A xoghar coa vida.
Existe esta expresión? Debería. Estaría ben que no cole quitasen alghunha hora das tropesentas de mates para meter unha materia que versase sobre como xoghar coa vida, como foder coa vida, como ser felís e pasar de todo o malo que non é suseptible de poder cambiar.1
Porque diso vai a novela Avelaíñas eléctricas de Sica Romero: da vida e das ferramentas que temos para xogala. Mellor dito… das que non temos e o que iso provoca nas protagonistas. En ningún momento se romantizan a dor ou as penurias, non. Acompáñanse en todas as súas expresións deixando constancia do que nos falta como sociedade para atender o emocional.
Se estás nese momento en que na túa carreta non cabe unha pada máis de drama, espera un momentiño antes de pechar esta recensión, porque aínda que as situacións de violencia (sexual, económica, laboral, sistémica, etc) son descarnadas, a retranca vainos levar a un camiño de reflexión profundo máis alá do simple morbo. E o humor é a mellor ferramenta de crítica social, neste caso, para cuestionar e desmontar o mal.
Ai, Padre Nuestro pequeniño. Debes estar de coña, señor ghalerista. Iso pénsalo, mais non o soltas. Educada de máis te estás a volver. Iso fui ofensivo que te caghas (…)
Imagino que lo comprenderás, di Marisol cunha cara que che fai lembrar, como boa friqui de Harry Potter, a Dolores Umbridge. No es justo que mi marido tenga que pagar a una chica que bien podría estar haciendo sus prácticas aquí.
Imigini qui li quimprindirís… será.. 2
Se xa a temática nos fai empatizar coas protagonistas, a identidade reflectida na linguaxe achéganos aínda máis a esta narrativa en que a oralidade ten un papel fundamental e axunta á diversidade formal nas grafías, nos rexistros, nos estilos, …, e, incluso, nas citas rosalianas coas que comeza cada capítulo. Así Olivia usa a gheada e o seseo tan característico da Costa da Morte, mentres que Mariña mantén os trazos dunha localización non explicitada, normativamente centrada sen trazos dialectais alén das escollas léxicas.
Non. Silencio.
Pecheime no baño. Desfíxenme da roupa. Escondín as bragas con sangue nunha bolsa para tiralas no contedor. Abrín a billa e deixei correr a auga que desaparecía polo desaugadoiro tinguida de vermello.3
Estas dúas mozas mencionadas están a atravesar unha ruptura sentimental que leva a Olivia a emigrar a Barcelona e traballar de camareira, mentres que Mariña está empregada nun museo. Esta separación vai, tamén, facer parte desa estrutura xenial coa que se artella este texto: cada unha conta a súa parte da historia desde os seus espazos vivenciais actuais, pero tamén desde o que compartiron no pasado. Olivia faino en primeira persoa e Mariña nunha segunda persoa brillante desde o punto de vista técnico.
O afastamento é unha escolla, como outra calquera, que ten moito de coidado propio así como do da outra. Por unha parte, Mariña convive cunha depresión que, nalgún momento do pasado, non soubo xestionar ou non tiña os apoios necesarios para facelo. Por outra, Olivia ten unha situación familiar complexa que a reclama, unha e outra vez, cun irmán drogadicto e unha nai que chama por ela a cada pouco. Nestas circunstancias, o relacionamento de parella non é san porque xa teñen abondo cos seus propios procesos e problemas como para atender a un elemento a maiores na ecuación afectiva. En determinado momento, precisan separarse para recompoñerse e aí é, in media res, onde entramos as persoas lectoras: na reconstrución delas dúas por separado e, ao mesmo tempo, na descrición do que significa/significou a relación para cada unha.
Nesta edición tan visual, cada un dos elementos formais acaban por encaixar á perfección e cadran nun marabilloso obxecto artístico fiado polos fragmentos poéticos de Rosalía de Castro. Esta parte técnica ensambla, por súa vez, coas temáticas que se presentan a través da bagaxe persoal das protagonistas, é dicir, a voz de dúas mozas na casa dos vinte anos é validada para tratar do amor, das drogas, das violencias, do suicidio, da saúde mental, das familias (diversas, desestruturadas, escollidas, etc), da homofobia, da precariedade laboral, do desterro, das redes sociais, do desarraigamento ou da sexualidade, entre outras. Estas voces “novas” son operativas para tratar todos estes temas e vano facer desde a propia identidade tanto lingüística como social e cultural.
Ademais, gorece esta narrativa un universo metafórico que se manifesta desde o mesmo título. As avelaíñas son eses seres que, nas crenzas populares, tanto poden achegarnos boas novas coma desgrazas. Elas son as que van dotar de significado tanto os obxectos como os sentimentos.
Sinto… como un baleiro aquí, di mirándoche mentres sinala a boca do estómagho.
Eu teño avelaíñas aí.4
As cores (vermello, amarelo, azul cobalto, ...) e as avelaíñas van vincular as protagonistas (entre elas e coas demais persoas) e constrúen para nós lectoras un mundo sinestésico que prende nos nosos sentidos na mesma portada e ata a última páxina. Unha experiencia de lectura para gozar dela, sen dúbida, desde todas as arestas que nos presenta e con todos os sentires que nos ofrece.
Romero, S., Avelaíñas eléctricas, Néspera editora, 2022
2Páx. 119
3Páx. 159
4Páx. 193



Ningún comentario:
Publicar un comentario