Kimiâ é unha moza dj que debe fuxir de Teherán cando se instaura o novo réxime imposto tras a caída do Sha (debido á súa orientación e expresión de xénero e pola posición política da familia). Neste caso, refúxiase en Francia e cóntanos, nun monólogo, a súa vida cotiá e aquilo que lle preocupa como os atrancos que sofre no proceso de inseminación que leva a cabo coa súa parella, a SIDA, a situación das mulleres, os procesos migratorios, etc
No día a día hai elementos que funcionan como disparadores das lembranzas e cóntanos os recordos da súa familia. Lemos, polo tanto, varias historias da familia Sadr que se encerellan para chegar ao tempo presente. Así, a parte denominada "cara A", centrada na protagonista, está indisolublemente unida á "Cara B" da historia da súa familia e que se completan cun pequeno relato introdutorio e un "elenco" na parte final (a modo de resume de personaxes e características xerais).
A maneira de narrar de Négar Djavadi é moi dinámica e vai enganchando un capítulo noutro para constituír un todo ao xeito dos contos tradicionais. De feito, a narración oral é un dos elementos que caracteriza a certas personaxes contadoras que nos transmiten o seu saber, supersticións, etc
Aínda así, toda a parte que é sobre a Historia da República Iraní resultoume bastante molesta no sentido de interromper a trama. Hai páxinas en que as notas da autora ocupan máis de media páxina e parten o ritmo da narración.
En calquera caso, este é un libro necesario para explorar os conflitos migratorios, as guerras, as identidades diversas, as dicotomías culturais das segundas xeracións de quen emigrou a Europa, etc, desde o sentir dunha moza que sitúa a súa mirada máis alá do presente sen esquecer de onde vén.


Ningún comentario:
Publicar un comentario