Buscar neste blog

Amosando publicacións coa etiqueta conversas. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta conversas. Amosar todas as publicacións

mércores, 14 de febreiro de 2024

Marga do Val recomenda A semente, a árbore, a froita. Ana Pontón en conversa con M. Reimóndez


“A semente, a árbore, a froita” é un libro de conversas publicado en 2020 por Edicións Xerais de Galicia. Un libro en que dúas persoas dialogan en igualdade de condicións, unha conversa entre Ana Pontón e María Reimóndez que vai fluíndo desde a empatía e a curiosidad crítica, que é como se achega Reimóndez a Pontón. Os encontros tiveron lugar nos últimos meses de 2019, despois nada máis saír o libro, chegou a pandemia e o libro ficou fechado, sen percorrido, algo realmente incomprensíbel. Inaceptábel, por iso o libero, pola intelixencia das dúas persoas que conversan.

A infancia, a lingua como un territorio emocional ou de reconciliación coa propia identidade; o conflito na procura de dereitos e a contradición na adolescencia como aprendizaxe, como ferramentas para enfrontar a vida adulta, tamén a da vida política e colectiva; un souto de carballos e castiñeiros en Chorente que é símbolo da sustentabilidade, a herdanza para o futuro fronte ao curtopracismo, e nadar a contracorrente, como un acto libre, que nos fai persoas críticas e nos dá máis espazos de liberdade. Isto é a Semente.

Como desfacérmonos do discurso que nos oprime nun espazo patriarcal como a política, o feminismo como elemento transformador intrínsico na acción política, que cuestiona as estruturas de poder, as do estado e as de xénero; a invisibilidade da presenza das mulleres na historia, o camiño aberto pola lei galega contra a violencia de xénero, o proceso de aprendizaxe para xestionar a exposición pública e as críticas; como xestionar as contradicións entre políticas ambientais e laborais, a falta de información sobre a descapitalización, sobre a desgaleguización das empresas, a perda das caixas, a tarifa eléctrica, o desmantelamento dos sectores públicos, a firme convicción de que todo proxecto económico sen ética vai ser insostíbel e só creará desigualdade, falar desde Galiza en conexión co mundo; o racismo nas estruturas da sociedade mesma, os dereitos sexuais, os dereitos da identidade de xénero, a memoria histórica, Defende a Galega contra o secuestro dos medios públicos. Isto é a árbore.

Velaí a semente: un país mellor en que vivir.