Buscar neste blog

Amosando publicacións coa etiqueta comunicado. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta comunicado. Amosar todas as publicacións

venres, 23 de maio de 2025

Velenos

En todos os ecosistemas hai elementos que contaminan outros. Mentres que no mundo animal e vexetal os velenos adoitan ser mecanismos de autoprotección, no ecosistema humano en xeral e no literario en particular os velenos son moitas veces produto de prexuízos, envexas e sentimentos de superioridade que parten do privilexio máis descarado. Unha das manifestacións máis comúns destes elementos contaminantes é o sexismo que certos individuos manifestan, por veces de xeito aberto e outras de xeito máis agochado. Mais veleno, veleno é.


No caso do sistema literario, os entes velenosos defenden só o que lles é favorable e cospen por enriba de quen amosa unha actitude vital de construción común e de colectividade. Pensan, malia seren en moitos casos autores, editores ou críticos autodesignados, que o sistema só pode vivir segundo as súas normas; que o deles é o importante, que as demais somos un molesto lixo que cómpre constantemente tentar eliminar por calquera vía.

Só así podemos entender que a estes elementos químicos molesten as escritoras, sobre todo se temos lectoras e relevancia social, sobre todo as que non lles rimos as boutades e as que creamos os nosos propios espazos. Tamén lles molestamos as críticas, a miúdo moito mellor formadas ca eles, no académico e no vital, porque compartimos impresións fundamentadas sobre textos explicitando dende onde o facemos por que e para quen. Por suposto, molestan as activistas do ensino e das bibliotecas que buscan facer da lectura un lugar habitable para quen o precisa. Logo tamén molestan os clubs de lectura, cheos de mulleres que forman a súa opinión e que atopan a compaña das iguais, que se refuxian nos libros. Por último, na súa última actualización, semella tamén molestan as compañeiras que se dedican a difundir nas redes contidos sobre libros en galego.

Nun contexto complicado socialmente para literatura galega, cunha perda de falantes atroz, son precisamente todas estas mulleres antes mencionadas as que sosteñen a conexión social, a relevancia literaria e a terra na que todas podemos ter un espazo e un lugar. Somos as que sementamos e sachamos, as que creamos o humus para que o habiten outras plantas e animais, incluídos eles mesmos.

No seu afán ridículo de relevancia, estes señores ignoran, ademais, que nosoutras somos as que facemos do veleno un antídoto. Somos as que sabemos colaborar coas herbas, cos animais e, sobre todo coas persoas para crear un mundo no que, dende os textos a quen os difunde e le, se promovan valores antagónicos aos que eles, reiteradamente, manifestan. Fronte o seu veleno, a nosa comunidade.

mércores, 8 de abril de 2020

#Nonnoscanceles Sacha!

Guía d’A Sega para o cultivo da cultura en tempos de confinamento


Son estes tempos de pensar en comunidade, de sachar, sementar e compartir. Son tamén tempos de reclamar dignidade para quen cultiva, mais tamén respecto para quen consome e responsabilidade a quen regula. A fin de contas, no mundo da cultura galega, as que producimos e as que consumimos estamos todas sachando na mesma leira. Por iso agora máis que nunca é tempo de sacharmos xuntas.
Dende A Sega queremos agradecer a todas as artistas que estes días ofrecen acceso á cultura dende a súa vontade de construír comunidade nos termos que elas mesmas deciden, polinizando de xeito salvaxe unha terra que se viu de repente posta en barbeito. A súa contribución á leira común axúdanos a pensar nas moitas persoas que nestes e noutros momentos teñen un acceso complicado á cultura, sexa por motivos económicos, xeográficos ou polo proceso de introdución permanente de especies invasivas a través das canles maioritarias de difusión da cultura (en particular, a RTVG -grazas #Defendeagalega por seguir sachando!-). Cómpre entender estes xestos nun marco que concibe a cultura non só como unha “industria”, senón como elemento vital dos coidados. Non vaia ser que nos despistemos e acabemos confundindo reclamar dereitos laborais con poñer granxas de pitos.

Cultivar nos balcóns, en pisos pequenos, en soidade, nas casas cheas de violencia, naquelas que non teñen nin conexión dixital ou nas vidas nos que os traballos das mulleres se multiplican, tanto fóra da casa (pensemos que a maioría de persoal médico, de limpeza, dos supermercados, dos mercados, do agro, as coidadoras de maiores, etc. somos mulleres) como dentro, demostran que a cultura é tamén o espazo do colectivo, do tanxible, do encontro e da presenza. Lémbrannos que o dixital actúa só como complemento ou, nestes casos, lánguido substituto do teatro, da lectura compartida, do cinema.
Nestes tempos máis que nunca, o traballo das entidades culturais e das administracións precisa ofrecer a leira e axudar na sacha para que na construción da comunidade non conte só a vontade senón os dereitos laborais e o coidado que nós, as produtoras, tamén merecemos. É por iso que dende A Sega desenvolvemos algunhas recomendacións para que as sementes que agora botemos axuden a seguir creando o vizoso campo colectivo que tanta falta nos fai como país.

Para as artistas:

-Únete, somos máis fortes unidas. Non adoptes unha actitude pasiva, fai propostas que pensen no colectivo non só no sentido laboral. Considera que a cultura non é o único sector afectado, en todo o que fagas ten en conta o comunitario e a xustiza social. Ser crítica está moi ben, pero procura non machucar as outras. Mazar en quen sementa, mesmo se o fai de xeito diferente a ti, non é unha estratexia produtiva. Se cadra é máis produtivo centrar as críticas en quen ten os cartos e o poder e non nas compañeiras que deciden dar saída ao seu entendemento de comunidade do xeito que consideran preciso.

-Sé consciente de que podes facer intervencións en liña e cobralas á xente que pode pagalas, establecendo diferentes categorías (xentes sometidas a ERTES, autónomas sen ingresos, persoas no paro ou en exclusión social) como fixo Alba María co seu curso de regueifa en liña.

-Apoia outras artistas participando nas súas actividades en liña para darlles visibilidade ás súas intervencións e axudalas nas estratexias de márketing dixital.

Para as entidades públicas:

-Garante que todos os contidos que solicites a artistas nestes tempos sexan remunerados igual que serían nun encontro presencial. Unha cousa é que nós queiramos construír comunidade e outra que iso se aproveite por parte das entidades públicas para precarizar máis o noso contexto de traballo. Fai como fixo o Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra, que pasou todas as súas actividades físicas, coas dificultades que iso entraña, a virtuais con pagamento de todas as artistas implicadas.

-Fai un plan de continxencia: analiza con que cartos contas, onde os vas investir, que actividades podes programar que dean apoio ás creadoras en traballo conxunto con elas. Por exemplo, podes promover a publicación de libros electrónicos ou música apoiando as editoras existentes e as libreiras. Unha acción importante dos plans de continxencia é consultar coas librarías locais (por exemplo, se es un Concello) se lles gustaría ter unha plataforma de venda en liña para poder dar saída á venda de contidos dixitais ou físicos. Estas adoitan ser investimentos importantes que as librarías pequenas do país non teñen moita capacidade de enfrontar. Abre unha vía de financiamento para elas, así quedaralles para o futuro e estarán en mellor posición para competir coas plataformas dixitais agora e despois.

-Intenta investir en cuestións que ofrezan un futuro menos precario ao colectivo de artistas con quen traballes. Por exemplo, ademais de remunerar intervencións concretas como farías nun contexto físico (por exemplo, se ese unha biblioteca, un club de lectura virtual), intenta, sobre todo no caso das administracións de maior entidade, ofrecer cursos non presenciais sobre temas que lles interesen a colectivos de artistas concretos. Contratando a quen imparta o curso e as persoas precisas para organizalo estarás creando traballo e deixando a comunidade de creadoras en mellor situación (por exemplo, cursos sobre xestión das industrias culturais, manexo de programas concretos para crear pezas artísticas na rede, etc.). Acorda o contido dos cursos sempre co número máis amplo de persoas que integran o colectivo en concreto.

-Simplifica e garante a transparencia do acceso aos fondos: procura financiar a poboación que como administración tes máis próxima. Axudarás tamén a fixar as artistas no teu territorio. Fai convocatorias con requisitos sinxelos, concretos e telemáticos. Non distribúas nunca cartos aleatoriamente.

-Promove cos cartos dos que dispoñas por cousas que se cancelaron e non poden retomarse alianzas entre aqueles sectores culturais afectados. Non esquezas que a cultura non son só as caras visibles, ofrece apoio a bedeis, limpadoras, vendedoras de entradas, persoal técnico autónomo, xente de redes e comunicación, deseño, músicas ambulantes, artesanía local.

-Finalmente, esta é unha pandemial mundial. Non esquezas promover traballos que axuden a crear alianzas entre artistas e culturas, dende Galicia a outros lugares, sobre todo os afectados por confinamentos. Agora máis que nunca, deixa unha parte do teu orzamento dedicado ás traducións, á organización de cursos virtuais ou encontros con persoas de fóra dando traballo ás intérpretes galegas (utilizando mecanismos de interpretación remota, do cal te poden informar na AGPTI, a Asociación Galega de Profesionais da Tradución e da Interpretación). Permite que as artistas creen alianzas que contrarresten as causas raíz da pandemia dun xeito transnacional.

Outros axentes da cultura (editoras, discográficas, produtoras, medios)

-Pon a disposición material se o consideras preciso, pedíndolle á xente que pague.

-Únete e fai propostas coas artistas, se sachamos todas xuntas iranos mellor. Se queres compartir e promocionar obras, faino en sinerxía e nas condicións que as propias autoras requiran.

-Se traballas nun medio, aproveita para incrementar a programación cultural. Nestes días de tanta sobrecarga informativa monotemática, a xente precisa máis que nunca da cultura.

Para as co-creadoras (público)

-Se tes o luxo de seguir tendo traballo, asigna unha pequena cantidade semanal a pagar por algún produto cultural galego ou subscríbete a librarías coma a Lila de Lilith para que poidan contar cun fondo para manter a súa actividade. Apoia proxectos coma o da editora Urutau que puxo de balde os seus libros na rede, mais pide que quen poida pague por eles. Se ti que podes pagas, quen non pode seguirá tendo acceso á cultura.

-Se formas parte dalgunha asociación, es mestra, bibliotecaria, etc., planifica actividades que poidas remunerar con artistas galegas, tanto para o confinamento como un plan de choque posterior (por exemplo, que no curso que vén as escolas planifiquen máis actividades de cultura galega ca nos cursos anteriores). Establece obxectivos e prioridades, apoia a quen máis necesidade ten. Se cadra neste momento é importante convidar aos centros sobre todo a aquelas autoras, contacontos, teatreiras, cantantes e cineastas que non teñen un traballo fixo adicional e priorizar aquelas que quedaron sen ingresos. Por fortuna, en Galicia temos unha vizosa cantidade de artistas e podemos utilizar este criterio sen perder ningún tipo de calidade. Infórmate da situación de cadaquén cun trato próximo, respectuoso e humano (é dicir, non chames ás nove da noite un domingo ou te irrites se unha persoa non contesta ao teu correo en dez minutos: as artistas non somos un Opencore, nin estas accións poden entenderse como actos de caridade cara a nós. Sachamos todas xuntas ou non sachamos!). Non esquezas as caras menos visibles que comentamos antes: tamén teñen cousas que contar e ensinar e igual precariedade.

-Se non tes ingresos, se nesta crise traballas sen fin para manter os servizos esenciais, se estás esgotada por ocuparte do coidado doutras, se estás en situación de violencia de xénero ou pola túa identidade de xénero ou orientación sexual, se padeces unha enfermidade mental ou discapacidade, resumidamente, se estás nunha situación na que a túa preocupación principal no confinamento non é “que te aburres”, acude á cultura. Dinos que precisas ou simplemente goza das películas do Novo Cinema Galego, dos concertos de Najla Shami, MJ ou de Éric Dopazo, das versións tolas de Monti Castiñeiras, da distribución en aberto das series galegas no arquivo da TVG, de teatro liberado por Teatro do Noroeste, Berrobambán ou Chévere, das lecturas das primeiras páxinas de autoras de Xerais, dos festivais de poesía na rede Miña casa, meu lar, Corona Ipsum, dos festivais literarios coma os organizados dende Viva Lugo e de todos os produtos culturais en galego que se dispoñibilicen porque se alguén os merece gratuítos, es ti.

mércores, 24 de outubro de 2018

Manifesto das mulleres públicas. A Sega en apoio a Iria Pinheiro



Velaquí estamos as mulleres públicas. As que traballamos co noso corpo. As que nos expoñemos. As que nunca coñeceremos a xustiza porque a culpa é eternamente nosa. As que debemos aceptar caladas calquera man sobre o noso corpo porque caladiñas estamos máis guapas e esa é a nosa función. As que podemos ocupar certos espazos sempre e cando respondamos ás expectativas patriarcais. Sempre e cando sexamos só corpos desexables e dispoñibles.

A linguaxe patriarcal é certeira: mulleres públicas vs homes públicos. Deles o espazo digno. Na man deles sempre o poder, a escusa, o acubillo dos seus iguais. Perpetuándose uns aos outros nos espazos de relevancia. Botándonos deles cos seus comentarios noxentos, “bromas”, mans que buscan escusas para tocarnos os peitos, o cu e aínda por riba dicirnos que non sorrimos. Deles a capacidade para castigar deixando sen traballo cando non se aceptan os avances. Deles toda a presión da sociedade sobre a nosa carne.

A nosa carne de putas, de cabareteiras, de participantes en faladoiros, de políticas, de modelos, de actrices, de escritoras. Das que nos expoñemos negándonos a ser decorativas. Das que reclamamos para nós o espazo propio, o berro da ira, a ruptura das fronteiras (o público e o privado, o oculto e o visible) que a eles tanto lles conveñen.

Nós, as que non calamos e somos sometidas nos xulgados ás máis burdas farsas. Esas nas que os participantes con poder finxen ignorar -mais saben, porque son cómplices- que a natureza do acoso fai que este aconteza no privado, que finxen ignorar que hai testemuñas con relacións laborais co acosador, que deciden deixar fóra os testemuños de quen apoiou o da vítima. Se algo está claro, fronte toda a morralla patriarcal que nos venden a través precisamente do cinema, do teatro e da literatura, dos medios, sobre como as mulleres somos unhas lurpias mentireiras que como non temos abondo que facer con dobres e triplas xornadas laborais nos dedicamos a “desfacerlles a vida a homes de ben”, é que eles nunca pagan.

Pero as mulleres públicas imos facer que paguen. Levantando a voz e poñéndonos do lado de mulleres como Iria Pinheiro. Das que fronte a todo fican en pé. Das que nos teñen para termar delas cando a aldraxe supera o soportable. Das que non están soas, porque as mulleres públicas, se por algo nos caracterizamos, é por arremuiñarnos e protexernos entre nós. Ante o asoballamento da vía legal temos outras abertas. A primeira, deixar de consumir produtos financiados, producidos, dirixidos e escritos por acosadores. Por desgraza, moito que desbotar. Mais tamén moito novo que acoller, apoiando a quen carga coas consecuencias laborais reais de todo isto. Asistindo a cada unha das representacións, dos novos proxectos que Iria Pinheiro e outras mulleres públicas queiran lanzar.

Porque as mulleres públicas estamos aquí para conquistar, xuntas, o espazo que é noso. Un espazo que outros fan un campo de batalla e no que está na man de todas que deixe de selo. Porque o único que as mulleres públicas queremos é crear, falar e transformar a sociedade. E por todo iso somos tan perigosas. E tan imparables.

domingo, 25 de febreiro de 2018

Rosalía de Castro aparécese na Libraría Lila de Lilith para anunciar...








Rosalía de Castro tivo a ben aparecer pola Libraría Lila de Lilith de Compostela e indicarnos quen será a escritora coa que festexaremos o Día das Galegas nas Letras e coa que celebraremos a literatura galega e a escrita feita por mulleres. Dádelle ao play e gozade desta ocasión excepcional que nos chega do Máis Alá! Nesta ouija alén mundos e dimensións... Rosalía de Castro recoméndanos dedicarlle o DGL a Marica Campo!


Manifesto Nosa Señora das Letras 2018

OS OLLOS DAS PATACAS


Antes da era das sementes transxénicas que cando nacen morren, a única maneira de que un campo puidese encherse de patacas era que estas botasen ollos e fillasen. Para que puidesen nacer patacas novas, precisábase doutras que desen algo de si, que mirasen cara á fóra, cara á terra que as rodeaba, que se mergullasen nela e sacasen o xermolo que levaban dentro.

Os ollos das patacas miran, xa que logo, cara a dentro e cara a fóra. Miran coa vontade de rescatar as que viñeron antes, mais tamén de crear espazo, terra remoída e vizosa, para as que veñen despois. É este un labor teimudo, artesán e sempre de corpo aberto.

 

 

Por desgraza, as patacas que botan ollos e fillan tenden a quedar soterradas. Por veces polo mero desleixo de quen fai os regos das leiras, porque semella que quen non está en certos centros non existe. Outras veces, as máis, porque quen determina a extensión do campo, faino, no canto de cos ollos das patacas, co ollo dun funil sexista, elitista e rancio. Un funil que ignora que sen patacas con ollos, non podería haber campos en flor cheos de palabras.

Hai autoras que son coma os ollos das patacas, como patacas con ollos, que dende a súa leira e o seu campo van tirando das que estaban aí, das que están ao lado. Sen preguntar de onde es ou que tipo de pataca serás no futuro, abren os seus ollos para abriren ollos en ti. Porque delas aprendemos cada unha que unha pataca soa non fai campo e que se precisan moitas para producir a vida e o alimento. Que con ese traballo de tubérculo alimenticio rachamos os marcos e invadimos novas leiras. As autoras dos ollos das patacas abren fendas no terrón seco do presente, co seu compromiso coa lingua, cos lugares e coas mulleres, sen dubidar un segundo en proporcionar anacos de si a quen teña terra que acollelos.

E nosoutras, que somos segadoras, agardamos as patacas. Queremos ser patacas con ollos. Que fillen tantas outras cálidas, profundas e combativas coma ela. Coma a Nosa Señora das Letras Marica Campo.

mércores, 10 de xaneiro de 2018

Na Gala do Libro Galego #votamulleres

Xa o dicían Annie Kenney e Christabel Pankhurst 
 
Nesta mesma semana as socias e socios da AELG vimos de recibir o convite para facer as nosas propostas para as futuras votacións da que será a vindeira Gala do Libro Galego organizada pola Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, a federación de Librarías e a Asociación Galega de Editores. 
Desde A Sega non queremos deixar de visibilizar o traballo feito polas narradoras, pensadoras, poetas, dramaturgas, ilustradoras, blogueiras, fotógrafas e demais artistas durante o 2017 polo que, para que ninguén se perda, temos feita unha completa listaxe de todas as obras escritas e publicadas por mulleres durante o pasado ano, todas elas merecedoras de ser tidas en conta e votadas para participar nesa gala.

Esta listaxe é feminina e orientativa. Están as que son. De ningunha maneira tivemos en conta os proxectos masculinos porque eses sempre están presentes –e a súa sombra alargada- e aquí do que se trata é de evitar ser eclipsadas de maneira ritual.

A elaboración da lista foi esforzada, aberta e democrática e detrás dela agóchase o labor de cotexar, preguntar e valorar mais tamén a tristura e a rabia de desbotar, xa que quedaron fóra autoras e obras marabillosas pola simple razón de que os seus libros non están publicados con ISBN o que é requisito indispensable para a súa presentación.

Caso doloroso é o que ocorre no teatro, onde as compañeiras enchen salas cos seus espectáculos pero moi poucas teñen o seu texto editado.

Sen tratar de influenciar pero si buscando ofrecer unha panorámica real, velaquí o que estivemos a facer as autoras galegas durante o ano 2017.

Moitísimas grazas a todas as autoras que nos achegastes a vosa voz, ás lectoras e seguidoras nas redes sociais, que ofrecestes datos e salvastes de grandes erros. A Patriza Porto da Lila de Lilith pola difusión e as achegas, a todas e cada unha das segadoras. Grazas a todas por todo o que hai detrás da seguinte listaxe. Que non deixe de medrar para os anos que veñen.

Agora, a ler, ter en conta, votar e que se faga xustiza.

[EDITAMOS E AMPLIAMOS COAS VOSAS ACHEGAS]

 
LISTAXE DE OBRAS SEGUNDO CATEGORÍAS PROPOSTAS POLA AELG:


1- Obra de ensaio e investigación

- Corpos exorbitantes. Rosalía de Castro, traductora feminista, en diálogo con Erín Moure, María Reimóndez
- Da moura á Sheela-na-Gig, Milagros Torrado Cespón
- Transmigrantes: fillas da precariedade, María Alonso
- O futuro é para sempre. Experiência, expectativa e práticas possíveis, Paula Godinho.
- Rosalía de Castro e o poder sexual, María Xosé Queizán
- Rosalía de Castro. Cantos de independencia e liberdade, María Xesús Lama
-  عين ('ayn). O ollo e a fonte de Almudena Otero Villena

 
2- Obra de divulgación.

- Muller Inmigrante, lingua e sociedade, Lauro Rodríguez Salvado e Iria Vázquez Silva (eds)
- Invisibles, Montse Fajardo
- Eugenia Osterberger: A compositora galega da Belle Époque (1852-1932), Beatriz López-Suevos, Rosario Martínez Martínez e Susana de Lorenzo 
- Comezar desde cero, Tania Merelas 


3- Obra de narrativa. 
 
- Bibliópatas e fobólogos, Emma Pedreira
- Luns, Eli Ríos
- As cousas que non queremos oír, María Reimóndez
- Manual básico de hostalería, Patricia Janeiro
-Sapos e sereas, Ana Cabaleiro
-Deixe a súa mensaxe despois do sinal, Arantza Portabales
-Escapados, María del Carmen Rey Núñez
-Cando pasou o que pasou, Rosario Regueira Cereijo
-Saturno tamén é deus, Uxía Casal
-Limiar de conciencia, Cris Pavón
-A vida sinxela de Marcelo Firmamento, Vanesa Santiago
- Unha verdade amarga, Celia Díaz Núñez
- Um elefante no armário, Teresa Moure 
- Abadessa, oí dizer. Relatos eróticos de escritoras da Galiza, Carmen Blanco, María Lado, Verónica Martínez, Raquel Miragaia, Teresa Moure, Emma Pedreira, Isabel Rei Samartim, Susana Sánchez Arins, Rexina Vega e Eva Xanim.
- Pon un psiquiatra na túa vida... e xa verás, Úrsula Heinze
- Dormir com Lisboa, Fausta Cardoso 
- O medo é libre, Concha Blanco 
- Bastións, Sandra Lesta



4- Obra infantil. A destinada a públicos de menos de 11 anos de idade.


-A señorita Bubble, Ledicia Costas
-Muriel, María Canosa
-O que nunca che contaron, María Canosa
-A cazadora de estrelas, María Canosa
- O sombreiro do mago, Ánxeles Ferrer
-A vaca dixo mua, Gloria Sánchez
-Dez piratas, Gloria Sánchez
-A bruxiña da sorte, Concha Blanco
- A pel do mundo, Berta Dávila
-Bestiario doméstico, Raquel Castro
- Contos do sol e da lúa, Helena Villar Janeiro
- A batalla da pequena Chañan Curi Coca, Rosa Aneiros
- Debaixo dun parasol, Azucena Arias Correa
- Animalario cotián... entre irmáns, María Lires
- Un baúl cheo de piratas, Ana Rossetti
- Monstros na escuridade, Güettler, kalleTIR Hilmsdal, Rakel Jónsdóttir, Áslaug
- Gripe monstruosa. Kalle Güettler, Rakel Helmsdal, Aslaug Jonsdottir
- Fred Quincalla, o nómade do mar. Teresa González Costa, Ilustracións María Seoane
- Volta, revolta e reviravolta. As Maimiñas. Ilustracións Patricia Castelao
- Marisa. Cristina Ferreirós
- 5 minutos. María Nove, Noel Lado, Auga Editora

5- Obra xuvenil. A destinada a públicos entre 11 e  18 anos de idade.

-Corredora, María Reimóndez
-22 segundos, Eva Mejuto
-Cando Lennon coñeceu a Valle Inclán, Beatriz Maceda Abeleira
- O ferreiro da lúa chea, María Isabel Molina
- Bruxa e familia, Paula Carballeira
- Os nenos da varíola, María Solar 
- No silencio dos lapis. Branca Vilela
- O cidadán perfecto. Raquel Ricart
- Tinta de luz de Pepe e Berta Cáccamo
- A cova da moura. Natalia carou Figueira
- Os días lebre, Clara López 
- Versos e bolboretas, Mónica Inés Varela Gestoso
- Alí Babá, Morxiana e os corenta usureiros, Marilar Aleixandre
 

6- Libro ilustrado. Entendendo como tal a obra na que as imaxes son parte fundamental da súa composición.

-Xandra, a landra que quería voar, Mercedes Queixas e Paula Pereira
-A brétema, María Victoria Moreno e María Montes
-Maruja Mallo, Elvira Ribeiro e Eva Agra
-Xulia Minguillón, María Reimóndez e Eva Agra
-Os arquivos segredos de Escarlatina, Ledicia Costas
- O amor e as palabras, María Victoria Moreno
- O branco non pinta, Antía Otero e María Brenn
- As receitas de Rosaura, Isabel Blanco e Luz Beloso
-  Quen ven esta noite? Ana meilán, Silvina Eduardo
- Agni e a chuvia. Dora Sales.
- Viaxeiros de peto. Flor Dios, Isa Penabal
- Polo camiño. Mariana Ruiz Johnson
- A horta de Simón. Rocío Alejandro
- Sementes. Sonia García
- Os fantasmas non petan na porta. Eulália Canal, Rocío Bonilla
- A montaña de libros máis alta do mundo. Rocío Bonilla
- Os Wombis e os chupetes. Emilia Rebumbio e Irene Sanjuán
- Gombó e o medo á escuridade. Ánxela Gracián
- Mala malona tiña tal frío. Cristina Ferreirós


7- Libro de banda deseñada
 
- Licor café


8- Iniciativa bibliográfica

-  O Gran Libro dos Señores Importantes, de Tomás Lijó, Mónica Góñez e Natasha Lelenco
- Mulleres bravas da nosa historia (Rosalía de Castro, María Victoria Moreno, Maruja Mallo, Xulia Minguillón) por María Lado, Eli Ríos, Elvira Ribeiro, María Reimóndez. Ilustrados por Eva Agra.
- Prevención de riscos agrarios na Costa da Morte, Natalia Lema Otero
- Cociña galega tradicional, Matilde Felpeto Lagoa
- Estrelas da despensa galega e 67 receitas con historia e sabor, Carina Regueiro
- Maruxa das Cortellas. Tocadora do pandeiro…, Xulia Feixóo - Regueifa en Bergantiños. Celestrino de Leduzo vs. Calviño de Tallo, Alba María Rodríguez
- O legado sonoro de Jacinta Landa Vaz. Galiza, Portugal, Extremadura, Pilar Barrios Manzano, José Luís do Pico e Domingos Morais
- Mulleres de Gargamala! Cantares de tradición oral, Xulia Feixóo e Guillerme Ignacio
- Flor de Santiago, Ruth Varela
- Herdeiras. Muller, memoria, identidade, Carmen Pením
- Territorio Acoutado. Olga Patiño Nogueira poemas- Carlos Lorenzo Pérez fotografía 
- Baixo as mesmas nubes. Elga Fernández Lama


9- Tradución

- Detrás da máscara, Louisa May Alcott, traducido por Antía Veres Gesto
- Mocidade sen deus, Ödön von Horváth, traducido por Patricia Buján Otero
- Kipps, H G. Wells, traducido por Celia Recarey
- Poemas Grace Wells, traducido por María Reimóndez
- Os tres mosqueteiros, Alexandre Dumas, traducido por María Reimóndez Meilán
- A obra, de Bruno Sperani (pseudónimo de Beatrice Speraz). Traducido por Isabel Soto.
- Persuasión, Jane Austen, traducido por Celia Recarey
- Nemo. O xigante de pedra, Davide Morosinotto , traducido por María del Carmen Alonso Seisdedos.
- Reckless. O fío de ouro, Cornelia Funke, traducido por María del Carmen Alonso Seisdedos.
-O lapis máxico de Malala, Malala Yousafzai/Kerascoët, traducido por María del Carmen Alonso Seisdedos.
- Sombras de reis barbudos, José J. Veiga, traducido por María del Carmen Alonso Seisdedos.
- A concesión do teléfono, Andrea Camilleri, traducido por María del Carmen Alonso Seisdedos.
- A casa do sono, Jonathan Coe, traducido por María del Carmen Alonso Seisdedos.
- Ernesto e Celestina perderon a Simeon, Danielle Vincent, traducido por Tamara Andrés.
- Thérese Raquin, de Émile Zola. Traducido por Isabel Soto.
- Brancaneves e os 77 ananiños de Davide Cali. Traducido por Anaír Rodríguez Rodríguez
- Cincenta e as zapatillas peludas de Davide Cali. Traducido por Anaír Rodríguez Rodríguez
- Nós, de Evgenii Zamiatin. Traducido Elene Sherevera e Lourenzo Maroño.
- A traba, de Mary Cholmondeley. Traducido por Sabela Tobar e Matthias Louwen
- Allumette de Tomi Ungerer. Traducido por Óscar Senra Gómez e Sandra Senra Gómez.
- As tres curuxiñas de Martin Waddell e Patrick Benson. Traducido por Óscar Senra Gómez e Sandra Senra Gómez.
- Rufus, o morcego que adoraba as cores de Tomi Ungerer. Traducido por Óscar Senra Gómez e Sandra Senra Gómez.
- Cantar de Valtario, anónimo. Traducido por Maite Jiménez.
- Diálogos de mortos. Diálogos mariños, de Luciano de Samósata. Traducido por María Teresa Amado Rodríguez.
- Cantar de Ruodlieb, anónimo. Traducido por Maite Jiménez.
- Caracteres, de Teofrasto. Traducido por Iria Pedreira Sanjurjo.
- Todo o mundo. A vida ten moitas cores. Tuckerman, Anja Schulz, Tine. Traducido por Rosa Marta Gómez Pato
-  O camiño á casa. Katie Cotton, Sarah Jacoby. Traducido por Fe González Fernández
- A Alquitara. Troubs. Traducido por Rosa Espiñeira Pan

10- Poesía

- Entullo, Lorena Conde
-Culpable, Eli Ríos
- Na casa da avoa, Marta Dacosta
-A lentitude, María do Cebreiro
-Corpo de Antiochia, Tamara Andrés
-Curiosidade, Estíbaliz Espinosa
-Vestir a noite, Olalla Cociña
- Cervatos, Lucía Novas 
- Welcome to Sing Sing, Elvira Ribeiro
-Mudanzas e outros velenos, Marilar Aleixandre
-Camuflaxe, Lupe Gómez
- Os lobos na casa de Esaú, Lara Dopazo Ruibal
- Não tenho culpa de viver, Ana Brouwer
- Sonetos preposicionais, María Xosé Lamas
- A Elegancia do século, Pura Tejelo
- Nomes de fume, Miriam Ferradáns 
- Non, amor, Diana Varela Puñal 
- Arrincando marcos, de Paula Carballeira, Rosalía Fernández Rial e María Rosendo
- O segredo de Sheela na Gig, Iolanda Aldrei 
- As idades perdidas, María Carmen Caramés Gorgal 

11- Teatro

-Na butaca, E. Carrodeguas
-X Premio Teatro radiofónico do Diario Cultural (Ana María Carreira Varela, Eva F. Ferreira, Carolina Alba Castro Estévez e Avelina Pérez Pérez)

12- Ao libro mellor editado
 
- A brétema de María Victoria Moreno
-Na butaca, E. Carrodeguas
- A Alquitara de Troubs por Rosa Espiñeiro Pan


13- Iniciativa cultural ou de fomento da lectura

- Cultura da Deputación da Coruña
- Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra
-Clube de lectura feminista Lila/ A Sega
-Café con Libros (Taberna da Lúa/Toxosoutos)
- Teñamos a poesía en Paz da Libraría Paz
- Libros a monte da Coruña
- Semana do Libro de Compostela. SELIC
- Clueb de lectura con Premeditación e alevosía sobre LIX para adolescentes en Cronopios

14- Proxecto literario na rede

- Plataforma de Crítica Literaria A Sega
- Brabádegos Portal de Literatura Infantil e Xuvenil
- Poemaxes de Mercedes Queixas

15- Xornalismo cultural

- Zig Zag Diario
- Diario Cultural
- Susana Pedreira
- Montse Pena
- Montse Dopico
- Xiana Arias
- Ana Romaní
- Belén Bouzas 
- Chamando á terra