Buscar neste blog

Amosando publicacións coa etiqueta Antía Marante. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Antía Marante. Amosar todas as publicacións

domingo, 28 de xuño de 2026

Antía Marante recomenda... el Meteorito de Amaia Arrazola

 


Amaia Arrazola, con debuxo e palabra escrita a man, rexistra a maternidade en tanto que tremor. Neste territorio inestable, de adaptación a unha nova realidade, Arrazola constrúe un diario xeneroso e atinadísimo onde comparte o que sente e reflexiona para ela, para todas as que vivan a experiencia despois e, tamén, para as que, quizais, no seu momento non revisaran o impacto dos seus propios meteoritos. Centrada na experiencia individual, El meteorito chega ás nosas mans, ademais, apelando á lectura en colectivo da experiencia para eliminar tabús, preconceptos e prexuízos. Grazas, Amaia, por toda esta luz.


venres, 14 de febreiro de 2025

Antía Marante recomenda...

Un ensaio que estoupa en múltiples voces. Un espello onde recoñecernos, tamén unha rede, unhas tesoiras ou dinamita.


Las hijas horribles axúdanos a tender pontes interxeracionais para iniciarmos un diálogo coas nais desde o coñemento e a empatía.

Blanca Lacasa ofrece un espazo onde poder poñerlle nome a aquilo que renxe no marco das relacións con determinados prototipos de nais, vítimas dun contexto abafante. Por iso, esta é unha obra que encerra a catarse colectiva dunha xeración de fillas que enfronta o retrato das súas nais para localizar fendas e entendelas, para poñer límites a certas esixencias ou para localizar feridas e, quizais, comezar a sandalas.


A existencia deste libro anima a imaxinar un futuro en loita contra o silencio e a rachar a tesoirazos os roles asfixiantes que o patriarcado escolleu para vestir as mulleres que nos precederon. Teas que aínda hoxe teiman por envolvernos.


Grazas a títulos coma este sentímonos parte dunha rede e erguémonos valentes e acompañadas coa vontade de revisármonos, dinamitando o pasado dalgún xeito para percorrer máis libres e coñecedoras o camiño que nos queda.


Lacasa Carralón, Blanca, Las hijas horribles,  Libros del K.O., 2023