Buscar neste blog

Amosando publicacións coa etiqueta #albumilustrado. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta #albumilustrado. Amosar todas as publicacións

martes, 9 de xuño de 2026

Eli Ríos estivo lendo... Coralia e Maruxa de Cari Ca


A historia e a vida das irmás Fandiño Ricart non é bonita de contar e non hai romanticismo ningún na dor que os seus corpos marcaron entre cicatrices, pero si hai dignidade, respecto e, sobre todo, elas son referentes para as mulleres libres.


Coralia e Maruxa danlle cor a unha época murcha e triste e subverten o poder represivo en nome do querer. 

Estas cores vivan percorren este album ilustrado e manteñen o espírito das irmás Fandiño a quen a ditadura non as convenceu para deixar de procurar un mundo en que governen a paz e a xustiza.


Os textos breves e dinámicos e as ilustracións cheas de simbolismo van desabar nunhas últimas páxinas que completan, de maneira máis narrativa, as historia das protagonistas así como a do seu contexto máis próximo.

venres, 29 de maio de 2026

Eli Ríos recomenda... Begoñísima de Andrea Nunes e Agustina Shuan


 Esta achega a historia de Begoña Caamaño non é unha biografía inzada de datos, non... É un texto cheo de moito querer e amizade e de vida. Nel abrollan como raíces rexas os elos das amigas, das mestras, das que acompañan. Así, sabemos, entre outras, de María Xosé Queizán, de Ana Romaní, Uxía Senlle e, tamén, dos colectivos e asociacións que erguen a voz contra as violencias.
As ilustracións de Agustina Shuan acompañan marabillosamente o texto de A. Nunes e as cores enchen de luminosidade cada páxina e deixan un sorriso pousado en quen le. Así que recomendadísima esta obra para quen queira achegarse ás reflexións de B. Caamaño e ás súas obras na voz das amigas.

martes, 4 de marzo de 2025

Eli Ríos recomenda...




     Neste álbum ilustrado Eva Mejuto enceta a melodía das composicións de transmisión oral e xunto coa ilustradora Lucía Cobo compoñen unha foliada en que as Pandereteiras de Mens, Adolfina Casás ou Josefa de Bastavabeles representan as voces e sons de todas as que tamén están entre as páxinas e nos cantares.

    En pouquiñas páxinas acabamos por coñecer historias, viaxes, instrumentos, ritmos, etc, da man de Dorothé Schubart e prendemos na curiosidade de querer saber máis. A autora sabía que iamos caer na tentación e, no final, incorpora unhas ligazóns ben interesantes para seguir o ronsel da música.

venres, 22 de marzo de 2024

Mónica Cores está lendo... Fago o que podo de Afra Torrado


Mónica Cores (@libroscontos) Está a ler "Fago o que podo" de Afra Torrado, editora Rodolfo e Priscila. É a recompilación da súa obra artística dende o 2018 onde a autora nos fala do síndrome da impostora, da precariedade laboral, da decepción de facerse maior, de sentirse fóra de lugar, de ser unha señora barbuda e ata da imposición do galego a través do sexo. Irónica e directa, resúmese perfectamente nun anaco dos seus diálogos: "Desde señora barbuda dicimos non á violencia... e non aos merdeiros"

luns, 26 de febreiro de 2024

María Reimóndez está lendo Fago o que podo de Afra Torrado


Debo admitir que temas como a ansiedade, síndrome de impostora e baixa autoestima, que parece que non deixan as bocas da xente ultimamente, empezan a saturarme. Penso que todas esta son cuestións que teñen un trasfondo social que se perde cando nos centramos unicamente na experiencia e laio persoal de certos malestares. Mais tamén é certo que para comprender os aspectos sociais do malestar debemos entrar no relato individual e, cando este se fai dende o humor e a cercanía, resulta moito máis doado empatizar coa voz que nos fala. Un dos grandes logros de Afra Torrado, ademais da pericia formal desta obra gráfica (de apariencia simple pero certamente complexa), é precisamente ese: non acabar de tomarse en serio de todo, mesmo cando nos fala de cousas ben serias. Esta compilación é tamén mostra de que se cadra Torrado pode mandar a síndrome da impostora ao pasado e seguir creando porque a súa voz fresca e persoal é precisa para dar ese paso do individual ao colectivo tan necesario en certos temas. E, dito isto, moi fan da muller barbuda!