Buscar neste blog

Amosando publicacións coa etiqueta saúde mental. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta saúde mental. Amosar todas as publicacións

sábado, 30 de novembro de 2024

Avelaíñas brancas que remanecen por Eli Ríos

As avelaíñas. Deben ser elas as que che insitan a actuar, a pensar en Mariña, a moverte, a xoghar coa vida. A soñar.

A xoghar coa vida.

Existe esta expresión? Debería. Estaría ben que no cole quitasen alghunha hora das tropesentas de mates para meter unha materia que versase sobre como xoghar coa vida, como foder coa vida, como ser felís e pasar de todo o malo que non é suseptible de poder cambiar.1

  Porque diso vai a novela Avelaíñas eléctricas de Sica Romero: da vida e das ferramentas que temos para xogala. Mellor dito… das que non temos e o que iso provoca nas protagonistas. En ningún momento se romantizan a dor ou as penurias, non. Acompáñanse en todas as súas expresións deixando constancia do que nos falta como sociedade para atender o emocional. 

  Se estás nese momento en que na túa carreta non cabe unha pada máis de drama, espera un momentiño antes de pechar esta recensión, porque aínda que as situacións de violencia (sexual, económica, laboral, sistémica, etc) son descarnadas, a retranca vainos levar a un camiño de reflexión profundo máis alá do simple morbo. E o humor é a mellor ferramenta de crítica social, neste caso, para cuestionar e desmontar o mal.


Ai, Padre Nuestro pequeniño. Debes estar de coña, señor ghalerista. Iso pénsalo, mais non o soltas. Educada de máis te estás a volver. Iso fui ofensivo que te caghas (…)

Imagino que lo comprenderás, di Marisol cunha cara que che fai lembrar, como boa friqui de Harry Potter, a Dolores Umbridge. No es justo que mi marido tenga que pagar a una chica que bien podría estar haciendo sus prácticas aquí.

Imigini qui li quimprindirís… será.. 2


    Se xa a temática nos fai empatizar coas protagonistas, a identidade reflectida na linguaxe achéganos aínda máis a esta narrativa en que a oralidade ten un papel fundamental e axunta á diversidade formal nas grafías, nos rexistros, nos estilos, …, e, incluso, nas citas rosalianas coas que comeza cada capítulo. Así Olivia usa a gheada e o seseo tan característico da Costa da Morte, mentres que Mariña mantén os trazos dunha localización non explicitada, normativamente centrada sen trazos dialectais alén das escollas léxicas.


Non. Silencio.

Pecheime no baño. Desfíxenme da roupa. Escondín as bragas con sangue nunha bolsa para tiralas no contedor. Abrín a billa e deixei correr a auga que desaparecía polo desaugadoiro tinguida de vermello.3


    Estas dúas mozas mencionadas están a atravesar unha ruptura sentimental que leva a Olivia a emigrar a Barcelona e traballar de camareira, mentres que Mariña está empregada nun museo. Esta separación vai, tamén, facer parte desa estrutura xenial coa que se artella este texto: cada unha conta a súa parte da historia desde os seus espazos vivenciais actuais, pero tamén desde o que compartiron no pasado. Olivia faino en primeira persoa e Mariña nunha segunda persoa brillante desde o punto de vista técnico.

    O afastamento é unha escolla, como outra calquera, que ten moito de coidado propio así como do da outra. Por unha parte, Mariña convive cunha depresión que, nalgún momento do pasado, non soubo xestionar ou non tiña os apoios necesarios para facelo. Por outra, Olivia ten unha situación familiar complexa que a reclama, unha e outra vez, cun irmán drogadicto e unha nai que chama por ela a cada pouco. Nestas circunstancias, o relacionamento de parella non é san porque xa teñen abondo cos seus propios procesos e problemas como para atender a un elemento a maiores na ecuación afectiva. En determinado momento, precisan separarse para recompoñerse e aí é, in media res, onde entramos as persoas lectoras: na reconstrución delas dúas por separado e, ao mesmo tempo, na descrición do que significa/significou a relación para cada unha.


Páx. 160


  Nesta edición tan visual, cada un dos elementos formais acaban por encaixar á perfección e cadran nun marabilloso obxecto artístico fiado polos fragmentos poéticos de Rosalía de Castro. Esta parte técnica ensambla, por súa vez, coas temáticas que se presentan a través da bagaxe persoal das protagonistas, é dicir, a voz de dúas mozas na casa dos vinte anos é validada para tratar do amor, das drogas, das violencias, do suicidio, da saúde mental, das familias (diversas, desestruturadas, escollidas, etc), da homofobia, da precariedade laboral, do desterro, das redes sociais, do desarraigamento ou da sexualidade, entre outras. Estas voces “novas” son operativas para tratar todos estes temas e vano facer desde a propia identidade tanto lingüística como social e cultural.

  Ademais, gorece esta narrativa un universo metafórico que se manifesta desde o mesmo título. As avelaíñas son eses seres que, nas crenzas populares, tanto poden achegarnos boas novas coma desgrazas. Elas son as que van dotar de significado tanto os obxectos como os sentimentos. 

Sinto… como un baleiro aquí, di mirándoche mentres sinala a boca do estómagho.

Eu teño avelaíñas aí.4

    As cores (vermello, amarelo, azul cobalto, ...) e as avelaíñas van vincular as protagonistas (entre elas e coas demais persoas) e constrúen para nós lectoras un mundo sinestésico que prende nos nosos sentidos na mesma portada e ata a última páxina. Unha experiencia de lectura para gozar dela, sen dúbida, desde todas as arestas que nos presenta e con todos os sentires que nos ofrece.






Romero, S., Avelaíñas eléctricas, Néspera editora, 2022









1Páx. 111

2Páx. 119

3Páx. 159

4Páx. 193

xoves, 14 de xaneiro de 2021

Un ceo cheo de esperanza, por Eli Ríos


Llévame al cielo de Carla Guelfenbein comeza un día de celebración en que "Yo soñaba con poder volar como él algún día. Contaba los tirabuzones de papá, «uno, dos, tres, cuatro», luego sus emprendidas que surcaban las nubes, para desaparecer entre ellas y volver a asomarse formando nuevos bucles y arabescos contra el fondo azul, mientras a mis espaldas oía los vítores, los gritos de exclamación y los aplausos. Ese día papá desplegó todas las piruetas que su viejo Bücker le permitía, mientras el sol descendía haciendo que todo a su alrededor brillara, como si la luz surgiera de su pequeño avión" (páx. 16). E todo remata, ou mellor dito comeza, cun accidente aéreo. Todo cambia. Un segundo, un instante que transforma o futuro.

Emi, a protagonista, séntese responsable da traxedia e tenta suicidarse. A súa familia, entón, decide ingresala nunha clínica, Las Flores, para que asista a unhas consultas médicas. Alí "lo que más me reconfortaba era la noción de no ser la única chica en todo el planeta que había intentado quitarse la vida"(páx. 27). E é aquí, neste "centro de rehabilitación para persoas novas que sofren trastornos mentais", onde coñece outras persoas con reflexións sobre a "normalidade" e sentimentos   semellantes aos dela.


Tal vez constituimos el grupo de chicos a quienes les falta una tuerca. Algo que a primera vista podría parecer una desventaja, pero que a la larga nos hace ser quienes somos (páx. 30)


Las Flores non é unha simple localización. Os espazos ( o Casino, la Sala del Humo, etc), os tratamentos, as horas das pastillas,..., convértense en reclusión e en refuxio ao mesmo tempo.


Lo real era lo que nosotros hacíamos real. ¿Quien podía decir que no lo fuera? Ahí dentro la línea entre lo imaginado y lo vivido desparecía, y aunque el encierro tuviera un alto costo, la nuestra era al fin y al cabo una forma de libertad. Podías inventar tu vida. (páx. 35)


Pouco a pouco imos coñecendo as historias de Domi, Clara, Gabriel, Gogo,..., dunha forma natural na que ninguén pregunta sobre as vendaxes nos pulsos ou sobre as cicatrices na cara. Á narradora non lle interesa o morbo, non. Nin sequera cando "presenciamos" un asasinato homófobo. A narradora foxe da recreación na dor e aléntanos (a nós e ás personaxes) a procurar solucións. Alenta unha narración cargada de simbolismos cara un futuro mellor. E iso só é posible se empatizamos coas persoas protagonistas, se entramos no seu desgarro emocional. Para conseguilo mergúllanos no día a día das personaxes, nos seus sentires e todo cunha precisión e unha linguaxe tan coidada que case nos transporta a esa cadeira na horta onde laretan durante horas. Esa cadeira en Lemuria.

Lemuria é como lle chaman ao anaco de terra, no xardín de Las Flores, en que tratan de facer agromar un cultivo, pero tamén o lugar en que se sospeita que caeu o avión de Amelia Earhart cando tentaba dar a volta ao mundo. E, así, esta viaxe aérea acaba por converterse, nesta novela, nunha protagonista máis. Ela e todas as mulleres que a historia quixo borrar.


... le digo que recuerde a Margot Duhalde, la chilena que piloteó aviones de combate en la Segunda Guerra Mundial y que fue nombrada miembro en la Legión de Honor Francesa; y también a Graciela Cooper, quien, a los diecinueve años, recibió su carné, volando un De Havillan Cirrus de 1930 con un motor que apenas levantaba el avión. (páx. 227)


Voamos con todas elas ao longo das páxinas ata chegar a un ceo aberto cheo de esperanza en que, como di Emi,  así " Nos veo a todos Afuera y sanos. Gabriel, Clara, Domi y yo." Entón, pechamos a última páxina e chega o momento de prender motores, deixarse ir entre as nubes e procurar a nosa Lemuria.





 Llévame al cielo, Carla Guelfenbein, Nube de tinta, 2018