Buscar neste blog

Amosando publicacións coa etiqueta V Día das Galegas nas Letras. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta V Día das Galegas nas Letras. Amosar todas as publicacións

luns, 8 de outubro de 2018

Aí estabas ti, mais eu non o sabía por Belén López Vázquez. V Día das Galegas nas Letras.




Iniciaba eu a adolescencia, descoñecía, nuns casos ou non existían no vocabulario ao uso da época noutros, o significado de conceptos como nación sen estado, colonizada, feminista, diglosia, androcentrismo, conciliación, violencia de xénero, empoderamento e outros moitos pero xa me emocionaban as músicas de Fuxan os ventos e deixaban unha forte pegada en min algunhas das súas cancións, poemas que falaban dun mundo que si coñecía ou (re)coñecín nesas letras coas que me sentía identificada.
Así, á menor oportunidade cantaba, mal pero con moita paixón, algúns dos seus temas máis coñecidos. Gustaba especialmente –moi especialmente Marica– de “Muller”, pero tamén de “O carro” e “O aradiño de pao” que enlazaban de cheo coas miñas orixes rurais da montaña coruñesa; gustaba de “Irmaus” mais tamén de “Fame, soidade e bágoas”… con esta última sentín que “tiña futuro e tiña mañá porque Galiza empezaba a espertar”, cando menos en min.
Axiña souben que Manuel María era o autor dese “Carro”, que o “Irmaus” solidarios o escribira Celso Emilio … mais tardei algo máis en saber que outras moitas cancións que remexían a miña conciencia, como o “Aradiño de pao” ou a “Fame, soidade e bágoas” tiñan letras nas que participabas parcial ou totalmente ti, Marica Campo, e especialmente esa “MULLER” que máis me emocionaba porque me incorporaba, de forma explícita, aínda que fora pola boca dun home, na historia do pobo galego como MULLER, filla de emigrantes que son…
Como podía ser que non soubera que estabas ti detrás desa letra, Marica Campo? Semella inxusto ese descoñecemento selectivo por xénero, querida amiga.
Como pode ser que tardara máis en saber da autoría dos teus poemas, algúns referidos especialmente a min como muller cando si a coñecía dos outros? Sabes, sabemos, aínda que non o falemos acotío, que non podo atribuír a causa exclusivamente á miña ignorancia, senón ao contexto social, onde se non se tratara dunha festa homenaxe o que me leva hoxe a escribirche, poderiamos pararnos a debater sobre alienación ou o androcentrismo, por empezar por algures.
Pareime un pouco nas letras, Marica, porque non debería ser que escribiras máis de 20 poemas para musicar e tivera, hai unha semana, que pedirche me enviaras unha relación porque non daba encontrado a información completa, outra mostra máis do ocultamento das mulleres, desta vez na escrita.
Anos despois coñecinte en persoa, desta vez como autora do fermoso poemario Tras as portas do rostro e do libro de relatos Confusión e morte de María Balteira, que eu promocionaba de forma apaixonada no meu recente traballo na empresa Bahia Edicións mentres cantaba no coche as letras desas cancións túas.
A promoción da túa obra tróuxome moita felicidade e o relato “Confusión e morte de María Balteira” deume a oportunidade de conectar máis aló da relación de traballo con moitas mulleres galegas, profesoras dos centros de ensino deste país coas que tomaba café nos institutos falando dese relato e dos outros que se inclúen no libro do mesmo título, así como doutras mulleres e cousas que nos interesaban como tales… trouxo a sororidade aínda que eu non sabía que o era, mesmo creo que non se usaba ese termo por entón. E quero pensar que trouxo tamén un pequeno cambio que se amplifica ao trasmitirse e manterse no tempo, pois estou segura que o alumnado adolescente non quedou indiferente coa lectura da túa obra.
Voume parar un pouco en Confusión e morte de María Balteira, publicación que sabes adoro, tirando das palabras da profesora e galicianista Kathleen March, que di do seu estilo:
“[…] vai levado por un ritmo de auga e natureza, ritmo creado pola relación variada e insistentemente contigua que hai na súa obra entre muller, mundo vexetal e mundo animal” e porque as personaxes que aparecen nos outros relatos do libro, mulleres xuntas pero diversas nun único volume, son protagonistas activas que toman as súas decisións e non un mero adorno natural, real ou imaxinario e, por suposto, podemos ver a poeta detrás deses relatos pois a exquisita e rica linguaxe amósase cun gran ritmo poético, as palabras bailan coa narración, e iso é só unha parte da calidade literaria desta obra.
E aínda me deterei un chisco máis no relato da Balteira para destacar tres aspectos:
  • Recuperas maxistralmente unha figura histórica das cantigas profanas galego portuguesas, María a Balteira.
  • Preséntasnos esta muller libre, sexualmente activa e que decide sobre o seu corpo e a capacidade de ser nai, e amosa unha relación de poder con respecto aos homes, algo inaudito no momento.
  • Mais tamén a imaxinas vella, con medo á morte e recorrendo á súa amiga, deixando patente a importancia da solidariedade entre mulleres.
Desde a súa publicación en Bahia Edicións, en xuño do ano 1996, foi tal a calidade e impacto do texto orixinal que derivou nunha obra de teatro, varias lecturas dramatizadas, catro edicións e varias reimpresións, así como nunha edición crítica no ano 2006. Hoxe, 22 anos despois, a obra segue a manter todo o interese e vixencia.
Para min, Marica, es ante todo unha poeta, pero pégaslle con habelencia a todos os paus da escrita con variados rexistros, como mostra o teu traballo, ademais de en Confusión e morte de María Balteira, noutras obras como a novela Memoria para Xoana (Espiral Maior), na adaptación teatral d’O divino sainete(Biblioteca-Arquivo Teatral Francisco Pillado Maior) e tamén nos títulos de literatura xuvenil que foches escribindo, E Xoel aprendeu a voar(Alfaguara Obradoiro), Noutra dimensión (Ed. Galaxia), Abracadabras (Ed. do Castro), mais, desde o meu modesto punto de vista, interesado, ben é certo, nos relatos que aparecen en Confusión e morte de María Balteira e que te fixeron de sobra coñecida, querida Marica, fas un repaso polos sentires e faceres, reais ou imaxinarios das mulleres galegas na historia, que non é pouco e que te honra.
Hoxe non podo deixar de mencionar tamén a túa xenerosidade, sempre disposta a colaborar alí onde te chaman, mesmo dando comida e durmida na túa casa da Mariña, que tamén o era de Teresa Cabello, como fixeches comigo… Mais, por desgraza, quero facer ver que se todo o traballo que fixeches o fixera un home, serías moito máis recoñecida do que o es… e ben o sabes.
Por iso tamén dou os parabéns ás compañeiras de A Sega por escollerte este ano como “Galega nas letras” e pola iniciativa en xeral.
Despídome co desexo de que o “Alí estabas ti, mais eu non o sabía” co que principiei a miña homenaxe se converta para ti, Marica, e para todas as mulleres en “Alí estabas ti, Marica Campo, e ben que se notaba” porque a “Muller” que tantas veces cantei viña da túa man e os relatos incluídos en Confusión e morte de María Balteira contan historias do que somos, sentimos e nos pasaron a moitas mulleres, e tamén son obra de Marica Campo.
Belén López Vázquez, directora de Baía Edicións
[Texto lido o 15 de agosto na homenaxe a Marica Campo organizado pola A Sega en Lugo].

luns, 17 de setembro de 2018

Penélope en acción de María Xosé Queizán. V Día das Galegas nas Letras.



º



PENÉLOPE EN ACCIÓN


María Xosé Queizán


Para Marica Campo, Galega das Letras
2018. Ano da acción e o discurso feminista.


Ulises, nacido para alancar
mares sen límite.
Naves van de seu consigo.
Segue unha rota incerta, agresiva
coa vela erguida como puñal, ou pene.
Navegante excitado en mareas vivas.
Nada importa o que deixa atrás.
A vida consiste no seu.

Casou coa muller inmóbil
Penélope:
tece tedio e fidelidade na casa
remenda bragas rotas, resacas
traizóns, sen inmutarse.
Casou coa conveniente.
Poeta dos seus labores, ela
tece versos na propia almofada
onde pousa a cabeza
un punto adiante e outro atrás
no pensamento.



Penélope: educada para serea varada no natural
corpo da igualdade biolóxica.
Consume a existencia coma se non fose súa.

Entregada a Ulises,
envolta para regalo en sabas de mil anos
engalanada para a gadaña doméstica,
a voda, a violación legal.

Ulises en cada porto,
xace con corpos inéditos
eventuais.
Sexo fortuíto, abrupto
como rocalla.
Ondas fulminantes límpanlle logo o ánimo
e o alento
como lúa despois da tempestade.
Libre de culpa.
O seu é navegar afastado do costume
e de Penélope.
Porque sabe que ela foi creada para agardar,
Alí,
onde un día é como calquera outro día
con regras e partos de femia humillada.

Fostes conservada e deseñada
para o desexo masculino
para o perfecto apoio do seu degoro
como cariátide sostendo a súa autoridade patriarcal.




De brazos caídos
o tinglado vense abaixo. Porque depende de ti.
Sabes?
Un saber e un non saber, un non querer saber
e todo o mundo sabe
que os asasinatos de mulleres non son unha lacra.
As ideas poden cambiar.
Tamén Penélope.
O feminismo é movemento e pensamento,
aparición pública, asombro dos dirixentes económicos,
É acción e discurso na liña de Hanna Arendt
para as mulleres acadar a condición humana
saíndo do propio e do privado, do minifundio e a casa,
da caverna onde todos os Ulises son sombras poderosas,
e desexadas.

Os fogares cavernícolas abandonados
nada será oculto; todo público.
As rúas tomadas por penélopes en acción,
en mareas de me too matando a hipocrisía
en mulleres de todas as xeracións reclamando liberdade
e igualdade de desiguais
igualdade política.
Penélopes xa non.




2018 

( Poema recitado por María Xosé Queizán, na celebración do V Día das Galegas nas Letras, dedicado a Marica Campo)

martes, 21 de agosto de 2018

Grazas polo V Día das Galegas nas Letras



Xa van cinco anos desde que celebramos a Día das Galegas nas Letras. Durante este tempo, vimos como a iniciativa vai collendo peso e isto non podería ser posible sen vós, sen as persoas que nos acompañades tanto fisicamente o propio día, como a quen o facedes desde a distancia. Por iso, despois da resaca da romaría toca o momento de agradecer.

En primeiro lugar, á Nosa Señora (das Letras), a Marica Campo, por compartir con nós o V Día das Galegas nas Letras. Por cada unha das palabras, esas que veñen envoltas en recordos e sorrisos.

A Vero Rilo e Sonsoles Penadique por emocionarnos coas súas historias que recuperan a vida de tantas mulleres, repetíndoas unha e outra vez a través de contos.

A Paloma Suanzes polas súas melodías; a Raiceira por amosarnos as súas ilusións e experimentación musical que tan ben funciona; a Xaora Pandereteiras que nos sacaron a bailar e a Mercedes Peón polo seu solo pandereteiro a Marica Campo e por lembrarnos que non estamos soas.

Grazas a cada unha das persoas que quixeron adicarlle  unhas palabras. Ás voluntarias que leron durante o Roteiro Imaxinario, porque cada unha suma. A Ana Torres e Tareixa Campo por traernos os contos e poemas de Marica Campo, a Belén López por re-situar a figura de Marica Campo, a María Xosé Queizán, a Goretti Sanmartín por devolverlle os versos a  Marica Campo, a Asociación Ergueitos (que vén de anunciar o seu cambio a ErgueitAs) por volver aos comezos dos seu premio.

Ás persoas que se converteron nos paxaros que loitaron pola liberdade e contra Preme(paxaros)xentes nun teatro improvisado que funcionou coma se levaramos meses preparándoo.

Ao Concello de Lugo, en xeral, por todas as facilidades e axuda brindada, e, en especial, a José Santiso sen o cal este día non tería sido posible.

Aos medios de comunicación que coa súa labor sempre nos dan voz e espazo: o Diario Cultural, Sermos, Praza...

Todo isto suma para continuar traballando. Vémonos na VI edición das Galegas nas Letras!


mércores, 15 de agosto de 2018

A Nosa Señora das Letras da man da Tecelá en Outono por Marga do Val




A Nosa Señora das Letras 2018, Marica Campo, sabe da Tecelá en Outono, con ela mantén un diálogo desde que o mundo é mundo, xa que as conversas sorpéndennos no camiño, veñen penduradas do vento, para que as avivemos como lume novo, isto é o que leva facendo sempre Marica Campo. Tiña casa propia, marchou fóra e viviu algún tempo en casa alugada, retornou, dona das chaves do tempo, e habitou os cuartos para non volver marchar. No seu cuarto propio hai paxaros que saben que son merlos, paporroibos ou poupas; hai gaiolas ceibes dun destino triste; hai flores que saben quen son, como a camelia veciña que lle vai mostrando como muda o clima; sabe das plantas ventureiras dos camiños e dos froitos, de amoras e de arandos, da herba abelleira e do fiuncho; sabe das árbores da terra, de vedraios castiñeiros, e das que viñeron para ficar como a catalpa. Gustaríame un día ir apañar con Marica Campo as herbas de San Xoán, volver camiñar na súa compaña o seu Val do Mao e determe en cada terrón de terra, en cada bechiño, en cada planta, determe en cada unha das palabras que existen para cada cousa, determe en cada cousa e nos seus nomes, fuxindo con Marica dos xenéricos. A Nosa Señora das Letras, é a Nosa Señora das palabras, que viven e alentan nos xardíns dos seus escritos, que brincan nos seus versos ou agardan silenciosas nas gabetas dos relatos para o futuro. A casa de Marica Campo é a lingua, que alimenta cada día, é a lingua coa que intenta comprender o mundo, explicalo; coa que intenta comprenderse e explicarse, e de todo isto sabe a Tecelá en Outono. Marica Campo tamén é a que procura que a súa casa, a nosa casa teña espazo, presenza, porque a casa de Marica Campo é a nosa casa, por iso estamos aquí, segadoras ou non, convidadas para termar da casa grande, desde o cuarto de Marica.
É unha sorte que partille connosco a súa comprensión do mundo, que explique estes momentos que vivimos, que nos ofreza as visións de outras lecturas, de filmes ou de música, faino desde a xenerosidade de quen escribe para manter a lingua viva nos medios de comunicación. Isto é o que desexo lembrarlles que a Nosa Señora das Letras colabora cos medios de comunicación e que eu levo anos lendo as súas columnas. Marica Campo comezou como columnista no Diario da Mariña, durante dous ou tres anos, un día á semana, polos oitenta. Na actualidade podemos ler, desde hai dez anos ininterrompidamente, todos os venres, un artigo seu en El Progreso e Diario de Pontevedra. Cada dous meses, agora, antes unha vez ao mes, colabora con Terra e Tempo dixital. Marica Campo foi columnista na desaparecida A Nosa Terra, onde tamén tiven a fortuna e o privilexio de escribir, onde moito aprendín, escribindo e lendo; as nosas colaboracións eran cada quince días, ás veces, había algún cambio e coincidiamos no mesmo número, outras tiñamos como compañeiras a Luísa Villalta, Pilar Pallarés ou Marta da Costa. Lembro de ter falado con Luísa Villalta de dialogarmos a través das nosas columnas, queriamos facelo desde o xornal, non foi así, o que si ocorría era que nos chamabamos para ver que tema iamos tratar, tamén o que nos parecía, tamén nos liamos os artigos, moitas veces, antes de mandalos. Daquela falábase moito por teléfono, non se empregaba tanto o correo electrónico e as conversas eran case diarias. Con Marica Campo teño falado moito, agora non tanto, perdemos o costume do teléfono e os tempos mudaron e semellan andar máis a correr, con ela cheguei a dialogar desde as columnas algunha vez, lembro especialmente un texto seu que me gustou moito e que creo que explica moi ben como entende Marica Campo a Literatura e, en xeral, a cultura e o saber: moito nos chega en herdanza e aboia constantemente, a literatura é un palimpsesto, as nosas obras conservan as pegadas de obras anteriores, ás veces borradas artificialmente, ás veces sabemos de onde nos chega ese xeito de xuntarmos ideas máis palabras, outras non somos conscientes no momento da escrita e, tempo despois, desciframos o legado nunha lectura de nós mesmas. Marica Campo nun texto fermosísimo falaba dos palimpsestos das nosas avoas, as vellas colchas de tiras. Así é como entendo a obra de Marica Campo desde a xenerosidade de quen se recoñece herdeira e volve poñer os mitos a andar de novo, desde a xenerosidade de quen vai legando luciñas no palimpsesto para que as palabras se transmitan e o lume se manteña aceso na casa común, na casa propia.
A poeta e narradora sabe que termos medios de comunicación propios é necesario, por iso formou parte do grupo das persoas promotoras do semanario Sermos Galiza, alí estivo, explicando polo país, o mesmo que canta, Miro Casabella, este proxecto e a súa necesidade. Sei que cada sexta feira, as lectoras e lectores, de El Progreso agardan o artigo semanal de Marica Campo, que a súa é unha sinatura imprescindíbel, que a súa opinión conta, que é necesaria. Eu tamén leo estes artigos, para seguir a marcha do mundo, da dureza do día a día, de como a podemos ir virando.
Haberá que reunir os artigos de opinión de Marica Campo para sabermos das conversas coa Tecelá en Outono, para confirmarmos como a autora do Val do Mao cre no pobo galego, como lamenta o pouco que nos queremos, a autoestima que nos falta, como nos di: “Termemos de nós, interesémonos polo noso, para querérmonos, queréndoo”; para concordarmos coa mestra e pedagoga que defende a educación e sabe que na transmisión de valores éticos está o cerne da convivencia e da felicidade. Haberá que ler todos os artigos da poeta para entrarmos de verdade, tras as portas do rosto, e aprendermos das súas palabras de como lle chama a cada cousa polo seu nome, da precisión para falar, por exemplo, da empatía. Haberá que ler todos os artigos da narradora para atoparmos fermosas historias como a dese aparente garaxe de bloques, á beira da igrexa de Santa María da Atalaia en Laxe, que nos descobre unha realidade fóra das crónicas oficiais, que descobre quen trepa a terra doutro xeito, quen viaxa saíndo da autoestrada marcada e quilometrada. Haberá que ler os artigos da cidadá, comprometida co feminismo e con esas outras partes da sociedade menos favorecida, co seu sentido común, a pé de rúa, que pensa de onde vén a súa roupa, das mans explotadas cada día, que nos fala das súas lecturas e que as actualiza para explicarnos o mundo en que vive, para entendelo, con todas as súas contradicións, desde a barbarie da manada e da xustiza, da loita sandinista á actual Nicaragua, até a implicación das marcas de roupa naquel suceso que xa tiñamos esquecido de Blangadesh.
A Nosa Señora das Letras non só poetiza, tamén denuncia, e lévao facendo anos. Da man da Tecelá en Outono, Marica Campo peta nas nosas conciencias.

Marga do Val





martes, 14 de agosto de 2018

V Día das Galegas nas Letras

Mercedes Peón por Luis M. Sánchez Salgueiro (foto facebook)

Mercedes Peón, compositora, vocalista e instrumentista, pecha as actuacións musicais deste día de festa. Tras as presentacións do seu último traballo, Deixaas, súmase ás pandeireteiras facendo soar as ferrañas nun canto compartido.

Peón, tras as investigacións musicais que acaban dando forma ao seu traballo, gravou cinco discos: Isué (2000), Ajrú (2003), Sihá (2007), Sós (2008), e Deixaas (2018). Ademais está vinculada a outras artes como o cine e a danza.

Pero xa que se sumará á festa como pandeireteira, deixámosvos o video de Deixaas, onde as pandeiretas teñen voz propia.


V Día das Galegas nas Letras


Tras a lectura de parte da obra de Marica Campo, a cargo de Ana Torres Campo e Tereixa Campo, e a homenaxe de Belén López, editora de Baía, volve a música nas mans das pandereiteiras do grupo Xaora.

Xaora móvese entre os cantos de taberna, festivais, festas, foliadas e romarías. Hai un ano, as pandeireteiras musicaban o Recital Poético: Mulleres creadoras do cambio social, organizado pola STEGA onde participou a Nosa Señora das Letras, Marica Campo, xunto a outras autoras como Adela Figueroa, María José Fernández, Raquel López e Beatriz Dorado.

Aquí un anaco da festa que montaron no festival de Pardiñas:

V Día das Galegas nas Letras



Raiceira é un dúo de recente creación, formado por Carme López (voz e percusión) e Sabela Vázquez (violoncelo) que reinterpretan a música tradicional oral galega.

En 2018 foron finalistas no II Certame de Bandas Emerxentes Ecloçom (Gentalha do Pichel, Santiago de Compostela).

A continuación, un exemplo da mistura de estilos musicais a un tempo que manteñen os trazos da procedencia das cancións:




V Día das Galegas nas Letras



Abrirá a quenda da música, Paloma Suanzes, cantante e guitarrista. Desde 1995 dedícase ao folk, participando en distintos festivais como o de Pardiñas, Moeche ou Son Delas. Actualmente forma parte do proxecto musical Alba Noctua.

Ademais é directora do Coro Infantil e Xuvenil e do Coro de Adultos do Centro de Música de Fingoi (Lugo).

Aquí un pequeno adianto:

V Día das Galegas nas Letras



Tras o xantar conxunto, ás 16:00, abre as actividades da tarde Vero Rilo. A contadora compartirá con nós unha adaptación de Lavandeiras, narración oral que homenaxea a estas mulleres: o seu oficio, contos, lendas e encontros á beira dos ríos e das fontes. Estará acompañada da acordeonista Sonsoles Penadique.

Vero Rilo é a fundadora da compañía Daboapipa, desde onde desenvolve espectáculos de música e contadas, como Contos e Lerias, Historias de vida, amor, guerra e case morte, Contos do animalario ou Lavandeiras. Rilo formouse con Carlos Neira, Antón Coucheiro, Charo Pita e Tim Bowley entre outros.

Para abrir os oídos, aquí vos deixamos un par de vídeos:










As contadoras de contos por Lara Rozados


“A contadora de contos” é o último dos doce relatos que integran o volume Confusión e morte de María Balteira, de Marica Campo (Baía Edicións, 1996). Como podemos confirmar ao longo da obra de Campo, mestúranse e hibrídanse os xéneros literarios para que a poética, entendida como a acción, a capacidade transformadora do texto, opere desde todo o seu potencial. E este conto, a contadora de contos, máis dramático ca narrativo, ao se tratar dun diálogo entre avoa e neta, é o tal colofón para esta ducia de relatos que, coma doas, van enfiados nunha complexa rede que aínda non se pechou. Velaí a conxunción e que pecha o relato e o libro, solicitando que, lectoras críticas que somos, sigamos enfiando estas xoias de cristal.

Cristais especulares que teñen a facultade de rev/belar as imaxes que pousaron no inconsciente colectivo, ou de actuar como lupas sobre as eternas secundarias, causantes de todo mal, Evas, Pandoras, bruxas, Balteiras... Os contos, os mitos, as lendas que Marica Campo recolle neste volume, son espidos ante quen le, e as eternas silenciadas de súpeto teñen voz propia. Arrincamos con María Balteira, a soldadeira, que resulta que tamén trobaba e era ben destra coa bésta: o relato “Confusión e morte...” dará lugar ao groso do espectáculo teatral (case) homónimo, sobre o que se pode ler tamén recensión na Sega. Nel recupérase a unha muller que nos foi transmitida a través de dezaseis cantigas de escarnio e maldizer, e fala por si propia. No relato undécimo, “Mulleres no Camiño”, que conecta tamén co acto cuarto da obra de teatro, xúntanse nunha pousada contemporánea, facendo o Camiño de Santiago, a propia Balteira, a bruxa de Armenteira torturada na Inquisición Ana de Castro, a princesa peregrina Ingrid de Suecia, Dona Bela, a de Vilar de Donas, a quen cantara Cunqueiro1 , e a narradora autodiexética do relato. Campo recupera estereotipos femininos da nosa tradición literaria, culta ou popular, e fai que a súa voz esconxure séculos de silencio e escurantismo. Empezando na Idade Media, percorrendo os mitos das xacias, condenadas a non deixar nunca os seus reinos nin transgredir as súas normas (podemos atopar concomitancias no recente Sapos e sereas de Ana Cabaleiro), os cervos encantados, chegando ao XIX, en que se ambienta o conto “Cronóforos” e a historia de lobismulleres “A fada”, ou aos nosos días, as que sempre se nos contaron como bruxas e desencadeantes do mal, torturadas e aldraxadas na memoria colectiva, son dignificadas2. 

Esa dignidade pasa por devolverlles a voz: “Quere dicir, María Balteira”, comeza o libro. Quere confesar, mais a súa confesión non responde a ningún pecado que non sexa o da propia vida: “o arrepentimento non é posible onde a saudade é hedra que o abraza todo”. O segundo relato ábreo Oria “Láiome, Gundar, do tempo en que te amei”. “Ouh, río, soamente ti coñeces a miña historia”, comeza o “Soliloquio dunha xacia”. “Unha meiga en Albinoni”, a derradeira meiga da casa de Foscas, escribe as súas memorias, e como pon copas en Barcelona mentres pon en práctica os seus feitizos. Hai aquí unha narradora autorial, alén da meiga Leonor Veiga en primeira persoa, que atopa os manuscritos da súa tía, que llo legou todo a ela, mais nunca quixo que a súa sobriña seguira os seus pasos, nin transmitirlle os seus coñecementos. Tamén a meiga “en chuvia e sono”, na súa “confesión póstuma”, conta “Eu tiña nome e chegara de algures, lonxe. Tamén tiña irmán –moitos- e tal vez tiña pai. Da miña nai soamente recordo a voz ou non recordo máis que as palabras que fixeron de min o que agora son e serei polos séculos dos séculos”. A palabra, a voz, ten poder, constrúe. Confesando (non entendamos aquí o sacramento da confesión católica), declarando, xurando, estas mulleres sabias FAN. Ou desfán... No terrible capítulo titulado “Lavandeiras nocturnas”, as mulleres que agardan pola súa quenda nunha clínica para interromperen o embarazo intercambian palabras e recordos, e a memoria da muller que ten “cinco fillos que caben debaixo dun cesto e o mar non dá para tanto” está impregnada pola memoria do que viu a súa avoa. A lavandeira nocturna con sabas enchoupadas en sangue que solicita axuda é a muller a quen lle marchou o mozo para América deixándoa preñada e a quen o irmán vinculeiro bota da casa e ordena abortar. Ela morre desangrada e a “sandadora” Hermida, a Pilonga da Portela, paga coa cadea. E aínda será a muller deste vinculeiro, autor intelectual do masacre, quen ten que lavar as sabas ensanguentadas, e ao non lles dar quitado as manchas, queimalas finalmente. A muller que agardaba na sala de espera, cando segue á enfermeira, segue unha procesión de lavandeiras de sabas ensanguentadas.

Remata o volume como empezou, coa voz que narra, que troba, que conta a historia de seu, de todas nós. A avoa que lle conta á neta para a durmir que vén unha procesión de mulleres despeiteadas (rebeldes, insurrectas, o pelo e os corpos insubordinados), co nome gardado en olas de barro feitas por homes. A neta (o presente? O futuro? As que lemos?) ten de lles escachar as olas. E contar, contar, contar ovellas para durmir, ou cabaliños de mar, ou buguinas, ou mazás reinetas que xa non están pero deixan o arrecendo... “Como meigas e xacias e soldadeiras e mulleres que son chuvia e monxas que son pagás e contadoras de contos que regresan da China nun avión e xa dormen. E...” e así, con ese “e...” téndenos o fío Marica Campo. Para seguir contando.

Referencias:
CAMPO, Marica (1996): Confusión e morte de María Balteira. A Coruña: Baía Edicións.
CUNQUEIRO, Álvaro (1950): Dona do corpo delgado. Vigo: Galaxia.
EHRENREICH, Barbara e ENGLISH, Deirdre (1981): Brujas, parteras y enfermeras. Una historia de sanadoras femeninas. Barcelona: La Sal.

GOLDAR, Xosefa (1999): “Confusión e morte de María Balteira”, en Becerra Suárez, Carmen et. alii (eds): Asedios ó conto. Vigo: Servizo de Publicacións da Universidade de Vigo, pp. 245-250

Imaxe: Donas do ábside de Vilar de Donas, en Palas de Rei. Tirada do blog de Manuel Gago, http://www.manuelgago.org

1 Podemos ler os versos “Ese enorme silencio cristaíño e dourado!/ Si vos agora falares, miñas donas amigas,/ a vosa voz enchería, como unha fonte de ágoa, o vaso do silencio?” no “Rondeau das señoras donas pintadas no ouso o Vilar, no século XIV, cheirando unha frol” é un poema de Dona do corpo delgado (1950), onde Cunqueiro canta á igrexa de Vilar de Donas en Palas de Rei, onde Arias Pérez de Monterroso e a súa muller fundaron un mosteiro feminino. As pinturas do presbiterio, realizadas en 1434 para conmemorar o Ano Santo Compostelano, son de Petrus Nunii de Turis (ou Muni de Buris). A dona “pintada” e cantada por Cunqueiro cobra corpo e voz de seu e bótase a andar o Camiño neste relato de Marica Campo. Deamos por respondida a cunqueiriana pregunta: reborde o vaso do silencio!
 
2 Cadra a maior intensidade do xenocidio perpetrado pola “caza de bruxas” entre 1580 e 1630, coincidindo co declive das relación feudais, o auxe do capitalismo e o incremento das migracións e o traballo asalariado. De feito, é co cercamento de terras, o auxe do capitalismo, da Igrexa e do Estado, cando máis mulleres son asesinadas. Era un xeito de exterminio relacionado, por unha banda, co control do acceso ao coñecemento das mulleres, e tamén a actividades tradicionais, a mantenza de prácticas comunais, coa exclusión das mulleres da actividade económica, social e política e o control da reprodución; e por outra banda, a efectos “prácticos”, para confiscar propiedades, directamente. Eran maioritariamente mulleres de clase baixa, labregas pobres, as principais vítimas. En Galicia temos (entre moitos outros) o caso de María Soliño, xulgada por “bruxa” para a Igrexa se facer coas súas propiedades. Por outra banda, deuse a represión de mulleres que amosasen coñecementos que “desafiaban” o poder masculino sobre as ciencias: “A represión das sandadoras so o avance a medicina institucional foi unha loita política; e foi así en primeiro lugar porque forma parte da historia máis ampla da loita entre os sexos. En efecto, a posición social das sandadoras sufriu os mesmos altibaixos cá posición social das mulleres. As sandadoras foron atacadas pola súa condición de mulleres, e elas defendéronse loitando en nome da solidariedade con todas as mulleres” (Ehrenreich e English, 1981: 6, tradución de Lara Rozados).

luns, 13 de agosto de 2018

Cantares do Brións celebra o V Día das Galegas nas Letras



A SEGA

A Asociación cultural e Coro galego Cantares do Brión celebramos co colectivo A Sega, o “Día das Galegas nas Letras” dedicado, neste 2018, a Marica Campo.
Rachar marcos, invadir novas leiras, abrir fendas no terrón seco do presente, compromiso coa lingua… velaí o reclamo do Manifesto d´A Sega que sitúa no centro da Terra a nosa poeta. As persoas que facemos parte de Cantares do Brión sentímonos plenamente identificadas con estas propostas.
Moito nos contenta o recoñecemento e enviamos unha fonda aperta a Marica Campo, poeta que desde hai xa un tempo forma parte da nómina de letristas do noso coro.
Na parroquia de Vincios (Gondomar), a 15 de agosto de 2018.
A Xunta directiva de Cantares do Brión


domingo, 12 de agosto de 2018

Memorias de Memoria para Xoana por Mercedes Queixas



Algunhas lecturas fican impregnadas en nós para sempre. Convértense en vasos capilares que non deixan de axudar a latexar na nosa memoria bibliográfica aqueles relatos que nos fixeron sentir e emocionar na entreliña.

En 2002, grávida da miña segunda filla, cheguei á lectura de Memoria para Xoana de Marica Campo, una autora ben coñecida para min, como narradora e poeta sobresaliente, co antecedente de ter sido merecedora esta primeira novela co Premio de Narrativa do Concello de Vilalba.
E como de memoria se trata, porque sermos memoria viva fai parte do noso tránsito vital acompañado, aínda son quen de me lembrar a iniciar esta lectura en tempo de repouso xestacional vespertino.
Contan, Xoana, Xoana que aínda non chegaches, visguenta carne a navegar nas augas amnióticas do meu ventre, que a miña tataravoa Pepa, Pepa a Toupa, quedou preñe en Monterroso, na feira de novembro. Nunca soubo quen lle puxera entre as pernas a semente que deveu en Rosa, Pérez coma ela, e sen segundo, como era habitual nos fillos a que ningún pai se chamaba.
Non foi preciso continuar, máis ben foi imprescindíbel determe porque a memoria de meu, das miñas, das nosas, chamou polo acordo dos elos da cadea propia. Retratarse nelas, no seu branco e negro, para que a fotografía a cores non ficase deformada.
Cada xeración ten as súas propias probas, mais ás veces súmanse en herdo colectivo e cómpre deitalas lonxe de vez. Apropiármonos delas para as superarmos como unha vitoria plural.
Pepa Pérez, a Toupa, cega, analfabeta, cantante de coplas nas feiras con voz limpa e harmoniosa, acompañando un moinante trampulleiro, enxendrou forzada e pariu Rosa, filla natural, non de matrimonio, aínda que non sei a que vén iso de ser “filla natural”, se artificial non o somos ninguén e todos nacemos dun mesmo acto.
Lembra, Xoana, miña nena que estás por chegar, que vés de Rosa, Rosa Pérez sen segundo, a filla da cega, a rapaza fráxil con quen a vida non foi moi mirada nin tampouco o señor de Mezur.
Cada xeración procura avanzar, estirar os elos até os deformar e Rosa foi servir á Casa Grande, onde o señor de Mezur, que tiña máis de vinte fillos bravos, tentado polos praceres da carne nova, entendeuse amo para ampliar a listaxe no corpo de Rosa coa semente que daría en Carolina, primeiro, e en Xenxo despois.
Rosa Pérez, de novo sen segundo apelido, porque o seu espazo foi substituído pola fortaleza dun primeiro lugar feminino, pariu unha Carolina rexa, da estirpe do traballo no rostro curtido e nas mans escravas.
Lembra, Xoana, miña nena que vés en camino, que tiveches una bisavoa chamada Carolina, que ficou viúva aos vinte e poucos anos, e que pasou toda a vida sorrindo para fóra, por máis que por dentro lle bagoase o corazón. Non esquezas que traballou arreo, quizais para vencer e vingarse da súa maior inimiga, a pobreza, que a afastara de quen el amáis quería.
A morte inesperada do home de Carolina, logo de emigrar á procura de traballo a Asturias, deixou no berce a Carme, nai da protagonista que relata en primeira persoa o memorial xenealóxico á filla que avolve no seu ventre.
Carme foi á escola, o triunfo do saber para as mulleres da casa, ao internado lonxe da casa, como orfa pobre, onde soubo das inxustizas sociais dunha institución formativa e relixiosa que non acollía para a vida a todas por igual.
Non esquezas, Xoana, Xoana que cada día es máis tanxible e estás máis cerca, que levas no sangue a rebeldía da túa avoa Carme, a que foi alumna gratuíta nun frío colexio de Zaragoza. Seguro é que alí, desposuída dos seus e da fala propia, foi, pouco a pouco, elaborando a idea de cambiar o mundo. Porque esa é carme, a muller que sempre anda na teima de cambiar o mundo.
Con todo, a memoria das veas cosanguíneas chega a nós, o presente, e é tempo de a narradora, musicóloga culta e muller de mundo, que dialoga man a man co pasado e o futuro, se descubrir ante a filla que está para chegar, na soidade procurada dunha consciente nai solteira, protagonista dunha fermosísima cadea de vida da que eu tamén era un elo, un elo en que engarzabas ti e non había romper.
É tempo de nos descubrirmos nas fillas que nos suceden. Espellamos as nosas precedentes enchéndonos da súa memoria ao tempo que construímos un reflexo para as nosas fillas. Herdamos para deixar sempre en herdanza a mellora.
E pechada a lectura, agora de novo, naceu, coma daquela, estoutro diálogo co vento:
Heiche contar, filla, que procedes das mans da terra das túas tataravoas Daniela e Carmela, das túas bisavoas Mercedes e Preciosa, das túas avoas Carmen e Jesusa e de túa nai, que aínda procura no espello do tempo a exacta reprodución que a escriba.

Memoria para Xoana, Marica Campo, Espiral Maior, 2002

Marica Campo: unha non-flor como a hedra por Olalla Cociña



Eu era unha picariña e Marica Campo era mestra en Xove. Viviu ao principio nas Gulpilleiras, ao lado da escola unitaria onde estudara miña mai, na Rigueira, antes de poñerse a restaurar a casa do Torrillón, uns quilómetros máis arriba, nun emprazamento moi semellante ao dun castelo... Polo menos iso era o que se me asemellaba a min. Marica visitábanos adoito na casa de meus avós, e como moradora dese castelo incipiente que o meu propio avó Eusebio restaurara, ela mesma era unha doncela, tan fina, tan elegante e bela... E tiña o cabelo máis rizo que eu vira nunca, cousa que me poñía fachendosa por comparación (aínda que por aquel entón eu aínda andaba alisando no meu!)...

Era, desde logo, unha rara avis por aqueles confíns da Mariña luguesa, unha alfaia de acibeche -alí onde tanto se estilaban as de ouro chapado!- que nos encantaba: daba as clases en galego, facía “cousas de rebeldía, víñalles tan ben en Xove!” Isto dío miña mai, María Lozano, mestra no concello do lado, en Viveiro, quen leu os primeiros textos teatrais escritos por Marica e incluso lle botara un cabo nas revisións do galego. E montou co seu alumnado O premexentes non pode cos paxaros rebezos (ou memorias dun escribano), a súa segunda peza teatral para público infantil.

Lembro á mestra nas súas visitas á nosa casa da Aguieira e á xente amiga da “comuna” da Ponte do Carro sorrinte e moi chistosa cando falaba, e cun punto de melancolía nos ollos cando calaba. Fume de tabaco polo medio dos rizos e recendente como as flores da lila.

E lembro á escritora sabia e bondadosa cando eu xa era unha adolescente de instituto e me empezaba a gustar a poesía e o xornalismo... Ela descubriume á Pizarnik, á Pallarés! Un día veu á miña casa en Viveiro para un traballo de Lingua: unha entrevista coa poeta Marica Campo. Eu lera con devoción Tras as portas do rostro, escoitábamos seguido as súas letras nas cancións de Fuxan... Cando publiquei o Libro de Alicia Marica veu á miña presentación e eu lembrei aquela tarde tarde así:

“O destino tece ás veces fermosas redes de casualidades ou de causalidades, como diría Cortázar. Hoxe está á miña beira a amiga Marica, primeiro premio Fiz Vergara, que me coñeceu cando eu era unha pícara, e que foi unha das primeiras escritoras ás que admirei (aínda que non tiven consciencia de que ela era unha Escritora, con maiúsculas, ata o bacharelato). Lembro unha tarde, nun exercicio escolar, unha entrevista, na saliña dos libros da miña casa en Viveiro. Marica fumaba e era a de sempre pero ao mesmo tempo non, coroábaa unha misteriosa aura...
Ou era quizais que a lectura dos seus poemas fixeran espertar en min un estraña inquietude? Eu sentada na acolledora alfombra verde e ela no sofá. Eu que quería saber a que se refería nun verso do seu libro e ela que se facía de rogar:
“aí chos deixo”, dicía o poema
-Aí che deixo o que, Marica? Son as cousas que lle queres devolver a alguén?
-Pode ser
-Son bicos?
-Quizais
-Son desexos?
-...
Quedei remoendo naquilo que ela non quería dicirme, ela que sempre explicaba todo! E hoxe, como aquela tarde que non esquecerei, se alguén me preguntara que significa tal verso ou tal outro, seguramente faría o mesmo que Marica.”
A "flor" favorita de Marica é a hedra. E como a hedra, aquilo que nos deixa pouso escala ata os lugares mentais menos previsíbeis. Máis aló da mestra rebelde, da escritora admirada e da articulista militante está a amiga xenerosa. Todo o mundo sabe que Marica está sempre aí. Igual non se pode dicir moi alto porque a pobre debe ir cansa de andar de acó para aló! Pero é de xustiza, do mesmo xeito que é de xustiza que este V Día das Galegas nas Letras sexa para ela. Unha desas persoas coas que podes contar sempre, desas que se enumeran cos dedos dunha man e aínda sobran. E non só para unha presentación ou para o prólogo dun libro, que foi a sorte que eu tiven, ou para dar a cara por unha causa...

Durante anos eu contei tamén co cariño de Marica nas visitas á miña avoa Elsa, á miña bisavoa Alicia e a meu avó Eusebio cando a soidade da aldea facía os días longos e as noites frías. Por iso, e por todo o demais, Marica é tamén parte de min, da miña aldea e das miñas raíces e, aínda que non nos vexamos habitualmente, sei que me habita como unha liana de hedra, a súa adorada non-flor.


venres, 10 de agosto de 2018

Aprender a voar com às decepadas por Susana S. Aríns


O Xoel vive imerso na virtualidade de uma vida entre a escola e o ecrã. Como a de tantas adolescentes. Uma escola alheia e uma consola alheia também. Merlo Branco, um anônimo internáutico, propõe-lhe uma série de reptos por arrancá-lo da abulia em que vive (abulia, mas que é isso, um insulto, um palavrão?). Para resolver os enigmas melrazes, o primeiro deles, o significado do abúlico, o Xoel contará com a ajuda da sua panda, integrada pola Laura, o Daniel, o Fábio e a Eunice.
Marica Campo recolhe a estrutura das Aventuras dos Cinco, de Enyd Blyton, e transforma-a para colocar-nos a rapaziada do século XXI a desvendar mistérios semelhantes àqueles de Georgina e família. O Xoel passa de utilizar o computador e os recursos da rede para esconder-se da realidade e sumir na apatia daquele que o tem tudo, a fazer deles uma ferramenta para sair a descobrir o mundo que o envolta.
O Merlo Branco peteira nele o suficiente para esporear a sua curiosidade e demostrar-lhe que com ela acompanhando, a vida é muito mais interessante.
E lá vam o Xoel e a panda na busca do merlo branco (existem?), atrás da tomba do herói inglês que deixou atrás uma pantasma, do castelo que guarda beijos nas escadas, dos protetores alcolitos (por vezes acontece), ou do Blackbird, esse moto-veleiro que anda a construir o avô don Santiago. A través destas pesquisas, vai-se fortalecendo a amizade entre as crianças e, em especial, o vencelho entre avô e neto.
A autora aproveita a história para incluir nela, à maneira de pílulas, temas de arte, geografia, literatura, música, educação ambiental, corrupção urbanística… As crianças aprendem ornitologia básica, essa que já perdemos em muitos lugares, diferencia um merlo de uma pega de um peto de um tordo; sabem de John Moore e dos Beatles; aprendem o que foi o projeto Blackbird, a etimologia dos seus nomes, as diferenças do seu galego com os outros galegos do mundo ou a origem das figas; descobrem um campo de antas e resolvem a ameaça que assoma pola banda da alcaldia: a expropiação das terras do avô do Xoel.
Para que todas estas sub-tramas liguem bem e não pareçam forçadas, a autora utiliza dous elementos: a figura da narradora, entremetida, opinadora e sabedora de todo, mesmo daquilo que as personagens ignoram. Mas, sobre todo, reclamante da atenção das leitoras para os pormenores importantes. Exerce explicitamente o seu rol de organizadora da narrativa e muda de espaço e tempo quando o considera necessário, indicando os seus passos atrás e adiante, da vila à aldeia, da escola à casa dos avôs, da atualidade aos anos sessenta.
Por outra parte, a escolha das personagens. Boa parte delas têm estudos e trabalhos relacionados com parte dos temas surgidos na narrativa, de maneira que serão essas personagens as encarregadas de fornecer-nos informações e dados necessários para avançar na trama: o avô engenheiro, o pai advogado, a mamai médica, uma outra mãe arqueóloga. Só que com estas vímbias, é claro, a história fica situada num contexto sócio-económico quiçá algo artificioso: as crianças podem fazer e desfazer sem problemas, têm sempre alguém que as traia e leve aonde queiram, têm todas famílias acolhedoras que favorecem as suas aventuras… Bom, em realidade, como nas Aventuras dos Cinco, de Enyd Blyton.
E, por ser uma narrativa dirigida a adolescentes, não podiam faltar os enredos amorosos. E aqui é onde para nós range a narrativa.
O prota é um menino, o Xoel.
O prota gosta de uma menina, a Eunice.
Tacháááám! O prota consegue a menina.
É certo que é ela quem dá os primeiros passos no amorio, e assim racha com a norma social. É certo que ela vê como dous moços competem pola sua atenção e deixa claro na narrativa que não é de ninguém. Mas a cena final em que se oficializa a relação de parelha faria com que, se a Eunice for coerente, mandasse a tomar vento ao Xoel:
“Riqui aproveitou aquel momento para lle coller o sitio ao lado de Eunice. A rapaza protestaba e pedíalle que marchase cando Xoel volveu.
- Riqui, moi agradecido por coidares a miña moza mentres estiven ausente. Agora déixame sentar.
Díxoo con tanta firmeza que Riqui se ergueu decontando e volveu ao seu posto. Desde alí botáballe olladas asasinas, mais el non se daba por avisado.” (pág. 215)
Porém, a sub-trama que mais nos incomoda é a do passado do avô. Don Santiago é viúvo. Criou sozinho à filha Carme, após voltar da Califórnia, onde trabalhava de engenheiro na Lockheed. Mas no meio da narrativa confessa-se com o neto. Com o neto, insistimos: em realidade, não é viúvo. Encontrou à mulher com um amante e fugiu com a menina de ambos a outro país (este) para criá-la como órfã. A conversa com o neto parece-nos arrepiante. A autora coloca no cativo a pergunta de se os quereria matar, e a resposta do avô…
“- E ti que fixeches? Non che deron ganas de matalos?
- Si… e non. Pero abofé que comecei a odiala. Nun primeiro momento teríaos esganado aos dous, mais eu penso o que fago. Coido que todos os que asasinan à muller cometen un crime execrable, mesmo que esta lles sexa infiel. Son xente primaria, que non lle pon cancelas aos seus instintos…” (pág. 113, os itálicos são nossos).
Quer dizer, atuar de maneira racional é castigar à mulher com o sequestro e roubo da filha.
O avô deposita toda a responsabilidade do segredo no Xoel. Obriga ao neto a conhecer uns feitos que tanto afetaram à vida da sua mamai, Carme, sem permissão para contar-lho à vítima. Certo é que o avó mostra explicitamente o seu arrependimento, certo é que aparece a cantiga da Joan Baez, O preso número 9, com uma crítica aos assassinatos machistas, mas algumas lemos até o final, aguardando o momento da filha saber da mãe pródiga. E continuamos a aguardar.
Porque aquela narradora governadora dos fios da trama decidiu que não era assunto nosso:
[Carme e Paco]… convidáronos a visitar Galicia para exerceren eles de anfitrións e compensaren, no posible, tantos desvelos. Linda respondeu que ese era o seu maior desexo, que a non tardar moito estarían aí. E fixérono. E a voz do sangue non calou, mais esta é outra historia que deixamos à imaxinación dos lectores e das lectoras. (pág. 210, itálicos da nossa resposabilidade)
Xoel aprendeu a voar. Carme desconhecemos. E, neste conto, quiçá era ela quem nos interessava.



 Marica Campo: E Xoel aprendeu a voar. Oqueleo 2017.