Buscar neste blog

Amosando publicacións coa etiqueta recoñecemento. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta recoñecemento. Amosar todas as publicacións

mércores, 14 de agosto de 2024

Coa voz a monte de María Mariño por Cintaadhesiva

Cintaadhesiva interpreta Suma total de María Mariño e achega unha espectacular proposta visual.



Son a suma total
daquel que foi medindo
a pegada aquela que non digo,
pegada que soia se puxo o seu nome.
Son resta da esperanza -diferencia quedou-.
Multiplicada xa nacín,
pra que dividirme agora?

San, enteira voume indo,
san, enteira vou quedando,
o paso xa me cederon,
inda que o camiño se vira,
vaise virando en duro,
as pegadas ben se ven
vense volcar nas penas,
liman os picos dos montes,
raxan a cume i o mar,
raxan as alturas todas,
raxan a néboa,
raxan o sol,
ráxanse todas nunha,
esta cínguese
vaise cinguindo.
Terra, alma dona!
Pegada que soia
se puxo o seu nome.

Mariño, M., Verba que comeza(1990)

martes, 13 de agosto de 2019

Xela Arias, tan negra por elección. 5 postais



(A xeito de introdución)
Coincidimos en recitais e páxinas de publicacións; ela nacera no 62, eu tamén. Cos anos coincidimos tamén nesa posición “a-xeracional” que dalgunha maneira nos acompañou a algunhas d*s que comezamos a publicar nos últimos 80. No seu caso fortalecida cunha opción poética que se evidencia non só na voz, tamén no lugar desde o que fala.


1ª postal: TAN NEGRA POR ELECCIÓN.

Xela Arias escolle unha posición estrema para a escritura; un lugar afastado do código preponderante, unha poética que desafía os moldes estipulados mais tamén as pautas de corrección social e os seus mecanismos disciplinarios. A posición - que é unha declaración de intencións - está xa en Denuncia do equilibro e formúlase de cada vez máis nítida, depurada e esixente ata Intempériome onde irradia todo o libro; de feito toda a obra é unha declaración afirmada do lugar onde se sitúa o poema e a poeta. Esa posición é a da negritude, a do “afora”, a da expulsión.

Intempériome ábrese cun longo poema. Un fragmento:

“Íspeme o idioma e sábemo suando en sida.

A miña querida sida,
veleno que me inoculo cada día como pregaria
ou forma
de Non deixar de me entender castigada dalgunha lei.

A miña lei, de me nacer así tan negra por elección.
Máis coitelos para que? Atende, mírame,
mírame agora a sida,
que te quero negra,
negra asombrada fanática africana,
na batalla da historia en ringleira, adiante,
de primeiras feras vós desterrados
para tervos ó fin pacíficas vitorias
nas terras de ninguén que chaman ás casas:
os vosos fogares
asolados de compromisos tan, tan antigos.

E costumes, negra”.

2ª postal: INTEMPERIARSE.

(Do dicionario de Xela) Intemperiarse: acción de exporse á intemperie. Revolverse. Cuestionar a convención.

Ela sabe que está á intemperie e quere estar. Díxoo na conversa que tivemos na radio cando publicou o último libro: o ser humano está á intemperie, mais tamén unha decídese na intemperie, revólvese, cuestiónase e cuestiona o que a rodea “a orde establecida, calquera que sexa”.
Intemperiarse talvez é por exemplo non publicar Lilí sen pistolas ou Maldito lindo por autoesixencia, decidirse pola rúa antes que polas aulas, non axustarse ao modelo, non entrar na rolda dos premios ou organizar concertos expansivos. Intemperiarse é tamén explorar os outros lugares do poema: a indagación nos límites de Tigres coma cabalos ou Vencerse é cousa de se tratar. O poema fóra do libro, na rúa, a súa liberación do andel.
Porque non só é discurso o texto, tamén a posición que adopta a poeta. No seu caso sen colectivos que a aperten, consciente do lugar, do idioma, do xénero, da nación e da derrota.

“A unidade componse.
Da desorde.

Desordénome, amor,
e dou co punto
único
do centro dos abrazos.

Abrazo a desorde das ideas
e sei
que a unidade se compón.

A unidade componse.

Da desorde.”
(de Intempériome)

3ª postal: M.M.//X.T//X.A.

Intemperiarse é tamén desandar os textos e reviralos, fender a sintaxe, abrir a palabra. Todo o desafío verbal da súa obra lévanos a un territorio de creación léxica e sintáctica que nos coloca nunha posición tamén a nós, lectoras, estrema; participamos do proceso sen compracencias, hai que entrar ao poema con esa mesma audacia. E Xela Arias revélase da liñaxe das que cruzan a lingua, o idioma, para ousar outras arquitecturas verbais. Desa mesma liñaxe de Xohana Torres por exemplo, de María Mariño por exemplo.

“Tal confundes verso e palabra,
así che estrago os pronomes.
Obrígate a traballo novo,
que tamén ti pínta-lo cadro que axexas.
Pintura de caracteres
no fascinio do convencional,
se che convén”.
(de Intempériome)


4ª postal: POÉTICAS CON ROSALÍA.

Nesta postal vese a Xohana Torres nun estudio de gravación na Picaraña, preto de Padrón. Talvez era de mañá ou se cadra xa pola tarde. Fronte ao atril a poeta, sen auriculares. No atril un poema que comeza “Ti es para min isa barca que lembra / toda a presencia de madeiras náufragas”. No medio da lectura deténse. “Sedenta como un mar / e no teu mar afogada”. Son dous versos que se repiten a xeito de retrouso. “Quedaría mellor con outras voces”, di. Talvez fixemos de coro Xela, Yolanda e máis eu. Escóitase en Daquelas que cantan, o proxecto sonoro e textual que reuniu no ano 1997 a once poetas arredor de Rosalía de Castro. Gravamos os poemas para o disco, xantamos, fixemos fotos na Casa Museo, falamos... na miña memoria grávase a conversa con Xela que acababa de retomar estudos na Universidade. Foi un encontro feliz.

Publicou en Daquelas que cantan o poema A de quen comprende. Un fragmento:

“Inmaculábante. Eras necesaria.
Inmacúlante. Es o principio da camiñada.

Mira como así rabenan,
rematan esgotado o teu dereito a rebentar.

Nada novo, inmaculada Rosalía.
Tal sempre mulleres confinadas na construcción
doutros,
comprendes:
revólveseche a arma contra ti.

A de quen comprende non é
palabra de feliz”

5ª postal: TIGRES NOS SEUS BRAZOS.

Hai unha pantera que cruza o poema de Xela Arias e nesa súa animalidade o verso toma a forma física do alento que a atravesa. A ela o poema brótalle entre as costelas e o pulmón, aí onde o corazón percute na razón outra, na indómita. Hai unha bandada de panteras que encantan atravesando o poema da negritude por elección. Son panteras que se gravan no eco do verso como se grava a sombra dos cormoráns abatidos contra as rochas e os escualos na noite e os bechos. É a furia indómita, ese animal que respira nos poemas de Xela, tigres nos seus brazos.

“Intempestiva,
serse intempestiva.
E domea-la furia á procura
da froita
madura”
(de Intempériome)


Texto escrito e lido por Ana Romaní na presentación de Poesía reunida(1982-2004) de Xela Arias, en Pontevedra (maio 2019) no encontro literario Teñamos a poesía en Paz, coordinado por Helena Torres e organizado pola librería Paz de Pontevedra e no que participou xunto con Marga do Val, Cristal Méndez e Susana Trigo. 

luns, 12 de agosto de 2019

Intempériome con Xela por Susana Trigo


 


Dicir que eu tamén son do 64 e medio viguesa é inventar unhas posibles coordenadas dunha curta e intensa amizade con Xela Arias.

30 e tantos anos despois, co gallo deste encontro, revisitei esa floresta da memoria – ou sexa, busquei e abrín carpetas das que xa nin me lembraba- e vexo con sorpresa que o tempo deu unha sorprendente consistencia ao que daquela tiña o xeito desamañado dun mato a rebentar pola primavera. Eran os nosos 17, 18 e para adiante...

Así que os motivos polos que participo neste encontro non son méritos literarios. Síntome máis unha cronista moi moi parcial, cronista afectiva, daqueles primeiros 80 nos que moitas mozas fomos tomando sitio no banquete da vida que arrencendía diante de nós e no que decidimos convidarnos soas.

Iamos medrando, eu en particular, bastante soas, con moi poucos modelos, e menos femininos que eran os que a min me interesaban, moi intuitivamente, moitas veces con desconformidade, ou cando menos incomodidade. Todo era unha conquista atractiva: usar o galego na escrita, loitar polo carril bici de Vigo, andar soas ás once da noite, aprender que a autodeterminación dos pobos era un dereito obvio, bañarse espidas no mar, viaxar fóra de Galicia e comprobar que seguía funcionando o de sentírmonos galegas, autodefinirmonos feministas, viaxar fóra de Galicia e comprobar que había mundos mellores… Dous interrogantes: como chegamos a certas ideas tan claras xa daquela? Como é posible que hoxe aínda sexan asuntos pendentes as máis delas?

Vigo era calquera vila desartellada da Transición, por veces bastante convulsa, inhóspita moitas tardes, onde a mocidade con inquedanzas literarias ou de calquera tipo tiñamos que procurar o noso propio alimento. Daquela simplemente era a curiosidade urxente por vivir, conquistar un mundo propio, tomar posesión de todas as horas do día e a noite e de todos os libros, pubs, músicas... Todo moi propio da idade, por outra banda. Iso é o que adoita acontecer aos 18. Xela era esa inquedanza e esa fame na extrema do considerado propio da idade. Eu tiraba de instituto para azalgar a curiosidade e de verdade que foi un tempo vizoso. Aínda que o meu Vigo non era nada underground nin nada Madrid se escribe con V d Vigo, que era o que se levaba daquela. Un Coia/Vigo nada rompedor. Despois vin estudar a Pontevedra e as miñas coordenadas vitais transformáronse radicalmente, xusto nesta vila adurmiñada e terriblemente fedorenta.

Curiosamente toda a miña liberación de poeta postadolescente viguesa veu atopar fartura nun soto de Marín, o imprescindible Ateneo Santa Cecilia, espazo milagreiro que Miguel Villanueva Graña dinamizaba con paixón. Foi nun encontro literario, no Estruturas Poéticas 2, -ou sexa, o que hoxe sería un Teñamos a poesía en Paz, pero aínda con menos medios e difusión- onde comezou a miña relación con Xela. Eu xa coñecía a Helena de Carlos e máis fugazmente a Ana Romaní, todas nós aínda chamadas “poetisas” cando esta palabra xa renxía nos nosos ouvidos. Estabamos a estrear a condición de “mozas que escreben en galego” e xa coincidíramos nalgún certame de poesía. Da man de Xaquín Agulla Pizcueta cheguei ao Ateneo e ao mundo Kinkaya Fina que logo se converteu en Carel, unha publicación extremadamante coidada para o que era o mundo dos fanzines e as iniciacións artísticas. Ver na actualidade a nómina das mozas e mozos, e non tan mozos, que pasaron pola breve serie de Carel causa sorpresa prolongada e admiración. O caso é que Miguel Villanueva tiraba de nós e facía confluír moitas persoas cos mesmos intereses culturais. Eu estaba fascinada: publicaba poemas e debuxos nun soporte que foi dando corpo ao meu traballo. Xa non eran follas grampadas en carpetas. Os meus escritos comezaron a ter consistencia publicados na compaña dos escritos das outras poetas e tomaron azos. Falo de min como suxeito que representa en parte o que nos foi acontecendo, creo que máis ás mozas que aos mozos dos oitenta.

Eu coñecía a máis amigas que amigos que escribían pero publicamente eles sempre eran moitos máis e de todas as idades. A revista Dorna aparecera no 81, importantísima aglutinadora da creación literaria novel en Galicia. Pero sería Festa da palabra silenciada no 83 a que formalizaría unha toma de posición irrenunciable. Foi un punto de inflexión na que agora é a vizosa voz de muller nas letras galegas. Aí coñecín tamén os textos de Cristal, por exemplo. Así que, naquel contexto tan masculinizado, pero tan masculinizado como para definir sen pudor a “Festa da palabra” de revista tendenciosa, sectaria e molesta, na que se publicabas quedabas marcada, -ou sexa feminista-, naquel contexto, digo, aínda me sorprende e me admira que Miguel deseñase oito páxinas centrais no número 3 da revista Carel nas que conseguiu trazar algo así coma un feito xeracional en feminino na poesía xuntándonos a Helena de Carlos, Ana Romaní, Xela Arias e eu mesma. Son 8 páxinas ás que sempre lles tiven moito agarimo, coma se fosen un xuramento de sororidade que nos fixemos as catro, aló, na Alameda de Compostela, onde nos tiraran as fotos. Segue sendo máxico, porque nada apuntaba – ou quizais todo e iso é o que Miguel soubo ver- a que entre aquelas vinteañeiras xa se xestaban os poemarios imprescindibles Alta casa ou Vigo de Helena, Darío a diario ou Intempériome de Xela, Arden ou Estremas de Ana, por citar os que máis me conmoveron nos anos e décadas seguintes. Ese número de Carel é do 85 e xa no 86 Xela publica Denuncia do equilibrio e no 87 Ana autoedita Palabra de mar.

Xela foi a aparición do que me gustaría chegar a ser, antes case de formulalo. Ela xa vivía soa, traballaba nunha editorial e levaba un estilo de vida intrepidamente urbano canda eu comezaba a saír paseniño da casa da miña familia. Tiña tanta experiencia vital acumulada con case a mesma idade ca min que me fascinaba sen remedio. E inquedábame. Viña ás veces dunha negrura tan rebelde, dun nihilismo tan intenso que eu sentía que no seu corpo miúdo había inmensas lagoas misteriosas. Xela fincou unha pedrafita no meu proceso de crecemento e sen sabelo nin ela nin eu, convidoume a ser valente e auténtica.

Só 2 anos maior ca min, Xela avanzara creativamente tanto que xa andaba na análise cubista de descompoñelo todo e ofrecer tantas facetas do poema coma fose posible. Era moi seria no tocante á escrita. Era intensa, a min impresionábame o respecto fondo que sentía polas palabras. Vivía a poesía dun xeito transcendente, prestáballe á forma unha atención de laboratorio científico e cada vez que lía en público, espía a alma. Porque Xela era alma. E o Alma, un pub de Vigo onde despois nos temos encontrado para falar das flores do mal e facer algún cadavre exquisito. Así, en plan Rimbaud e Baudelaire. Xela coqueteaba co malditismo, unha autoesixencia de coherencia literaria e vital que a min me inquedaba.

Cuestiono se o tempo é monocorde... (Denuncia do equilibrio)

Con ela aprendín precisamente iso, a seriedade do asunto de escribir. Impactábame o seu léxico. Nos seus poemas non había vírgulas pero había anglicismos, un buick! a sintaxe era un suxeitador do que despoxarse con decisión. Pero ademais a lingua de Xela fora falada antes de ser escrita con toda seguridade, mentres eu estaba a estrear o meu galego vigués de dicionario, case sen raíz, ao borde da extinción xa no meu entorno.
Trouxen augamel para agasallarte... (Denuncia)

Bebín dos mares da palabra de Xela toda a súa ousadía ao escribir: modelar a linguaxe coloquial, salferir as maiúsculas na metade do verso, tratar os verbos cunha confianza desmedida na súas posibilidades de conxugación... Eu estudara no insti as vangardas e o 27 e adoraba xa a Manuel Antonio e lera Con pólvora e magnolias ou Se o noso amor e os peixes... e coñecía textos dos Rompente. Pero en Xela atopei toda esta innovación profundamente decantada, fluíndo de xeito tan natural, tan seu, que non había pose.

Carlos Oroza, James Joyce, Castelo Branco... Xela era extremadamente literaria no seu cotián. Avanzaba en autores sofisticados e suicidas. Era coma se lle viñese de linaxe o mundo dos libros e moitas veces sentín unha incómoda envexa polos espazos literarios que foi conquistando cunha aparente facilidade polo contexto do que proviña. Pero esa aparente facilidade foi derrubada por ela mesma, que se botou a andar por carreiros sen desbrozar, soa e pioneira. Alén de todo o extenso traballo de edición e tradución que desenvolveu nos seguintes anos, e mesmo do tempo que dedicou á súa formación universitaria estou certa de que cada liña, cada palabra, cada signo de puntuación dos poemarios que seguiu publicando -e eu lendo vorazmente- son o resultado de profundos mergullos en apnea nos seus abismos e luces, dos que extraía as formas máis puras e honestas da palabra e de si mesma. Iso é a poesía. Tal vez eu non seguín publicando poemas porque non quería ser insinceira. Marchei vivir fóra de Galicia no 87 e engaioleime noutros intereses. Pero ela permaneceu. Elas permaneceron. A Xela aínda a voltei ver nalgún Festival da poesía do Condado, outra iniciativa trascendente pola valentía de facer popular unha expresión que parecía requintada e elitista. Tamén nos atopamos nalgunha cea de Xerais. Na súa ollada sempre sentín que aínda agardaba polo meu libro de poemas. Anos despois voltei vivir a Pontevedra e ensarilleime na AS-PG. A miña querida Marga ía xuntarnos no ano de Bóveda, no 2003, en novembro, de novo en Pontevedra, xusto 20 anos despois daquel primeiro encontro. Que hostil foi a intemperie daquel outono. Ela marchou pero deixou recados e todo moi ben explicado.

Entrégoteme
Entrégoteme obsesa
Entrégoteme obsesa a entrar en min


Vide.
Convídovos ó espectáculo de non ser para ser de todo.
Vide que vos convido
a vos ver.
Ven que te reto
a te ver a ti desde ti en ti.

(De “Vencerse é cousa de se tratar” en Intempériome)


Texto escrito e lido por Susana Trigo Arcos na presentación de Poesía reunida(1982-2004) de Xela Arias, en Pontevedra (maio 2019) no encontro literario Teñamos a poesía en Paz, coordinado por Helena Torres e organizado pola librería Paz de Pontevedra e no que participou xunto con Marga do Val, Cristal Méndez e Ana Romaní.

venres, 2 de agosto de 2019

Achegamento a ese desequilibrio necesario nun tempo de tigres e cabalos, por Rosa Enríquez


Xela Arias, por Lorena Conde


máis arriba das palabras/ hai un ceo de palabras e as/ palabras non existen

Xela Arias

A contemplación e vivencia da fláccida realidade, esa observación atenta do que sucede. Tamén a maneira de experimentar a pesadez das horas, sentir o seu transcurso ata o delirio mentres un manto invisíbel envolve as cousas mínimas: a simplicidade dunha flor calquera, dun insecto, dun corpo espido... A importancia do desexo e da entrega. A negación ante o devandito espasmo das horas a abrirse paso. A deconstrución da idea que se acepta porque si. Sen máis xustificación que a propia recorrencia que parece conferirlle un pouso de verdade, como iso de ver algo limpo no amor e pensalo sempre inocente. A pregunta. As preguntas. Todo ese ronsel de cuestións que nos coloca en lugares difíciles, porque introducir a dúbida pode provocar un descenso en picado e non nos gusta nada iso de darnos un golpe duro e desfacer o que somos, ou pensabamos ser, en anacos. Entendo que caer así é un xeito de morrer. Hai que ser moi forte para saber abandonarse. O máis fácil é resistirse ao golpe. Evitalo. Como deixarse ir sen perderse?. Velaquí a cuestión. Para Xela Arias esa caída en picado era algo necesario. Non quixo permanecer varada e interpretarse incapaz de renovación. Sabía da flaccidez da realidade e aceptaba estar en guerra. Tigres coma cabalos é un reflexo desa tensión interna que non desexaba evitar. Amosar o seu corpo espido ante unha comunidade lectora máis afeita á poesía da paisaxe ao xeito dos románticos ingleses, por exemplo, foi a maneira que atopou de expresar o seu bramido e provocar a explosión. Quería escribir algo diferente, textos que non se limitasen a unha creación vicaria, dacabalo da literatura exterior malia alimentarse dela. Podemos respirar a frescura nos seus poemas, algo que non pasou desapercibido polas lectoras, que, pouco tempo despois, iniciarían a súa andaina literaria. O escrito por Xela, do mesmo xeito que o traballo de Lois Pereiro ou Chus Pato, constitúen un legado importante para toda a xeración dos 90 que nos deixou eses textos revitalizantes, vigorosos e rompedores que tanto compraceron ás máis audaces lectoras un pouco cansas do academicismo culturalista da xeración anterior. Xela Arias envolveu entón un contido potente nun continente atractivo, porque si se pode tratar asuntos “serios” cun enfoque absolutamente moderno sen renunciar a intensidade expresiva, que, ao meu ver, devén maior. Máis demoledora. Esa singularidade de Arias, que conseguiu mediante a desvirtuación da sintaxe e un xogo lingüístico estilizado, atrapa. Denuncia do equilibrio (1986) dá boa conta disto con versos sorprendentes, que, alonxados de calquera manierismo ou afectación, transmiten a súa visión da soidade, do amor ou do propio tempo, sen que teñamos a sensación de que “chove sobre mollado” ao lelos. Iso de que posuía, por exemplo, un “corazón de auga derretida desbordando/ vasos e piscinas” e a sensación de asfixia, porque “se non che falo non collo no cuadrilátero da habitación”, ou aquela rotundidade de que “só ningures país da decapitación non ten leis/ para amarrarte”, revelan esa visión do amor como algo que se derrama por todas partes, que nos lembra tamén a nosa condición humana, profundamente fráxil, por efémera, malia toda a ardentía que tal sentimento suscita... Talvez por iso introduciu ese famoso verso de Rimbaud - “apprécions sans vertige l’étendu de mon innocence”-, que ela mesma traduciu ao galego con algunha variación na persoa do verbo -“aprecio sen vértigo a extensión da miña inocencia”- para dar conta desa vivencia apaixoada, tantas veces voraz, que nos permite vivir coma quen anda suspendida polo aire e camiña delicadamente, subida a unha estrada invisíbel polo baixo da que se pode observar o conxunto do real como algo alleo. Esa sensación de alienación á que nos deixamos inducir pola efervescencia amorosa, dado o desexo que interpretamos irrenunciábel, é algo que Arias nos describiu, divertida, coma unha tempada no inferno -clara alusión, unha vez máis, a “Une saison en enfer”, 1873, de Rimbaud- metida entre as súas pernas: “ti espiába-la miña falda e eu/ nela escondía unha tempada no inferno”.



Hai vigor e ansia neses poemas, unha vontade de xogo e grande interese pola luminosidade que a voluptuosidade fornece entre persoas que se desexan. Con todo isto recoñécese o peso que o instinto ten na textura dos poemas de Xela Arias, un instinto que non foxe da reflexión, porque esta existe. Faise explícita na propia descrición do tempo coma un todo insobornábel e extenso que segue e segue, que non cede e que só conseguimos deter nun acto de ensimesmamento ao observar, poño por caso, o baile comunitario das formigas nese desfile multitudinario e “miniaturesco”. Así percibiu Xela entón a devandita “parada” : “estaba cansa a/ traballar por saír/ NO INTERMEDIO DAS HORAS/ que bailaban no swing das formigas/ ó son que pasaban...” Tamén vemos esa incursión nos buratos do tempo na contemplación das claraboias polas que afirmou abandonarse: “interiorizo constelacións/ vércome nas claraboias das cítaras cigarras na cidade”. Esa maneira de se deixar ir na propia observación do que aparece ante os seus ollos a través do cristal, favorece a percepción distante do bulir da cidade, a separación do eu lírico daquilo que sucede fóra. Polo menos durante uns minutos. Por iso “supuxo” que sentirse fóra de todo é un feito, algo que devén inevitábel: “supoño que é un feito/ sentirse fóra de tódolos mundos”. É precisamente esa maneira de se ver fóra “de tódolos mundos” a que a conduciu a interrogarse sobre o observábel: “¿ O intelixíbel é o sentido?” . Eis unha pregunta inquietante sen resposta. A poeta deixounos “tiradas” coa cuestión de marras. Tiña claro que o interesante non é tanto atopar “a resposta” como formular as preguntas pertinentes. Non se situou, por tanto, en ningunha atalaia dende a que acabar co noso abismo de dúbidas. Partillou con nós esa ausencia de certezas e favoreceu un percorrido polos seus poemas totalmente libre. Non lle compracía aceptar un paradigma moral sen o pasar polo seu propio tamiz. Nutriu todo o escrito desa non aceptación, da busca constante, da vontade de se abandonar e permitirse estar confusa. Non renunciou ao feito de ser contemplada, mesmo interpelada, polo devandito abismo. Comprendeu que era necesario integralo no seu proceso vital para avanzar e experimentar novas sensacións. Non pode pois sorprender que escribise algo coma isto: “E tododios -entre seguro- están andando/ !e eu que posuía unha clave/ dourada para as fugas¡/ ¿todo anxo é terrible?/ perdinme -recoñecinme- volvín perderme…/ e este perder era un alucinar coa fláccida realidade/”. Con esta capacidade de se deixar envolver polo descoñecido e aceptar perderse, Xela conseguiu a excelencia expresiva para denunciar o equilibrio, a orde social que esmaga a xente cada día. Fíxoo co mellor da frescura dunha adolescente e do coñecemento adulto de quen se atreve reflexionar por si mesma, sen obviar o instinto, a intuición e certa inxenuidade. Non reproduciu pois o pensamento o de ninguén. Coma Lois Pereiro, Xela é, foi e será, unha desas voces poderosas, xenuínas e indiscutíbeis da mellor poesía galega dos últimos trinta anos.







luns, 8 de outubro de 2018

Aí estabas ti, mais eu non o sabía por Belén López Vázquez. V Día das Galegas nas Letras.




Iniciaba eu a adolescencia, descoñecía, nuns casos ou non existían no vocabulario ao uso da época noutros, o significado de conceptos como nación sen estado, colonizada, feminista, diglosia, androcentrismo, conciliación, violencia de xénero, empoderamento e outros moitos pero xa me emocionaban as músicas de Fuxan os ventos e deixaban unha forte pegada en min algunhas das súas cancións, poemas que falaban dun mundo que si coñecía ou (re)coñecín nesas letras coas que me sentía identificada.
Así, á menor oportunidade cantaba, mal pero con moita paixón, algúns dos seus temas máis coñecidos. Gustaba especialmente –moi especialmente Marica– de “Muller”, pero tamén de “O carro” e “O aradiño de pao” que enlazaban de cheo coas miñas orixes rurais da montaña coruñesa; gustaba de “Irmaus” mais tamén de “Fame, soidade e bágoas”… con esta última sentín que “tiña futuro e tiña mañá porque Galiza empezaba a espertar”, cando menos en min.
Axiña souben que Manuel María era o autor dese “Carro”, que o “Irmaus” solidarios o escribira Celso Emilio … mais tardei algo máis en saber que outras moitas cancións que remexían a miña conciencia, como o “Aradiño de pao” ou a “Fame, soidade e bágoas” tiñan letras nas que participabas parcial ou totalmente ti, Marica Campo, e especialmente esa “MULLER” que máis me emocionaba porque me incorporaba, de forma explícita, aínda que fora pola boca dun home, na historia do pobo galego como MULLER, filla de emigrantes que son…
Como podía ser que non soubera que estabas ti detrás desa letra, Marica Campo? Semella inxusto ese descoñecemento selectivo por xénero, querida amiga.
Como pode ser que tardara máis en saber da autoría dos teus poemas, algúns referidos especialmente a min como muller cando si a coñecía dos outros? Sabes, sabemos, aínda que non o falemos acotío, que non podo atribuír a causa exclusivamente á miña ignorancia, senón ao contexto social, onde se non se tratara dunha festa homenaxe o que me leva hoxe a escribirche, poderiamos pararnos a debater sobre alienación ou o androcentrismo, por empezar por algures.
Pareime un pouco nas letras, Marica, porque non debería ser que escribiras máis de 20 poemas para musicar e tivera, hai unha semana, que pedirche me enviaras unha relación porque non daba encontrado a información completa, outra mostra máis do ocultamento das mulleres, desta vez na escrita.
Anos despois coñecinte en persoa, desta vez como autora do fermoso poemario Tras as portas do rostro e do libro de relatos Confusión e morte de María Balteira, que eu promocionaba de forma apaixonada no meu recente traballo na empresa Bahia Edicións mentres cantaba no coche as letras desas cancións túas.
A promoción da túa obra tróuxome moita felicidade e o relato “Confusión e morte de María Balteira” deume a oportunidade de conectar máis aló da relación de traballo con moitas mulleres galegas, profesoras dos centros de ensino deste país coas que tomaba café nos institutos falando dese relato e dos outros que se inclúen no libro do mesmo título, así como doutras mulleres e cousas que nos interesaban como tales… trouxo a sororidade aínda que eu non sabía que o era, mesmo creo que non se usaba ese termo por entón. E quero pensar que trouxo tamén un pequeno cambio que se amplifica ao trasmitirse e manterse no tempo, pois estou segura que o alumnado adolescente non quedou indiferente coa lectura da túa obra.
Voume parar un pouco en Confusión e morte de María Balteira, publicación que sabes adoro, tirando das palabras da profesora e galicianista Kathleen March, que di do seu estilo:
“[…] vai levado por un ritmo de auga e natureza, ritmo creado pola relación variada e insistentemente contigua que hai na súa obra entre muller, mundo vexetal e mundo animal” e porque as personaxes que aparecen nos outros relatos do libro, mulleres xuntas pero diversas nun único volume, son protagonistas activas que toman as súas decisións e non un mero adorno natural, real ou imaxinario e, por suposto, podemos ver a poeta detrás deses relatos pois a exquisita e rica linguaxe amósase cun gran ritmo poético, as palabras bailan coa narración, e iso é só unha parte da calidade literaria desta obra.
E aínda me deterei un chisco máis no relato da Balteira para destacar tres aspectos:
  • Recuperas maxistralmente unha figura histórica das cantigas profanas galego portuguesas, María a Balteira.
  • Preséntasnos esta muller libre, sexualmente activa e que decide sobre o seu corpo e a capacidade de ser nai, e amosa unha relación de poder con respecto aos homes, algo inaudito no momento.
  • Mais tamén a imaxinas vella, con medo á morte e recorrendo á súa amiga, deixando patente a importancia da solidariedade entre mulleres.
Desde a súa publicación en Bahia Edicións, en xuño do ano 1996, foi tal a calidade e impacto do texto orixinal que derivou nunha obra de teatro, varias lecturas dramatizadas, catro edicións e varias reimpresións, así como nunha edición crítica no ano 2006. Hoxe, 22 anos despois, a obra segue a manter todo o interese e vixencia.
Para min, Marica, es ante todo unha poeta, pero pégaslle con habelencia a todos os paus da escrita con variados rexistros, como mostra o teu traballo, ademais de en Confusión e morte de María Balteira, noutras obras como a novela Memoria para Xoana (Espiral Maior), na adaptación teatral d’O divino sainete(Biblioteca-Arquivo Teatral Francisco Pillado Maior) e tamén nos títulos de literatura xuvenil que foches escribindo, E Xoel aprendeu a voar(Alfaguara Obradoiro), Noutra dimensión (Ed. Galaxia), Abracadabras (Ed. do Castro), mais, desde o meu modesto punto de vista, interesado, ben é certo, nos relatos que aparecen en Confusión e morte de María Balteira e que te fixeron de sobra coñecida, querida Marica, fas un repaso polos sentires e faceres, reais ou imaxinarios das mulleres galegas na historia, que non é pouco e que te honra.
Hoxe non podo deixar de mencionar tamén a túa xenerosidade, sempre disposta a colaborar alí onde te chaman, mesmo dando comida e durmida na túa casa da Mariña, que tamén o era de Teresa Cabello, como fixeches comigo… Mais, por desgraza, quero facer ver que se todo o traballo que fixeches o fixera un home, serías moito máis recoñecida do que o es… e ben o sabes.
Por iso tamén dou os parabéns ás compañeiras de A Sega por escollerte este ano como “Galega nas letras” e pola iniciativa en xeral.
Despídome co desexo de que o “Alí estabas ti, mais eu non o sabía” co que principiei a miña homenaxe se converta para ti, Marica, e para todas as mulleres en “Alí estabas ti, Marica Campo, e ben que se notaba” porque a “Muller” que tantas veces cantei viña da túa man e os relatos incluídos en Confusión e morte de María Balteira contan historias do que somos, sentimos e nos pasaron a moitas mulleres, e tamén son obra de Marica Campo.
Belén López Vázquez, directora de Baía Edicións
[Texto lido o 15 de agosto na homenaxe a Marica Campo organizado pola A Sega en Lugo].

luns, 17 de setembro de 2018

Penélope en acción de María Xosé Queizán. V Día das Galegas nas Letras.



º



PENÉLOPE EN ACCIÓN


María Xosé Queizán


Para Marica Campo, Galega das Letras
2018. Ano da acción e o discurso feminista.


Ulises, nacido para alancar
mares sen límite.
Naves van de seu consigo.
Segue unha rota incerta, agresiva
coa vela erguida como puñal, ou pene.
Navegante excitado en mareas vivas.
Nada importa o que deixa atrás.
A vida consiste no seu.

Casou coa muller inmóbil
Penélope:
tece tedio e fidelidade na casa
remenda bragas rotas, resacas
traizóns, sen inmutarse.
Casou coa conveniente.
Poeta dos seus labores, ela
tece versos na propia almofada
onde pousa a cabeza
un punto adiante e outro atrás
no pensamento.



Penélope: educada para serea varada no natural
corpo da igualdade biolóxica.
Consume a existencia coma se non fose súa.

Entregada a Ulises,
envolta para regalo en sabas de mil anos
engalanada para a gadaña doméstica,
a voda, a violación legal.

Ulises en cada porto,
xace con corpos inéditos
eventuais.
Sexo fortuíto, abrupto
como rocalla.
Ondas fulminantes límpanlle logo o ánimo
e o alento
como lúa despois da tempestade.
Libre de culpa.
O seu é navegar afastado do costume
e de Penélope.
Porque sabe que ela foi creada para agardar,
Alí,
onde un día é como calquera outro día
con regras e partos de femia humillada.

Fostes conservada e deseñada
para o desexo masculino
para o perfecto apoio do seu degoro
como cariátide sostendo a súa autoridade patriarcal.




De brazos caídos
o tinglado vense abaixo. Porque depende de ti.
Sabes?
Un saber e un non saber, un non querer saber
e todo o mundo sabe
que os asasinatos de mulleres non son unha lacra.
As ideas poden cambiar.
Tamén Penélope.
O feminismo é movemento e pensamento,
aparición pública, asombro dos dirixentes económicos,
É acción e discurso na liña de Hanna Arendt
para as mulleres acadar a condición humana
saíndo do propio e do privado, do minifundio e a casa,
da caverna onde todos os Ulises son sombras poderosas,
e desexadas.

Os fogares cavernícolas abandonados
nada será oculto; todo público.
As rúas tomadas por penélopes en acción,
en mareas de me too matando a hipocrisía
en mulleres de todas as xeracións reclamando liberdade
e igualdade de desiguais
igualdade política.
Penélopes xa non.




2018 

( Poema recitado por María Xosé Queizán, na celebración do V Día das Galegas nas Letras, dedicado a Marica Campo)

martes, 21 de agosto de 2018

Grazas polo V Día das Galegas nas Letras



Xa van cinco anos desde que celebramos a Día das Galegas nas Letras. Durante este tempo, vimos como a iniciativa vai collendo peso e isto non podería ser posible sen vós, sen as persoas que nos acompañades tanto fisicamente o propio día, como a quen o facedes desde a distancia. Por iso, despois da resaca da romaría toca o momento de agradecer.

En primeiro lugar, á Nosa Señora (das Letras), a Marica Campo, por compartir con nós o V Día das Galegas nas Letras. Por cada unha das palabras, esas que veñen envoltas en recordos e sorrisos.

A Vero Rilo e Sonsoles Penadique por emocionarnos coas súas historias que recuperan a vida de tantas mulleres, repetíndoas unha e outra vez a través de contos.

A Paloma Suanzes polas súas melodías; a Raiceira por amosarnos as súas ilusións e experimentación musical que tan ben funciona; a Xaora Pandereteiras que nos sacaron a bailar e a Mercedes Peón polo seu solo pandereteiro a Marica Campo e por lembrarnos que non estamos soas.

Grazas a cada unha das persoas que quixeron adicarlle  unhas palabras. Ás voluntarias que leron durante o Roteiro Imaxinario, porque cada unha suma. A Ana Torres e Tareixa Campo por traernos os contos e poemas de Marica Campo, a Belén López por re-situar a figura de Marica Campo, a María Xosé Queizán, a Goretti Sanmartín por devolverlle os versos a  Marica Campo, a Asociación Ergueitos (que vén de anunciar o seu cambio a ErgueitAs) por volver aos comezos dos seu premio.

Ás persoas que se converteron nos paxaros que loitaron pola liberdade e contra Preme(paxaros)xentes nun teatro improvisado que funcionou coma se levaramos meses preparándoo.

Ao Concello de Lugo, en xeral, por todas as facilidades e axuda brindada, e, en especial, a José Santiso sen o cal este día non tería sido posible.

Aos medios de comunicación que coa súa labor sempre nos dan voz e espazo: o Diario Cultural, Sermos, Praza...

Todo isto suma para continuar traballando. Vémonos na VI edición das Galegas nas Letras!


mércores, 15 de agosto de 2018

A Nosa Señora das Letras da man da Tecelá en Outono por Marga do Val




A Nosa Señora das Letras 2018, Marica Campo, sabe da Tecelá en Outono, con ela mantén un diálogo desde que o mundo é mundo, xa que as conversas sorpéndennos no camiño, veñen penduradas do vento, para que as avivemos como lume novo, isto é o que leva facendo sempre Marica Campo. Tiña casa propia, marchou fóra e viviu algún tempo en casa alugada, retornou, dona das chaves do tempo, e habitou os cuartos para non volver marchar. No seu cuarto propio hai paxaros que saben que son merlos, paporroibos ou poupas; hai gaiolas ceibes dun destino triste; hai flores que saben quen son, como a camelia veciña que lle vai mostrando como muda o clima; sabe das plantas ventureiras dos camiños e dos froitos, de amoras e de arandos, da herba abelleira e do fiuncho; sabe das árbores da terra, de vedraios castiñeiros, e das que viñeron para ficar como a catalpa. Gustaríame un día ir apañar con Marica Campo as herbas de San Xoán, volver camiñar na súa compaña o seu Val do Mao e determe en cada terrón de terra, en cada bechiño, en cada planta, determe en cada unha das palabras que existen para cada cousa, determe en cada cousa e nos seus nomes, fuxindo con Marica dos xenéricos. A Nosa Señora das Letras, é a Nosa Señora das palabras, que viven e alentan nos xardíns dos seus escritos, que brincan nos seus versos ou agardan silenciosas nas gabetas dos relatos para o futuro. A casa de Marica Campo é a lingua, que alimenta cada día, é a lingua coa que intenta comprender o mundo, explicalo; coa que intenta comprenderse e explicarse, e de todo isto sabe a Tecelá en Outono. Marica Campo tamén é a que procura que a súa casa, a nosa casa teña espazo, presenza, porque a casa de Marica Campo é a nosa casa, por iso estamos aquí, segadoras ou non, convidadas para termar da casa grande, desde o cuarto de Marica.
É unha sorte que partille connosco a súa comprensión do mundo, que explique estes momentos que vivimos, que nos ofreza as visións de outras lecturas, de filmes ou de música, faino desde a xenerosidade de quen escribe para manter a lingua viva nos medios de comunicación. Isto é o que desexo lembrarlles que a Nosa Señora das Letras colabora cos medios de comunicación e que eu levo anos lendo as súas columnas. Marica Campo comezou como columnista no Diario da Mariña, durante dous ou tres anos, un día á semana, polos oitenta. Na actualidade podemos ler, desde hai dez anos ininterrompidamente, todos os venres, un artigo seu en El Progreso e Diario de Pontevedra. Cada dous meses, agora, antes unha vez ao mes, colabora con Terra e Tempo dixital. Marica Campo foi columnista na desaparecida A Nosa Terra, onde tamén tiven a fortuna e o privilexio de escribir, onde moito aprendín, escribindo e lendo; as nosas colaboracións eran cada quince días, ás veces, había algún cambio e coincidiamos no mesmo número, outras tiñamos como compañeiras a Luísa Villalta, Pilar Pallarés ou Marta da Costa. Lembro de ter falado con Luísa Villalta de dialogarmos a través das nosas columnas, queriamos facelo desde o xornal, non foi así, o que si ocorría era que nos chamabamos para ver que tema iamos tratar, tamén o que nos parecía, tamén nos liamos os artigos, moitas veces, antes de mandalos. Daquela falábase moito por teléfono, non se empregaba tanto o correo electrónico e as conversas eran case diarias. Con Marica Campo teño falado moito, agora non tanto, perdemos o costume do teléfono e os tempos mudaron e semellan andar máis a correr, con ela cheguei a dialogar desde as columnas algunha vez, lembro especialmente un texto seu que me gustou moito e que creo que explica moi ben como entende Marica Campo a Literatura e, en xeral, a cultura e o saber: moito nos chega en herdanza e aboia constantemente, a literatura é un palimpsesto, as nosas obras conservan as pegadas de obras anteriores, ás veces borradas artificialmente, ás veces sabemos de onde nos chega ese xeito de xuntarmos ideas máis palabras, outras non somos conscientes no momento da escrita e, tempo despois, desciframos o legado nunha lectura de nós mesmas. Marica Campo nun texto fermosísimo falaba dos palimpsestos das nosas avoas, as vellas colchas de tiras. Así é como entendo a obra de Marica Campo desde a xenerosidade de quen se recoñece herdeira e volve poñer os mitos a andar de novo, desde a xenerosidade de quen vai legando luciñas no palimpsesto para que as palabras se transmitan e o lume se manteña aceso na casa común, na casa propia.
A poeta e narradora sabe que termos medios de comunicación propios é necesario, por iso formou parte do grupo das persoas promotoras do semanario Sermos Galiza, alí estivo, explicando polo país, o mesmo que canta, Miro Casabella, este proxecto e a súa necesidade. Sei que cada sexta feira, as lectoras e lectores, de El Progreso agardan o artigo semanal de Marica Campo, que a súa é unha sinatura imprescindíbel, que a súa opinión conta, que é necesaria. Eu tamén leo estes artigos, para seguir a marcha do mundo, da dureza do día a día, de como a podemos ir virando.
Haberá que reunir os artigos de opinión de Marica Campo para sabermos das conversas coa Tecelá en Outono, para confirmarmos como a autora do Val do Mao cre no pobo galego, como lamenta o pouco que nos queremos, a autoestima que nos falta, como nos di: “Termemos de nós, interesémonos polo noso, para querérmonos, queréndoo”; para concordarmos coa mestra e pedagoga que defende a educación e sabe que na transmisión de valores éticos está o cerne da convivencia e da felicidade. Haberá que ler todos os artigos da poeta para entrarmos de verdade, tras as portas do rosto, e aprendermos das súas palabras de como lle chama a cada cousa polo seu nome, da precisión para falar, por exemplo, da empatía. Haberá que ler todos os artigos da narradora para atoparmos fermosas historias como a dese aparente garaxe de bloques, á beira da igrexa de Santa María da Atalaia en Laxe, que nos descobre unha realidade fóra das crónicas oficiais, que descobre quen trepa a terra doutro xeito, quen viaxa saíndo da autoestrada marcada e quilometrada. Haberá que ler os artigos da cidadá, comprometida co feminismo e con esas outras partes da sociedade menos favorecida, co seu sentido común, a pé de rúa, que pensa de onde vén a súa roupa, das mans explotadas cada día, que nos fala das súas lecturas e que as actualiza para explicarnos o mundo en que vive, para entendelo, con todas as súas contradicións, desde a barbarie da manada e da xustiza, da loita sandinista á actual Nicaragua, até a implicación das marcas de roupa naquel suceso que xa tiñamos esquecido de Blangadesh.
A Nosa Señora das Letras non só poetiza, tamén denuncia, e lévao facendo anos. Da man da Tecelá en Outono, Marica Campo peta nas nosas conciencias.

Marga do Val