Buscar neste blog

Amosando publicacións coa etiqueta recomendaautoras. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta recomendaautoras. Amosar todas as publicacións

xoves, 17 de setembro de 2026

Vacas e corujas por Eli Ríos


    Un día calquera, nunha libraría, abrín, por acaso, as vacas não me olham mais na cara e dei con este fragmento:

– chispa, chispa!

o que complica o Natal é essa coisa de Papai Noel. acho meio assustador que um velho, para quem eu nunca fui apresentada, fique me vigiando o ano inteiro para decretar se sou ou se não sou boa menina. sendo que até pouco tempo nem menina eu era, então como é que de repente ainda preciso ser boa ou ruim? e não para por aí. no fim do ano, esse velho invade a casa da Dona Lurdes atrás de mim, mas não vem falar comigo. por que alguém atravessa o mundo para chegar nesse vilarejo fantasma, mas não se dá o trabalho de me dar um oi? a história não tem pé nem cabeça. vai ver ele gosta mais da Dona Lurdes do que de mim e ela tem vergonha de me dizer que ele vem é atrás dela. ou então ele não decidiu se sou boa ou ruim e só vai falar comigo quando bater o martelo. mesmo que o Papai Noel me atrapalhe de dormir e de entender certas coisas, a primeira garfada daquele peru faz valer o medo e a espera. se o Papai Noel viesse falar comigo, quem sabe eu até oferecia a ele um pedaço.1


    Daquela, o primeiro pensamento que me atravesou os miolos foi: Epa aí! Poderían ser as corujas2 de Arins! 



    Non desvendo nada ao afirmar que son unha filo-escrita-arins e que gosto inmenso ata do que aínda está a escribir. E así, con esta familiaridade afectiva, entraron "as vacas" no outeiro dos libros para ler. Chegoulle o tempo onte. Si, onte. E hoxe escribo estas liñas porque dora freind narra dese "jeitinho Arins" co que a través dunha tenrura inmensa e cun sorriso amplo na boca acaba por poñerte do revés como se foses un calcetín. Desta forma, na lectura- das corujas e das vacas- identificámonos coas protagonistas, damos unhas risadas e, a seguir, estamos a reflexionar sobre cuestións ben serias que van alén do que a escrita "aparentemente" sinxela e divertida deixa transparentar nun primeiro momento. Son daqueles libros cheos de reflexións que prenden como anzol na gorxa e cando nos decatamos lévanos a repensar moreas de cousas. De aí abrolla unha maneira diferente na nosa ollada e as situacións da vida, por tanto, adquiren unha nova dimensión. A abaladura está aí e vaiche chegar. Diso non hai dúbida.

 Ia para a beira de Fina Batám quando estava a mungir. Observava como apanhava as cacharretas da mungideira e as colocava nos tetos das vacas. Dói-lhes?, perguntava. E anotava que não, que até agradeciam porque não podiam como tanto leite a pesar-lhes no corpo. Observava e tomava notas3


    Nas dúas obras hai unha nena que vai descubrindo o seu arredor a través da observación. Estas prosas poéticas están narradas en primeira persoa por unha cativa, desde que é crianza, e os diferentes capítulos corresponden a momentos vitais determinados ou a persoas que entran nas súas vidas.

    Por unha parte, nas cinco corujas a aprendizaxe ten moito de silencios, mutismos selectivos ou aprender a escribir a máquina. Este é tamén un aspecto que comparte con as vacas não me olham..xa que a protagonista non ten nome porque, durante o parto, súa nai perde a voz e non pode bautizala. Neste estraño episodio, o ruxe-ruxe da aldea acaba por facer que a xente emigre por medo a supersticións ( "a bruxa da boca seca"4). Desta forma, a pequena queda soa coas vacas. Elas son as súas compañeiras: " a língua que eu aprendi a falar era a língua das vacas5Esta situación cambia cando diversas persoas alugan a casa veciña e ela ten que aprender a vivir en sociedade:


devia ter um manual que ensinasse a como existir direito, do mesmo jeito que se ensina a montar cadeiras dobráveis, dividido em tópicos e com ilustrações para não deixar dúvidas."6


    Nomear e revelar aquilo que permanece oculto nos silencios é o centro destas dúas novelas xa que define o lugar no mundo que ocupamos no mundo e a maneira de entendelo. A procura da identidade propia e social, a comunicación, a lingua ou o desenvolvemento das cuestións de xénero transforman nelas a infancia en territorio de consciencia.

    Deteñámonos un momentiño na narrativa de Freind... Como persoas lectoras facemos un acompañamento da protagonista desde o mesmo proceso de adquisición da linguaxe. Este desenvólvese cando chega Dona Lurdes á casa veciña e lle aprende a ler e a escribir. Incluso lle explica as normas gramaticais, signos de puntuación (" não encontrei nada que merecesse parênteses", Freind, 19) e ata que "o espaço em branco também é letra"7. A partir deste momento todo o proceso de aprendizaxe vai estar marcado pola linguaxe, pola comunicación e polo silencio ( "mil quilos de silêncio caindo em cima de mim", páx. 58). É, tamén, neste proceso que aprende cousas marabillosas: 


ele tinha me dito que a gente assistiria um filme dos Estados Unidos. mas quando começou, eu estava entendendo tudo. comentei:

nossa, como os americanos falam bem português...

ele riu e me explicou que aquilo chamava dublagem.

que os atores falam numa língua e a gente escuta em outra. até hoje não entendi como isso é possível. se é o nosso ouvido que é bem treinado, se é coisa daquele cinema ou se tem a ver com os atores escolhidos. ele me contou que não é só filme dos Estados Unidos que tem isso, mas filme do mundo todo. como pode o mundo ser tão inteligente?

fico me perguntando se também é possível dublar o silêncio.8


Pero tamén diferencia aquelas outras que lle fan dano ou non lle gustan:


nos filmes, as pessoas que inventam outras na barriga são sempre mulheres. vai ver é porque ninguém ia gostar de morar dentro de um homem.

eu não ia.9


    Nesta novela, a protagonista sen nome acumula palabras en vez de bruídos e vai esquecendo ser bicho ("desaprendi a língua das vacas", páx. 107) para reconhecer a súa propia humanidade. Pola contra, nascinco corujas este proceso é coletivo, pero tamén no mesmo sentido de nomear a vida e camiñar cara un mundo adulto ("nas faíscas daquela noite/esvoaçaram o berço e a infância, páx. 90).

Tenrura, poesía, metalinguaxe, violencia e delicadeza, humor inesperado e unha narrativa precisa, de gume afiado e directa ao corazón fan destas dúas novelas pequenas xoias que non seremos quen de soltar ata a última páxina e, quizais(quen sabe!), recollamos aquilo que dicía a nosa protagonista sen nome: "Chegou minha vez de acender as palabras"10


                                        Freind, D., as vacas não me olham mais na cara, editora Nós, 2026

                                        Sanches Arins, S., cinco corujas, através editora, 2023


1Freind, páx. 28-29

2https://www.asega-critica.gal/2024/02/todas-nos-somos-curuxas.html

3Arins, páx. 15

4Freind, páx. 8

5ibidem, páx. 11

6ibidem, páx. 98

7ibidem, páx. 50

8ibidem, páx. 66

9ibidem, páx. 102

10ibidem, páx. 113   


















 

martes, 8 de setembro de 2026

María Reimóndez recomenda... Babel de R. F. Kuang




Se ben a fantasía é un xénero que adoita asociarse á evasión, Babel é un exemplo de como pode utilizarse para un traballo político de primeiro nivel. Malia o seu protagonista principal masculino e o seu estilo denso en exceso, este libro abre portas a fondas reflexións.

Babel lévanos a Oxford a principios do século XIX. Alí chega un rapaz chinés "rescatado" de Cantón por un profesor universitario que dirixe o organismo máis poderoso do mundo: o Real Instituto da Tradución de Oxford, piar do imperio británico. Alí é onde se producen as barras de prata que, pola maxia que se produce ao inscribir nelas dúas palabras en dous idiomas, sempre equivalentes pero cunha fenda de significado, Gran Bretaña é quen de dominar o mundo.

Nesta historia hai moito de fantasía pero, sobre todo, moito de realidade. De como o supostamente inmaterial explota materialmente as persoas e a clave que temos na diversidade lingüística e na tradución para botar abaixo imperios. Agora, antes e sempre.

Unha lectura esixente, mais fascinante.


luns, 31 de agosto de 2026

Eli Ríos recomenda... O grande aviario de Eli García

 



Ata finais de setembro, na Biblioteca Municipal de Durán Loriga da Coruña, pódese visitar a exposición Elas son fantásticas e gozar da colectiva das bandas deseñadas de Eli Garcia, Inés Vázquez, María Brenn, Bea Gregores, Lucía Cid e Paula Cheshire.


Nun encontro organizado por Viñetas desde o Atlántico
foi onde coñecín este libro para rapazada miúda e chamoume moito a atención o que contou, entre outras cousas, a autora: as imaxes dos paxaros que aparecen no final non son fotografías, son deseños. Xa co libro na man non puiden máis que gozar coma unha cativa deles.

As mozas desta aventura van parar a un aviario abandonado despois de perseguir unha pega, "pica pica". Alí van acontecer unhas historias fantásticas e cheas de imaxinación que acaban cunhas notas nunha especie de caderno ben interesantes.

É esta unha obra moi axeitada para achegar a rapazada máis miúda aos mouchos, bubelas, cegoñas, avelaionas, etc, de maneira divertida e cuns deseños moi dinámicos.

venres, 31 de xullo de 2026

Eli Ríos estivo lendo... Manchea de Andrea Freire

 



Manchea é unha obra de teatro infantil que levou o 
XVI Premio Barriga Verde e trata a historia dunha princesa que non quere ser como se espera dela( " As princesas non berran, nin se enfadan. As princesas son xentís... e doces... e pacientes...", páx. 14), de príncipes vexetarianos e non violentos, de lobos non feroces, de raíñas rabudas e de reis malandros que xa non importan nos contos.
Esta peza de teatro de monicreques ten unha escrita moi dinámica, os diálogos en verso rimado e xoga coa participación do público tanto nunha posible representación como na recepción da lectura.

Se o público non se deixa amedrentar é de esperar que, tras ver as intencións d'O Rei, fagan o que lles pediu Princesa e lle digan ao monarca que esta dorme. Non queremos promover o engano entre a cativada, pero, neste caso, cremos que esta mentiriña está de sobra xustificada, ou non? (páx. 35)

Freire, A. (2025), Manchea, Baía Edicións, A Coruña.

sábado, 11 de xullo de 2026

María Reimóndez recomenda... Goma de borrar de Valeria G. Caneda

Gustoume moito esta novela, tanto no que conta como na maneira de contalo. A protagonista, que comeza a historia con 15 anos, desafía o relato preconcibido do que é a violencia. A través do recordo disociado, das referencias implícitas, obríganos a repensar que cousas se normalizan ata o punto de que, década tras década, as rapazas sigan sendo incapaces de identificar a violencia. Ou, máis ben, de escoitar a voz interior que a todas nos avisa. Porque, total, que pasou realmente? Nesa pregunta están todas as respostas. 

martes, 7 de xullo de 2026

A tradución como ferramenta decolonial por Eli Ríos

En A garota que não se calou, Adunni conta a súa historia en primeira persoa. Ela ten catorce anos, vive en Ikati (Nixéria) e quere ser profesora, pero o pai decide casala cun home que lle vai dar diñeiro a cambio.

"Se eu casar com o Morufu, cê vai tá jogano meu futuro no lixo. Eu tenho uma cabeça boa, papai. Cê sabe disso, a professora sabe disso. Se eu consigo um jeito de ir pra escola, posso te ajudar quando arrumar um bom emprego. Não tô pensano em voltar pra escola e ser a mais velha da classe, eu sei que posso aprender as coisa rápido. Aí termino meu estudo, viro professora e depois junto o dinheiro do salário todo mês pra construir uma casa pra você, compro um carro bom, um Benz preto.

O papai funga, limpa o nariz.

Não tem dinheiro pra comida, sem falar os trinta mil naira do aluguel comunitário. O que que ser professora vai te dar? Nada. Só vai te dar uma cabeça teimosa. E a língua afiada, porque a que cê tem não chega, né? Quer ser que nem a Tola?"1

Adunni é obrigada a casar con Morufu, convértese na terceira esposa e espérase dela que paira un neno. Este casamento non só a obriga a abandonar a vida que coñece, toda a rede social que a sustenta, senón que converte a súa vida en torturas, violacións e agresións continuadas. E, no medio de toda esta dor, a sororidade achega unha luz de esperanza. Son elas, as mulleres, as compañeiras, as súas iguais, quen entenden polo que está a pasar e se unen para combater as violencias. Así, Adunni consegue comprender por que Labake, a primeira esposa, ten tanta rabia no corpo e non é unha tola como afirma o home. A súa filla, Kike, ten o mesmo tempo que a protagonista e un soño que non poderá cumprir:

– Porque eu penso nisso, Adunni. Todos homem da nossa aldeia é permitido que eles aprende na escola e trabalha, mas a gente, as menina, eles vai casar com a gente a partir dos catorze ano. Eu sei que posso ser uma boa alfaiate. Sei desenhar muito, muito bem.2

Ao longo de toda a novela, as mulleres que aparecen son cómplices, inspiradoras e referentes. Así, Khadiya, a segunda esposa de Morufu, é un apoio constante e "Meu coração está derreteno enquanto olho em volta dela, pro espírito gentil nos seus olho"3, a nai sempre a animou a estudar, Iya acúdelle, e sálvalle a vida, cando ten que fuxir a Lagos, incluso a Tia Dada chega a poñer os seus zapatos. Ela le a redacción que ten que escribir para poder optar a unha bolsa de estudo.

– Ontem eu senti o gosto do seu normal– ela diz, pegando minha mão.

– Meu normal? Que gosto que tem?

– Eu li a sua redação, Adunni. Você já passou por isso tantas vezes, tantas, e ainda assim você sempre tem um sorriso, seu jeito atrevido, você sempre tem um maldito sorriso no rosto. Quando fui açoitada naquela igreja, senti uma fração de...– ela solta minha mão, pegando ar pra se escorar antes de pegar minha mão de novo– Eu senti uma fração do que você teve de suportar por meses. Provei um pouco do seu normal, Adunni, e devo dizer: você é a garota mais corajosa do mundo. E toda essa merda acontecendo comigo, isso não é nada comparado ao que você passou4

A Tia Dada é unha personaxe realmente interesante nesta novela porque lle vai dar o contrapunto a Adunni e provocar unha serie de reflexións ben necesarias. Se a protagonista desenvolve desde as primeiras páxinas un claro interese en formarse para ser mestra, a ocasión vaiselle presentar en Lagos e a Tia Dada será unha das facilitadoras. Pero antes de chegar a este punto, Adunni aínda vivirá momentos tráxicos que a levan a fuxir do seu casamento, entrar nunha rede de tráfico de persoas e traballar como empregada doméstica de Big Madam e Big Daddy.

De que jeito que o Morufu e o Big Daddy é diferente um do outro? Um pode falar bom inglês e o outro não fala bom inglês, mas os dois têm a mesma doença mental terrível. Uma doença que não tem cura"5

Daquela, vai ser que esa doenza que é o patriarcado e a violencia de xénero non depende nin da formación nin da lingua usada... E, para sorpresa de ninguén, son as mulleres as que reciben as consecuencias desta "doença" tanto se son ricas, como Big Madam, como se son pobres como Adunni ou Rebeca porque a educación e a formación non son sinónimos de non agresividade. Pero, esta reflexión, ancorada no pé do inglés, da lingua e, polo tanto, do acceso ao saber sementa unha das grandes preguntas desta novela: Quen toma a palabra? Quen conta o relato?

Desde o inicio, Adunni sinala que quere formarse para ter unha "palavra alta", "inchar a minha cabeça e a minha mente com livros e educação" e "quero continuar ensinano as crianças da aldeia. Pra dar pra elas uma vida melhor"6, pero, tal e como sinalou Sueli Carneiro (Carneiro, 2023), a discriminación, a indixencia cultural, o acceso á educación, a carencia de materiais ou a posta en valor do propio condicionan as xerarquías de poder, do saber e do ser así como de quen é suxeito enunciador. E Abi Daré coloca de maneira maxistral todos estes elementos na novela desde a perspectiva de Adunni, unha moza de catorce anos que fala ioruba e quere aprender inglés xa que "Tenho vontade de ser professora desdos dois ano."7 A vontade vai ser o motor desta historia, pero ten que revirar unha sociedade que non lle permite acceder á escolarización se non é pagando a taxa escolar, que obriga as rapazas a casar e ter descendencia, que non ten acceso a libros ou fontes de información, que recibe as violencias ou que traballa en postos escravizados e/ou dependentes da trata de persoas. Entón como saír desa racialización que destroza a xente e promove unha xerarquización clasista? Pois, Adunni vai procurar a estratexia do coñecemento desde a lectura do dicionario Collins e do Livro dos fatos da Nixéria aos que pode acceder, de maneira clandestina, na casa de Big Madam(en que traballa de empregada doméstica) e desde a observación da realidade que a rodea. Desta maneira, reflexiona sobre o uso de cremas branqueadoras da Big Madam, sobre o feito de que os fillos da empregadora estuden e vivan no Reino Unido, sobre as clases traballadoras e a diferenza coas que ostentan o poder e organizan "festas" para acougar a súa conciencia ou, incluso, sobre o uso das diferentes linguas.

– Eu sou Kofi– ele diz, apontano um dedo pequeno pra escrita no seu pano– O chef. O chef muitíssimo estudado. Se você está aqui para trabalar, venha comigo. 

Por que que ele tá falano que nem se a língua dele tem um problema? Falano "trabalar” em vez de “trabalhar"?

– ⁠Por que que cê tá falano desse jeito?– pergunto, olhano ele de perto– Cê é da Nigéria? 

– Eu sou de Gana– ele diz, virano pra mim. – Moro na Nigéria há vinte anos, mas meu sotaque é teimoso.

Cê sofreu um ataque teimoso?– pergunto enquanto sigo ele pra dentro, sentino pena. –Quando que isso aconteceu? Ele atingiu sua boca? Tomara que ninguém morreu. Morreu?8

A autora recolle as tensións desta modernidade colonial que crea os mecanismos para que as persoas racializadas, situadas en posicións de inferioridade, anceien "branquearse", soñen con participar das estruturas de opresión oudescribirse a través dun aparato discursivo alleo completamente. Así, Adunni vai lendo no dicionario Collins a definición de moitas palabras que non recollen os elementos que a constrúen e nin tan sequera fan dela, ou de quen usa o inglés- e, polo tanto, ocupa o poder-, unha persoa máis lista.

Agora eu sei que falar inglês bem não significa que a mente é inteligente e o cérebro afiado. O inglês é só uma língua, que nem o iorubá, o igbo e o hauçá. Nada disso é tão especial, nada disso faz uma pessoa saber coisas9

Na Nixéria hai máis de 510 linguas vivas e conviven tres familias lingüísticas: a do Níxer-Congo (ioruba, quimbundo e igbo, por exemplo); a afroasiática (o hausa) e a Nilo-sahariana (o kauni, entre outros). Estas son as usadas pola maioría da poboación na Nixéria xunto co "broken english"( pidgin nixeriano), mentres que na educación, nos ámbitos políticos, xudiciais, etc, emprégase o inglés (lingua oficial desde a colonización inglesa). Esta diversidade lingüística atravesa toda a narración desde as personaxes migrantes, desde aquelas que negan as súas orixes no proceso de "branqueamento", desde aquelas que foron forzadas a estudar no exterior e perden a posibilidade de coñecer a lingua de transmisión da súa familia (a Tia Dada, por exemplo, estudou no estranxeiro e non sabe falar ioruba e, por iso, pídelle a Adunni que a acompañe ao mercado) ou desde o mesmo proceso de creación da escrita. Si, esta é unha decisión moi meditada da autora e unha escolla consciente: " I came up with in terms of nonstandard English because there’s something called broken English, and there’s something called pidgin English, which some people are familiar with. But Adunni doing doesn’t speak either. She really invents some of her words, and she borrows from pidgin English and borrows from broken English to create this, what I call nonstandard English. So it’s basically a way of speaking English in Adunni’s way."10 Así, no texto rexístranse palabras en ioruba, hausa, pidgin nixeriano, igbo, árabe, inglés, xíria nixeriana ou twi11 para definir elementos do cotián (comida, roupa, saúdos, etc) ou formas de entender o mundo. Tal e como afirma a autora na entrevista anterior, Adunni vai construír a súa propia linguaxe dependendo do contexto e vai cambiando segundo ela ten acceso aos recursos( escola, libros, etc).

Eu não sei muito dessa coisa de espeque-tativa e comuni-cassão, então fico com minhas palavras pra mim.12

Xa que logo, as palabras constrúen realidades e, aquí, vén a segunda gran cuestión desta novela: Que se escolle traducir?

A edición usada nesta recensión é a da editora Verus, do Brasil, e a tradutora é Nina Rizzi. Vaia por diante que a escolla tradutora pola que apostaron paréceme brillante e enriquecedora. 

Nesta novela non se traducen lexemas, non, tradúcese a palavra que "tem o valor mítico que firma uma territorialidade linguística, guardando força étnica, marcas sociais, memória coletiva. Romper com a palavra é romper com o povo que se junta por meio dela. A palavra evoca o significado da vida para um povo; ela é domínio de um lugar. O olho da palavra percorre a terra, alcança e define seus limites, transformando-a em território. Por isso, quando o lugar é violado, é aviltado, a palavra também o é. Mais ainda, o sagrado que há na terra é igualmente violentado, porque a cosmologia que o informa – que tem a palavra como caminho – é tocada sem pudor. Por isso que o português é língua violenta, porque emudece as línguas negras e indígenas ou os toma por latim, esquecendo-os, imitando-os, como se os tivesse inventado ou descoberto (a neurose de invasor é achar-se descobridor). A língua portuguesa, assim como o branco português, esconde seus hifens, apodera-se, sem hífen, da invenção, e mascara a sua negritude (como o branco português mascara o mouro). Perdendo a história da palavra, ela torna-se assombrada, como que de alma presa. A alma da palavra, escravizada, guarda um silêncio agonizante. Desaparece do mundo e volta ‘português’. Poder puro, domínio puro. Porque havia outras palavras e havia outra língua na palavra. Palavra de (em) português é ausência da palavra das mais velhas negras"13

Ora ben, se os procesos de colonización levan cara ao silencio, perden "a história da palavra" e asasínanas, como é que podemos trasladar as violencias nunha lingua colonial como é o portugués no exercicio da tradución?14

Pois nesta edición escóllese manter "os erros do português" (Nascimento, 2023) que non buscan a asimilación das persoas na cultura dominante nin branquealas. Rompe, desta maneira, con este racismo epistémico que "cria um vínculo eterno de mediação branca, que temos visto em tantos projetos editoriais."15 Así, na tradución desta novela elíxese incorporar as influencias de linguas como o quimbundo (da mesma familia lingüística que o ioruba) no portugués:

  • Desviacións da norma( aférese, síncopa, apócope, prótese, epéntese,...) como "adimitir"; "adevogada"; "prum"; "praquelas"; "desdos"; etc

  • Non marcar o plural no substantivo ("as menina"; "as casa")

  • A dupla negación ("não quero não"; não sei não")

  • Omitir a consonante final das palabras ("vidro de se vê")

  • Substitución do você por cê (neste caso Adunni usa sempre o  e Tia Dada o você): "quando cê nascer um novo bebê"

  • Non concordancia nominal e verbal: "que nós usa de pia"(p. 33)

  • Uso da retranca: 

    – Aquele é o fogão de querosene– ela diz, apontano pro fogão de ferro no canto esquerdo da cozinha, falano alto por causa do barulho da chuva– Pra fazer comida– ela diz, será que alguém vai usar un fogão de querosene pra fazer un carro.–

  • A marca dunha acción que está a acontecer, xerundio, faise co auxiliar como, por exemplo, "A chuva tá caino". Ademais, na linguas bantús a combinación de secuencias complexas de consonantes son raras. De aí que a síncopa elimine o grupo -ndo- e dea lugar a formas como correno, falano, caino, etc

"O solipsismo branco que consolidou a política de branqueamento do português, excluiu do repertório de compreensão de muita gente formada aspectos que são necessários à compreensão do que vem sendo denunciado como violência e sequer é percebido nesses termos."(Pires, T. e Gill, A., pág. 12). Polo tanto, a escolla consciente do pretuguês16, desas formas consideradas fóra da norma e que se afastan da unificación europeizante reflicten as múltiples violencias e "quebra o silêncio, abre uma fenda na língua. Melhor, abre um buraco enorme na língua.(...)Pretuguês é a memória inventada da palavra."17 Desta forma, cuestiona as desigualdades interseccionais (xénero, raza, e clase) e re-estrutura o concepto colonizador de quen pode nomear os saberes do Outro ou quen e como se producen as teorías asentadas nas violencias e nas invasións. É a palabra, por tanto, o recuncho da memoria xa que no pretuguês falado polas mulleres mantéñense as prácticas comunitarias e o resistir da terra que non cabe nesa "linguaxe branca". E aquí, neste punto, o labor de Nina Rizzi, a tradutora da obra, é espectacular xa que non é só que se manteña a palabra ou a estrutura lingüística senón que nas notas a rodapé lévanos a unha comprensión que desestabiliza as prácticas coloniais e racistas.

akara

* Palavra iorubá que significa "bola de fogo". O akara dos iorubás da África Occidental( Togo, Benim, Nigéria, Camarões) corresponde ao acarajé brasileiro e foi trazido ao Brasil pelas pessoas escravizadas durante o comércio atlântico de pessoas. Na Nigéria, é uma comida de rua muito comum, servida com pimenta em pó ou molho de tomate picante. (N.da T.)18

Agradécense estas notas sobre a formación de palabras, sobre a orixe de elementos que consideramos "nacionais" ou propios de latitudes branqueadas ou, incluso, puntualizacións sobre personaxes históricas porque non só aclaran referencias xeopolíticas senón que poñen en valor estratexias críticas que desmontan a colonialidade e as xerarquías eurocentradas. Así, non se fai unha simple tradución cargada de "ollada branca" senón que se contextualiza e detalla tanto institucións de seu como elementos do cotián propio. Esta non tradución literal a expresións portuguesas ou brasileiras respecta a alteridade da Outra e "obriga" a entrar no contexto, a mover a mirada branca cara o sur global, cara a Nixéria. Ademais, o labor de tradución non só presta atención á non domesticación da linguaxe senón que, tamén, evolúe coa protagonista segundo vai aprendendo novas palabras ou conceptos. A lingua cambia con Adunni e aí aparecen todos os elementos de discriminación que se entrecruzan e, así, esta linguaxe transfórmase nunha potencia decolonial que denuncia o patriarcado, o colonialismo, o racismo, a explotación laboral ou a violencia desde a dignidade e desde o non borrar a voz de Adunni no colonialismo lingüístico occidental

A garota que não se calou é unha novela sobre o poder emancipador da palabra en que as estratexias de tradución decolonial respectan a linguaxe viva da protagonista. Polo tanto, a lectura desafía o canon eurocéntrico e recórdanos que a verdadeira descolonización comeza sempre por non borrar a voz de quen escribe a súa propia historia para que, entón, o silencio deixe de ser unha opción.

– Não é a historia dos homens. A minha própia história vai chamar a história de uma mulher. A história da Adunni.19


1Daré, A.(2021), páx. 31

2idem, páx. 75

3idem, páx. 62 

4páx.304

5páx. 236

6páx. 75

7ibidem

8páx.137

9páx. 321

10Dare, Abi (2020)

11O ioruba é a lingua usada, aproximadamente, por 30 millóns de persoas, o hausa por 86, o pidgin por 120, o igbo por 60 ou o twi por 14 millóns. Ademais,fóra destas familias lingüísticas, o árabe é usado por 300 millóns de persoas e o inglés por 400 millóns de persoas nativas (sen contar as que teñen o idioma como segunda lingua).

12Daré, A. (2021),pág. 136


13Gigivi( 2024) pág 13

14Aínda que a colonización inglesa e portuguesa teñen diferenzas claras nos procesos non é este o lugar (por extensión) para realizar esta definición. Pódese consultar nos múltiplos estudos de feminismo e/ou lingüística decolonial.

15 Nascimento ( 2023), pág9338

16Pretugués: concepto acuñado pola activista Lélia González para definir a influencia e marca da linguaxe e da cultura africana (especialmente das linguas bantús) na construción do portugués do Brasil.

17Givigi(2024), páx. 13.

18Daré, A(2021), páx. 106.

19Daré, A. (2021), pág. 308


Bibliografía:


Abreu, M. S. de. (2025). Pretuguês, interseccionalidade e agência político-cultural das mulheres negras no Brasil. Revista Estudos Feministas33(2). https://doi.org/10.1590/1806-9584-2025v33n2105667 

-CARNEIRO, Sueli. Dispositivo de racialidade: a construção do outro como não ser como fundamento do ser. Rio de Janeiro:Zahar, 2023. 

- Daré, A. (2020), entrevista feita por Kendra Winchesterin Abi Dare on Nigeria and daughterhood, Lithub.com, Retrieved 2020-07-07

- Daré, A. (2021) A garota que não se calou, Verus editora, Rio de Janeiro.

Duarte, C. L. e Nunes,I. R., ed.,(2020) Escrevivência : a escrita de nós : reflexões sobre a obra de Conceição Evaristo,Rio de Janeiro : Mina Comunicação e Arte. (https://www.itausocial.org.br/wp-content/uploads/2021/04/Escrevivencia-A-Escrita-de-Nos-Conceicao-Evaristo.pdf)

-Gonzalez, L. (1988). A categoria político-cultural de amefricanidade. Tempo Brasileiro,(92/93), 69-82.(https://negrasoulblog.wordpress.com/wp-content/uploads/2016/04/a-categoria-polc3adtico-cultural-de-amefricanidade-lelia-gonzales1.pdf)

- Givigi, A. C. N. (2024). Se eu sei quem eu sou, sei que sou preta, ninguém nunca me toma a terra, porque a terra é negra: gênero pretuguês, branquitude e educação do campo.Revista Tempos e Espaços em Educação. (http://dx.doi.org/10.20952/revtee.v17i36.22359)

- Nascimento, G. ( 2023),  O pretugués de Carolina Maria de Jesus e o português de Regina Dalcastagne. Carta aberta à escritora Conceição Evaristo, Forum Lingüístico, Vol. 20, nº 3, págs. 9332-9341(https://dialnet.unirioja.es/servlet/articulo?codigo=9159406)

-Pires, T. e Gill, A. (2025), Contribuições metodológicas do direito em pretuguês para pesquisas feministas no Brasil,Revista Eletrônica Direito e Sociedade, v. 13, n. 2, Canoas.

-Tallei, J., & Souza, L. S. de. (2025). La lengua serpiente de Eliane Marques: el pretugués como núcleo de una literatura fronteriza en diálogo con el portuñol. Revista Criação & Crítica42, 99-115. https://doi.org/10.11606/issn.1984-1124.i42p99-115