Buscar neste blog

Amosando publicacións coa etiqueta crónica. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta crónica. Amosar todas as publicacións

domingo, 27 de maio de 2018

Os tótems sempre teñen algo que explicar por Lorena Conde



OS TÓTEMS SEMPRE TEÑEN ALGO QUE EXPLICAR
Ou de como calquera excusa é boa para falar de si 

 
17 de maio. 
 
Entrevista na radio. O tema da conversa é a faceta de docente de María Victoria Moreno.
A locutora dá a benvida ao señor. Un tótem crepuscular que leva toda a vida no allo, sabe a biblia en verso sobre María Victoria Moreno e vai darlle altura á conversa. Á espera estou eu, asándome ao sol e tentando non facer moito barullo e que o vento non se coe polo micro do teléfono. Agardo, escoito e voume quentando. 
 
A locutora pregúntalle ao tótem pola circunstancia de ter sido un dos primeiros alumnos de María Victoria Moreno. O tótem di que si, que foi así, pero que el xa viña bastante ben aprendido da casa, que con 16 primaveras xa era un adulto porque “no medio campesiño” os tótems cúrtense antes de tempo e destacan sobre os seus compañeiros, qué lle van facer. No entanto, foi ela, a forasteira, a que fixo un moi meritorio esforzo de inserción aquí, no país, porque era “xenerosa e disposta”. Segue a debullar, a continuación durante moitos minutos a súa (a del, a do tótem, claro) extensa traxectoria que, puntualmente, se cruza coa de María Victoria: ela facilitoume lecturas, conversamos moitísimas horas e ela así empezou a aprender o galego, escribímonos cartas, fun á súa casa (e a do seu marido, ollo), escribiume un prólogo, colaborou comigo... 
 
Finalmente a locutora ve un oco e preséntame como outra das alumnas de María Victoria Moreno. Pregúntame como era María Victoria na aula e como era a relación co alumando. Respondo do xeito máis concreto que podo. A locutora pregunta se Anagnórise ten relación cos lazos que María Victoria estableceu cos seus cachorros e se esta obra ha de se ler dun xeito biográfico. Eu digo que a relación entre os protagonistas pode recordar á que ela establecía coa xente nova pero que son reacia a interpretar a ficción dende a biografía das autoras. O tótem inmediatamente intervén: “hai que ler toda a obra de María Victoria en clave biográfica ... A señora que conduce a Nicolau a Madrid é María Victoria Moreno Márquez” Toma! Penso eu. E véñenme á cabeza as horas e horas de teoría e crítica literaria da facultade nas que nos insistían naquilo de que a ficción é ficción e a vida é a vida (dicíannolo de xeito máis florido, si, pero a cousa viña a ser esa.) 
 
A esta altura eu xa roín un par de uñas e apreto o teléfono para non soltar o que se me vai pasando pola cabeza tal cal me vai pasando pola cabeza. É unha desas virtudes que se nos inculca ás mulleres, sempre nos preguntamos se non será mellor ser educadiñas que soltar catro cousas e pasar por histéricas. Pero non hai perigo, porque mentres eu enredaba coa terceira uña e con esa pregunta, o tótem xa está falando do estudo profundo que el e outros tótems fixeron sobre María Victoria Moreno, a súa vida, o seu desempeño docente, a interpretación da súa obra e non sei cantas cousas máis. E, por suposto, o importante deste compendio é que vén sendo “o estudo canónico máis académico” que existe sobre ela. Chimpún. 
 
E si, o tótem gaba o desempeño como docente e a literatura de María Victoria Moreno (ou iso parece) mais blablablablá non se sabe como, pasa de louvar esa “literatura con maiúsculas” a facer un reconto de momentos difíciles (e morbosos) da vida privada de María Victoria e relacionándoos coas súas obras. Dá bastante vergonza allea pero os tótems son así; eles poden escribir sobre cuestións delicadas sen que ninguén teña dereito a establecer relacións morbosas entre estas e a súa vida privada, pero as autoras sempre verquen no papel as súas miserias porque as mulleres, xa se sabe, somos así. 
 
Remata o tótem esta lección de teoría e crítica lamentando moito disentir da “alumna tardía de María Victoria” que, subliña, á fin e ao cabo coñeceu á autora na etapa final “máis plena aínda de sabiduría, de experiencia vital, etc, pero, pobriña, moi feble xa de saúde”. Unha época, di o tótem, na que mantivo menos relación con María Victoria Moreno porque lle daba “moitísima lástima” (sic) dela e afastouse. Pero, en agradecemento, agora faille esta análise da obra. Neste punto a min xa as cellas non se me poden xuntar máis co nacemento do cabelo. 
 
Entre estas consideracións e outras a locutora vai rematando. E a min acaba de caerme o peso todo da mala hostia e non me dá a gana de colgar sen dicir algunhas cousas que é de xustiza dicir, a saber: 
 
- que María Victoria Moreno foi unha muller decisiva na formación académica e, primordialmente, humana das súas alumnas, que a lembramos como unha muller forte, valente ata a fin e que nunca calou nada.
- que o legado que nos deixa é a reivindicación doutras mulleres, fundamentais na cultura galega mais invisibilizadas1.
- que, malia que neste ano somos moitas as persoas que lle quixemos a María Victoria Moreno que estamos de festa e ás que nos chaman os medios para falar dela, foi A Sega a que, coa celebración do seu II Día das Galegas nas Letras, rescatou a súa obra do esquecemento no que tan inxustamente comezaba a caer2. 
 
O tótem, aínda asentindo a todo isto e estar aparentemente de acordo, no entanto, non perde a ocasión de botar o tres para matar o as: en efecto, todo isto vén dun “entendemento do feminismo sui generis” de María Victoria que sempre se definiu irónicamente como un home de ben. 
 
E chascarraschás. 
 
Así a entrevista remata cun pensamento hiper-avanzado do tótem e comigo a menear a cabeza e matinar no ben que farían as autoras se se lles apareceran na cabeceira polas noites aos homenaxeadores crepusculares e lles fixeran ler eses sesudos estudos críticos ad infinitum. 

 
1- Por un sistema cultural galego feito, fundamentalmente, á imaxe e semellanza de todos os tótems crepusculares que foron, son e serán. Isto non tiven a axilidade de puntualizalo nese momento, pero parece importante deixalo dito.
2- E sería inxustísima se non mencionase aquí á editora Urco e a Andrea Jamardo como impulsoras incansables da edición e reedición da obra de María Victoria Moreno.

martes, 28 de abril de 2015

Ngahuia na escola

Imaxe: Ánxela Lema París

Por Lau Ríos

A charla da semana pasada na miña escola non só me permitiu aprender a situar Nova Celandia no mapa e saber da cultura maorí senón que me aprendeu dúas cousas, polas que sempre estarei agradecida, que son: 

1- As maxi-segadoras xuntaron os seus esforzos para que Ngahuia puidese vir á nosa clase. Cada unha puxo un pouquiño do seu esforzo e traballo para que esta charla fose posible. Falaron cos tutores e coa directora e, entre todas e todos, Ngahuia alí estaba con nós... de carne e óso! Con nós, na nosa clase!

Ese día entendín aquilo que dicía María Reimóndez de "non agardar por ninguén para facer as cousas, poñer o lombo coas demais polo que importa, reunir os cartos pequenos para facer cousas grandes". Grazas a isto, 50 nenas e nenos coñecemos a Ngahuia.

Miña nai contábame que a primeira vez que falou cunha persoa maorí foi aos seus corenta anos. Nós fixémolo con 11.

2- Outra cousa que aprendín é a importancia de que as persoas maiores nos dediquen tempo para axudarnos a entender o mundo.

Antes de que Ngahuia nos visitase só coñecía da cultura maorí cousas curiosas como as súas danzas ou tatuaxes pero, despois desta charla, sei cómo é o patio no que Ngahuia xogaba de pequena, cómo son as súas cancións, cómo se di "ola" e "benvida" en maorí, como elas poden falar maorí na clase e que ten dous gatiños igual ca min.

Nesta charla, que me soubo a pouco, sentínme moi ilusionada porque as miñas compañeiras e compañeiros aprendemos que as tatuaxes non só son para parecer bonitas senón que teñen un significado ( e sabemos que se chaman mokos), coñecemos a súa sobriña de 17 anos, a súa familia e que, hoxe en día, moita xente maorí vive en cidades grandes.

A min gustaríame moito ter unha avoa tan moderna como Ngahuia e que todas as fins de semana fosemos para a aldea e me falase dos seus gatos bailaríns e me lese os seus poemas para durmir. Iso foi o que soñei esa noite pero nunca se sabe... cando sexa maior igual podo contarlles ás nenas e nenos de Rotorua cómo coñecín a Ngahuia nun recunchiño dunha terra chamada Galicia.

mércores, 10 de setembro de 2014

Escribir nas marxes

Lara Soto, da Sociedade Cultural e Desportiva do Condado
Por Lara Rozados

Outro setembro volvémonos xuntar en Salvaterra do Miño para partillar poesía, música, encontro, e si, tamén bebida. O XXVIII Festival de Poesía do Condado, co lema “Escrever nas margens”, xuntou unha chea de xente unha vez máis a pasada fin de semana, o venres 5 e sábado 6 de setembro, acampando arredor da Muralla, montando postos de artesanía, de pequenos negocios, asociacións ou colectivos, recitando, tocando, cantando, bailando, ou ben paseando e gozando da festa sen máis. Unha festa destas que nacen da xente e para a xente.

A Sociedade Cultural e Desportiva do Condado continúa, case tres décadas e varias xeracións despois (ás que roldamos a trintena empeza a desacougarnos a cantidade de cativada e pre-cativada, ou barrigas, para ser máis clara, que se atopa no festival), loitando por esta festa, con escasos apoios institucionais, pero moito da propia xente. Dicía Lara Soto (quen loce unha das barrigas destas das que falo) cando presentaba a Blues do País, ao inicio da Noite nas Minas, que custa traballo facerse ver, pero aí seguen. Pouca xente, pero con moita gana e moito que dicir. E así arrincou, desde esa marxe física e simbólica que é a fortaleza á beira do Miño, unha nova edición do festival.

Á tarde do venres xa puidemos ver Pacios, dirixida por Manuel Darriba, nas Covas de Dona Urraca, e tamén exposicións: Elas som eu e Matrikas, onde Alba Viñas retrata manequíns da India, con textos escritos por varia xente para acompañar as imaxes; había tamén outra sobre o xenocidio en Palestina este verán e a resposta no Condado, co título Palestina livre; e Elas som eu contaba con collages a partir de retratos en branco e negro de Sabela Iglesias; outra serie en que se xogaba cunha proxección dunha foto dun muíño de xoguete de cores sobre o corpo, en analóxica e revelado manual (Muíños de cor, de Xiana Quintas); Gris con pespuntes negros, de Pilar Abades, unha preciosa serie de bodegóns sobre mulleres que a antecederon; e a fotografía e instalación feita con roupa, cartas e recordos da avoa de Silvia Mella, Adeus, Arxentina! Daría para moitas páxinas o estudo da potencia creadora das mulleres coa fotografía, o retrato, a instalación, a memoria das predecesoras e a autobiografía feita imaxe, pero hai tanto que contar que queda para outro día.

Seguiu a noite do venres con Blues do País nas Minas: a impresionante voz de Iseo Agilda (Bieitta James) e a guitarra de Brais das Hortas (Pepe King) xogaron, coma nenas, coas letras do Robert Johnson, Ella Fitzgerald, Aretha Franklin, Janis Joplin, Ottis Redding... Matáronnos a modo con Roberta Flack e gañáronse a complicidade de máis dun cento de persoas coas súas particulares versións, ademais de convidar a escoitar Bateas no Mississippi (que seica está no forno prontísimo a saír). Fóra da cova, Fanfarra Taquikardia animaba a noite (pecharon, como non podía ser doutro xeito, coa súa versión da música do coche fantástico, esa que tocaran despois de “Ás barricadas” nunha procesión que lles dera moita fama), e xa ao final subiu o Hevi (A.K.A. Bigote Mix) ás escaleiras pinchar de todo, desde Ana Kiro, abrindo a sesión con “Pídechas o corpo” até Peret (“El muerto vivo” foi outro momentazo da noite), con trinta persoas entregadísimas no torreiro, despois de cearen un caldiño verde, que vén sendo a cousa máis reparadora do mundo.

E xa o sábado, despois dunhas voltiñas no comboio, da ameaza de choiva e do xantar, montando os postos os colectivos ou negocios que tiñan algo que amosar ou vender, Tanxarina, unha das compañías de teatro de títeres máis veteranas do país, puxo en escena, de novo nas Minas, o seu Titiricircus, para goce de crianzas e pais/nais/adult@s (ou non?) sen fill@s que andabamos por aló. Seguiron as proxeccións de cine, coas curtas gañadoras do Festival de Cans, soaron as “ferreñas” do obradoiro de Punkdereiteiras, ensinando á cativada a fabricar e tocar instrumentos, e xa ás nove arrincou a noite da poesía e a música, c'O Leo i Arremecághona, nas súas múltiples personalidades, como mestre de cerimonias. A voz de Paula Carballeira foi a primeira da noite, como ela mesma dicía, facendo esa mestura de poesía, contos e teatro que a ten levado por medio mundo, facendo interactuar a todo o público cando contou o tristísimo conto-poema dun peixe que a ela lle contara unha cativa de tres anos, falando de gaiolas, de paxaros que aprenden a ser libres, da fame, de berrar (e desculpen a mala calidade dos vídeos, que non lle fai xustiza ningunha, pero foi o que se deu gravado a correr desde o posto do Cineclube até o medio do público. Escóitaselle ben, que é o que importa). Seguírona Xabier Cordal, Ismael Ramos, Viale Moutinho, Xesús Rábade, Teresa Moure, co seu lobo, que xa comentamos nesta páxina, ou Concha Rousia. Podería analizar mellor as intervencións poéticas se estiver máis atenta, pero acumulouse un pouco o choio entre estar no posto (por certo, non, o Cineclube de Compostela non somos Numax e non, os tickets vendíanse en fronte, non eramos nós), saudar xente coa que te atopas de ano en ano, na mesma festa, e as súas crianzas (e non, non estou obsesionada co tema, é que efectivamente son moitas!) e si, tomarlle algo. Pero, para quen teña vontade, a SCD do Condado edita un libro que recolle eses poemas, mesmo algún que non poden ser recitados (http://devoltaparaloureda.wordpress.com/2014/09/07/autodeterminantes/) por mor do secuestro dos seus autores a mans do Estado.


Polo medio da poesía emerxeu a poesía feita música, cun grupo habitual en Salvaterra: A Quenlla volveu cantar letras que xa resoaran na muralla había anos, “Como un irmán che falo”, verbi gratia, e abriron a porta para viren despois as novas voces: Fortuítos, Sés, que arrasou cos temas dos seus discos Admirando a condición e Co xenio destrozado e as súas palabras entre canción e canción, certeiras e valentes. A rapazada botábase a ela e coreaba as letras, tivo o seu momento de agradecemento á Quenlla, e O Leo subiu cantar onda ela “Brava” (versionaza do “Wild thing”, dos Wild Ones popularizada polos Troggs). Por certo: hai quen lle di que ten un aquel co Leo, pero en muller, ao que ela responde “É o Leo o que se parece á Sés, pero en tipo”.


Co público xa quente, saíron The Tetas Van, cun repertorio que xuntaba versións de “clásicos” con cancións do non menos clásico Xabarín Club a facer bailar á xente, e pecharon Liska co seu ska-punk-reggae. E ao que foi chegando a fin da festa (aí polas seis) foron caendo pingas que non fixeron máis que xuntar á xente debaixo da carpa e ás gaiteir@s, pandereteir@s e bailadores/as sacaren instrumentos e folgos do licor café e, coa lúa case chea a meterse, despedir esta festa da música, da palabra e do encontro, que chega con setembro á beira do Miño.