Buscar neste blog

Amosando publicacións coa etiqueta banda deseñada. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta banda deseñada. Amosar todas as publicacións

luns, 31 de agosto de 2026

Eli Ríos recomenda... O grande aviario de Eli García

 



Ata finais de setembro, na Biblioteca Municipal de Durán Loriga da Coruña, pódese visitar a exposición Elas son fantásticas e gozar da colectiva das bandas deseñadas de Eli Garcia, Inés Vázquez, María Brenn, Bea Gregores, Lucía Cid e Paula Cheshire.


Nun encontro organizado por Viñetas desde o Atlántico
foi onde coñecín este libro para rapazada miúda e chamoume moito a atención o que contou, entre outras cousas, a autora: as imaxes dos paxaros que aparecen no final non son fotografías, son deseños. Xa co libro na man non puiden máis que gozar coma unha cativa deles.

As mozas desta aventura van parar a un aviario abandonado despois de perseguir unha pega, "pica pica". Alí van acontecer unhas historias fantásticas e cheas de imaxinación que acaban cunhas notas nunha especie de caderno ben interesantes.

É esta unha obra moi axeitada para achegar a rapazada máis miúda aos mouchos, bubelas, cegoñas, avelaionas, etc, de maneira divertida e cuns deseños moi dinámicos.

domingo, 28 de xuño de 2026

Antía Marante recomenda... el Meteorito de Amaia Arrazola

 


Amaia Arrazola, con debuxo e palabra escrita a man, rexistra a maternidade en tanto que tremor. Neste territorio inestable, de adaptación a unha nova realidade, Arrazola constrúe un diario xeneroso e atinadísimo onde comparte o que sente e reflexiona para ela, para todas as que vivan a experiencia despois e, tamén, para as que, quizais, no seu momento non revisaran o impacto dos seus propios meteoritos. Centrada na experiencia individual, El meteorito chega ás nosas mans, ademais, apelando á lectura en colectivo da experiencia para eliminar tabús, preconceptos e prexuízos. Grazas, Amaia, por toda esta luz.


venres, 29 de maio de 2026

Eli Ríos recomenda... Begoñísima de Andrea Nunes e Agustina Shuan


 Esta achega a historia de Begoña Caamaño non é unha biografía inzada de datos, non... É un texto cheo de moito querer e amizade e de vida. Nel abrollan como raíces rexas os elos das amigas, das mestras, das que acompañan. Así, sabemos, entre outras, de María Xosé Queizán, de Ana Romaní, Uxía Senlle e, tamén, dos colectivos e asociacións que erguen a voz contra as violencias.
As ilustracións de Agustina Shuan acompañan marabillosamente o texto de A. Nunes e as cores enchen de luminosidade cada páxina e deixan un sorriso pousado en quen le. Así que recomendadísima esta obra para quen queira achegarse ás reflexións de B. Caamaño e ás súas obras na voz das amigas.

luns, 19 de xaneiro de 2026

María Reimóndez estivo lendo... Adelina de Sandra Lodi

 

  A colleita de autoras de novela gráfica en galego medra con esta incomparable Adelina de Sandra Lodi. Unha muller maior que escapa a puñadas dunha residencia e que non ten medo de provocar o caos para ser libre. Ídola e referente, con memoria histórica para quen saiba vela. Recomendadísima!

mércores, 26 de novembro de 2025

Eli Ríos estivo lendo... A raíña cadáver de Laura Suárez


 Esta obra levou o XIX Premio Castelao de Banda Deseñada Infantil e Xuvenil da Deputación da Coruña e sae agora publicada para contar a historia de Dona Inés de Castro.

    Sen ser unha obra histórica, agradécese ben a nota da autora en que explicita que "este libro non se pode considerar de non ficción de ningunha das maneiras, xa que hai moitos detalles da imaxinación desta autora". E xusto son eses "detalles" os que enriquecen unha narración mil veces repetida e a converten nunha banda deseñada ben interesante tanto a nivel  narrativo como, tamén, gráfico.


luns, 9 de decembro de 2013

A maternidade en cadriños

Imaxe do cómic 'Vida de nai'

Por Lara Rozados

A dobre xornada das mulleres, abocadas a cumprir ao tempo coas súas obrigas laborais e as domésticas, é unha consecuencia máis da orde patriarcal do mundo. O cómic Vida de nai, de Gemma Sesar, con debuxos de Ramón Marcos e coloreado por Jorge Castelli, espertou os meus remorsos ao comezo: comeza coa exclamación “Outra vez sen empregada”, para dar paso a unha enumeración das empregadas do fogar que foran contratadas pola protagonista. E lendo en clave feminista, non se pode negar que a muller que contrata a outra para desenvolver as súas tarefas domésticas está a producir emprego, si, pero tamén a condenar a esas mulleres a unha dobre xornada ineludible. “Quen coida as crianzas da coidadora?”, ou “Quen limpa a casa da limpadora?” son as preguntas que se formula a lectura feminista.


Fóra remorsos, o cómic amósanos a unha muller nai de dúas criaturas que ao tempo é empregada nunha empresa esmagada pola crise. Percorremos a canda ela os seus múltiples campos de batalla: o da casa, o da rúa, o da oficina. E vémola librar a batalla laboral e a doméstica se cadra non perfectamente, “aínda que non sexa a nai que nos queren vender os psicólogos, estudosos, libros de autoaxuda, avoas perfectas e nais dedicadas”. Dentro desa súa imperfección, a protagonista (sen nome) coida dos pequenos Estela e Teo, e tamén da súa parella, Baldo, ao tempo que tenta manter a flote a empresa para a que traballa (da que tampouco se especifica o sector, aínda que se intúe un traballo creativo dentro se cadra da publicidade ou das artes gráficas). É interesante para observar as contradicións e as dificultades que padece unha nai traballadora. Á lectura do cómic pode sumarse a do blog que dá título á banda deseñada, aloxado na páxina http://canalmadre.com. Nel continúan as batallas que libra esta muller que podería ser calquera, enfrontándose a unha dobre xornada que nunca remata. O cómic resulta tenro e empático, non é difícil identificarse con certas realidades, aínda que non tanto con outras. Non se pode obviar certa posición privilexiada da protagonista, que a afasta de lectoras igualmente nais e traballadoras, pero cunha existencia máis precaria. Ao cabo, ela conta con apoio familiar e conxugal, cun traballo acorde coa súa formación superior, boa saúde, malia o catarro que a afoga na primeira parte do libro, e cunha casa moderna e bonita. A crianza élle moito máis doada, dentro das posibilidades, que a de milleiros de mulleres que están soas, ou enfermas, ou desempregadas hoxe en día. Mergullarse nas páxinas de Vida de nai é un pouco como achegarse ao mundo dunha maternidade idealizada e case perfecta, aínda que logo levantemos a vista dos cadriños e asistamos á noticia do desafiuzamento dunha nai enferma e desempregada na Coruña, momento en que se esvae a purpuriña. Como exercicio autobiográfico non está mal, pero bótase moito de menos que non saia fóra de certo ámbito de comodidades e privilexio.

Vida de nai, de Gemma Sesar, Ramón Marcos e Jorge Castelli