Buscar neste blog

Amosando publicacións coa etiqueta estivo lendo. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta estivo lendo. Amosar todas as publicacións

martes, 29 de setembro de 2026

Eli Ríos estivo lendo... Desoriental de Négar Djavadi


    Kimiâ é unha moza dj que debe fuxir de Teherán cando se instaura o novo réxime imposto tras a caída do Sha (debido á súa orientación e expresión de xénero e pola posición política da familia). Neste caso, refúxiase en Francia e cóntanos, nun monólogo, a súa vida cotiá e aquilo que lle preocupa como os atrancos que sofre no proceso de inseminación que leva a cabo coa súa parella, a SIDA, a situación das mulleres, os procesos migratorios, etc

    No día a día hai elementos que funcionan como disparadores das lembranzas e cóntanos os recordos da súa familia. Lemos, polo tanto, varias historias da familia Sadr que se encerellan para chegar ao tempo presente. Así, a parte denominada "cara A", centrada na protagonista, está indisolublemente unida á "Cara B" da historia da súa familia e que se completan cun pequeno relato introdutorio e un "elenco" na parte final (a modo de resume de personaxes e características xerais).

    A maneira de narrar de Négar Djavadi é moi dinámica e vai enganchando un capítulo noutro para constituír un todo ao xeito dos contos tradicionais. De feito, a narración oral é un dos elementos que caracteriza a certas personaxes contadoras que nos transmiten o seu saber, supersticións, etc

    Aínda así, toda a parte que é sobre a Historia da República Iraní resultoume bastante molesta no sentido de interromper a trama. Hai páxinas en que as notas da autora ocupan máis de media páxina e parten o ritmo da narración.

    En calquera caso, este é un libro necesario para explorar os conflitos migratorios, as guerras, as identidades diversas, as dicotomías culturais das segundas xeracións de quen emigrou a Europa, etc, desde o sentir dunha moza que sitúa a súa mirada máis alá do presente sen esquecer de onde vén.

martes, 18 de marzo de 2025

María Reimóndez estivo lendo...


É este un libro para repensar de que falamos cando falamos da vida nas marxes. 

O relato de Sosa percorre as vidas das "travestis" que se prostitúen nun parque, tanto o horror como a marabilla. 

É este un relato de vidas que precisamos escoitar con urxencia, tamén unha reflexión fonda sobre o que significan as mais, as familias e as comunidades.

 Un libro que emociona e que nos transforma.



Sosa Villada, Las malas, Tusquets,  2020

luns, 3 de febreiro de 2025

Montse Paz estivo lendo...


Acabo de ler a novela  Y del cielo cayeron tres manzanas da escritora de orixe armenia Nariné Abgarián.

É a historia dunha aldea, Maran, perdida na montaña armenia e a vida das súas xentes: a fame, as guerras, as mortes. As persoas que quedan vanse facendo maiores e xa non teñen esperanzas. Anatolia a muller a quen acompañamos durante toda a novela deitase a morrer e a  partir deste punto coñecemos a súa vida de maltrato, de solidariedade e de amor.
Libro sorpendente en que nos achegamos ás tradicións, costumes, alimentación e, en definitiva, á vida das persoas que habitan Maran.

mércores, 8 de xaneiro de 2025

María Reimóndez estivo lendo...


 Tardei moito tempo en ler este libro, tíveno que ir dixerindo aos poucos porque o que conta e como o conta me remexeron de tal xeito que me deixaba sen alento. Tratar o asasinato machista da irmá xa de partida é un reto atroz. Mais Rivera Garza (Cristina, con Liliana) recolle un arquivo de voces que nos axudan a reverter o acto de violencia do asasino presentando ante nós unha moza viva, dinámica e autónoma.

As leccións que esta obra nos ofrece para entender a violencia de xénero son realmente de lectura obrigada, mais nunha situación de tal inxustiza se cadra o máis conmovedor é iso: deixar de ver a Liliana como un número, como unha vítima e vela como unha muller completa, resiliente e libre. Unha obra imprescindible

Rivera Garza, Cristina: 

El invencible verano de Liliana.

Random House Mondadori 2021