Buscar neste blog

Amosando publicacións coa etiqueta as galegas nas letras. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta as galegas nas letras. Amosar todas as publicacións

venres, 21 de febreiro de 2025

María Mariño do humor da nada ao valor da palabra por María Xosé Queizán





 Nesta ligazón podemos ler o texto completo escrito pola Nosa Señora das Letras, María Xosé Queizán sobre María Mariño que comeza con " A María Mariño se lle dedica o día das Letras Galegas deste ano 2007 e con isto se cumpren dous obxectivos: Corroborar a súa identidade literaria e recoñecer o valor da súa obra."


mércores, 7 de agosto de 2024

María Mariño por Patricia Arias Chachero

Confeso que no ano 2006, cando a editorial Galaxia confiou en min para facer unha antoloxía poética da obra de María Mariño Carou (Noia, 1907- Parada do Courel, 1967), eu apenas sentira falar dela. Pairaba sobre min a néboa de se a escritora existira realmente ou era a Uxío Novoneyra o que Dosinda Areses a Ferrín. Non era consciente de ter lido os seus versos pero interiorizara que era anovadora, dificilmente encadrable e que apenas mantivera relación con algún dos intelectuais galegos da época. Ía “por libre” e iso prestábame. A proposta da escolma, que nun primeiro momento soara a reto, converteuse decontado nunha sorte de misterio a desvelar. Quen era aquela muller que vivira máis de vinte anos retirada no Courel e que fixera unha obra tan sorprendente?, quen era aquela a quen Novoneyra –con acerto- cualificara de “Dinamiteira da fala”?

Había ben pouca bibliografía. Así de memoria lembro os artigos de Borobó, de Manuel María, de Méndez Ferrín, de Trapero Pardo… Saudaban a aparición do único poemario que publicara en vida, Palabra no tempo (Lugo, 1963). Moitos anos despois, nos oitenta, xurdira a voz dunha muller, a da profesora Carme Blanco que, en 2006, era, creo, quen máis e máis certeiras páxinas lle tiña dedicado á obra da noiesa. Esgotado o traballo bibliográfico chegou a quenda dos arquivos. Na Fundación Penzol apareceron as cartas cruzadas con Otero Pedrayo autor do prólogo de Palabra no tempo. Nada fun capaz de encontrar en Noia onde naceran a escritora e a Asociación Cultural Catavento que, en 1983, promovera un concorrido acto literario capitaneado por Antón Avilés de Taramancos que culminaría coa publicación de Verba que comenza (Concello de Noia, 1990), o poemario inédito que a poeta asinara meses antes de morrer.

Aquel ano as Letras Galegas obrigáronnos, quizais máis que nunca, a investigar. Era a terceira vez, en 43 anos que a RAG tiña a ben escoller o nome dunha muller. Era o dunha escritora autodidacta, que bebera en fontes nunca antes transitadas nas nosas letras, era unha poeta persoal, con pouca obra, de cuxa valía –e mesmo de cuxa existencia- se dubidara.

Chegou o tempo das entrevistas a quen puidese ensinarme algo sobre ela. Detodas as que fun quen de facer lembro con especial intensidade dúas. A primeira, a Visitación Vila García, unha muller de Parada de Moreda, a arredada aldea onde a poeta falecera. Trasladeime alí e pasei varios días na contorna. Lembro a mañá que coñecín a Visitación, chuviñaba e estaba gris. Falamos diante da escola, na entrada da aldea. Explicoume que era a afillada de María Mariño, a quen ela chamaba Maruja. Hoxe sei que non souben formular as preguntas adecuadas. Eu preguntáballe se a vía ler, ela respondía que cosía. Eu preguntáballe se escribía, a miña interlocutora falaba dos longos paseos con Eugenio (Uxío Novoneyra), seu veciño. Eu quería saber se viaxaba á cidade, ela dicía que don Roberto, seu home, o mestre da aldea, estaba bastante xordo, que puña escola para os mozos a última hora da tarde e que, ás veces, enfadábase con eles polos comentarios que facían. Marchei sen sacar gran cousa en limpo. Só que a tumba estaba abandonada, que por alí nunca ía ninguén a vela, que as letras da lousa se despegaran e algunha mesmo se perdera.

A segunda entrevista que lembro foi a que lle fixen a José Zarza Zamora, o apoderado da Editorial Celta de Lugo, onde se imprentara o único poemario que a escritora publicara en vida. Pasei a tarde no seu piso de Bolaño Ribadeneyra, enriba mesmo de onde estiveran a imprenta e a coñecida libraría lucense. O meu entrevistado afirmou desde o principio, que el non sabía nada nin de Palabra no tempo nin da súa autora. Faloume, iso si, de Francisco Esteban González, seu sogro, o fundador da Celta, que nada máis comezar a guerra fixera diñeiro na retagarda acompañando aos soldados cunha furgoneta na que transportaba os cadernos, os sobres e o material de escritura que lles ía vendendo. 

Eu sabía que na Celta, cos anos, publicaran moitos dos grandes das nosas letras. Desde Manuel María que alí deu ao prelo Contos en cuarto crecente e outras prosas (1952), Terra Cha (1954), Documentos persoais (1958) ou o Libro dos pregos (1962); a Luís Pimentel e o seu Barco sin luces (1960); pasando por Arcadio López Casanova e Hombre último (1961), Crecente Vega e Codeseira(1965) ou Ricardo Carballo Calero e a súa Contribución ao estudo das fontes literarias de Rosalía (1959), o seu discurso de ingreso na RAG. Sabía tamén que durante moitos anos o gran dinamizador da imprenta fora o profesor Xesús Alonso Montero, a cuxas máquinas confiara o seu primeiro libro La palabra en la realidad (1963) e outros moitos no transcorrer dos anos. Entre eles Os cen mellores poemas da lingua galega (1970) e Política e cultura en Galicia (1978).

Zarza Zamora explicoume que a única muller que el lembraba que publicara na Celta fora Adela García González, esposa de Francisco Lamas López, o alcalde republicano de Lugo, que, preso no 36, lograra salvar a vida grazas á mediación do seu sogro, o pai de Adela, o coronel da Garda Civil, Román García Pardo. Adela, que con Maruja Torviso fora unha das poucas mulleres que recibira a Lorca cando visitara Lugo en 1932, era unha persoa culta, significada politicamente, cun neno pequeno a seu cargo e seu home preso en Ezkaba, unha das prisións máis crueis da España franquista. Quizais por gardar as aparencias ou quizais por motivos económicos escribira, segundo Zarza Zamora, o primeiro libro da Celta, El correo de los enamorados. Apenas un folleto que reunía modelos de cartas de amor para que os soldados puidesen escribir as súas mozas ou ás súas madriñas de guerra. Pouco máis tiñan que facer que copiar o que recomendaba o libro e cambiar o nome do saúdo. 

Seguramente Adela sexa tamén a autora de Consejos y recetario de belleza (1939). Un pequeno volume en tampas duras, impreso na Celta e asinado por unha misteriosa Mary L., que reúne unha serie de consellos para conservar a beleza e a saúde. E por moito que repaso o catálogo da casa non atopo outro nome feminino ata que en 1963 aparece o de María Mariño. A segunda muller en publicar en tan senlleira imprenta, daquela xa unha empresa solvente que levaba impresos máis de 75 títulos. Tras dela, e nunha listaxe que inclúe a centos de autores e títulos, poucos máis nomes femininos. Apenas os de Victoria Carballo-Calero, o de Dora Vázquez e o de Luísa Crestar que en 1973, 1975 e 1982 publican cadanseu libro.

Ao repasar as cifras dáse unha conta de que a historia da literatura galega moderna é fiel reflexo da sociedade patriarcal en que se creou. Unha literatura que se inaugura cun nome de muller, Rosalía de Castro, e que, durante décadas, medra practicamente allea a elas, a nós. Baste recordar que se contan cos dedos da man as autoras que publicaron en Nós ou en A Nosa Terra e que os primeiros libros asinados por elas tras a guerra civil non serían impresos ata 1952, cando aparecen O paxaro na boca de Luz Pozo Garza e Íntimas de Pura Vázquez, ambas en Xistral. Entre elas e o Palabra no tempo (1963) voces pioneiras como a de Xohana Torres que con Do sulco convértese na primeira en publicar en Galaxia, sete anos despois da súa fundación, ou María do Carmo Kruckenberg que con Canaval de ouro (1962) é a primeira en facelo na colección Salnés. 

Hoxe somos moitas máis pero convén recordar de onde vimos e a todas as que nos precederon, é por iso que non podo máis que felicitar á Sega por esta iniciativa teimuda que veu para quedar. Os meus máis sinceros parabéns por un traballo turrón e necesario, o de render homenaxe ás mulleres galegas que, pese as circunstancias, souberon –saben- facerse valer. Os meus parabéns por esta década de certeiro traballo feminista!

luns, 5 de agosto de 2024

MJ Pérez musica Tiven medo de vogar de María Mariño

 



Tiven medo de vogar,
tiven medo da auga crara.
Anque fora cuns bons remos
anque fora na mar calma,
non vogaba!, non vogaba!


O medo xa non sei del.
Xa secou aquel mar longo.
E sin saber donde veu,
si é doutro ou é meu,
navego nun mar de fondo.


 Mariño, M. , Palabra no tempo (1963)

mércores, 3 de abril de 2024

Manifesto. María Mariño a Nosa XI Señora das Letras

Había que chegar pra ser.


Porque navegamos contigo as marxes. Cruzamos uces e toxos, cruzamos o mar desde o fondo, pincheiras e cumes cruzamos.

Porque nos lemos por dentro, porque por dentro te lemos, porque contigo queremos estar no torreiro da festa, bailarmos coas palabras quebradas sempre novas 

para un tempo que vén de lonxe e mocea cada día.

Desde a Ponte de Sampaio, polas ondas da Marola, á noite caurelá moitos camiños para andarmos.

Porque non queremos a túa imaxe calada no altar de quen xa foi, e só flor dun día, esquecida nun andel, nun libro grande fechada. 

Porque non queremos o teu nome a pé de páxina, mellor as súas letras ciscadas polo chan a caer no fundo máis fundo do mundo dos buracos para de alí retornar co seu cantar e darlle luz a tea do teu tear.

Porque non queremos o mundo que a ti te envolve baixo lousa de alentos gardados, querémoste viva, para dinamitarmos contigo a historia que a ti te olvida.

Por ese algo de ti que sempre alenta en forza viva.

Pola pegada aquela que nosoutras tampouco dicimos

mais sabemos.

Por moita folla que caia e haberá de seguir caendo sempre haberá primavera, un novo longo que sempre de ti agroma, navegadora dun mar de fondo, contra todo.

Pingoada somos, coma ti, queremos celebrar todas as palabras que tronzadas, reviradas coma nós, dunha reviravolta veñen. Vivas están e vivas querémolas!



Sabemos coma ti, 

Sempre hai verba que non di e bon alalá que non zoa.

E somos contigo segadoras de palabras, Nosa Señora na festa, 

pola luz aquela que encendiches e non se apaga,

Por ti, celebramos, desde o papel trillado e o arrecendo da chambra da túa nai, 

a palabra no tempo, a verba que comeza,

Por ti, Nosa Señora das Letras, pra ser, pra sermos,

MARÍA MARIÑO.



xoves, 24 de agosto de 2023

As comadres recuperan mulleres I. Carta a avoa de María Álvarez Landesa


 Pariches soa na casa vella unha noite sen lúa. Era o 9 de abril do 1933.

Na casa vella.

Sen luz nin auga.

Aínda non tiñas 20 anos.

A cerdeira escoitou os teus berros cando, despois de 9 meses de xestación, o tío Antonio decidiu chegar ao mundo coroado cun anel de lume. Sentiches que a vida se abría coma un libro.

Pariches soa na casa vella. Uns meses antes notaras a primeira falta e falaras co teu mozo. El quería casar. Cumprir co seu deber. Evitar a vergoña. Ti preferiches que marchase á mili e decidise na distancia que sentía por ti. Non querías un apaño: querías un amor que nacese da absoluta liberdade.

1933 e decidiches, cando aínda non tiñas 20 anos, que non importaba o que dixese a xente da aldea. Ti sentías dentro que non tiñas nada que agochar.

El marchou. Ti ficaches na casa familiar ata que foi imposible esconder o ventre. A túa nai aturou en silencio os insultos do teu pai. Decidiu que na súa casa non había sitio para o pecado. Así que colliches algo de roupa e marchaches á casa vella. A casa sen paredes na que eu xogaría cando era nena. A casa da cerdeira que desaparecería ao mesmo tempo que medraba a AP9. Sobreviviches coa axuda da túa nai, que che levaba comida sen que o seu marido se decatase. Sobreviviches porque eras brava.

Pasou o tempo. Empezou a guerra. O pai do teu fillo foi recrutado polos nacionais. Ti eras republicana. Pasaron os meses e el decidiu volver. Aquela guerra non era a súa guerra. Desertou e foi detido polos propios nacionais cando intentaba chegar a casa. Ti tiñas medo. Sabías que no cárcere podía enfermar e morrer de fame. Naquel momento traballabas a terra para poder comer e facías quendas nunha conserveira para poder manter a casa nova. O diñeiro non chegaba se tiñas que alimentar tamén o mozo que estaba no cárcere. Escoitaras que co estraperlo había xente que gañaba diñeiro. Así que decidiches traballar para alguén que tiña unha ruta con Portugal e ter así un extra que che permitise mandar comida á cadea.

Chegou o xuízo e a sentenza. Pena de morte. Non tiñas un can. Pero eras lista e sabías que ata o feito máis vergoñento pode realizarse con dignidade. Unha noite decidiches que era hora de falar co cacique. Era a única maneira de conmutar aquela pena de morte. Non tiñas un can. Eu era aínda moi nena para entender os teus silencios cando mo contaches, pero non tan nena como para esquecelos. Co tempo entendín todo. Despois da visita ao cacique, o avó podía saír do cárcere durante o día e traballar. No 1940 quedou en liberdade e casastes.

Viñeron dous fillos máis. O avó andaba no mar. O libro de familia di que era soldador e mariñeiro. O mesmo libro de familia tamén di que a túa profesión era Sus labores. Que eu saiba, ao longo da túa vida traballaches o campo, atendiches a túa casa, coidaches dos teus fillos, traballaches na conserveira, andaches no estraperlo, fuches ama de cría e camiñabas cunha patela na cabeza ata Vigo para vender patacas e froita no mercado. Ademais, eras unha comadre de primeira e axudabas nos partos das compañeiras. Tamén aleitabas os nenos das veciñas cando tiñas un anaco e elas traballaban. Repito: No Libro de Familia leo Sus Labores.

Contigo aprendín aos tres anos que hai que ter coidado co galo, porque pode mancar cando menos o esperas. Non me deixabas entrar no curral e collías para min os pitiños e que puidese así xogar con eles. Coidado co galo (coidado co moucho).

E aínda hoxe lembro que ti, tan de aldea, sabías escribir e ler, e mastigabas os libros de historia sobre mulleres para comentar despois que era complicado ser muller aínda que foses raíña.

Se papá e mamá rifaban, sempre defendías a mamá, porque se non a defendo eu que son muller quen o vai facer, dicías. E o teu fillo calaba.

Despois da túa morte, intentei atopar as cartas que che enviara o avó cando estaba preso. Papá tirara con todo. Había moitas ganas de limpar a vergoña dun pasado do que ti nunca sentiches vergoña.

Teño moitas lembranzas a bulir na cabeza pero hoxe non son importantes. Aquí e agora o único importante é pronunciar o teu nome. Así que con orgullo de neta, e como homenaxe nesta homenaxe a Aurora Marco, digo moi alto:

Nieves Montenegro Corbal, avoa, grazas.


María Álvarez Landesa

As comadres recuperan mulleres II. Parteiras e matronas por Marta C. García



Todas as mulleres sabían dos usos do sabugueiro (gripe), do tomiño (antiséptico) e da ortiga (dixestiva e antiinflamatoria), e logo estaban as que coñecían e empregaban a ruda, o gran de corvo ou dentón, a beladona…Ás veces era unha veciña da aldea, ás veces era da vila do lado. Sempre disposta, sempre atenta, sempre comadre.


Perseguidas, temidas, buscadas, depuradas durante o franquismo, case desaparecen; os usos do patriarcado non precisaban dos seus saberes: paciencia, observación, sabedoría, tenrura e mimo.

Mais as mulleres chamaron por elas, e volveron do bosque onde agardaban aprehendendo os novos tempos: saber actualizado, evidencia, protocolos e tamén herbas, tamén paciencia, tamén agarimo.

Poñen en marcha os COF: centros de orientación familiar (Maite Moreira na Coruña), poñen en valor a matrona nas vilas (Beni Castro, A Baña).

As dúas traballando con e para as mulleres.

M. C. García







Verbas para Aurora Marco da Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica do Barbanza

 15 de agosto 2023 Micrófono aberto: Día das Galegas nas Letras.

Nela Abella

Gustaríanos comezar dicindo que dende a Comisión pola Recuperación Histórica do Barbanza sentímonos moi honrados de poder asistir a un evento coma este no que se galardona, desta maneira, a unha das nosa socias. Aurora Marco é unha das intelectuais máis eminentes do noso país: ensaísta, feminista e comprometida coa memoria democrática e que foi recoñecida como republicana de honra polas suas compañeiras e compañeiros en 2021 é sen dúbida xusta galardoada nesta edición do Día das Galegas nas Letras.

Estamos ante un recoñecemento que, a pesar da súa corta historia, ten xa o merecimento de sinalar a aquelas escritoras que por méritos propios pasaron a formar parte do olimpo das nosas letras, e sen dúbida Aurora Marco vén xa demostrando dende fai décadas que é unha das maiores figuras intelectuais da nosa historia.

En nome de todas as socias e socios da Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica do Barbaza, moitas felicidades, Aurora.

mércores, 23 de agosto de 2023

Roteiro imaginário pola vida e obra de Aurora Marco, por Susana S. Aríns



Os roteiros imaginários (ou não) são uma versão fantasiosa dos roteiros biográficos. Exigem por parte das participantes a capacidade de se deslocar a outros lugares pois o espaço em que se desenvolvem não deixa de ser uma metáfora doutros espaços.

Os roteiros imaginários (ou não) nascem da leitura atenta da obra das autoras roteiradas e não são outra cousa que uma escusa para partilharmos os seus textos.
 

                                                            (Fotografía Pablo Ces)

A autora que hoje nos ocupa é Aurora Marco. E imaginamos a sua vida como uma nova Alba de Glória em que, ademais de a celebrar a ela, recolhemos em aquelarre, ou Santa Companha, a estadea de mulheres que antes que nosoutras foram, esses vaga-lumes que tanto custa ver na noite da história, mas que refulgem mesmo na escuridade mais imensa.

PARADA 1: Pedras e cons

Não há história sem pré-história, nem pré-história sem tectónica de placas nem gondwanas. Na primeira lua de Agosto comemoramos o início oficial da história da Galiza, seguindo as indicações de um dos autores estudados por Aurora Marco, Otero Pedrayo: Sin ser nós amigos dun cego determinismo, sin medo, con ledicia orballada sentamos a seguinte proposición: a historia galega comenza co primeiro plegameno hercyniano. (.../…) un feito de sentimento e de comprensión indudable ponlle à raza galega un berce de penedo1. Se a Galiza tem um berço de penedo, Aurora Marco tem-no de montanha. Entre as neves nasceu, por acidente de mãe: mestra destinada nos Montes Universais, emergidos em um pregamento posterior e pirenenco. 

Fotografía de Pablo Ces
 
Nestes cons, o berce: estamos no Courel, na estrada que sobe de Quiroga a Folgoso e esse que vedes aí é o formosíssimo pregamento de Campodola, a marca que em nós deixaram, na nebulosa dos tempos, os movimentos de placas que há 350 milhões de anos formaram a Galiza e o norte de Portugal. E aí, 350 milhões de vezes, foram agachadas as mulheres. Entre os pregamentos destas rochas jazem sepultadas no esquecimento essas almas sem nome, as que criaram o idioma que falamos, a nossa cultura, as nossas artes, os nossos     usos e costumes, e em fim, o feito diferencial da Galiza.  Elas são as que, em longas centúrias de trabalho, humanizaram o nosso território pátrio, infundindo a todas as cousas que napaisagem se mostram o seu próprio espírito, coo o que pode dialogar o coração nosso, antigo e panteísta. Elas são asque guardam e custodiam, no seio da terra-mãe, os legados múltiplos da nossa tradição, os germes incorruptíveis, da nossa futura história2.
 
 

 

E sim, começou Aurora Marco, na alba dos seus tempos de investigadora, por dedicar o tempo aos petrúcios, aos grandes: Ramón Otero Pedrayo, Avilés de Taramancos, Carvalho Calero, até ela sentir o refulgir das que lavraram a paisagem, das que teceram a língua, das que empacaram as sardinhas que alimentaram luitas e descobertas, das que defenderam a terra com a força da raiva e o sacho. 

Galiza tem 350 milhões de anos, diz Otero Pedrayo, e poucos mais de 30 anos são os que leva à procura das mulheres Aurora Marco. Um grauzinho no universo. Porém, os Montes não são Universais por serem enormes, mas por serem comunais. Por serem de todas. Graças à Nossa Senhora das Letras, a história universal da Galiza é hoje um pouco mais de todas. Universal.

PARADA 2:  Edifício dos banhos

Estamos em Noguera de Albarracín e esta é a Casa de los Maestros. Dessa varanda enorme começou a olhar o mundo Aurora Marco. Já daquela fazia por olhar diferente. Chiscava um olho, abria outro, punha mão de viseira, saía na noite e no mencer, sempre à procura do pormenor diferente. 

                                                     (Fotografía Pablo Ces)

E quando abandonava a varanda era para entrar na escola da mamai: o quadro e os mapas, as mesas e os bancos, as quatro letras que aprender a ler. 

Foi o sino marcado. O das escolantas. Porque em Santiago continuou Aurora a entrar nas escolas e chegou à faculdade de filosofia e letras e venha a ler e venha a escrever e como quem não quer acabou na Escola Normal aprendendo a serem escolantas a novas raparigas e rapazes com espírito docente. 

Porém, no caminho, houve de limpar os restos do franquismo na sua formação: “A dura etapa que se iniciou tras o golpe militar, ditatorial e patriarcal reduciu as mulleres ao cumprimento dunha serie de roles tradicionais, pola que ficaron excluídas dos mecanismos de participación social. E iso contribuíu á conformación dun modelo ideal de mulleres, tarefa en que foi clave o papel da Sección Femenina e da Igrexa. O que agardaba das mulleres o novo réxime está ben recollido naquelas normas da Falanxe, de 1937, que puñan o acento na súa abnegación e sacrificio; no "obrar heroico", non na acción; non podían atraizoar o seu destino entregándose a "funcións varonís", e tiñan que procurar ser cada día "máis muller", sen esquecer o coidado da súa alma e do seu corpo "para Deus e a Falanxe". Con este ambiente, é doado comprender a incomprensión e persecución para as que traspasaban esas barreiras da domesticidade”3.

Não foi Aurora mulher para Deus e a Falange. E uma vez que virou mestra de mestras, não quis deixar no silêncio as outras que antes foram. Aquelas que andavam nessas varandas de Albarracín fazendo por olhar o mundo além dos limites do franquismo: 

Sempre houbo profesións onde as mulleres foron visíbeis. E poño por caso, por exemplo, o maxisterio, abondo esquecido na investigación social ata hai pouco. Mais a historiografía, tradicionalmente tan androcéntrica, non considerou os contributos excepcionais de pedagogas da envergadura, por citar tres casos, da compostelá Concepción Sáiz Otero, da coruñesa María Barbeito Cerviño ou da calidade profesional e humana dunha mestra rural como Antonia de la Torre Martínez, nacida en Porto do Son, que chegou á escola de Fruime (Lousame) en 1916 e saíu de alí en 1964, xubilada. Ela era –alén dunha excelente profesional que se mantiña ao día naquel lugar isolado e sen medios de comunicación–, a médica, a consultora, a asistenta social, a muller que resolvía problemas de toda índole, a autoridade moral... "Dona Antonia" segue a ser unha referencia en Fruime. Esa invisibilidade tamén se deu nos medios académicos, xa non digamos na RAG (iso é punto e aparte). E tamén na esfera pública4.


Mestra de mestras. Resgatadora de mestras. Luz que guia e ilumina.

 

PARADA 3: mirador

Estamos em San Adrião de Cobres. Aquilo que vemos lá, essa caravela que flutua e brilha no meio da ria, não é a ilha de Rua, mas São Simão. Já todas sabemos: mosteiro, lazareto, campo de concentração, cárcere, prisão. O símbolo da recuperação da memória e a sua destruição, tudo em um. São Simão é como um livro para invidentes, onde só mediante o tato podemos ler a palavra Teruel no caminho construído polos presos e baptiçado assim por eles. Mas não sempre foi assim.

Uma aurora alumiou o lugar por um tempo, para nos lembrar que sempre é possível reencontrar-nos com a memória.

Foi feliz Aurora Marco lá em 2008 quando pôde juntar na ilha as expulsadas do paraíso: as
suas exiladas. Inveja sentimos de não ter escuitado daquela Mariví Villaverde, Teresa Alvajar, Joaquina Dorado, Carmen Tagüeña, Dora Carcaño ou Silvia Mestre, conjuradas por Aurora num aquelarre de desterradas de volta na terra. De todas elas, foram chegando  a nós os ecos da suas vidas azaradas polo mundo fora, do seu desgarro por serem estrangeiras e estrangeiradas, das suas perdas e das suas ausências, o eco do sotaque tão galego de quem aprendeu a língua nas ruas de Buenos Aires ou París. 

Hoje essa ilha, essa que parece miragem aí no meio da ria, bate no mar com a memória amputada, mas continuam as auroras a alumiar o caminho para recuperar algum dia o espaço, onde eu imagino um edifício, uma sala, com os nomes e as fotografias de todas as represaliadas resgatadas por Aurora Marco, quem aplica a teoria de que aquilo que não se nomeia não existe, e gasta o tempo em elaborar listagens de nomes, em ensinar retratos para pormos rosto às ânsias, em recompilar passaportes e documentos que trazem o nosso mapa da dor, do exílio5. Disse Chelo Rodríguez, guerrilheira, quando chegou a França, viva e salva: tenho a liberdade, e não sei para que a quero, se deixo todo atrás.

"Unha noite si e outra tamén Teresa Alvajar soñaba que volvía á súa cidade, que andaba polas rúas da infancia e finalizaba a camiñada na praza de María Pita, a ollar para a xanela da oficina onde traballaba o pai. E erguíase cansa, como se tivese feito a viaxe". Em 2016, centenário das Irmandinhas, María Teresa Alvajar,regressou á Coruña e as suas cinsas foram espalladas en Punta Herminia, nun acto organizado pola súa familia e na que participou a Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica (CRMH), que en 2009 a distinguira como “Republicana de Honra”6. Aurora Marco animara-a a escribir as súas memorias -publicadas por Laiovento en 2012 (Teresa Alvajar López. Memorias dunha republicana)- e considera que o libro constitúe "a autobiografía dunha muller atravesada pola represión desatada tras o golpe militar; e a autobiografía dunha supervivente que defendeu desde a liberdade a súa vida, nun tempo en que as mulleres semella que tiñan que pedir permiso para vivir, para amar".

Porque também isso é A Nossa Senhora: farol que guia companheiras, técnica de som que coloca o micro para que falemos.

PARADA 4: Círculo lítico

Não sabemos bem para que construíam estes monumentos as nossas antecessoras. Quiçá para o mesmo que nós, hoje em dia: para fazer comunidade, para ter onde nos juntar, para presumir o governante que tocasse daquela, para dar trabalho às marginais da aldeia em um obradoiro de formação ocupacional. Não sabemos porque não deixaram dito com mensagens que podamos ler. Mas podemos imaginar que cá, ao pé destas lages graníticas, alguma fêmea neandertal cuidou da mãe ferida após a queda de uma maceira antecessora das nossas maceiras. Contou-nos isto Margaret Mead, antropóloga, pondo em destaque a importância do foco quando analisamos os dados que nos fornece o passado: ela contava que o primeiro signo de civilização na cultura antiga foi um fémur fraturado e depois sandado. Explicava que no reino animal, se quebras uma perna, a morte é segura. Não podes fugir do perigo, ir à fonte a por água, procurar alimento, e passas a ser presa fácil. Poucos animais sobrevivem a unha perna quebrada o tempo suficiente para que a ossamenta sande. Por isto, um fémur rompido e curado é a prova de que alguém tomou o tempo de ficar com a pessoa acidentada, recolocou a perna, imobilizou com faixas, levou-na a lugar seguro e ajudou-a a se recuperar. No cuidado está a civilização. 

Seique esta anedota é falsa: não há fontes documentais, falta a gravação da palestra, em realidade também os animais sandam fraturas, que vá, a Margaret nem tão original foi. Sempre questionadas as poucas mulheres que levantam a voz. 


Milhares de anos tiveram que passar para compreendermos a importância, também, de narrar os cuidados, de pôr nome às cuidadoras, às fornecedoras de alimento, às sandadoras que não foram à faculdade de medicina e mesmo assim envolveram em faixas pernas e braços quebrados. Isso faz, como a Margaret Mead, Aurora Marco.


Parada 5: Pombal

Pablinho, faz-nos uma foto a papá e mamã, anda, disse um dia Aurora ao filho no Dolmem de Ageitos. E Pablinho apanhou por vez primeira a câmara e fotografou a história e a mamã. Pablinho, e por que não nos gravas a passejar por entre as casoupas, anda?, disse Aurora ao filho outro dia em Baronha. E Pablinho apanhou por primeira vez a outra câmara, a de vídeo. E brincou com ela e gravou estas pedras, e fez macros e micros e picados e pendurou a câmara daquele pinheiro para provar o plano zenital e aprendeu a cinear e foi ele que pediu, Aurora, mamai, e ajudas-me a contar o conto dos torreiros?, e Aurora escreveu o conto do torreiro de Sálvora, do torreiro de Ons, dos torreiros todos que já não são porque estes faróis já só querem máquinas. Começou aí um caminho umbilical de ida e volta, onde mãe e filho juntaram artes, ela as letras, ele as imagens.

 

 E Pablinho, acompanhas-me, que ando à procura de guerrilheiras? Só tenho um nome, Enriqueta Otero Blanco, mas vaiamos polas portas e perguntemos, gravas-nos? E vens à Cidade da Selva? E gravas a Casa da Fortaleza? E atendes a Chelo, para que fique a sua voz, a sua dignidade, a sua história. Chelo ía armada. Camiñaba durante horas cargada co macuto como os seus compañeiros en días de intensas nevadas.  

 

Vivía nos chozos da Cidade da Selva, en Casaio, no medio da precariedade. Nessas casoupinhas precárias tinham cova os fugidos. E as fugidas. Ela e a súa irmá Antonia foran enlaces desde que os seus irmáns se botaran ao monte no 1939. E chegou un momento no que tivo que escoller entre subir ela tamén ou morrer7. Que não, que não era as queridas dos guerrilheiros, nem as amantes, nem as suas amancebadas. Eram mulheres com alto compromisso político e social. 

E Pablo Ces gravou. Cá na Cidade da Selva, o refúgio de guerrilheiros nos montes de Casaio. Nestas casoupinhas precárias tinham cova os fugidos. E as fugidas. 

                                                (Fotografía Eva Teixeiro)
 

E juntos arrebataram As silenciadas da mudez, que só havia uma ou duas e Aurora Marco contou-nos mais de 200. E permitiram-nos a outras chegar a elas, como cheguei eu quando escrevia o meu seique:

empatia


quando escuito a chelo rodríguez, guerrilheira, contar com bágoas nos olhos no documentário as silenciadas, como os guarda civis chegaram à sua casa na aurora de um novo dia, como entraram na alcova de seu pai e sua mãe para moê-los a paus, não sem antes chamá-la puta a ela, e como ali os deixaram, na mesma cama, quase que por mortos, a imaginação leva-me ao tio manuel e ao abuelito e à bisavó casilda. 


em soulecim, na casa chamada fortaleza, a diferença de portaris, quem malhava não era o filho.


PARADA 6: Lavadoiro de Pedrim

A este lavadoiro, cá no lugar de Leira, em Ordes, tem acompanhado centas vezes Aurora à avó Carmen. A velha deixava que a cativa esfregara os panos pequenos em quanto reservava para si os lenços, as camisas, as peças delicadas. O som rítmico dos golpes, os contos com as vizinhas, retorcer as sabas e pôr a clareio nas silveiras. 

                                                 (Fotografía Pablo Ces)
 

Acordou-lhe esta cena quando soube de Brígida Muñiz Suárez, da “Sociedade La Fraternidad” de Boiro8. Unha labrega do lugar de Triñáns que, a partir de marzo de 1936, a raíz das eleizóns da Frente Popular, formou parte da corporación municipal de Boiro, como única muller, en representación do Partido Socialista. 

Uma das preocupações de Brígida como concelheira, no pouco tempo que pôde exercer, foi a da criação de fontes e lavadoiros no município, para facilitar o trabalho das mulheres: como aquela neandertal anônima, cuidar de que podamos chegar à água; outra preocupação: o mercado de abastos e o matadoiro municipal: como aquela neandertal anônima, cuidar de que podamos chegar ao alimento. Cando a sublevación, foi paseada por todo Boiro, coa cabeza rapada e as siglas UHP pintadas na fronte, embargáronlle as vacas e estivo detida arredor dun mes no concello. Foi este o castigo exemplar para quem quis exercer a civilização, quer dizer, o cuidado.

     (Fotografía Patricia Porto)
 

Aurora Marco tem abordado em várias das suas obras os decisivos avanços da mulher galega na II República espanhola, o seu posterior papel sobressalente na resistência, e o discurso de ridiculização e escárnio lançado polos franquistas contra aquelas que não se rendiam9. E Brígida aboia na sua memória, peixinho a borbulhar dignidade, cada vez que se achega a um lavadoiro, o de Leira, o de Santo António, o do Meio, o de Pedrim. Agora aboia também em todas nós: Brígida Muñiz Suárez.


PARADA 7: Mesa de merendeiro

A mim, ratinha de andéis, estantes e arquivos, “pedagogo con saias, bachillera, necia e insufrible”10, são duas as bibliotecárias que me vêm sempre à cabeça: uma, a mártir, Juana Capdevielle. Integrante nos tempos republicanos do Corpo de Arquiveiras e Bibliotecárias, dirigiu duas das mais prestigiosas bibliotecas de Madrid: a do Ateneo e a da Faculdade de Letras. Como boa cuidadora civilizada mostrou interesse em potenciar as bibliotecas hospitalares. E como boa feminista defendeu publicamente outra maneira de amar, defrontando-se a Novoa Santos, médico, deputado e reitor que defendia a nossa inferioridade e incapacidade como mulheres. Juana foi assassinada numa gávia de Rábade, após suportar o assassinato do seu homem. 

A outra bibliotecária que vem a mim é María Moliner. Também integrante do Corpo de Arquiveiras e Bibliotecárias. Implicada nas Missões Pedagógicas republicadas, foi cuidadora civilizada que se preocupou de organizar as primeiras Bibliotecas Ambulantes, para nos facilitar o acesso universal à cultura. Porque a cultura é como os Montes Universais que nasceram a Aurora: de todas. María Moliner foi arrebatada do seu trabalho e exilada na cozinha, perna quebrada e na casa. E mesmo assim cuidou de nosoutras, criando, nesta mesa, entre potas, testos e patacas por pranar, um dicionário exemplar. 

Ao seu pé sentou Aurora, cotovelo com cotovelo atendeu a como María redigia as suas palavras, uma a uma caçadas nos livros, pescadas no ar das praças e ultra-marinos, arrancadas dos ensaios clandestinos. Ao pé de María estudou Aurora dicionários. E foi ela quem, seguindo os passos da precursora, acadou a façanha: retirar do mercado um dicionário sexista. 

Minha senhora, só por isso já mereces este dia!


 

Se o ano 1992 foi um fito nas Espanhas, o ano 1991 foi-no na didática das línguas, pois foi nesse ano em que Aurora Marco fez uma análise do sexismo nos dicionários escolares para dar com pérolas como que uma MULHER é uma fémea de animal que pensa e fala. Após apresentar o seu trabalho, Xerais retirou o Dicionário Básico de Lingua Galega analisado. Mesmo assim, a nossa senhora foi ridiculizada polos autoros do produto11, dizendo dela coisas como que só reparava na anedota ou que o seu eram parvadas de feministas. O mesminho que escuitou antes a Moliner dos senhores acadêmicos. 


PARADA 8: Anfiteatro

Neste Sala de Atos do Museu do Povo Galego assistiu Aurora Marco ao Primeiro Congresso Internacional das Irmandades da Fala. E sem fala ficou. Depois de atender a todas as mesas e palestras viu como ninguém oferecera praticamente nomes de mulheres ativistas nessas irmandades. As poucas que eram citadas eram as já conhecidas: María Miramontes, eterna esposa de, Corona González, Amparo López Jean. 

Também, nesses messes do centenário ,me surpreendera a mim tamanha escaseza. E escrevim alguns poemas, como este para uma das muitas mestras represaliadas, a quem lhe foi extirpado o seu título, e que botou onze anos, onze, sem sair da casa: 


elvira bao 

é só um passinho 

tenta com os tentos 

apoia-te nos muros 

deixa-te ir pola fenda 

que cai na porta 


é só um passinho 

pousa sem pavor 

sem espanto 

mas pousa 

com cautela 

um pé atrás do outro 

isso é 

fazer caminho 


lembra 


é só um passinho 

trespassar a soleira 

e sentir 

sentir a tarde 

a refrescar os cotos 

das amputadas asas 


tantos messes depois 

tantos anos depois. 


Mas, enquanto eu poetava, Aurora Marco remexia papeis como levava fazendo durante toda a sua vida investigadora e feminista: Foi (tarefa) longa e fatigosa, si. A finais dos 80 comecei un traballo de respiga perseverante nas hemerotecas, cuxos fondos estaban sen dixitalizar naquela altura, o que esixía unha consulta demorada e cansa –exemplar por exemplar, folla por folla–  na procura da presenza feminina: un poema, un artigo; a referencia dunha conferencia, da estrea dunha peza de teatro, dun poemario, dunha novela; a noticia dunha actuación musical, dunha exposición... Un material de gran valor que foi enchendo cadernos e cadernos e que deu lugar, completado con outras fontes –entre elas as orais–, a unha parte considerábel da miña produción posterior, corrixido e aumentado, cando foi posíbel encontrar máis información12.

E assim, durante quatro anos, mergulhou em arquivos, revistas, jornais, falou e falou e falou com famílias, para trazer-nos refulgentes, centas irmandinhas que foram pioneiras, elas sim, no ativismo político. Eram duras e rebeldes, posicionadas contra as injustiças, mas recebidas com banalidade, coma nosoutras tantas vezes, polos que deveram exercer de companheiros de luita: 

Pero a nota máis simpática douna unha señorita que falou em nome da seición feminina da Irmandade. Esta siñorita, nova e fermosa, co’as meixelas roxas e os seus ollos conqueridores e escintilantes efeito da xenreira que sintía, esprexou a dor das mulleres dinas ante o fusilamento das irmás labregas na aldea de Sofán. Foi moi gabada13.

Um grupo organizado de mulheres protesta publicamente polo assassinato de Josefa Bolón Mato, María Caamaño Pallas, Carmen Veira Souto e María Serrano Paz, e o que resta delas para o futuro são uns olhos escintilantes, 


Por isso continuamos a precisar de ti, Aurora Marco.


                                        (Fotografía Pablo Ces)

    FIM


Lembremos os nomes todos: 

Concepción Sáiz Otero, luzinha

María Barbeito Cerviño, luzinha 

Antonia de la Torre Martínez, luzinha

Margaret Mead, luzinha

Juana Capdevielle, luzinha

María Moliner, luzinha

Mariví Villaverde, luzinha

Teresa Alvajar, luzinha

Joaquina Dorado, luzinha

Carmen Tagüeña, luzinha

Dora Carcaño, luzinha

Silvia Mestre, luzinha

Enriqueta Otero Blanco, luzinha

Chelo Rodríguez, luzinha

Antonia Rodríguez, luzinha

Brígida Muñiz Suárez, luzinha

María Miramontes, luzinha 

Corona González, luzinha

Amparo López Jean, luzinha 

Elvira Bao, luzinha

Josefa Bolón Mato, luzinha

María Caamaño Pallas, luzinha

Carmen Veira Souto, luzinha

María Serrano Paz, luzinha


Esta moitedume de luzinhas representa o povo, que nunca nos atraiçoou, a energia colectiva, que nunca perece, e em fim, a esperança feminista, que nunca cansa. Essa infinita moitedume de luzinhas representa o que fomos, o que somos e o que seremos sempre, sempre, sempre14.


1Otero Pedrayo, Ramón: Historia de Galicia, pág. 37.

2Versão amputada e nossa do discurso Alba de Grória, de Castelao: https://youtu.be/0TzduLWOVwE

3https://praza.gal/cultura/as-mulleres-de-hoxe-non-chegamos-ata-aqui-por-xeracion-espontanea-houbo-outras-que-o-fixeron-antes

4https://praza.gal/cultura/as-mulleres-de-hoxe-non-chegamos-ata-aqui-por-xeracion-espontanea-houbo-outras-que-o-fixeron-antes

5https://www.aelg.gal/centro-documentacion/autores-as/aurora-marco/paratextos/7193/la-carcel-de-las-guardianas-de-la-memoria

6https://praza.gal/movementos-sociais/teresa-alvajar-volve-a-casa

7https://praza.gal/cultura/las-guerrilleiras-eran-mulleres-cun-compromiso-politico-inequivocor

8http://culturagalega.gal/album/mulleres_e_a_memoria_historica.php

9https://www.galizalivre.com/2022/02/15/o-odio-fascista-contra-a-mulher-organizada-o-caso-de-brigida-muniz/

10https://praza.gal/cultura/las-mulleres-actuais-non-partimos-de-cero-as-que-nos-precederon-deixaron-a-leira-decruadar

11https://praza.gal/cultura/as-mulleres-de-hoxe-non-chegamos-ata-aqui-por-xeracion-espontanea-houbo-outras-que-o-fixeron-antes

12https://praza.gal/cultura/as-mulleres-de-hoxe-non-chegamos-ata-aqui-por-xeracion-espontanea-houbo-outras-que-o-fixeron-antes

13Aurora Marco: Irmandiñas, Laiovento, 2020, pág. 47.

14Versão amputada e nossa do discurso Alba de Grória, de Castelao: https://youtu.be/0TzduLWOVwE