Buscar neste blog

Amosando publicacións coa etiqueta Marga do Val. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Marga do Val. Amosar todas as publicacións

xoves, 1 de agosto de 2024

Marga do Val conversa con María Mariño.

Marga do Val( 2024): "Escribín este texto para a Festa da Palabra. Publicada en 1997, que non mandei a tempo, desde Tréveris, onde me encontro hoxe! Publicouse o texto na axenda "Elas 2M7", editada por A Nosa Terra en 2007, cando a RAG lle dedicou o Día das Letras Galega. Creo que o texto segue sendo actual, os versos de María Mariño seguen berrando desde o papel, un papel trillado. Velaí a identidade da súa existencia"


 Saltan no peito latexos, sinais de fume que

enviaches, nas palabras do papel. E son

tantas as respostas que se dan pola calada,

barullos xordos, que seguen sen sentirse as

verbas que magoan. Que hai no fondo da

fatiga do peito?

(...)

María, quen es? Papel branco. Trillado

papel.

                                                                                                            Marga do Val

                                                                                                             1997



mércores, 14 de febreiro de 2024

Marga do Val recomenda A semente, a árbore, a froita. Ana Pontón en conversa con M. Reimóndez


“A semente, a árbore, a froita” é un libro de conversas publicado en 2020 por Edicións Xerais de Galicia. Un libro en que dúas persoas dialogan en igualdade de condicións, unha conversa entre Ana Pontón e María Reimóndez que vai fluíndo desde a empatía e a curiosidad crítica, que é como se achega Reimóndez a Pontón. Os encontros tiveron lugar nos últimos meses de 2019, despois nada máis saír o libro, chegou a pandemia e o libro ficou fechado, sen percorrido, algo realmente incomprensíbel. Inaceptábel, por iso o libero, pola intelixencia das dúas persoas que conversan.

A infancia, a lingua como un territorio emocional ou de reconciliación coa propia identidade; o conflito na procura de dereitos e a contradición na adolescencia como aprendizaxe, como ferramentas para enfrontar a vida adulta, tamén a da vida política e colectiva; un souto de carballos e castiñeiros en Chorente que é símbolo da sustentabilidade, a herdanza para o futuro fronte ao curtopracismo, e nadar a contracorrente, como un acto libre, que nos fai persoas críticas e nos dá máis espazos de liberdade. Isto é a Semente.

Como desfacérmonos do discurso que nos oprime nun espazo patriarcal como a política, o feminismo como elemento transformador intrínsico na acción política, que cuestiona as estruturas de poder, as do estado e as de xénero; a invisibilidade da presenza das mulleres na historia, o camiño aberto pola lei galega contra a violencia de xénero, o proceso de aprendizaxe para xestionar a exposición pública e as críticas; como xestionar as contradicións entre políticas ambientais e laborais, a falta de información sobre a descapitalización, sobre a desgaleguización das empresas, a perda das caixas, a tarifa eléctrica, o desmantelamento dos sectores públicos, a firme convicción de que todo proxecto económico sen ética vai ser insostíbel e só creará desigualdade, falar desde Galiza en conexión co mundo; o racismo nas estruturas da sociedade mesma, os dereitos sexuais, os dereitos da identidade de xénero, a memoria histórica, Defende a Galega contra o secuestro dos medios públicos. Isto é a árbore.

Velaí a semente: un país mellor en que vivir.