Buscar neste blog

Amosando publicacións coa etiqueta María Victoria Moreno. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta María Victoria Moreno. Amosar todas as publicacións

venres, 3 de outubro de 2025

María Reimóndez recomenda... Mulleres de sempre


Este pequeno volume atesoura unha cadea de afectos na que diferentes 

autoras rememoran outras. Dende os recordos de María Victoria Moreno dunha 

Eva Mejuto adolescente ata o perfil erudito de María Mariño que traza Marica 

Campo, o libro lémbranos a importancia de manter viva a xinealoxía das que 

escribiron, como atinadamente explora Susana S. Aríns na obra de Luísa 

Villata, para as que escribirán o futuro.


martes, 26 de abril de 2016

II Día das Galegas nas Letras: María Victoria Moreno

A FORZA DA VONTADE 
Hai lugares onde nos nacen e lugares onde escollemos nacer. Hai familias que nos veñen dadas e outras que creamos para nós. Hai linguas que se nos falan e outras que coa determinación obstinada de quen se quere poñer do lado que máis o merece, escollemos para nós. Se cadra o accidente do noso nacemento pode determinar abondas cousas na vida, pero a escolla e a vontade teñen a forza mesmo de cambiar o lugar co que se asociará por sempre o noso nome, a lingua na que se falará de nós, o pobo que ha de celebrarnos para sempre.
Esa lingua, ese pobo e ese nome somos neste II Día das Galegas nas Letras todas nós segando para recoller as gavelas de María Victoria Moreno. Ela que escolleu o lugar onde vivir cada minuto, ela que escolleu a familia dos afectos, ela que escolleu a lingua e a comunidade á que pertencer. Tamén ela que escolleu as historias que quixo contar, aquelas nas que cada unha, coma unha gavela única, brilla na súa complexidade, na súa letra diáfana e motivadora. María Victoria Moreno escribiu para todas nós dende o espírito máis abranguente, máis total. Para nosoutras que buscamos nos relatos nenas que nos expliquen a vida nos nosos termos, á nosa idade. Para nosoutras que, adolescentes, procuramos descubrir o desenlace sen saber que o importante está se cadra no camiño. Para nosoutras que padecemos nos nosos corpos a dor mais tamén a esperanza. Para nosoutras que queremos saber doutras vidas aparentemente próximas pero ao tempo moi afastadas.
María Victoria Moreno
María Victoria representa para nós a forza da vontade fronte á desidia e o accidente, a decisión consecuente da palabra xusta. E con esa mesma vontade facémola nosa e pertencémoslle nunha celebración á que estades todas convidadas.

>> I Día das Galegas nas Letras (2014): DOROTHÉ SCHUBARTH

martes, 14 de xullo de 2015

Lambetadas na cara

Nela. Imaxe: Susana Sánchez Aríns

Por Susana Sánchez Aríns

Em 1985 eu tinha onze anos. Lembro-me sentada nas escadas da casa, incomodada com o mundo, ou simplesmente com a minha irmã, e escoltada pola Rina e as suas lambetadas. Ela consolava a minha raiva e entendia perfeitamente (e dava-me a razão, é claro) o sozinha que podia sentirme. Bem, pode que não fosse a Rina e fosse a Cati, ou a Blanca. Não poderia dizer qual das três cadelas que acompanharam a minha neinice, mas em todo o caso eram lambetadas de cadela e olhos solidários que me acarinhavam nessa memória vaga que guardo de mim mesma.
Também era imprecisa a memória que tinha do Leonardo. Só sei que gostara dele mais que de Anagnórise, que aquele despertava um sorriso na lembraça entanto este suscitava uma suspeita. Por isso foi o escolhido para eu recensionar no ano de Mª Victoria Moreno. Porque eu era menina em 1985 e uma das leitoras primeiras de Leonardo e os fontaneiros.  
A primeira surpresa, a estrutura esquecida. Leonardo e os fontaneiros propõe-nos uma leitura activa, na que podemos decidir o caminho a seguir. Eu, como já ando adultecida perdida, figem a leitura tradicional, lineal. Mas podia combinar de uma outra forma as três linhas argumentais: a amizade entre Leonardo e Antón, as andanças de Antón na escola, e as relações de Antón na casa. Foi aí que aprendim que as leitoras não temos por quê obedecer aquilo que as escritoras mandam? Que podiamos ser criativas no ato de ler?
A segunda surpresa, a poesia. Nem lembrava quem era Leonardo. O protagonista. O cadelo. Se uma cousa mantém vivo e vigente Leonardo e os Fontaneiros é o fundo lirismo que acolhe a narração da amizade entre neno e cadelo: - A que sabe a man dun can? Que se sente ao trabar nela? [.../...] - Sabe a millo torrado. Os pés tamén lles cheiran a millo torrado a tódolos cans. E é peludiña, esbara entre os dentes. São sem dúvida os melhores trechos do livro, e eu pergunto-me se seria neles onde eu aprendim a entender[-me] a Rina, a Cati, a Blanca. Onde reparei que não era bom ser especista.
A outra surpresa, a escola. As aventuras dos fontaneiros (novamente deslembrava o sentido do título da narrativa) são assim tão inocentes e divertidas como podem ser as de qualquer criança de hoje. Lembro-me com os meus irmãos libertando ratinhos (meus pobres!) que mamá nos pedia matar. Igual que os fontaneiros com as ratazanas. Solidariedade animalista total. Seria aí que a aprendemos?
E a ausência de happy end. Surpresão numa narrativa para crianças. A morte tem presença na vida das protagonistas e assalta, como bandoleira, a estabilidade de Antón, a tranquilidade das pubescentes tardes, mostrando que crescer é assumir a sua companha constante. Seria aí que aprendim que a melhor amiga da vida não é outra que a morte?
Onde penso que renxe a narrativa e avelhenta sem embelecer é na construção das personagens. Todas demasiado tópicas e padronadas: a menina resabida e também malencarada; a mestra Rottenmeier e a mestra boa, simpática e galeguista. O papai que prefire o meninho e a mamai choromica que prefire a meninha. Mesmo o meninho que é como todos os meninhOs: Eu téñolles moito aquel ós meus pais, non cho vou negar, pero de maior non me gustaría ser coma el, tan ardido, nin coma ela, tan caguiñas. Mira ti que parvada. En que vou ser eu coma ela se son home? Pero ó que iamos, tamén quero moito á pequena, por máis que eu preferiría un irmán para que na casa houbese outra ledicia, que xa meu pai anda sempre coa mosca na orella: - Lucía, que o Tono non che é unha meniña. Lucía, mira de non botar a perde-lo único fillo que teño... Estorvou-me durante toda a leitura este diferencialismo sexual tão marcado. 
Mas, a surpresa total é a final, essas linhas onde confluem todos os caminhos de leitura, da casa, da escola, da amizade. Essas às que chegamos leiamos dónde leiamos. Porque a sensibilidade e a empatia são as aprendizagens de Antón nesse último ano na escola e nessa aprendizagem fica atrás o diferencialismo: o meninho que não queria chorar, chora a gosto: Eu véxome agora coma un vello, xa non teño vergonza de chorar diante da xente e confésoche unha cousa: se a vida é isto, eu non querería chegar a home. E através de Leonardo chega a perceber que o mundo não é o que parece e que as pessoas somos um mundo enorme e desparecido: Pasou por diante nosa un can vello e fraco, cunha amosega fea e grande nunha pata, cos ollos moi tristes, co rabo murcho e sen gracia. Afastábase da xente se podía e, cando alguén se achegaba, gardaba o rabo entre as pernas e miraba con desconfianza. Eu reparei nel longamente e non ousei dicir unha palabra porque estabamos moitos e seica non todos ían comprende-lo meu pensamento. Pero pensei en ti e mais na Galiña. Ti sempre fuches ledo e confiado e ela, polo menos desde que a coñecín sempre foi hirta e zunada. Agora, cando xa os dous estades fóra destes pleitos, eu teño unha pregunta sen resposta: Chegarías ti, Leonardo, en caso de seguir con vida e na rúa, a ser coma ese can que remata de pasar por diante nosa? Chegarías, poño por caso, a trabar na canela dun neno? Se así fose eu comezaría a entender à Galiña.
Em 1985 eu tinha onze anos. Lembro-me sentada nas escadas da casa, incomodada com o mundo, ou simplesmente com a minha irmã, e escoltada pola Rina e as suas lambetadas. Ela consolava a minha raiva e entendia perfeitamente (e dava-me a razão, é claro) o sozinha que podia sentirme.
En 1985 eu tinha onze anos, e a Rina era Leonardo.  

María Victoria Moreno: Leonardo e os fontaneiros, Vigo, Galaxia, 1986.

martes, 23 de xuño de 2015

Camiño de ida e volta


Por Lara Rozados

"I laughed and shook his hand
and made my way back home
I searched for form and land
for years and years I roamed"

The Man Who Sold the World, de David Bowie

Anagnórise (ἀναγνώρισις), di Aristóteles na Poética, significa recoñecemento. É o recurso narrativo polo que un personaxe descobre datos esenciais sobre a súa propia identidade ou a doutras persoas, ou da súa relación con elas, que lle permaneceran ocultos até o momento. Esta revelación cámbiao todo. Isto non vai ser unha crítica sisuda. Máis ben, o testemuño dun primeiro encontro co termo: foi na portada dun libro, dunha biblioteca de 6º de EXB (corría o 93). Era da colección "Árbore", de Galaxia, e na ilustración da capa aparecía unha muller conducindo cun rapaz ao lado. Título, ilustración e autora (Mª Victoria Moreno, coñecida de 6 anos atrás, grazas a "Pan con chocolate") chamaron por unha lectora de 11 anos, e aquela semana escolleu aquel libro para ler. Leváralle moi pouco tempo e impresionáraa moito. O que máis, que unha autora trazase aquela novela de argumento sólido, con intriga, acción, e lugar para o pensamento tamén, cos personaxes complexos e definidos, coa cuestión da identidade como tema central, cunha chea de subtemas abondo importantes, e que a publicase nunha colección para a xente nova (daquela, a franxa etaria de "Árbore" onde estaba Anagnórise era de 10 a 12 anos), considerando a quen daquela era preadolescente lectores e lectoras intelixentes e merecentes de respecto, e naquel galego impecable, amais. Á prepúber de 11 anos apaixonáraa aquela novela iniciática, que comeza cando un personaxe foxe e outro o axuda na súa escapada, e que por veces tornaba metaliteratura, cando condutora e copiloto se encerellaban nunha conversa sobre as concomitancias entre escribir unha novela e "escribir" a propia vida.

21 anos despois (ano 2015), a mesma lectora retoma Anagnórise. Esta novela narrada en primeira persoa comeza, despois dun breve prefacio que nos sitúa na reflexión final, polo principio da fuxida, cunha afirmación do adolescente Nicolau Arís: “As tías non saben conducir”. Inmediatamente despois vai ser rebatida. A misteriosa condutora que o traslada a Madrid, que nunca di o seu nome nin lle pregunta o del, racha cos tópicos que el tiña asumidos. É unha tía, conduce ben (por veces rápido de máis), fuma tabaco negro e fálalle de cousas serias, das que obrigan a se mirar por dentro e cuestionarse cousas. Algo que agradecen Nicolau e quen le (adolescente ou non).

A novela, como di a propia condutora misteriosa, axéitase á idea que temos da viaxe. Iniciática, poderiamos dicir, en que o protagonista adolescente cambia ao longo da peripecia. A penas doce horas e setecentos quilómetros que separan Vilalonga de Madrid chéganlle a Nicolau para vivir unha transformación, empezando pola da súa actitude con respecto ás mulleres. Adivíñaselle, a este rapaz que no instituto traduce a Garcilaso, fai endecasílabos sen darse de conta, e por veces escribe en papeis vellos, a vontade de aventurarse nunha novela de seu. A súa compañeira de viaxe fálalle de escribir unha novela coma quen escribe a propia vida. “Honoré de Balzac dicía que cómpre ter pasado moias follas do libro da vida para ser novelista”. As conversas metaliterarias sucédense nesta viaxe que atravesa ao tempo os campos de Castela e a crise de identidade de Nicolau. A propia condutora dá a clave dos temas centrais desta novela-viaxe: a identidade, o amor (interesante a figura dos andróxinos n'O banquete, de Platón), a capacidade para valorar certos acontecementos da propia vida. A escritora-condutora contrapón a resignación e o silencio das persoas adultas coa capacidade da xente nova para se enfrontar co mundo e canta a David Bowie, “I made my way back home”, para axudar a que Nicolau se decate de que en calquera lugar do mundo pode estar a súa casa. Pero non lle impón nada: déixalle escoller o seu camiño vital, só sendo consciente de que “nos camiños da vida non hai volta atrás”. O adolescente que escoita no asento do copiloto e as persoas que len a novela agradecen ese trato nada coercitivo, de quen presenta unha serie de opcións e nos permite escoller. A novela-viaxe tamén pode vivirse coma unha partida de xadrez: movemos ficha segundo agardamos que mova as súas @ outr@ (aquí entraría a teoría de xogos). Na despedida, a condutora misteriosa proponlle titular a súa novela “Anagnórise”. E así chega o final de partida: o recoñecemento ten lugar, e desencadea a volta atrás, para xa non ser nunca o mesmo Nicolau Arís. El tamén “made his way back home”, que dicía o Bowie. As boas cancións, coma as boas novelas, son inmortais.

María Victoria Moreno: Anagnórise, Vigo, Galaxia, 1989.