes/ delicadas/ recendentes/ cándidas" (páx.47).
Desde o alto das escaleiras, esas nas que "os chanzos devoran a ansiedade da pisada"(páx.59), albiscamos "o centro neurálxico do corredor" (páx. 37) e, alí, no medio, transitamos as imaxes que María Montes vai enxertando cunha mestría que nos queda apegada á retina moito despois de retirarnos e aferrollar as contraventás.
E pechamos as páxinas-casa coas feridas limpas e coa certeza de que a memoria e a escrita acaban de xuntarse nun único lugar, nunha harmonía onde todo se conxuga para sandar.
Andrés, T., Irmá paxaro, Cuarto de inverno, 2019













[1] páx. 21

xoves, 21 de novembro de 2019

Un texto, dúas poetas por Rosa Enríquez



nesa montaña na que habitas agora hai/ unha cova inmensa/ unha cova que ti aínda non coñeces/

beleza foi descobrir no teu corpo todos os países do mundo e perder os mapas

(andrea nunes & maría rosendo)

Que a xente diga que non está afeita a ler poesía, porque non lle chega nin a comprende, non deixa de resultar curioso. Curioso porque os textos poéticos proceden da oralidade máis expresiva, deses modos de dicir en alto aquilo que se amou, ou que se ama. Tamén o que violenta e revolve o corpo de dentro, onde se chanta a potencia toda dun desexo apenas murmurado que agora lemos nas vértebras dos versos pero cuxa orixe non é o papel, mais as ondas polas que flúen, atrapan e golpean as palabras. Escoitamos poesía dende sempre. Pasamos da corte do antigo Reino de Galiza e das súas prazas, aos bares de agora, tamén ás librarías e a tantos outros espazos nos que se intenta suscitar certo interese polo labor que desempeñan as poetas. Imaxino entón aqueles poetry slam na corte de Don Denís, ou na de Alienor d’Aquitaine, e vexo as voces de moitas mulleres a ecoar polos corredores nos que, con certa discrección, se intentaba o erótico. Isto de intentar o erótico, de achegarse a outros corpos e buscar neles a acollida é algo que tira de nós dende moi novas. Dar e recibir. Tocar e que nos toquen. Comer e ser comidas. Respirar o que alguén respira e abandonarse. Quen non anhelou isto algunha vez polo menos? Creo que a maioría si o fixo. Agora ben, cómpre ter presente que o devandito desexo do que tanto levan escrito os homes tamén se constrúe. Non pode entón sorprender a ninguén a presencia nos textos antigos de violacións ou malleiras. Tampouco non debería causar impacto ningún que figuremos obxectualizadas, en tanto que adorábeis, por inocentes e castas, ou, pola contra, odiábeis, por perversas, mentireiras e caprichosas. O ollo masculino amosa en practicamente todo o escrito un maniqueísmo evidente. Vémolo en centos de poemas. Por iso posuímos un imaxinario estético de invasións bélicas asociadas ás que se producían en privado, tanto nas cámaras dos castelos como neses prados ou xardíns e demais locus terribilis aos que se ten denominado “amoenus”, como se todo o acontecido neses espazos resultase dun desexo sempre mútuo, e, polo tanto, motivo de diversión. Aí están Laurencia, Dafne e tantas outras vítimas dese afán invasor propio dunha construción do desexo patriarcal, ligado á dominación. Con isto non considero revelar nada novo, simplemente intento lembrar que esta erotomanía literaturizada polos homes existe. Aparece nos textos que escribiron e algúns aínda escriben. Así é que ler os poemas destas dúas poetas -Andrea Nunes e María Rosendo- faise ben interesante e liberador, porque nos coloca noutro lugar como lectoras e contribúe á elaboración dun imaxinario erótico diferente. Que non son as primeiras que o fan? É certo. Tampouco serán, esperemos, as últimas. Aí están aqueles versos de Safo, por exemplo, moi anteriores no tempo a este libro de Andrea e María. No entanto, si hai algo en DIÁSPORA DO AMOR BALEA que non é xa tan habitual na literatura e que está en relación coa maneira en que foi concibido e tamén na que se presenta. Refírome a que todos os textos que figuran nel proceden da oralidade -antes foron audios, algo que, imaxino, permitiu que existise nos poemas esa expresividade intensa e natural que descubrimos coa nosa lectura- e constitúen un diálogo. Non se trata pois de que cada unha escriba o que lle pete, na procura da excelencia propia, e bote un discurso, mais dun intercambio de emocións, ideas, desexos e reflexións no que as dúas voces traballan acompasadas, porque se interpelan e responden, sen esquecer xamais o fío condutor que as une e que dá como resultado un texto total compacto, ben artellado e harmonioso. Isto materialízase nunha presentación curiosa e atraente. Estamos ante un conxunto de cartas poéticas nas que ambas as dúas autoras empregan tanto a delicadeza como a procacidade para recordar encontros e mantelos na memoria. Interesante idea a de xerar un espazo invisíbel ao que acceder para capturar a intensidade dese amor e traelo de novo ao presente. Tendo conta disto, a funcionalidade que esas cartas teñen para estas amantes cobizosas é a recuperación desas vivencias que as emocionaron e que, malia a obrigada separación, aínda as emocionan.

Escribirse para recordar, para volver incidir no desexo e sostelo no tempo. Tamén para sentirse próximas. Un pracer mutuo rememorado sen esa nostalxia paralizante que elas deciden obviar, porque prefiren centrarse na celebración da experiencia amorosa, coa ilusión de verse novamente e preservar o afecto que se profesan, entregándose a outros corpos, pois o que senten é algo moi potente que arelan compartir.

Isto de recibir cartas eróticas e saberse desexadas suscitará grande interese nas lectoras. Por iso creo que este poemario é un deses libros necesarios, que temos de transmitir ás xeracións máis novas. Sobre todo se queremos substraernos desa construción masculina do desexo que ten ocupado, porque é unha ocupación en toda regra, páxinas e páxinas da nosa literatura galega e doutras, nas que as propias mulleres participaron.

deixa que che ula nas raízes de gengibre/e nas sementes vulváceas do cardamomo/ (…) quero beber-te a sorvos/ e que me entres morna pola gorja

éntranme terribles ganas de mastigar o conforto/ que hai no fondo da túa boca,/ ganas de terte enteira adentrándote no escuro do corpo/ de que te introduzas a saltos/ a palazos.

(maría rosendo & andrea nunes)



Nunes, A. e Rosendo M., Diáspora do amor balea, Caldeirón, 2018.