Buscar neste blog

Amosando publicacións coa etiqueta #recomendamulleres. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta #recomendamulleres. Amosar todas as publicacións

martes, 8 de setembro de 2026

María Reimóndez recomenda... Babel de R. F. Kuang




Se ben a fantasía é un xénero que adoita asociarse á evasión, Babel é un exemplo de como pode utilizarse para un traballo político de primeiro nivel. Malia o seu protagonista principal masculino e o seu estilo denso en exceso, este libro abre portas a fondas reflexións.

Babel lévanos a Oxford a principios do século XIX. Alí chega un rapaz chinés "rescatado" de Cantón por un profesor universitario que dirixe o organismo máis poderoso do mundo: o Real Instituto da Tradución de Oxford, piar do imperio británico. Alí é onde se producen as barras de prata que, pola maxia que se produce ao inscribir nelas dúas palabras en dous idiomas, sempre equivalentes pero cunha fenda de significado, Gran Bretaña é quen de dominar o mundo.

Nesta historia hai moito de fantasía pero, sobre todo, moito de realidade. De como o supostamente inmaterial explota materialmente as persoas e a clave que temos na diversidade lingüística e na tradución para botar abaixo imperios. Agora, antes e sempre.

Unha lectura esixente, mais fascinante.


luns, 31 de agosto de 2026

Eli Ríos recomenda... O grande aviario de Eli García

 



Ata finais de setembro, na Biblioteca Municipal de Durán Loriga da Coruña, pódese visitar a exposición Elas son fantásticas e gozar da colectiva das bandas deseñadas de Eli Garcia, Inés Vázquez, María Brenn, Bea Gregores, Lucía Cid e Paula Cheshire.


Nun encontro organizado por Viñetas desde o Atlántico
foi onde coñecín este libro para rapazada miúda e chamoume moito a atención o que contou, entre outras cousas, a autora: as imaxes dos paxaros que aparecen no final non son fotografías, son deseños. Xa co libro na man non puiden máis que gozar coma unha cativa deles.

As mozas desta aventura van parar a un aviario abandonado despois de perseguir unha pega, "pica pica". Alí van acontecer unhas historias fantásticas e cheas de imaxinación que acaban cunhas notas nunha especie de caderno ben interesantes.

É esta unha obra moi axeitada para achegar a rapazada máis miúda aos mouchos, bubelas, cegoñas, avelaionas, etc, de maneira divertida e cuns deseños moi dinámicos.

sábado, 25 de xullo de 2026

María Reimóndez recomenda... Pleiback de Miren Amuriza




Que libro impresionante e, desta volta si, sobre as amizades entre as nenas, adolescentes e mulleres que a vida desfai cos seus desgastes tan difíciles de apreixar e tan fáciles de explicar dende a clase social. Unha novela que estoupa en cada palabra, que nos leva a un lugar e nos introduce nel sen darnos opción. Marabilloso traballo de tradución de Danele Sarriugarte, entre darnos acceso a un mundo novo e obrigarnos e buscar a porta. Imprescindible! 

sábado, 11 de xullo de 2026

María Reimóndez recomenda... Goma de borrar de Valeria G. Caneda

Gustoume moito esta novela, tanto no que conta como na maneira de contalo. A protagonista, que comeza a historia con 15 anos, desafía o relato preconcibido do que é a violencia. A través do recordo disociado, das referencias implícitas, obríganos a repensar que cousas se normalizan ata o punto de que, década tras década, as rapazas sigan sendo incapaces de identificar a violencia. Ou, máis ben, de escoitar a voz interior que a todas nos avisa. Porque, total, que pasou realmente? Nesa pregunta están todas as respostas. 

venres, 3 de xullo de 2026

Montse Paz recomenda... La soledad de Sonia y Sunny de Kiran Desai

Kiran Desai válese de Sonia e Sunny para achegarnos a vida de dúas persoas que viaxan a Estados Unidos a estudar dende a India. Ambas proceden de familias moi occidentalizadas e as expectativas son moi altas. Porén, Sonia vaise sentir soa.

A través delas coñecemos as familias, os costumes, a alimentación, as relixións, as lecturas, a música, as traballadoras das casas...

Veremos como enfrontan a morte, a vergonza, os traumas, os malos tratos o acoso sexual, a independencia, as pantasmas e, sobre todo como as mulleres van gañando consciencia da súa situación e como tentan superala.

Por outra banda, están os homes controlados polas súas nais, sempre dependendo delas e sempre tentando fuxir, e o que dirán. Isto vai facer que as relacións que tenten establecer coas súas iguais sexan un fracaso.

Este libro fainos comprender as dificultades da migración aínda que sexa voluntaria, esa sensación de non pertencer a ningún dos dous mundos, a necesidade de ter que lembrar de novo a que é a súa cultura orixinal. É unha obra moi ambiciosa e hai moitas maneiras de achegarse a ela. Hai quen dirá que é unha historia de amor, ou de desamor?

Kiran Desai,  Loneliness of Sonia and Sunny / La soledad de Sonia y Sunny, Ed. Hamish Hamilton (Penguin) 2025/ Salamandra (Penguin)2026

domingo, 28 de xuño de 2026

Antía Marante recomenda... el Meteorito de Amaia Arrazola

 


Amaia Arrazola, con debuxo e palabra escrita a man, rexistra a maternidade en tanto que tremor. Neste territorio inestable, de adaptación a unha nova realidade, Arrazola constrúe un diario xeneroso e atinadísimo onde comparte o que sente e reflexiona para ela, para todas as que vivan a experiencia despois e, tamén, para as que, quizais, no seu momento non revisaran o impacto dos seus propios meteoritos. Centrada na experiencia individual, El meteorito chega ás nosas mans, ademais, apelando á lectura en colectivo da experiencia para eliminar tabús, preconceptos e prexuízos. Grazas, Amaia, por toda esta luz.


xoves, 4 de xuño de 2026

María Reimóndez recomenda... Analogical Warriors Imperialismos

  

Un novo monográfico de Pikara totalmente pertinente para entender o tempo presente. Dende unha análise do tecnofeudalismo ata unha breve historia colonial de Grenlandia, esta escolma recolle artigos imprescindibles para outro mundo posible.

domingo, 31 de maio de 2026

María Reimóndez estivo lendo... Cando sexades pequenos de Uxue Alberdi


 
    Que libro tan creativo e simpático! Nesta inversión de papeis, a cativada reflexiona sobre a vida adulta e as súas normas incomprensibles. Dende unha voz cálida, Alberdi atopa o humor e o desexo que todas deberiamos ter de sermos pequenas de novo.

xoves, 21 de maio de 2026

María Reimóndez recomenda... La muerte ajena de Claudia Piñeiro


    Tres novelas nunha. Tres visións dunha "caída". Piñeiro percorre nesta novela temas tan fundamentais como a apropiación da voz, as fendas familiares e entra nun debate complexo sobre a prostitución. Sen portas pechadas e co seu estilo áxil que atrapa, Piñeiro é sempre un acerto.

 

martes, 5 de maio de 2026

XIII Día das Galegas nas Letras. Quen será a Nosa Señora das Letras 2026?



Serás quen de adivinar quen é a Nosa XIII Señora das Letras?

PISTA 1: por Beatriz Maceda



PISTA 2: por María Reimóndez



PISTA 3: por Eli Ríos



PISTA 4: por Susana S. Aríns




PISTA 5: por Andrea Barreira




PISTA 6: por Nuria Vil




PISTA 7: por Antía Marante






 

María Reimóndez estivo lendo... Cayo hueso de O. Amantegi e The Comeback de A. Zaidi



Admito que en xeral non adoitan interesarme as obras protagonizadas por voces masculinas e non entendo a necesidade de que as autoras incrementen a eterna nómina de relatos nos que as mulleres somos obxectos. Xa reproducir todos os estereotipos posibles de historias de amores treboentos contadas cunha suposta atmosfera engaiolante na que non pode faltar a cantante, o amante torturado, un vello mariñeiro para contarnos todo e unha ambientación, que casualidade, no sur dos Estados Unidos, me provoca desinterese, incomprensión e fastío. Tal cal todo iso é Cayo Hueso.


Por iso a lectura de The Comeback me resultou aínda máis refrescante e sorprendente en comparación. Aínda que o seu protagonista é un home a falar
en primeira persoa, a exploración dos temas e personaxes sae do agardado e redefine ideas asumidas da masculinidade. Na novela, o actor John K ten un papel de éxito no cine (falamos de Bollywood, por certo) e nunha entrevista fai un comentario que destrúe a reputación do seu mellor amigo Asghar, un humilde afecionado director teatral con quen empezou o camiño na súa aldea natal. A exploración dunha amizade profunda, do significado do teatro para a saída ás represións da masculinidade, o efecto catárquico do recoñecemento do dano, son algúns dos aspectos que máis me prestaron desta obra. Todas as personaxes femininas son tamén icónicas: fortes, complexas e importantes para a ollada narradora. Porque a través dela, noutro lugar, noutras voces e noutros contextos, podemos albiscar unha masculinidade que reflexiona sobre os efectos da falla de coidado e da soidade de non forxar nunca lazos con outros homes baseados neste. Zaidi, autora dunha ampla obra teatral, ofrece un texto narrativo áxil e rico que oxalá sexa o primeiro de moitos máis.















mércores, 29 de abril de 2026

María Reimóndez estivo lendo... Amiga mía de Raquel Congosto


    Se cadra tiña expectativas moi altas ao redor deste libro porque as rupturas das amizades entre mulleres son uns dos temas que teñen ocupado moito do meu espazo vital e literario. Porén, a lectura fíxoseme superficial e anecdótica, como entrar na vida dunha persoa coa que tes pouco que ver e simplemente observas.

 Resultoume curioso ver como se etiqueta un tema e empezan a saír libros ignorando o acervo de lecturas previas ás que ninguén puxo etiqueta nin prestou atención. Hai moito que dicir sobre as complexidades da amizade entre mulleres e o espazo que crean fóra do marco patriarcal, pero cando se len dentro deste (como digo eu, no modo "noivo substituto"), a achega é demasiado limitada. 

    Se cadra é o que me pasou con este libro, que sen dúbida ten aspectos interesantes na forma narrativa e nos conflitos que suxire, mais que a min non me chegou.

 

martes, 21 de abril de 2026

Eli Ríos estivo lendo... Las aventuras de la China Iron de Gabriela Cabezón Cámara

 





    Esta novela de Gabriela Cabezón Cámara, ten como protagonista a Josephine Star Iron, a China, quen comeza unha viaxe despois de que o seu home, Martin Fierro, fose apresado pola policía. 


Me pesó Fierro, antes de cumplir 14 ya le había dado dos hijos. Cuando se lo llevaron...1


    Nesta aventura coincide, nun primeiro momento, con Elizabeth( "gringa"), co can Estreya e co arrieiro Rosario. Este grupo, entón, encamíñase, nunha carreta, cara uns terreos na Pampa arxentina e pasan, incluso, por un fortín liderado por José Hernández (autor do poema de Martin Fierro). E, vai rematar esta viaxe, na terceira parte, coa chegada a "Tierra adentro", onde vive unha comunidade sen xerarquías, sen propiedades privadas, sen diferencias de xénero, etc


Nuestros indios ya no eran selk'nam, se habían mezclado con los tehuelches y con bastante winca, pero habían elegido racordar a los abuelos más australes que tenían. Nos dijeron que ellos eran el desierto y que nos abrazaban. Que nos venían mirando desde hacía tres días, que bebiéramos y comiéramos y danzáramos en su fiesta de verano.2


    Nesta utopía queer, a viaxe, a migración, vainos situar ao carón de todas as fronteiras posibles: sexuais, políticas, etc E é aquí o espazo en que o coidado, o querer e o non binarismo colle as rendas do relato para ofrecer un outro mundo posible en que dúas mulleres dirixen o seu propio destino para reescribir as violencias románticas e patriarcais que asentan as agresións nos corpos das mulleres. Así, non só defenden o que é de seu, senón que liberan aquelas persoas disidentes das súas prisións e constrúen un mundo en contacto cos ciclos da terra e, sobre todo, coa liberdade de amar.

1páx. 13

2páx. 152


mércores, 15 de abril de 2026

María Reimóndez recomenda... Guia de linguagem não binária de A. Lourenço, N. Barros e D. Amarelo




    Agradécense moito, chegada esta altura, iniciativas sobre a linguaxe inclusiva, non sexista ou, coma neste caso, non binaria, que superen un mero repertorio de "solucións". No meu caso tendo a argumentar que o importante destas iniciativas é incitar a unha reflexión máis profunda sobre lingua e construcións sociais e que, moitas veces, quen busca só solucións refuga das reflexións.
    Este libro é un contributo completo e analítico, necesario e estimulante que non só "prescribe", senón que formula bases e inclúe exemplos que demostran que a linguaxe non binaria está viva na nosa literatura e sociedade.

sábado, 11 de abril de 2026

María Reimóndez recomenda... Eu son de aquí e de alá de Tamara Andrés


    Este é un libro sobre a difícil recuperación da memoria de moitas mulleres artistas e de moitas mulleres anónimas. Perdidas nos silencios, nas cartas e nas lembranzas, as súas biografías son un interrogante, igual ca este libro. Non apto para quen agarde un enfoque convencional a esta temática, abre portas para que pensemos nas que se pecharon a outras.


martes, 24 de febreiro de 2026

Eli Ríos recomenda O transgredir das ondas de Paula Carballeira

O transgredir das ondas é unha obra de teatro inzadiña de curiosidades e quereres como para prender sen remedio desde a primeira aparición, perdón, quero dicir mención á autora á que se lle dedica o Día das Letras Galegas 2026.

Entón, "movémonos ao compás dos latexos, do sangue que circula" (p.19) para acompañar este podcast en que interveñen persoas que compartiron tempo con Begoña Caamaño e descubrir, de novo, cun sorriso nos beizos, a "Bego, para as amigas, a do sorriso eterno, a da voz na radio, a da escrita necesaria, a da roupa lila, a insubmisa, a desobediente, a transgresora"(p.74).

Nesta historia "aínda que moito do que se vai contar aconteceu no pasado, todo é presente para quen confiamos no poder das palabras"(p.19). E ese presente, quizais, está por escribir nos escenarios de moitos centros educativos e ata pode que algunha presenza misteriosa se achegue para brincar coas luces e co son!

Carballeira, P. O transgredir das ondas, Galaxia(2026)

mércores, 11 de febreiro de 2026

María Reimóndez estivo lendo... My sister, the serial killer de Oyinkan Braithwaite

 

Que podemos dicir! Por unha vez son eles os asasinados! Esta novela divertida e estimulante sobre a irmá asasina en serie da narradora ofrece unha ollada aceda sobre o retrato literario e cinematográfico "do asasino en serie" e dálle a volta para falar de alianzas e xustizas. Un libro lixeiro, cadáveres mediante, para desconectar e sorrir.

venres, 6 de febreiro de 2026

María Reimóndez estivo lendo... Tras esa montaña está la orilla de Eva Cid

 Se cadra por vir cargada de importantes promesas promocionais, a sensación ao remate desta lectura foi bastante baleira. A premisa de partida lévanos a un outro planeta tras a destrución da Terra onde unha comunidade segue practicando as estruturas cisheteropatriarcais de subxugación das mulleres e a outra está integrada unicamente por mulleres. Nesta segunda, chegouse a atopar unha vía para a reprodución novidosa que cobiza a comunidade patriarcal. Malia as personaxes interesantes, a trama non chegou a atraparme e me resultou algo confusa por momentos. Aínda así, os temas que toca son interesantes e seguro que para fans da ciencia ficción pode ofrecer elementos novidosos.


luns, 26 de xaneiro de 2026

María Reimóndez estivo lendo... A turista de Yun Ko-eun

 



Dende unha perspectiva de puro surrealismo, Yun Ko-eun narra as peripecias desta "turista" 

que manifesta a ollada depredadora do consumo da dor allea nas sociedades afluentes. Así, 

Yona, unha traballadora dunha estraña axencia de viaxes que envía turistas a zonas 

catastróficas, acaba nun dos destinos que ofrece a axencia para experimentar de primeira 

man as trampas e riscos desa ollada. Unha novela entretida, desconcertante pero que leva a 

unha interesante reflexión sobre un tema actual de relevancia, a depredación turística.