Buscar neste blog

Amosando publicacións coa etiqueta o cuarto de. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta o cuarto de. Amosar todas as publicacións

martes, 19 de setembro de 2017

O cuarto de Arantza Portabales


Benvidos ao meu cuarto propio. Si. É este. O único onde sempre estou soa. Sen ninguén a petar á porta. Sen teléfonos. Sen fillos. Sen amigas. Sen pais. Sen xefa. Sen recados pendentes, sen listas de tarefas por facer, sen expedientes administrativos agardando por min.
Soa.
Escribir é un acto fundamentalmente solitario. E non necesariamente físico. O de darlle a tecla, vén despois. É lóxico. O primeiro é saber que contar. E como contalo. 
Non vos estrañedes se me atopades a falar soa nun semáforo. Estou escribindo.
Si. Mentres conduzo, a miña mente vai de cero a cen en dous segundos. Aínda non inventaron algo
así os da Fórmula Un. E teño que confesar que con frecuencia supero as cento vinte ideas por hora.
Tampouco inventaron na DXT un radar para atrapar as ideas. Nin falla que fai.
Ás veces río coas ideas que se lle ocorren aos meus personaxes.
Ás veces choro, e abro a ventá para comprarlle os panos ao rapaz que está no semáforo.
Ás veces teño medo de que os pensamentos se esvaezan coma as pingas de choiva sobre o asfalto nunha tarde de verán. Entón paro, activo a gravadora do móbil, e aprisiono os meus pensamentos.
E despois está o outro cuarto. O cuarto onde me sento diante do portátil e realizo o acto físico de teclear, de ordenar e de dar forma as ideas. Iso que algúns chaman escribir.
Non serei eu a que diga que non.
Pero que queredes que vos diga. Para min, escribir, é outra cousa.

domingo, 3 de setembro de 2017

#ocuarto de Lara Rozados


Un cuarto de meu! Canto hai diso! Canto tempo hai dos sucesivos cuartos en sucesivos pisos de aluguer da infancia e da idade adulta, o último, nun piso compartido, que acolleu as noites de insomnio das que saíu O caderno amarelo... Agora sinto que non hai cuartos (nin temporais nin espaciais) de meu. Xs fillxs (os coidados, en xeral, pero estes seres pequenos moito máis) póñennos a vida patas arriba como ningunha outra cousa.
Nun dos múltiples cuartos de meu, o da casa da avoa materna, en Pantín, reencontrei hai pouco ¿Tiempo de mujer?, de Montserrat Roig, publicado no 80. No prólogo, Laura Tremosa fala de como a vindicación de Virginia Woolf, ese tempo e ese cuarto de noso, parecen cada vez máis inalcanzables. "Quizás antes de preguntarse si es tiempo de mujer habría que preguntar si las mujeres empiezan ya a tener tiempo" (p.12).
Coas miñas seis horas de traballo remunerado diante dun ordenador a escribir e unha tese en (leeento) proceso, facendo malabares con iso que chaman conciliación, cando mellor escribo é, a man, mentres xogo coa miña filla. Nestes espazos (espazos temporais tamén) onde as dúas somos libres de xogar.

martes, 22 de agosto de 2017

O cuarto de Arancha Nogueira




Eu non sei cal é o meu cuarto. Se cadra por iso me custou tanto escribir este texto.
O meu cuarto foron moitos cuartos, e agora é un cuarto, e non sei cando será outro.

De pequecha, o meu cuarto estaba en Ourense, nun piso que agora habitan outros, uns outros que non coñezo, que farán o cuarto seu. O meu cuarto pasou por Madrid, por Porto, por Belfast. Paseou por Arxentina, por Balears, por Andalucía. Agora vive en Compostela. Pero non é o meu cuarto.

O meu cuarto sempre é caos. Supoño que coma min. Hai roupa no chan, roupa nos armarios, roupa enriba dos armarios e debaixo dos armarios. Servilletas con apuntes. Billetes de tren. Como se quixeran recordarme algo.

O meu cuarto é entropía.

Na cama si, na cama son eu. Escribo ás veces. Enriba dela, sempre enriba dela, como se houbese algo no chan. No chan hai roupa. Supoño que tamén hai medo, estrés, fatiga, dicir adeus, chorar, chorar soa, ir correndo, non almorzar, volver correndo, laca de unllas de hai moitas semanas. Talvez por iso sempre escribo enriba da cama, e por iso sempre levo o edredón a todos os cuartos que non son os meus cuartos. O edredón laranxa e o edredón verde, a todos os cuartos.

O meu cuarto ten ás veces as sabas suxas, as sabas limpas; a xanela aberta, a xanela pechada; botellas de auga baleiras, ou cheas; cinco libros enriba da mesiña e ás veces menos; a roupa do día seguinte pendurada da cadeira, e outras veces nada, e outras veces música.
Ás veces no meu cuarto estou eu soa; outras veces compártoo.

Pero o meu cuarto nunca é o meu cuarto.

Talvez só a cama. Ás veces miña.

E supoño que seguirei a busca até atopar o cuarto. O que fique. O non precario. O de bailar sen molestar a naide. O de durmir. O de durmir máis. O de tocar o chan. O de escribir moito. O de escribir fóra da cama. O de mirar o mar. Ou mil mares. Non o sei.
Cando sexa, sabereino.

xoves, 3 de agosto de 2017

#ocuartode Eva Veiga




TODOS OS CUARTOS
 A procura dun cuarto propio estivo sempre aí como horizonte, mais dun xeito subrepticio, durante a miña infancia e primeira xuventude. Nacín e medrei nun ámbito rural sendo a maior dunha familia numerosa, con todo o que iso significa.  A casa familiar era adoito un bulicio incesante porque ademais a rapazada da veciñanza viña xogar á nosa aira. Xa que logo non resultaba doado illarse naquel ambiente tan vitalista e axiña aprendín a abstraerme mesmo mentres realizaba calquera tarefa, sobre todo as relacionadas co cultivo da terra. Terra das Fragas do Eume que levo aínda debaixo das unllas e tamén na cerna mesma como un bosque de símbolos e metáforas. Pois procuramos sempre o que non está. E foi esa relación tan realista co medio natural a que precisamente propiciou a miña querenza pola reflexión abstracta, polo imaxinario. Dese xeito, todo aquel universo de vales e montes, de río e mar, foi e segue a ser o meu inmenso cuarto privado, seguramente o máis inspirador pois del, ou con el, xurdiron esas preguntas fundamentais para as que continúo a buscar respostas
Mais cando tiña tempo para ler ou escribir -algo que comecei a facer moi cedo- agochábame tanto no faiado coma na habitación onde madurecían as mazás de inverno entre a palla -velaí un arrecendo perdido para sempre, agás para a memoria- ou ía ao monte acompañada do noso can Rin que sabía gardar silencio e tamén alertarme cun simple aceno das invisibles presenzas que poboaban o piñeiral. As miñas lecturas daquel tempo están intimamente ligadas a eses espazos. Como está a poesía de Aleixandre, da que fun devota adolescente, á aquela habitación que só contiña un grande armario de cerdeira con tres lunas; diante dese espello recitaba en voz alta unha e outra vez  os versos do libro Historia del corazón. Ou, desdobrada na imaxe, sostiña arrevesados e reveladores diálogos coas diferentes voces que todxs somos.
E non podo non mencionar aquí os autobuses de liña onde sempre esquecía algo “por andar nas Batuecas”, pois dende os dez anos estudei fóra e a miña vida afíxose a unha constante itinerancia. E asemade foi o Castromil na ruta Santiago-A Coruña o meu cuarto preferido durante os anos intensos do meu traballo na TVG xa que era nesas escasas dúas horas de ir e vir onde atopaba acougo para pensar e apuntar versos. Porque, en realidade, a meirande carencia da miña vida foi adoito o tempo devagar. Até que chegou un día no que o diagnóstico dunha leucemia paralizou ao cronos devorador e, de modo paradoxal e perentorio, os minutos, as horas e os días que acadaban escapar das fauces do cancro -contados polo persoal sanitario como centímetros dunha cinta de medir- dilatábanse ad infinitum para a miña íntima experiencia. Nesa habitación de illamento achegueime ao meu propio corpo coa demora e a atención necesarias para escoitalo e así reencontrarme con aquela capacidade aparentemente perdida da infancia cando era quen de meditar e case levitar de maneira intuitiva. Foi o mellor opiáceo para a dor e seguramente unha axuda inestimable para a rexeneración celular.
En calquera caso, eses cuartos públicos de hospital supuxeron a proba máis transformativa da miña existencia e enriquecéronme con tesouros inestimables. Un día deses de confinamento hospitalario mirei pola fiestra a paisaxe marabillosa da ría do Burgo na Coruña e reparei, eu alí encerrada, no voo maxestoso dunha gaivota a abrirse paso por entre o intenso azul do verán. E súbito sentín a presenza de alguén que miraba o conxunto da escena, incluida eu mesma. Decateime do salto da miña conciencia e adoptei esa práctica como un eficaz antídoto contra calquera tentación de narcisista ensimesmamento ou de soberba. Aprendín asemade que son cuartos propios a xeografía sentimental que nos habita e de cote buscan que se lles facilite a súa intercomunicación, pois, como árbores que se avisan do lume, ben poden emerxer en axuda uns dos outros.
E agora que  nin podería segar o trigo, nin recoller tomates, nin plantar patacas, vou alí, a aquel tempo, dende este pequeno cuarto de meu no que teimo sempre en pechar a porta, como se ata o aire que entra puidese perturbar a miña concentración. Aquí, en amado silencio, estudo e leo e escribo e tamén esculco nesas estancias que o corpo garda e alimenta. Só de cando en vez mudo uns minutos de habitación para axudarme a clarexar a escena na que estou embarullada como cando me contemplei ollando aquela gaivota. Un modo de darlle futuro ao que xa foi ou de darlle fundamento ao que de súpeto vén. Porque o tempo é esoutra habitación misteriosa onde só semella haber un dentro. Precísase entón o esforzo de saír, a necesidade dun fóra que, quizais, estea non só na actividade obxectivadora da conciencia, senón tamén na atención aos outros suxeitos ou nesa relación rizomática e solidaria co mundo que é casa.
En última instancia, e porque históricamente lle vén sendo negado, a muller ha de loitar sen tregua por ese cuarto propio que é tamén, e sobre todo, o dunha reponsable liberdade persoal. Unha liberdade que é, ao cabo, conquista da independencia económica, emocional, creativa, de pensamento e etcétera. Pois xa sabemos que, sen sabelo, podemos habitar cuartos acólitos que coidamos propios. Igualmente cuartos moi tóxicos que nos reducen e nos mancan ata límites insospeitados. E hai que saír. E nese senso, acaso entrar noutros universos, coma os do coñcemento, da amizade  ou da arte, poida axudarnos a facer limpeza. Dos ámbitos da creación, eu escollo o poema. Tantos poemas amados nos que me interno unha e outra vez e fico a transformarme.

                                                                                                                            Eva Veiga


luns, 19 de xuño de 2017

O cuarto de Marta Dacosta



Un mundo de meu.

Podería mostrarvos como é o lugar en que adoito traballar e sería unha ficción, porque ordenaría a mesa e a contorna da computadora para que non descubrísedes o caos que ás veces se apodera de min.
O certo é que naquel cuarto que tiven na casa dos proxenitores, fun proxectando aos poucos un futuro de meu, porque precisaba espazo e tempo e poder. Así foi que entre as lecturas de poesía, os apuntamentos de lingua e os dicionarios, o que facía realmente era trazar o mapa que me levaría fóra da casa do pai, os planos da independencia económica imprescindíbel para ser dona de min.
Hoxe vivo nunha casa de meu. Nun espazo que comparto por decisión propia e no que habitamos na igualdade de quen leva ao ámbito doméstico o que defende na rúa. Unha casa en que non hai fechaduras e nos encontramos na conversa e nos traballos. O noso espazo de paz.
Para quen fantasía, idea ou escribe en calquera lugar e momento, todos os espazos da casa son óptimos para a concentración. Desde aqueles que a iso foron dedicados, até os que teñen outro destino, mais acaban por adaptarse á función literaria. Así o recanto do oeste que inicia un poema de Acuática alma e representa un lugar ao pé da ventá orientada a poñente, un lugar de luz e calor antes de que o día remate.
Mais a casa non son só os espazos de dentro. O eido que a rodea acaba por ser tan principal coma os cuartos, porque ao final é xardín ou abandono creado á nosa imaxe e semellanza, mundo do que somos as únicas deusas. Por iso ese lugar sen paredes nin teito, en que respiramos por todos os poros do corpo, pode ser o espazo. Un espazo ao pé da natureza en que deixarse levar pola harmonía inaudíbel das árbores e o aloumiño da brisa. Alentar. Cos ollos fechados. Coas entrañas abertas. Sentíndose dona dese momento.
Porque escribir é unha actividade que precisa dedicación e método, que precisa domar as imaxes que adoito se desbocan e fannos saír alancando na súa procura, esforzarnos en rodealas co lazo que nos permitan suxeitalas, frealas. Domesticar a súa ansia. Aprendelas a camiñar canda nós, coma as bestas do monte.
Atopar ese punto de equilibrio entre o salvaxe e o cultural.

Marta Dacosta Alonso
Xuño de 2017.

luns, 5 de xuño de 2017

O cuarto de Lara Dopazo Ruibal



Eu sempre tiven cuarto propio. Desde que deixei o berce á beira de meus pais tiven o privilexio de ser a única habitante da casa con habitáculo individual e intransferible. Dos dezaoito en diante vivín unha danza de casas e cuartos do máis variado, nos máis variados lugares. Facendo a conta rápido saen unha ducia, pero é probable que quede algún atrás. Unha ducia en trece anos, que non é pouco.
O cuarto propio, como espazo físico non compartido, nunca me faltou. A isto engádolle unha capacidade marabillosa para concentrarme no medio de calquera barullo circundante, e o resultado é que ler e escribir son actividades que podo facer en -case- calquera lugar e momento.
Avións, autobuses, trens, aulas, bares, salóns, prazas, estacións, parques, perruquerías... Teño no meu haber tantos escenarios que nin os lembro. A actividade de ler está inscrita na miña historia de tal xeito que me é tan habitual como comer ou durmir. E se podo comer e durmir en calquera lado, tamén podo ler e escribir -pero sobre todo ler- en calquera lado.
A terrible vida adulta trouxo consigo un obstáculo que non experimentara mentres era estudante: a precariedade, non só material senón tamén mental. E este é agora mesmo o meu escenario e o maior inimigo da miña capacidade de me abstraer e concentrar. Traballos que comen a motivación, xef*s que exercen un maltrato constante e sutil que mina a enerxía, a ameaza constante do desemprego e unha vida tan apática e con tan poucas esperanzas de que poida mellorar, que dan como resultado moi poucas ansias para sentar e escribir. A creatividade, simplemente, desaparece. Non a miña só, claro, porque isto non é cousa miña, senón un problema estrutural.
Se a rabia funciona como motor, o desánimo as máis das veces exerce como paralizante. Teño un cuarto propio? Si, téñoo no plano físico. Por sorte, conto con que o cuarto nunca me falte. Pero no terreo do mental e do emocional, onde as ideas viven e medran, moitas veces o que hai é un pozo seco.

Marzo de 2017

mércores, 31 de maio de 2017

O cuarto de Charo Pita


Catro paredes no alto dunha casa onde tocar a vida (a morto xa tocaban outros), a ladaíña ritual de resoar historias: o lapis, o badalo; o folio, a campá; unha xanela cunha randeeira e unha mesa chea de libros e papeis …
Esa é a imaxe que teño dun dos meus primeiros cuartos propios, onde, como en tantos outros, busquei a intimidade da palabra cunha inxenuidade que aínda agora me conmove: tres criaturas nadas en catro anos garanten moita tralla de deus como para acougar en soidade nun cuarto afastado, alá rañando o ceo.
Habitación tiña si, pero o que eu precisaba estaba en íntima relación coa teoría espazo tempo: o espazo sen tempo non existe. E eu era unha muller na procura dun oco, dunha paréntese, dun intermedio entremedias, dunha estadía dunha hora nas marxes do reloxo, como se o miñaxoia tivese a calidade de xirar as agullas vinte e cinco horas no canto de vinte e catro só porque eu llo pedise.
Non me dei por vencida. Posto que o señor Cronos non estaba da miña parte mirei maneiras de que me deixase desfacer ao meu antollo. Tendo sempre como modelo a Virxinia Woolf, escribía mentres se cocían as patacas …(1). Tamén desenvolvín recursos para situacións límite. Cega ao folio en branco pola xa devandita imposición do reloxo, os meus instintos homéricos leváronme a compoñer poemas orais, que aínda lembro. Seguindo o ritmo libre que me brindaban estas composicións, cambiaba cueiros e fregaba pratos. Mesmo no berce arrolaba os nenos con elas, non por ilustrar os cativos, senón por prudencia, non fose esquecer os versos antes de poñelos a salvo da desmemoria, esborranchados no revés dun tícket de supermercado, por exemplo. Isto é, sen tempo para ocupar un cuarto que de feito posuía, creaba na miña cabeza recunchos para xogar coas palabras, un tempo libre dentro do atarefado que me permitía moverme en liberdade, alomenos polo meu interior. Daba igual o labor que estivese a realizar nese momento, o único importante eran esas explosións de concentración e creatividade que pingaban no meu día a día e que lle daban aos meus quefaceres rutineiros unha dimensión nova, unha singularidade coa que me sentía capaz de enfrontar mesmo os momentos máis agrisados. Un cuarto de supervivencia onde poder desenvolver o que as circunstancias se empeñaban en mutilar.
Daquela non pensaba en publicar o que escribía, tan só me concentraba na necesidade de manifestarme no mundo dende a miña individualidade, coas miñas peculiaridades, os meus gustos, as miñas tendencias naturais. Escribir era unha delas.
A pouco que os nenos foron medrando, a cousa foi relaxando e non tardaron en comprender que tanto seu pai (co que partillaba a súa crianza) coma min precisábamos dun tempo en soidade (ou en silencio) para as nosas cousas e seica foi a nosa actitude ou as explicacións que sempre lles demos ou o ambiente que intentábamos xerar, pero axiña os cativos entenderon e aceptaron a regra e mesmo eles a poñían en práctica ás veces. E o caos tendeu a diminuír.
Curiosamente, o que os nenos comprenderon con naturalidade en canto tiveron uso de razón, non o entendeu unha gran parte dos adultos que nos rodeaban. Explícome. Amais de utilizar con maior frecuencia o cuarto propio, comecei a desenvolver o meu labor como narradora oral, para o que precisaba viaxar, ás veces ata pasar unha semana ou dúas fóra da casa. Isto, naturalmente, entroncaba coa necesidade e o dereito que ten toda persoa a ser economicamente independente realizando unha actividade que a satisfaga. A raíz disto pasaron dúas cousas sorprendentes. A primeira foi que houbo quen me acusou de “abandonar” os meus fillos. A segunda, tamén surrealista, foron as loanzas con que regalaban a seu pai por coidalos mentres eu estaba fóra (non “traballando” senón “facendo as miñas cousas”), e mesmo (iso xa era o colmo para os meus detractores) cando eu estaba na casa e podía encargarme! As máis inocentes, pero que tamén doían, eran esas frases referidas á miña parella que viñan acompañadas dun suspiro de envexa:


- Que sorte tes!

Ao que eu retrucaba:


- Pois el tamén.

(Sempre intento ser xusta, tamén comigo, xa que logo, a igual calidade na tarefa realizada, igualdade de eloxios. Faltaría máis. Menos mal que podía pecharme no meu cuarto propio para desafogar na escrita!).
Así estaban as cousas. E empecei a comprender que, para ese sector do mundo que cre posuír a fita homologada de medir comportamentos alleos, ser muller implica ter fillos e ser nai significa entrar dentro dun molde. Non lles cabe na cabeza que existan diferentes maneiras de abordar a feminidade, e moito menos a maternidade. Para eles é un puro acto de repetición, non ten nada de creativo. A quen se lle ocorre inventar día a día a nai que se quere ser! A quen se ocorre intentar compasar a busca da realización persoal coa crianza dándolles ás dúas cousas a mesma importancia! Para saber como educar hai que coñecer primeiro como se quere educar. E para iso non abonda coa mecánica de cambiar cueiros, fai falla unha vida social, laboral e un cuarto propio, un recuncho que che permita ir destilando a vida ata chegar á esencia do que queres ser.
Agora vivo soa e, aínda que teño cuarto propio, sigo sen tempo abondo para facer todo o que me gustaría. O meu cuarto está no alto. Hai unha xanela que raña o ceo cunha randeeira ao lado e unha mesa de xantar co ordenador chea de libros e papeis. A mesa está xusto ao cabo dos fogóns onde escribo mentres e cocen as patacas...
Hai costumes que non cambian.






  1. “Estou escribindo mentres se cocen as patacas.” Virginia Woolf Diario: 20 de agosto de 1930

domingo, 28 de maio de 2017

O quarto de Susana Aríns

Quarto próprio

Criada numa família numerosa com casa pequena e todo comunal, nunca achei de menos um quarto próprio. Até o ter. Fui estudar a Santiago e contei com um quarto nos depauperados pavilhões do Burgo, graças aos quais tantas pudemos fazer carreira. E aí desatou-se a minha atividade escritora. A soidade era pouca: paredes de papel e muita atividade estudantil, mas fechada a porta, o mundo era todo meu. E quando tive outra vez um quarto próprio, em Lisboa, acompanhado da solidão mais absoluta (sozinha numa cidade desconhecida), aí foi um não parar. Cadernos, cadernos, cadernos. Creio que foi em Lisboa que li a Woolf e senti que eu estava a viver o processo que ela narrava no ensaio.





Com a experiência, aprendi a encontrar a intimidade em qualquer lugar: sou quem de escrever o rascunho de um texto no meio de uma palestra, de um jantar, de um café de barulho ensurdecedor. Isso sim: a revisão deve ser feita em solidão. Para isso nada substitui o quarto próprio. Mesmo a distância incrementa a capacidade revisora: provei novamente a bakardadea total, refugiando-me em Pasaia, onde até a língua do café da manhã me isolava, para acabar o seique. A prova irrefutável.
Porém, com o tempo, cai noutra conta: quase todas as ideias para a escrita nascem-me de conversas, encontros, anedotas, acontecidas no trabalho, na festa, no café, na compra. Sobre todo de conversas. E dei em ver que do que eu preciso é da exata e certa combinação entre soidade e companhia, intimidade e comunidade. Tenho que dialogar no mundo para poder esconder-me no meu acovilho e escrever. Por isso penso que o quarto próprio de Virginia Woolf deve ir acompanhado de vida em comunidade, de encontro.
Em tendo essas parcelas, o resultado é a criação.
Para mim foi objetivo vital. Criada numa família numerosa com casa pequena e todo comunal queria contar com um quarto próprio. E dei. Edifiquei um maravilhoso refúgio para agachar-me de vós e com todo a mão: luz, livros, impressora, lembranças, dicionários… mas também é certo que quase sempre o refúgio é bem mais simples: sofá, manta, livro e computador.

xoves, 11 de maio de 2017

O cuarto de Mercedes Queixas

Eu non nacín cun cuarto propio. Tiven que o inventar na primeira casa. Ás veces era a cama, antes de durmir, algo ás agachadas semiescuras; outras, era a mesa do comedor entre cadernos de deberes escolares e libros de texto. Aínda outras tiña que ser a mesa da cociña, fuxindo doutros labores e responsabilidades da casa, como filla primoxénita, propios do xénero, e acompañando coas mans a escrita e a lectura entre texturas e aromas dunha pota que puntualmente douraba rixóns para a economía familar.
O meu cuarto propio naceu canda todos os demais metros cadrados da casa de meu. Tiven que o pintar na segunda casa na que continuei a medrar até o de agora coas tres voces compañeiras que me amplifican todos os mundos. Puiden soñalo nos marcos do papel para a vida. Expoñer necesidades e reparto do espazo para o traballo profesional, para a escrita e a lectura. Valorar a entrada de luz natural para aproveitar a súa oportunidade. Ollar directamente a porta para vixiar idas e vindas das crianzas. E calcular a mesa curva para aproveitar ben o espazo de traballo.
Nos últimos vinte anos fóronme acompañando continuos saúdos e recepcións a novas lecturas que me rodean neste espazo compartido entre lembranzas fotográficas persoais, familiares e profesionais. Rosalía de Castro, Alexandre Bóveda, Manuel María, Lois Pereiro, Agustín Fernández Paz, Mª do Carme Kruckenberg, Begoña Caamaño van compoñendo, cara a cara, o mural iconográfico de pousos literarios. E, ás veces, no reparto equilibrado da mesa de cerdeira, retello columnas de folios e cadernos do meu alumnado xunto ás partituras da miña violínista preferida que me acompaña en ensaios descuberta.
A vista do traballo diario coas palabras, de tempos irregulares e condicionados, bate de fronte cun pequeno andel que, onda a chave da luz do cuarto, recolle os volumes propios que naceron, ao longo dos últimos vinte anos, para a lectura de ollos alleos e tactos prestados xenerosamente.
Porque, aos poucos, eu nacín ao meu cuarto propio.

mércores, 26 de abril de 2017

O cuarto de Antía Marante

Imaxe de Antía Marante

Antía Marante Arias

Lembro perfectamente cada un dos cuartos nos que escribín ata o día de hoxe. Agora escribo en paralelo ao Atlántico, ao carón dun dos parques que percorría de cativa e de costas ao cuarto no que aprendín a escribir e a ler. Tras anos de cidades afastadas e vivendas con data de caducidade perfeccionei a capacidade, herdada da miña mai, de facer meus os espazos en milésimas de segundo. Recoñézome argallando cuartiños propios en Compostela, Barcelona ou Kiel e por iso o cuarto onde hoxe escribo contén tamén todos aqueles cuartos efémeros e imposíbeis que construín, en mesas de comedor ou sofás de pisos compartidos. 

Agora no meu cuarto propio hai unha fotografía da miña avoa fronte ao Atlántico, pezas de cerámica, unha bola do mundo pequena e colorida, un barquiño de papel que veu do norte, unha pranta de aire, unha folerpa, o debuxo dunha nena do Senegal, unha polaroid que fala de amor, unha flor, postais que preservan amizades, cadernos con proxectos en marcha, cartafoles con follas en pausa, torres miúdas de libros que recensionar… 

Á miña dereita observo unha fotografía de Saul Leiter que leva anos acompañándome. Nela unha muller escribe nunha terraza de Paris. A fotografía relémbrame que as paredes do cuarto xórdenme sempre que haxa arredor follas en branco, bolígrafo ou computador e tempo para teclear o que preciso dicir. Haberá anos, coma este, de cuartos con vistas e outros, de cuartos con xaneliñas a patios de luces ou de recantos compartidos. Tanto ten, coido e coidarei destes espazos como dunha planta e acubillareime sempre neles para continuar aprendéndome. 

luns, 27 de marzo de 2017

O cuarto de Helena Salgueiro

Inaxe de Helena Salgueiro

Por Helena Salgueiro

Ata que punto é fatigoso non poder escoller a familia, a clase social, o fogar.
Nos últimos tempos eses conceptos adquiriron unha relevancia case obsesiva, quéroos recrear ou transformar: o cuarto que escollo para escribir e durmir e facer o amor, as persoas cas que me coido, os lugares que non afogan.
En menos dun ano mudeime catro veces. En tan pouco fixen a traxectoria, nunha cidade mínima, dunha nómade desterrada -ou iso era o que cría querer- saltando de casa en casa, fuxindo dunha cousa que non alcanzaba a vista. Nesta breve marxe de tempo, todo intenso e fugaz. Parece que pasou toda unha vida. Para min foi toda unha vida. Achegueime a ideas que anteriormente só foran palabras ou puños, as que dan vertixe: independencia, liberdade, traballo. Porque quixen facer do meu corpo o que quero facer do meu país, do meu xénero; porque tiña que comezar dende min pra que o demais tivese sentido. Mais sabémolo, pola liberdade, ao igual que polo coñecemento, págase un prezo.
Tanto é así que coñecín criaturas extraordinarias. Coñecinas fedorentas e viscosas coma o traballar mal pagada e degradada; outras brancas e violentas como o despido, o xulgado, as denuncias; outras criaturas máis mornas e escuras como a soidade; finalmente a criaturas punzantes e metálicas como a angustia por chegar a fin de mes. Unha angustia moito peor ca angustia polo desexo, esa que che medra no teu centro, no esófago, entre as costelas. Criaturas que foron medrando en min coma esa dor encarnada, do xeito no que o fai ela, persistentemente.
Afondei na conciencia de clase, foise contornando ben nos meus pregues. Non ao xeito da empatía, ese ideal adolescente, descubrindo lecturas. Non. Foi como realmente se atopa: con esa rabia e esa impotencia, co renxer os dentes, e o lume nos lacrimais. Aínda estou loitando co odio, como supoño que moita xente fará. Aínda estou definindo contra quen ou contra o que.
E isto son todo razoamentos moi importantes para entender o que pra min significa un cuarto de meu. Gustaríame dicir basta de queixarse, que tamén acadei vitorias. Dicir basta de ser vitimista, de ser solipsista, de ser autoindulxente. Pero si, quéixome, e si, son vítima dun sistema de merda. Debo actuar contra e tamén queixarme de.
Asentei agora -enténdase, dun xeito moi efémero- nun cuarto que dá a un patio traseiro, de edificios ben altos. Gardo no ceo da boca as xanelas que fican acesas á noite, rexeito correr as cortinas. No mesmo cuarto no que escribo é onde está a miña cama. Sempre foi así. E hai, agochada nunha esquina, unha pequena peza de cerámica que poño cando considero algo o meu fogar, e que pra min é un ritual sagrado que me une ca familia de dentro e fóra de min.
Entón como poder retratar o meu cuarto se é unha pluralidade, se é unha cunca? E como poder achar tempo? Como poder achar a paz que precisas pra centrarte no teu traballo? Como poder achar facilidades económicas sen renunciar a esa paz e ese tempo? Ao referirme ao meu espazo propio falo de algo máis. Pra min non é necesariamente un espazo baleiro, nin tampouco un só cuarto. Por iso falo de fogar. Unha conciencia tranquila é case menos doado de achar ca un certo benestar económico. Parecería evidente que a primeira é inmanente á segunda, pero as insatisfaccións dun home ben pagado pouco me importan. Así que... como vai unha muller, unha muller que traballa e estuda, unha muller nova - á que lle lembran en demasía, en contextos inesperados e de xeitos pouco amables que é muller e que é nova-, poder dedicar un mínimo do que quixese á escritura? Se a invaden tantas cousas. Iso non é liberdade, nin independencia: non poder coidar, mellorar o seu traballo.
Así que a miúdo atópome plena de palabras, ideas e criaturas, ansiosas por achar un sitio, mais irrealizables.
E, máis frecuentemente, ansiosa de nutrirme de coñecemento.
E é que mesmo -sobre todo- no coñecemento, quen posúe máis –quen está recoñecido por posuír máis- é quen ten máis poder. Bourdieu di algo ao respecto. Paradoxo é que sexa citado pola nosa caricaturesca universidade, onde ao asubiar saen galopando un par de catedráticos, como dicía Virginia W., e onde, se tes un traballo, inquedanzas de calquera índole ou vida propia, terás que afacerte á idea de que non has sobrevivir. Véndennos o acceso a esferas que nin sequera queren ceder. En fin, todos acabamos por aprender a vivir ironicamente cas nosas propias incoherencias.
Mais tamén hai cousas moi boas en todo este percorrido. Coñecín criaturas extraordinarias, como dixen, e iso conformará para sempre o meu xeito de escribir...e coñecín tamén o que significa a verdadeira axuda ou a resistencia. Percibo as cousas doutra maneira, e malia non ter cartos ou tempo sei contar as cousas mellor do que facía, sei ver espazos íntimos en cousas que se moven, coma todas as belezas.
E aínda con todo, os azos seguen estando.
Será esta herdanza da muller escritora, e bailarina, e actriz, e música, e obreira, e a que sexa: canto máis nos neguen, tanto máis perseguiremos.



luns, 20 de marzo de 2017

O cuarto de Yolanda López


Imaxes: Yolanda López

UNHA HABITACIÓN PROPIA

Como mulleres, temos que reivindicar o noso espazo, a nosa coraxe, a nosa forza e independencia que tanto nos custou, nos custa e aínda nos seguirá custando acadar neste mundo inxusto e desequilibrado.
Dende os meus inicios como escritora, a miña habitación propia nunca tivo paredes. Durante moitos anos fixen unha vida tremendamente nómada. Vivín en diferentes lugares do mundo e, en todos eles, calquer recanto valía para deleitarme entre verbas entrelazadas pola necesidade de liberdade e autocoñecemento.
Na miña estadía en Estados Unidos e Reino Unido, as bibliotecas eran universos onde escribía con pracer. Ese silencio, esas estanterías ateigadas de latexo, o contacto humano a través dos libros, eran fonte de inspiración e lugar propicio para a miña escrita.
Houbo unha época, sobre todo na miña estadía en Madrid, onde as cafeterías eran lugares máxicos para moldear versos e autobiografía a través de diarios, que precisamente este ano sairán do prelo. Noutras moitas ocasións, o campo, os parques, o aire libre eran, e seguen a ser, indispensables para combinar a lectura coa poesía.
Nin qué dicir das salas de arte, dos actos literarios, das miñas leituras, do cinema, da pintura, da fotografía, das exposicións, todos punto de partida para as miñas composicións. A multidisciplinariedade sempre estivo presente no meu proceso creativo. O que é certo é que a beleza dos pequenos momentos, o encanto dos pequenos lugares son “case” suficientes para escribir.
Hoxe en día, teño a inmensa sorte de ter un posto de traballo estable e permanente, algo polo que loitei, o que me permite vivir en soedade, pois dende sempre fun unha persoa moi independente, e en certos momentos moi solitaria por decisión propia, e así, ter un cuarto propio para adicar ás tardes ao que realmente me prace, a literatura e a arte. A solvencia económica é básica para ter un lugar onde traballar entre liñas, sen dúbida, pois este tipo de solvencia deriva na estabilidade emocional e persoal que tanto buscamos para evoluír como mulleres e, en consecuencia, para crear.
Se hai algo que desfruto moitísimo é esa fase onde, rematado un poemario, espallo todas as follas polo chan adiante, e traballo na estrutura do libro. Fago auténticos puzzles visuais. Todo se volve unha mistura de “tecnoloxía” e artes “manuais” e, por suposto, aderezado coa intervención da deusa dona que é a imaginación.

Sei que esta non é a situación na que viven moitas mulleres, podo dicir que son afortunada, mais tamén engado que os momentos complicados da vida e as súas crises poden ser a auténtica raíz dunha verdadeira obra literaria. É na loita diaria onde rubimos pola montaña da dor para converter a enerxía negativa en cultura potencial. Unha folla. Un bolígrafo. Un recuncho. E toda a historia está por diante. A páxina en branco contén o universo que estamos buscando.

luns, 13 de marzo de 2017

O cuarto de Beatriz Maceda Abeleira

Imaxe: Beatriz Maceda Abeleira

Por Beatriz Maceda Abeleira

Son filla única e nai de fillo único. Como filla sempre gocei dun cuarto para min soa, como nai, deixaron de existir os espazos privados durante anos. A noite, e non sempre, converteuse nese cuarto silencioso no que en ocasións as palabras agromaban con xenerosidade.
Cando era pequena e viñan amigas a casa o primeiro que dicían era que apenas había xoguetes e a súa cara de decepción, co tempo, deixou de molestarme. Para xogar prefería a rúa, no meu cuarto os libros eran o máis valioso que tiña e co que máis gozaba.
Sempre me custou compartir espazos e segue sendo así. Só o meu fillo conseguiu que fose xenerosa nese punto durante uns anos.
Agora vivo exiliada na cidade, nun ático, cun recuncho no dormitorio co mar en fronte. Ese mar herculino que é o que me dá un espazo infindo, que algún día tamén terei que abandonar.
Escribindo acado rodearme dunha esfera case infranqueabel na que loito cos meus personaxes, que saen e entran dela con desvergoña. Máis en ocasións, alguén, cos seus poderes afectivos, logra traspasala. Porque sempre hai un personaxe principal, real, ao que é imposible non deixar pasar.

Por onde ía eu?

martes, 7 de marzo de 2017

O cuarto de Berta Dávila

Imaxe: Berta Dávila

Por Berta Dávila

Querida Virginia,

Este é o lugar onde me sento a escribir desde hai pouco tempo, antes fíxeno noutra mesa e noutra casa. A diferencia doutros espazos que tiven, este é un lugar creado para escribir, e iso quere dicir que non invadín, como outras veces, lugares que se axeitasen ao traballo literario, senón que fixen nacer un espazo cálido onde escribir historias. A finais de xaneiro púxenlle grilandas de luz e para cando chegou febreiro comezou a parecerme ben que o meu fillo fixese trazos de cor sobre a madeira da mesa. Crear un lugar para min non significa que non permita que outros seres o visiten de vez en cando.

Teño un fillo que vai facer dous anos e escribo estas liñas sentada nunha cadeira onde colga o seu abrigo verde e unha bufanda gris que trouxen de París hai algúns anos. O que quero dicir con isto, supoño, é que os dous temos o mesmo dereito a conquistar os espazos e os tempos da casa coas nosas prendas de amor e de abrigo, e que até o de agora conviven sen estorbarse os meus libros e cadernos con animais de peluche, comidiñas de xoguete e pezas de puzzle perdidas. Isto non é sempre doado: o libro coa poesía completa de Anne Sexton ten nunha esquina as marcas dos primeiros dentes do meu fillo, que non é quen de discriminar sempre cales son os obxectos que non cómpre levar á boca.

Coido que ata agora sempre tiven un cuarto propio para escribir, ou cando menos no que poder pecharme do mundo exterior para abrir outro inventado, pero case nunca estiven cómoda en ningún deles, e por iso preferín a escrita sen paredes: corrixín compulsivamente unha novela en distintas terrazas no verán de 2013, espallei poemas pola alfombra da sala de estar, pechei capítulos na cama baixo o esredón e mesmo traballei nun poemario durante meses no corredor da casa.

Nesta altura, o cuarto de escribir paréceseme ao cuarto de costura que a miña avoa, que cosía moito mellor do que eu escribo, non chegou a ter nunca. Non só me parecen cousas semellantes porque escribir e corcoser teñan concomitancias obvias, senón porque os dous queren ser un lugar de agocho, espazos reservados como caixóns que gardasen segredos ou actividades que fose necesario preservar do visible. Non quero protexer a miña escrita dos outros nun cuarto pechado, nin arredar a quen conviva comigo do feito de que eu escribo. A casa na que eu viva ten que ser, toda ela, a casa que a miña literatura ocupe por completo. As agullas e os fíos da costura narrativa e poética non poden ser tratados como perigosos ou clandestinos.

Non penses que non entendín o que querías contarnos cando dixeches que toda muller precisa un cuarto propio e cincocentas libras anuais para escribir novelas. Pero a verdade é que non tiven o equivalente a esas cincocentas libras sen que me custasen renunciar ao tempo de escribir para traballar noutras cousas e, ao cabo, non me decido sobre o que debe ser o oficio da escrita. Ignoro se me dedico a unha empresa burguesa porque podo solventar a intendencia económica por outras vías, ou se me dedico a un empeño precario porque o meu traballo non me permite sobrevivir se non adopto o pluriemprego como táctica.

Non penses, insisto, que non entendín que o que querías contarnos é sobre todo unha metáfora. Pregúntome se as mulleres temos xa, por dereito, un cuarto propio na literatura galega ou na de outros países, e se é bo ou necesario que o teñamos. Coido que iso pretende facer o sistema con nós, recluírnos a todas nun mesmo lugar, nunha literarura de mulleres, nun espazo editorial e literario presuntamente feminino. Supoño que alí é onde non molestamos, dentro do cuarto de costura. Molestamos cando queremos conquistar os espazos que foron sempre dos homes, e que os nosos libros e as nosas ideas sexan igual de visibles, que non haxa que ir buscalas, que non renuncien, de novo, a ningunha parte da casa.

Se teño que dicir a verdade, o lugar onde me sento a escribir tampouco é sempre coincidente co lugar no que escribo. Os meus libros pasan sempre unha longa fase en forma de ovocito dentro da miña cabeza, na que van medrando escenas, ou imaxes, ou personaxes ou tramas ou versos. A escrita é un espazo predominantemente mental, que se abre en case calquera circunstancia: mentres conduzo, baixo a billa da ducha, cando agardo nun aeroporto, e sempre que viaxo. Dixen unha vez que a miña última novela naceu nunha viaxe en barco desde o norte de Italia até o porto de Barcelona. É verdade.

Teño claro que ás mulleres que escribimos nos fai falta ese lugar mental, e que para iso precisamos que a nosa cabeza non estea saturada continuamente por todas as demais cousas que implica ser muller ou nai ademais de escritora: a loita contra o machismo, o peso do patriarcado, iso que os demais precisan ver en nós para se sentir tranquilos e conformes co transcurso das cousas, e a reivindicación constante de quen somos.

Eu decidín educar ao meu fillo no feminismo, romper as paredes do cuarto propio, e dedicarme a un oficio que, sexa precario ou burgués, debe ser sempre revolucionario. Aí é onde quero escribir o meu nome. Aí, querida Virginia, xunto ao teu.

Afectuosamente,

Berta.


mércores, 1 de marzo de 2017

O cuarto de Eli Ríos

Imaxe: Eli Ríos

Por Eli Ríos

Soñar un cuarto. Un cuarto propio en 2017. Soñar. A imposibilidade nunha casa habitada por seres miúdos. Aínda así, renego unha e outra vez dos espazos comúns. Soñar, outra volta. Desta vez, co silencio. Lonxe das saliñas. Afastada dos tránsitos. Róubolle un metro cadrado ao espazo do sono. Ese que tampouco é de meu. Ese no que se abeiran os pesadelos infantís ou os mocos estacionais. Aínda así, soño. De momento, é de balde. Algún día, este metro cadradro contará coa banda sonora do silencio. Mentres tanto… a gata mía un agarimo e as crianzas sorrín. Agradecer non é incompatíbel co cuarto en silencio. Hoxe, agora mesmo, partillo tempos e espazos. Tamén soños. Soñar é necesario. Mentres tanto...


mércores, 22 de febreiro de 2017

O cuarto de Rosa Enríquez

Imaxe: Rosa Enríquez
Por Rosa Enríquez

Non son nai. Endexamais quixen selo e estou ben contenta. Non ter fillas que educar permitiume manter a liberdade da que podía gozar, máis ou menos, aos vinte anos. Haberá quen moralice con isto e considere que son egoísta. Sono realmente? Eu non o vexo así en absoluto, e, francamente, éme indiferente o que se comente a respecto deste particular. Como diría Despentes, non escribo para nais abnegadas, nin para todas esas que, en xeral, fan, ou fixeron, o que se agardaba delas. Respecto o seu lugar, pero eu non estou aí nin tampouco non quero estalo. Prefiro non facer oposicións entre normal e raro, para, no seu lugar, contrapoñer frecuente a escaso, aínda que, a día de hoxe, talvez xa non sexamos tan poucas as mulleres que non contemplamos a maternidade como algo determinante para “realizarnos” nesta vida. O feito de representar o que a sociedade posmoderna define como “single”, con certos hábitos burgueses dos que me resulta difícil substraerme, e, sinceramente, tampouco teño gran interese en facelo, entre outras cousas porque me permiten desfrutar do cinema, da fotografía, alén doutras moitas manifestacións estéticas, xerou en min un proceso de autodeterminación emocional que se foi facendo máis e máis forte co paso dos anos. É esta especie de “autarquía” na que vivo a que maior pracer me dispensa. Daquela, máis que un espazo físico -ese cuarto propio tan necesario, certo é, non só para escribir mais para ler e pensar-, creo que conquistei un territorio mental, libre de colonización, que me custou moitos anos conseguir. Esta imaxe que vedes é unha materialización parcial do sitio no que escribo os artigos, mais tamén podo desfrutar da devandita “autarquía” en espazos públicos, que son ben máis estimulantes para min. Refírome, por exemplo, á biblioteca do instituto no que traballo, que, en certo xeito, deveu para min ese cuarto impropio, pero suxerente, no que ler o que me apetece nas horas libres. Fáiseme agradábel comprobar que hai máis persoas alí que tamén len e que son moi novas. Leña verde a piques de florecer e deixar pegada, ou así me gusta pensalo a min. Tamén leo no bus, no tren e na casa de miña nai ou dalgunha amiga que me convida a durmir de cando en vez. O feito de aprender, ese intre no que “descubro” algo que ignoraba, ten para min a categoría de “acontecemento”. Por suposto é este un “acontecemento” modesto, na medida en que non ha provocar mudanzas relevantes na vida dos demais. Tal pretensión sería ridícula pola miña parte, malia ter moi presente que este tipo de revolucións internas son as que propiciarán outras máis importantes que favorezan a vida da comunidade. No entanto, mentres esta concienciación colectiva non se produza, sei que aprender me facilitará o acceso á unha felicidade distinta da que me venderon case todas as persoas que coñecín en todos os lugares aos que acudín. Refírome a unha felicidade moi simple que, finalmente, aprendín a valorar e que eu asocio coa liberdade. Non son nai por vontade propia. Non estou casada porque non quixen. Non escribo poemas dende hai meses porque non me apetece. Leo, fundamentalmente. Vou ao cine todas as semanas. E amo a xente que sabe amarme. Á que non, éme indiferente. Teño claro, por tanto, que amar en liberdade é o único cuarto propio que pode interesarme neste momento.

venres, 17 de febreiro de 2017

O cuarto de María Canosa


Imaxes: María Canosa

Por María Canosa

Non subín aínda as persianas. Intúo que fóra vai frío e tamén hai luz, mais eu mantéñome nesta sorte de burbulla illada, ás escuras, en silencio. É cedo. Pero hoxe quero escribir. Un texto. Este texto. Este pequeno texto. Por iso me erguín cando o frío nos pés ameazaba con agasallarme unha catarreira máis. Deixei a cativa na cama, na miña cama, tapada. Durmida nunha placidez admirable. Pasou unha mala noite, eu unha peor.

Non me mirei sequera no espello, vin directamente aquí, á mesa da sala, que habilitei como lugar de escrita esta tempada. Porque xa non teño ese lugar, o lugar, e, ás veces, tampouco teño escrita. Ou si. Non material, pero... as historias, as palabras andan sempre aboiando en min, no meu interior.

Eu fun, ou son, unha muller viaxeira, nai, pluriempregada, parada de longa duración, traballadora por conta propia e allea. Ao longo da vida pasei por diferentes etapas, diferentes lugares, diferentes espazos. O único que permaneceu foi a teima de observar, cazar historias, inventalas, soñalas... Podo imaxinarlle unha vida a calquera persoa que cruce pola rúa e esa é a miña escrita, construír ese mundo especial e excepcional para esa persoa que se volveu personaxe. Claro que, ás veces, non chega a materializarse nunha presada de letras escritas. Porque... Onde escribo? Cando? Como?

Escribo en cadernos, tamén no ordenador. Prefiro, sen dúbida, a escrita a man. Pero... por que? Quizais porque os podo levar no bolso, no coche, no peto do abrigo... e, se saco cinco minutos, é sinxelo facer anotacións nunha cafetaría, no banco do parque, apoiada no cadro de mando do coche. Ás veces séntome a esta mesa, tamén na que teño arriba, no meu cuarto propio, onde o frío de inverno non me axuda a estar, ou na grande que hai abaixo... Teño un cuarto de meu aquí, na casa paterna, onde vivo agora. Mais no que é a nosa casa, vai ser complicado atopar espazo. Cando vivimos en Ourense, non o tiña, e mais escribín igualmente.

Ás veces pregúntome por que esa teima de seguir dándolle ao lapis. Escribir é unha opción moi solitaria. Non o feito da escrita en si, que tamén, eu refírome á soidade da profesión. Para comezar, porque moi poucos o entenden como tal. Escribir, desde fóra, parece unha distracción, un divertimento. Desde o meu interior, un acto de fe, de compromiso, de amor.

Viaxei moito e agora fágoo pouco. Levei os cadernos na maleta e falei das cidades que me impactaron nalgún dos escritos. Traballei en varias actividades á vez. A miña vida era un crebacabezas no que todo coexistía facendo encaixe de Camariñas. Entre alfinete e alfinete, liberaba a tensión producida por vivir apurada escribindo. Logo quedei sen traballo e as palabras tamén se me pararon no interior. Sentábame a escribir e non era quen de facelo. Mais un día, soou o DisParo no interior e acabei por deixar manar o regato que me minaba por dentro. Foi como berrar en silencio. Naceu Ana, a nosa pequena, e o mundo tornou diferente. As prioridades, as necesidades, os tempos... todo mudou. Menos a necesidade de escribir. Quizais con outra visión, quizais doutro xeito, mais escribir.

Ana non durmía. Polo tanto, eu tampouco. Axeitar os horarios á enerxía vital foi, simplemente, imposible. E aínda que puidese facelo... sería entre cueiros, purés de verduras, manchas de froita, axóuxeres, toneladas de roupa por lavar e acabada de lavar, con engurras ou despois de pasarlle o ferro, cereais, leite, babas, colonia de bebé... Imposible concentrarse nesa xungla, nin os sons nin os olores nin a desorde me permitiría atopar un dos cadernos baixo o monte de xoguetes desordenados.

Mais o tempo pasa e Ana tamén medrou. E cando parecía que o pequeno universo da nosa vivenda ía collendo certa organización, conseguín traballo por conta allea. E, como de escritora non podo gañarme a vida, saímos da casa. A pequena e eu trasladámonos a Cee, cos avós maternos, e o meu home quedou alí. Por pouco tempo, porque como a realidade laboral está como está e é como é, tivo que trasladarse tamén.

Xa nos separaban 600 quilómetros.
Polo tanto, durante a semana, eu traballaba unhas doce horas diarias. Sería imposible facelo sen a axuda dos avós, que hipotecaron a xubilación para coidar da neta. Facía uns 300 quilómetros diarios e tentaba ir comer a casa un par de días á semana. Ao chegar, xa de noite, só quería ver a Ana. Cando durmía... o cansazo aparecía de vez. Non, minto, non era cansazo, era esgotamento. Completo. Físico e mental.

O venres, recollía a nena e facía 200 quilómetros máis. Da outra parte, Alejandro facía o dobre. Era o único xeito de xuntármonos e poder pasar o sábado os tres, tamén parte do domingo, día no que desfaciamos o camiño novamente.

Maletas, viaxes... o tempo esfumábase. Escribir tres liñas era practicamente misión imposible. Con todo, de cando en vez acaban saíndo.

E de súpeto, acabouse o traballo. Así que prometemos reunificar o núcleo familiar. E así faremos. Mentres, sepárannos cen quilómetros que, vindo de onde viñamos, é un luxo. Pero... as maletas, os tempos, as viaxes... seguen restando tempo da nosa vida.

Con todo, agora, en paro, a vida volveu mudar. Adáptome aos horarios do colexio da cativa. Pero iso significa estar desorganizada todo o día. Preparar a roupa, a merenda, o mandilón... Quédanme algúns minutos pola mañá e outros pola tarde, para riscar algún texto, aínda que, concentrarse entre clase e clase resulta complexo.

Acabo, como non, escribindo con Ana ao meu carón. Se me ve prender o ordenador xa se achega, a ver se lle poño unha canción.

-          Aniña, por favor, xoga un pouco soa. –E síntome mal.

Por suposto, continúo sen poder vivir da escrita, polo que teño que intentar facer algún outro traballo, por conta propia... Compaxinar todo iso é complexo.

Os cadernos, con todo, seguen ao meu carón, por se nun despiste quedan cinco minutos libres, case que dentro do coche mentres agardo, e dou enfiado unha ducia de palabras con xeito. Ah. Iso si. Cando poida xubilarme, hanme reclamar os dereitos de autor.

Con todo, hai algo que me di que intentar seguir sendo eu, apañar tempo en anaquiños onde non o hai para xuntar letras, está ben. Porque non hai moito, cando Ana me viu concentrada sobre un caderno pequeniño, no que eu escribía con letra miúda, como se non quixera descubrir o que realmente fago, agochada e acochada nun currunchiño, achegouse silandeira e debruzouse sobre as súas manciñas a observar.

-          Que fas, mami? –acabou preguntando.
-          Escribo.
-          Xa. E acabaches?
-          Non, Ana. Aínda queda moito –dixen supoñendo que o que quería era que fose xogar con ela.
-          Pois a ver cando acabas o conto, para mo ler.


 Con iso convencinme de que, todo o tempo que dedico á miña teima de xuntaletras, está ben empregado.