Buscar neste blog

Amosando publicacións coa etiqueta DLG2019. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta DLG2019. Amosar todas as publicacións

martes, 13 de agosto de 2019

Xela Arias, tan negra por elección. 5 postais



(A xeito de introdución)
Coincidimos en recitais e páxinas de publicacións; ela nacera no 62, eu tamén. Cos anos coincidimos tamén nesa posición “a-xeracional” que dalgunha maneira nos acompañou a algunhas d*s que comezamos a publicar nos últimos 80. No seu caso fortalecida cunha opción poética que se evidencia non só na voz, tamén no lugar desde o que fala.


1ª postal: TAN NEGRA POR ELECCIÓN.

Xela Arias escolle unha posición estrema para a escritura; un lugar afastado do código preponderante, unha poética que desafía os moldes estipulados mais tamén as pautas de corrección social e os seus mecanismos disciplinarios. A posición - que é unha declaración de intencións - está xa en Denuncia do equilibro e formúlase de cada vez máis nítida, depurada e esixente ata Intempériome onde irradia todo o libro; de feito toda a obra é unha declaración afirmada do lugar onde se sitúa o poema e a poeta. Esa posición é a da negritude, a do “afora”, a da expulsión.

Intempériome ábrese cun longo poema. Un fragmento:

“Íspeme o idioma e sábemo suando en sida.

A miña querida sida,
veleno que me inoculo cada día como pregaria
ou forma
de Non deixar de me entender castigada dalgunha lei.

A miña lei, de me nacer así tan negra por elección.
Máis coitelos para que? Atende, mírame,
mírame agora a sida,
que te quero negra,
negra asombrada fanática africana,
na batalla da historia en ringleira, adiante,
de primeiras feras vós desterrados
para tervos ó fin pacíficas vitorias
nas terras de ninguén que chaman ás casas:
os vosos fogares
asolados de compromisos tan, tan antigos.

E costumes, negra”.

2ª postal: INTEMPERIARSE.

(Do dicionario de Xela) Intemperiarse: acción de exporse á intemperie. Revolverse. Cuestionar a convención.

Ela sabe que está á intemperie e quere estar. Díxoo na conversa que tivemos na radio cando publicou o último libro: o ser humano está á intemperie, mais tamén unha decídese na intemperie, revólvese, cuestiónase e cuestiona o que a rodea “a orde establecida, calquera que sexa”.
Intemperiarse talvez é por exemplo non publicar Lilí sen pistolas ou Maldito lindo por autoesixencia, decidirse pola rúa antes que polas aulas, non axustarse ao modelo, non entrar na rolda dos premios ou organizar concertos expansivos. Intemperiarse é tamén explorar os outros lugares do poema: a indagación nos límites de Tigres coma cabalos ou Vencerse é cousa de se tratar. O poema fóra do libro, na rúa, a súa liberación do andel.
Porque non só é discurso o texto, tamén a posición que adopta a poeta. No seu caso sen colectivos que a aperten, consciente do lugar, do idioma, do xénero, da nación e da derrota.

“A unidade componse.
Da desorde.

Desordénome, amor,
e dou co punto
único
do centro dos abrazos.

Abrazo a desorde das ideas
e sei
que a unidade se compón.

A unidade componse.

Da desorde.”
(de Intempériome)

3ª postal: M.M.//X.T//X.A.

Intemperiarse é tamén desandar os textos e reviralos, fender a sintaxe, abrir a palabra. Todo o desafío verbal da súa obra lévanos a un territorio de creación léxica e sintáctica que nos coloca nunha posición tamén a nós, lectoras, estrema; participamos do proceso sen compracencias, hai que entrar ao poema con esa mesma audacia. E Xela Arias revélase da liñaxe das que cruzan a lingua, o idioma, para ousar outras arquitecturas verbais. Desa mesma liñaxe de Xohana Torres por exemplo, de María Mariño por exemplo.

“Tal confundes verso e palabra,
así che estrago os pronomes.
Obrígate a traballo novo,
que tamén ti pínta-lo cadro que axexas.
Pintura de caracteres
no fascinio do convencional,
se che convén”.
(de Intempériome)


4ª postal: POÉTICAS CON ROSALÍA.

Nesta postal vese a Xohana Torres nun estudio de gravación na Picaraña, preto de Padrón. Talvez era de mañá ou se cadra xa pola tarde. Fronte ao atril a poeta, sen auriculares. No atril un poema que comeza “Ti es para min isa barca que lembra / toda a presencia de madeiras náufragas”. No medio da lectura deténse. “Sedenta como un mar / e no teu mar afogada”. Son dous versos que se repiten a xeito de retrouso. “Quedaría mellor con outras voces”, di. Talvez fixemos de coro Xela, Yolanda e máis eu. Escóitase en Daquelas que cantan, o proxecto sonoro e textual que reuniu no ano 1997 a once poetas arredor de Rosalía de Castro. Gravamos os poemas para o disco, xantamos, fixemos fotos na Casa Museo, falamos... na miña memoria grávase a conversa con Xela que acababa de retomar estudos na Universidade. Foi un encontro feliz.

Publicou en Daquelas que cantan o poema A de quen comprende. Un fragmento:

“Inmaculábante. Eras necesaria.
Inmacúlante. Es o principio da camiñada.

Mira como así rabenan,
rematan esgotado o teu dereito a rebentar.

Nada novo, inmaculada Rosalía.
Tal sempre mulleres confinadas na construcción
doutros,
comprendes:
revólveseche a arma contra ti.

A de quen comprende non é
palabra de feliz”

5ª postal: TIGRES NOS SEUS BRAZOS.

Hai unha pantera que cruza o poema de Xela Arias e nesa súa animalidade o verso toma a forma física do alento que a atravesa. A ela o poema brótalle entre as costelas e o pulmón, aí onde o corazón percute na razón outra, na indómita. Hai unha bandada de panteras que encantan atravesando o poema da negritude por elección. Son panteras que se gravan no eco do verso como se grava a sombra dos cormoráns abatidos contra as rochas e os escualos na noite e os bechos. É a furia indómita, ese animal que respira nos poemas de Xela, tigres nos seus brazos.

“Intempestiva,
serse intempestiva.
E domea-la furia á procura
da froita
madura”
(de Intempériome)


Texto escrito e lido por Ana Romaní na presentación de Poesía reunida(1982-2004) de Xela Arias, en Pontevedra (maio 2019) no encontro literario Teñamos a poesía en Paz, coordinado por Helena Torres e organizado pola librería Paz de Pontevedra e no que participou xunto con Marga do Val, Cristal Méndez e Susana Trigo. 

luns, 12 de agosto de 2019

Intempériome con Xela por Susana Trigo


 


Dicir que eu tamén son do 64 e medio viguesa é inventar unhas posibles coordenadas dunha curta e intensa amizade con Xela Arias.

30 e tantos anos despois, co gallo deste encontro, revisitei esa floresta da memoria – ou sexa, busquei e abrín carpetas das que xa nin me lembraba- e vexo con sorpresa que o tempo deu unha sorprendente consistencia ao que daquela tiña o xeito desamañado dun mato a rebentar pola primavera. Eran os nosos 17, 18 e para adiante...

Así que os motivos polos que participo neste encontro non son méritos literarios. Síntome máis unha cronista moi moi parcial, cronista afectiva, daqueles primeiros 80 nos que moitas mozas fomos tomando sitio no banquete da vida que arrencendía diante de nós e no que decidimos convidarnos soas.

Iamos medrando, eu en particular, bastante soas, con moi poucos modelos, e menos femininos que eran os que a min me interesaban, moi intuitivamente, moitas veces con desconformidade, ou cando menos incomodidade. Todo era unha conquista atractiva: usar o galego na escrita, loitar polo carril bici de Vigo, andar soas ás once da noite, aprender que a autodeterminación dos pobos era un dereito obvio, bañarse espidas no mar, viaxar fóra de Galicia e comprobar que seguía funcionando o de sentírmonos galegas, autodefinirmonos feministas, viaxar fóra de Galicia e comprobar que había mundos mellores… Dous interrogantes: como chegamos a certas ideas tan claras xa daquela? Como é posible que hoxe aínda sexan asuntos pendentes as máis delas?

Vigo era calquera vila desartellada da Transición, por veces bastante convulsa, inhóspita moitas tardes, onde a mocidade con inquedanzas literarias ou de calquera tipo tiñamos que procurar o noso propio alimento. Daquela simplemente era a curiosidade urxente por vivir, conquistar un mundo propio, tomar posesión de todas as horas do día e a noite e de todos os libros, pubs, músicas... Todo moi propio da idade, por outra banda. Iso é o que adoita acontecer aos 18. Xela era esa inquedanza e esa fame na extrema do considerado propio da idade. Eu tiraba de instituto para azalgar a curiosidade e de verdade que foi un tempo vizoso. Aínda que o meu Vigo non era nada underground nin nada Madrid se escribe con V d Vigo, que era o que se levaba daquela. Un Coia/Vigo nada rompedor. Despois vin estudar a Pontevedra e as miñas coordenadas vitais transformáronse radicalmente, xusto nesta vila adurmiñada e terriblemente fedorenta.

Curiosamente toda a miña liberación de poeta postadolescente viguesa veu atopar fartura nun soto de Marín, o imprescindible Ateneo Santa Cecilia, espazo milagreiro que Miguel Villanueva Graña dinamizaba con paixón. Foi nun encontro literario, no Estruturas Poéticas 2, -ou sexa, o que hoxe sería un Teñamos a poesía en Paz, pero aínda con menos medios e difusión- onde comezou a miña relación con Xela. Eu xa coñecía a Helena de Carlos e máis fugazmente a Ana Romaní, todas nós aínda chamadas “poetisas” cando esta palabra xa renxía nos nosos ouvidos. Estabamos a estrear a condición de “mozas que escreben en galego” e xa coincidíramos nalgún certame de poesía. Da man de Xaquín Agulla Pizcueta cheguei ao Ateneo e ao mundo Kinkaya Fina que logo se converteu en Carel, unha publicación extremadamante coidada para o que era o mundo dos fanzines e as iniciacións artísticas. Ver na actualidade a nómina das mozas e mozos, e non tan mozos, que pasaron pola breve serie de Carel causa sorpresa prolongada e admiración. O caso é que Miguel Villanueva tiraba de nós e facía confluír moitas persoas cos mesmos intereses culturais. Eu estaba fascinada: publicaba poemas e debuxos nun soporte que foi dando corpo ao meu traballo. Xa non eran follas grampadas en carpetas. Os meus escritos comezaron a ter consistencia publicados na compaña dos escritos das outras poetas e tomaron azos. Falo de min como suxeito que representa en parte o que nos foi acontecendo, creo que máis ás mozas que aos mozos dos oitenta.

Eu coñecía a máis amigas que amigos que escribían pero publicamente eles sempre eran moitos máis e de todas as idades. A revista Dorna aparecera no 81, importantísima aglutinadora da creación literaria novel en Galicia. Pero sería Festa da palabra silenciada no 83 a que formalizaría unha toma de posición irrenunciable. Foi un punto de inflexión na que agora é a vizosa voz de muller nas letras galegas. Aí coñecín tamén os textos de Cristal, por exemplo. Así que, naquel contexto tan masculinizado, pero tan masculinizado como para definir sen pudor a “Festa da palabra” de revista tendenciosa, sectaria e molesta, na que se publicabas quedabas marcada, -ou sexa feminista-, naquel contexto, digo, aínda me sorprende e me admira que Miguel deseñase oito páxinas centrais no número 3 da revista Carel nas que conseguiu trazar algo así coma un feito xeracional en feminino na poesía xuntándonos a Helena de Carlos, Ana Romaní, Xela Arias e eu mesma. Son 8 páxinas ás que sempre lles tiven moito agarimo, coma se fosen un xuramento de sororidade que nos fixemos as catro, aló, na Alameda de Compostela, onde nos tiraran as fotos. Segue sendo máxico, porque nada apuntaba – ou quizais todo e iso é o que Miguel soubo ver- a que entre aquelas vinteañeiras xa se xestaban os poemarios imprescindibles Alta casa ou Vigo de Helena, Darío a diario ou Intempériome de Xela, Arden ou Estremas de Ana, por citar os que máis me conmoveron nos anos e décadas seguintes. Ese número de Carel é do 85 e xa no 86 Xela publica Denuncia do equilibrio e no 87 Ana autoedita Palabra de mar.

Xela foi a aparición do que me gustaría chegar a ser, antes case de formulalo. Ela xa vivía soa, traballaba nunha editorial e levaba un estilo de vida intrepidamente urbano canda eu comezaba a saír paseniño da casa da miña familia. Tiña tanta experiencia vital acumulada con case a mesma idade ca min que me fascinaba sen remedio. E inquedábame. Viña ás veces dunha negrura tan rebelde, dun nihilismo tan intenso que eu sentía que no seu corpo miúdo había inmensas lagoas misteriosas. Xela fincou unha pedrafita no meu proceso de crecemento e sen sabelo nin ela nin eu, convidoume a ser valente e auténtica.

Só 2 anos maior ca min, Xela avanzara creativamente tanto que xa andaba na análise cubista de descompoñelo todo e ofrecer tantas facetas do poema coma fose posible. Era moi seria no tocante á escrita. Era intensa, a min impresionábame o respecto fondo que sentía polas palabras. Vivía a poesía dun xeito transcendente, prestáballe á forma unha atención de laboratorio científico e cada vez que lía en público, espía a alma. Porque Xela era alma. E o Alma, un pub de Vigo onde despois nos temos encontrado para falar das flores do mal e facer algún cadavre exquisito. Así, en plan Rimbaud e Baudelaire. Xela coqueteaba co malditismo, unha autoesixencia de coherencia literaria e vital que a min me inquedaba.

Cuestiono se o tempo é monocorde... (Denuncia do equilibrio)

Con ela aprendín precisamente iso, a seriedade do asunto de escribir. Impactábame o seu léxico. Nos seus poemas non había vírgulas pero había anglicismos, un buick! a sintaxe era un suxeitador do que despoxarse con decisión. Pero ademais a lingua de Xela fora falada antes de ser escrita con toda seguridade, mentres eu estaba a estrear o meu galego vigués de dicionario, case sen raíz, ao borde da extinción xa no meu entorno.
Trouxen augamel para agasallarte... (Denuncia)

Bebín dos mares da palabra de Xela toda a súa ousadía ao escribir: modelar a linguaxe coloquial, salferir as maiúsculas na metade do verso, tratar os verbos cunha confianza desmedida na súas posibilidades de conxugación... Eu estudara no insti as vangardas e o 27 e adoraba xa a Manuel Antonio e lera Con pólvora e magnolias ou Se o noso amor e os peixes... e coñecía textos dos Rompente. Pero en Xela atopei toda esta innovación profundamente decantada, fluíndo de xeito tan natural, tan seu, que non había pose.

Carlos Oroza, James Joyce, Castelo Branco... Xela era extremadamente literaria no seu cotián. Avanzaba en autores sofisticados e suicidas. Era coma se lle viñese de linaxe o mundo dos libros e moitas veces sentín unha incómoda envexa polos espazos literarios que foi conquistando cunha aparente facilidade polo contexto do que proviña. Pero esa aparente facilidade foi derrubada por ela mesma, que se botou a andar por carreiros sen desbrozar, soa e pioneira. Alén de todo o extenso traballo de edición e tradución que desenvolveu nos seguintes anos, e mesmo do tempo que dedicou á súa formación universitaria estou certa de que cada liña, cada palabra, cada signo de puntuación dos poemarios que seguiu publicando -e eu lendo vorazmente- son o resultado de profundos mergullos en apnea nos seus abismos e luces, dos que extraía as formas máis puras e honestas da palabra e de si mesma. Iso é a poesía. Tal vez eu non seguín publicando poemas porque non quería ser insinceira. Marchei vivir fóra de Galicia no 87 e engaioleime noutros intereses. Pero ela permaneceu. Elas permaneceron. A Xela aínda a voltei ver nalgún Festival da poesía do Condado, outra iniciativa trascendente pola valentía de facer popular unha expresión que parecía requintada e elitista. Tamén nos atopamos nalgunha cea de Xerais. Na súa ollada sempre sentín que aínda agardaba polo meu libro de poemas. Anos despois voltei vivir a Pontevedra e ensarilleime na AS-PG. A miña querida Marga ía xuntarnos no ano de Bóveda, no 2003, en novembro, de novo en Pontevedra, xusto 20 anos despois daquel primeiro encontro. Que hostil foi a intemperie daquel outono. Ela marchou pero deixou recados e todo moi ben explicado.

Entrégoteme
Entrégoteme obsesa
Entrégoteme obsesa a entrar en min


Vide.
Convídovos ó espectáculo de non ser para ser de todo.
Vide que vos convido
a vos ver.
Ven que te reto
a te ver a ti desde ti en ti.

(De “Vencerse é cousa de se tratar” en Intempériome)


Texto escrito e lido por Susana Trigo Arcos na presentación de Poesía reunida(1982-2004) de Xela Arias, en Pontevedra (maio 2019) no encontro literario Teñamos a poesía en Paz, coordinado por Helena Torres e organizado pola librería Paz de Pontevedra e no que participou xunto con Marga do Val, Cristal Méndez e Ana Romaní.

venres, 2 de agosto de 2019

Achegamento a ese desequilibrio necesario nun tempo de tigres e cabalos, por Rosa Enríquez


Xela Arias, por Lorena Conde


máis arriba das palabras/ hai un ceo de palabras e as/ palabras non existen

Xela Arias

A contemplación e vivencia da fláccida realidade, esa observación atenta do que sucede. Tamén a maneira de experimentar a pesadez das horas, sentir o seu transcurso ata o delirio mentres un manto invisíbel envolve as cousas mínimas: a simplicidade dunha flor calquera, dun insecto, dun corpo espido... A importancia do desexo e da entrega. A negación ante o devandito espasmo das horas a abrirse paso. A deconstrución da idea que se acepta porque si. Sen máis xustificación que a propia recorrencia que parece conferirlle un pouso de verdade, como iso de ver algo limpo no amor e pensalo sempre inocente. A pregunta. As preguntas. Todo ese ronsel de cuestións que nos coloca en lugares difíciles, porque introducir a dúbida pode provocar un descenso en picado e non nos gusta nada iso de darnos un golpe duro e desfacer o que somos, ou pensabamos ser, en anacos. Entendo que caer así é un xeito de morrer. Hai que ser moi forte para saber abandonarse. O máis fácil é resistirse ao golpe. Evitalo. Como deixarse ir sen perderse?. Velaquí a cuestión. Para Xela Arias esa caída en picado era algo necesario. Non quixo permanecer varada e interpretarse incapaz de renovación. Sabía da flaccidez da realidade e aceptaba estar en guerra. Tigres coma cabalos é un reflexo desa tensión interna que non desexaba evitar. Amosar o seu corpo espido ante unha comunidade lectora máis afeita á poesía da paisaxe ao xeito dos románticos ingleses, por exemplo, foi a maneira que atopou de expresar o seu bramido e provocar a explosión. Quería escribir algo diferente, textos que non se limitasen a unha creación vicaria, dacabalo da literatura exterior malia alimentarse dela. Podemos respirar a frescura nos seus poemas, algo que non pasou desapercibido polas lectoras, que, pouco tempo despois, iniciarían a súa andaina literaria. O escrito por Xela, do mesmo xeito que o traballo de Lois Pereiro ou Chus Pato, constitúen un legado importante para toda a xeración dos 90 que nos deixou eses textos revitalizantes, vigorosos e rompedores que tanto compraceron ás máis audaces lectoras un pouco cansas do academicismo culturalista da xeración anterior. Xela Arias envolveu entón un contido potente nun continente atractivo, porque si se pode tratar asuntos “serios” cun enfoque absolutamente moderno sen renunciar a intensidade expresiva, que, ao meu ver, devén maior. Máis demoledora. Esa singularidade de Arias, que conseguiu mediante a desvirtuación da sintaxe e un xogo lingüístico estilizado, atrapa. Denuncia do equilibrio (1986) dá boa conta disto con versos sorprendentes, que, alonxados de calquera manierismo ou afectación, transmiten a súa visión da soidade, do amor ou do propio tempo, sen que teñamos a sensación de que “chove sobre mollado” ao lelos. Iso de que posuía, por exemplo, un “corazón de auga derretida desbordando/ vasos e piscinas” e a sensación de asfixia, porque “se non che falo non collo no cuadrilátero da habitación”, ou aquela rotundidade de que “só ningures país da decapitación non ten leis/ para amarrarte”, revelan esa visión do amor como algo que se derrama por todas partes, que nos lembra tamén a nosa condición humana, profundamente fráxil, por efémera, malia toda a ardentía que tal sentimento suscita... Talvez por iso introduciu ese famoso verso de Rimbaud - “apprécions sans vertige l’étendu de mon innocence”-, que ela mesma traduciu ao galego con algunha variación na persoa do verbo -“aprecio sen vértigo a extensión da miña inocencia”- para dar conta desa vivencia apaixoada, tantas veces voraz, que nos permite vivir coma quen anda suspendida polo aire e camiña delicadamente, subida a unha estrada invisíbel polo baixo da que se pode observar o conxunto do real como algo alleo. Esa sensación de alienación á que nos deixamos inducir pola efervescencia amorosa, dado o desexo que interpretamos irrenunciábel, é algo que Arias nos describiu, divertida, coma unha tempada no inferno -clara alusión, unha vez máis, a “Une saison en enfer”, 1873, de Rimbaud- metida entre as súas pernas: “ti espiába-la miña falda e eu/ nela escondía unha tempada no inferno”.



Hai vigor e ansia neses poemas, unha vontade de xogo e grande interese pola luminosidade que a voluptuosidade fornece entre persoas que se desexan. Con todo isto recoñécese o peso que o instinto ten na textura dos poemas de Xela Arias, un instinto que non foxe da reflexión, porque esta existe. Faise explícita na propia descrición do tempo coma un todo insobornábel e extenso que segue e segue, que non cede e que só conseguimos deter nun acto de ensimesmamento ao observar, poño por caso, o baile comunitario das formigas nese desfile multitudinario e “miniaturesco”. Así percibiu Xela entón a devandita “parada” : “estaba cansa a/ traballar por saír/ NO INTERMEDIO DAS HORAS/ que bailaban no swing das formigas/ ó son que pasaban...” Tamén vemos esa incursión nos buratos do tempo na contemplación das claraboias polas que afirmou abandonarse: “interiorizo constelacións/ vércome nas claraboias das cítaras cigarras na cidade”. Esa maneira de se deixar ir na propia observación do que aparece ante os seus ollos a través do cristal, favorece a percepción distante do bulir da cidade, a separación do eu lírico daquilo que sucede fóra. Polo menos durante uns minutos. Por iso “supuxo” que sentirse fóra de todo é un feito, algo que devén inevitábel: “supoño que é un feito/ sentirse fóra de tódolos mundos”. É precisamente esa maneira de se ver fóra “de tódolos mundos” a que a conduciu a interrogarse sobre o observábel: “¿ O intelixíbel é o sentido?” . Eis unha pregunta inquietante sen resposta. A poeta deixounos “tiradas” coa cuestión de marras. Tiña claro que o interesante non é tanto atopar “a resposta” como formular as preguntas pertinentes. Non se situou, por tanto, en ningunha atalaia dende a que acabar co noso abismo de dúbidas. Partillou con nós esa ausencia de certezas e favoreceu un percorrido polos seus poemas totalmente libre. Non lle compracía aceptar un paradigma moral sen o pasar polo seu propio tamiz. Nutriu todo o escrito desa non aceptación, da busca constante, da vontade de se abandonar e permitirse estar confusa. Non renunciou ao feito de ser contemplada, mesmo interpelada, polo devandito abismo. Comprendeu que era necesario integralo no seu proceso vital para avanzar e experimentar novas sensacións. Non pode pois sorprender que escribise algo coma isto: “E tododios -entre seguro- están andando/ !e eu que posuía unha clave/ dourada para as fugas¡/ ¿todo anxo é terrible?/ perdinme -recoñecinme- volvín perderme…/ e este perder era un alucinar coa fláccida realidade/”. Con esta capacidade de se deixar envolver polo descoñecido e aceptar perderse, Xela conseguiu a excelencia expresiva para denunciar o equilibrio, a orde social que esmaga a xente cada día. Fíxoo co mellor da frescura dunha adolescente e do coñecemento adulto de quen se atreve reflexionar por si mesma, sen obviar o instinto, a intuición e certa inxenuidade. Non reproduciu pois o pensamento o de ninguén. Coma Lois Pereiro, Xela é, foi e será, unha desas voces poderosas, xenuínas e indiscutíbeis da mellor poesía galega dos últimos trinta anos.







luns, 2 de xullo de 2018

MENOS MAL!




Menos mal! Por fin! Xa se nos facía raro!

Despois dun longo ano de seca, POR FIN volveremos ter un Día das Letras Galegas dedicado a un señor! 
 
É unha cuestión de xustiza obvia, non eran abondos os 53 (CINCUENTA E TRES) anteriores fronte ás 4 mulleres. A quen se lle ocorrería pensar que dous anos seguidos (SEGUIDOS!) sería comezar a deixar atrás a anécdota irrisoria e iniciar un patrón de equidade. A quen se lle ocorrería pensar que a Academia ten un papel responsable na invisibilización das mulleres e polo tanto na creación do androcentrismo, do patriarcado e da violencia simbólica? A quen se lle ocorrería mesmo pensar que unha muller, poñamos por caso Xela Arias, puidese ter mérito e valores para que se lle dedicase todo un ano de traballo colectivo fronte a algún ilustre varón?

Porque, é evidente, durante o ano dedicado a María Victoria Moreno, non houbo ningunha mobilización social, non se deu a coñecer e valorar o traballo dunha gran autora pero ademais grande educadora. Non se fixeron intervencións na escola, nos centros galegos do estranxeiro, no teatro, na música, na rúa. Non se activou o tecido social para facer vibrar a cidadanía con valores que deben ser os de hoxe.

TAN RARO foi todo que cómpre volver a antepoñer os valores dos varóns aos de crear unha sociedade na que a metade da poboación teña algo que dicir; no caso das letras galegas, ademais, dicilo nunha lingua na que se estigmatiza as mulleres máis do que se estigmatiza os homes.

MENOS MAL!

POR FIN!

TAN RARO!

Un ano máis para nosoutras seguir sementando millo novo mentres outros recocen o pan vello.


martes, 26 de xuño de 2018

#XelaAriasDLG19

Que Xela Arias entre na Rag... Manda a túa postal!

(Postal para enviar directamente á Real Academia Galega)

#XelaAriasDLG19



domingo, 24 de xuño de 2018