Buscar neste blog

Amosando publicacións coa etiqueta II Días das Galegas nas Letras. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta II Días das Galegas nas Letras. Amosar todas as publicacións

domingo, 25 de febreiro de 2018

Rosalía de Castro aparécese na Libraría Lila de Lilith para anunciar...








Rosalía de Castro tivo a ben aparecer pola Libraría Lila de Lilith de Compostela e indicarnos quen será a escritora coa que festexaremos o Día das Galegas nas Letras e coa que celebraremos a literatura galega e a escrita feita por mulleres. Dádelle ao play e gozade desta ocasión excepcional que nos chega do Máis Alá! Nesta ouija alén mundos e dimensións... Rosalía de Castro recoméndanos dedicarlle o DGL a Marica Campo!


sábado, 17 de xuño de 2017

PALABRAS DE AMOR E VERTIXE PARA M.V.M.

 Cal é a medida exacta do amor? Pésase? Mídese? cabe nalgún tipo de recipiente ou ben podemos esticalo para aplicarlle un sistema métrico ou de cálculo de volume e forma, decimal ou medir na parede cun trazo de lapis até onde medrou? Quen se encarga de medir o seu crecemento ou a súa mingua?
Atrevémonos a dicir que isto todo faino a palabra. E, indo máis alá, a escrita. Daquela, cando premiamos e festexamos a palabra, en días como hoxe, tomamos a medida xusta e remarcamos cos nosos lapis a sillueta exacta das contornas do amor.
A palabra escrita dá conta do que alguén viviu dentro e fóra do seu corpo. Iso é un libro, os restos deixados desa vida real ou prestada, as pegadas postas á vista de todxs para xogar desde a complicidade e o silencio. E, no amor, igual que na conversa, o silencio é enormemente importante xa que en exceso é lousa; paraliza, fai moega dos ósos que soterra e elimina toda luz e movemento. É mordaza. Máis aínda é tumba.
Podemos festexar hoxe mesmo que conseguimos (e con moitísimo esforzo e ganas) remover esa lousa co amor e coa palabra e vencemos o silencio imposto durante dez anos para volver festexar outra muller, desta vez a MARÍA VICTORIA MORENO, a quen desde A SEGA xa reclamamos como Nosa Señora das Letras no xa instaurado Día das Galegas nas Letras do ano 2015, porque nos outros –nos oficiais- non nos deixan figurar máis que cada chisco un pouco. Aproveitemos logo, que temos unha máis de nosa, a cuarta entre cincuenta e moitos, ocupando un espazo de xustiza conquerido coa forza dun amor intenso a unha lingua nun principio allea e de súpeto propia, enorme e inmorredoira.
MARÍA VICTORIA MORENO, con créditos abondos para ser festexada en vida, como foi, e postumamente como tamén foi e como será agora mesmo, durante todo este seu ano de propio dereito, achegou ás nosas letras a súa curiosidade docente, as personaxes principais femininas, a alternativa á hora de contar, a intelixencia emocional, a estimación das crianzas, a a voz propia e digna dos animais por riba simple mascotismo, a forza no discurso, o amor como medida e a lingua como forma. Esa coa que agora, desde A SEGA, queremos collernos todas o talle para facer un vestido de palabras coas que saír a celebrar. Con ela, por ela e polas que faltan e han de vir por baixo das lousas baixo toneladas de silencio.

BENVIDA Á LUZ DE VOLTA, NOSA SEÑORA, AGARDABÁMOSTE!


martes, 26 de abril de 2016

II Día das Galegas nas Letras: María Victoria Moreno

A FORZA DA VONTADE 
Hai lugares onde nos nacen e lugares onde escollemos nacer. Hai familias que nos veñen dadas e outras que creamos para nós. Hai linguas que se nos falan e outras que coa determinación obstinada de quen se quere poñer do lado que máis o merece, escollemos para nós. Se cadra o accidente do noso nacemento pode determinar abondas cousas na vida, pero a escolla e a vontade teñen a forza mesmo de cambiar o lugar co que se asociará por sempre o noso nome, a lingua na que se falará de nós, o pobo que ha de celebrarnos para sempre.
Esa lingua, ese pobo e ese nome somos neste II Día das Galegas nas Letras todas nós segando para recoller as gavelas de María Victoria Moreno. Ela que escolleu o lugar onde vivir cada minuto, ela que escolleu a familia dos afectos, ela que escolleu a lingua e a comunidade á que pertencer. Tamén ela que escolleu as historias que quixo contar, aquelas nas que cada unha, coma unha gavela única, brilla na súa complexidade, na súa letra diáfana e motivadora. María Victoria Moreno escribiu para todas nós dende o espírito máis abranguente, máis total. Para nosoutras que buscamos nos relatos nenas que nos expliquen a vida nos nosos termos, á nosa idade. Para nosoutras que, adolescentes, procuramos descubrir o desenlace sen saber que o importante está se cadra no camiño. Para nosoutras que padecemos nos nosos corpos a dor mais tamén a esperanza. Para nosoutras que queremos saber doutras vidas aparentemente próximas pero ao tempo moi afastadas.
María Victoria Moreno
María Victoria representa para nós a forza da vontade fronte á desidia e o accidente, a decisión consecuente da palabra xusta. E con esa mesma vontade facémola nosa e pertencémoslle nunha celebración á que estades todas convidadas.

>> I Día das Galegas nas Letras (2014): DOROTHÉ SCHUBARTH