Buscar neste blog

Amosando publicacións coa etiqueta IV Día das Galegas nas Letras. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta IV Día das Galegas nas Letras. Amosar todas as publicacións

luns, 21 de agosto de 2017

Dez anos de perspectiva por Lara Rozados


Á segunda novela de Patricia Janeiro esta lectora chegou no 2007, sen saber quen era a autora. Como xurado dun importante premio de narrativa, acometera a última novela que faltaba por ler daquel lote unha noite próxima á data límite de prazo, ás dúas a mañá, despois de vir de cubrir unas eleccións municipais para un medio de comunicación en galego que xa non existe, e contando con adormecer. Pero non foi posible. A perspectiva desde a porta cativou esta lectora coa súa arquitectura narrativa, con aquela sorte de efecto bolboreta literario, que tecía unha rede de personaxes, historias individuais e familiares, un xogo especular onde recoñecer(se) tamén social e colectivamente, onde recoñecer a cidade propia e as dinámicas políticas (e económicas) que rexían a vida. Onde recoñecer os silencios, o que non se di ou o que se di deturpado. “mama, por internet non”, pídelle Nadia á súa nai cando esta fala de política mentres chatean, Venezia-Compostela (p. 25). Aquela novela enganchara a lectora até altas horas da madrugada e subira, na lista mental que preparara como iuri do certame, directa ao primeiro posto. A historia de despois, extraliteraria, pero curiosamente relacionada con aqueles silencios e deturpacións dos que falaba o libro, fora máis ou menos coñecida: o premio fora moi, moi rifado entre esta novela e a que gañara finalmente. O feito de falar explicitamente de presxs independentistas nos primeiros anos 2000, de represión, de cousas que a moita xente nos resultaban familiares e a outra xente lle chegaban deturpadas polas canles de comunicación oficiais (baixo o paraugas ou no caixón de xastre que hoxe en día chaman “apoloxía do terrorismo”) non axudou á fortuna daquela novela, que dera bastantes voltas e publicouse dous anos despois en Edicións Positivas, unha editora “pequena” e se cadra por iso valente.
Hoxe relemos A perspectiva desde a porta con nova perspectiva, valla a redundancia. Nova, mais non diferente, se acaso reafirmada. “Non pasarán e sempre pasaban, / pasaran tantas veces / que xa ninguén dicía / non pasarán (…) E pasan”, di o poema de Sucede, primeiro libro de Daniel Salgado, que precede á terceira parte do libro, “A prisión”. Seguen pasando. Nos últimos 70, nos primeiros 2000, cando gardas civís irromperan no lugar de traballo de Patricia Janeiro por entón, no marco da chamada Operación Castiñeira, e nestes violentos anos dez, cando as compostelás somos desaloxadas dos espazos que reconstruímos, o feminismo éo do espazo público, e séguese a aplicar a Lei Antiterrorista sobre xente que non acata a ideoloxía imperante. Por razón políticas e ideolóxicas calquera podemos acabar en illamento en Topas ou Navalcarnero e botar anos á espera de xuízo. Pero nos media seguirase falando de “apoloxía do terrorismo”, como se dixo desta mesma novela. Terror é que sigamos vivindo neste réxime. Como di no paratexto final do Manual básico de hostalería, tamén en Positivas, a propia Patricia Janeiro: “Non falta aquí a cidade que adoro, que non se parece en nada a esa tal Compostela da que fala esta farsa: unha cidade na que sería impensable ter tres alcales nunha lexislatura; na que un medio de comunicación nunca querería ditar a política local e os explotadores non se crerían libertadores”. Esta farsa que “lle saca as cores á realidade”, como se afirma na presentación editorial, é outra mostra do poder a narrativa de Janeiro, que toma o máis esperpéntico da realidade para tecer ficcións contundentes. Mais volvamos á Perspectiva…
Está outra vez, coma en todo o macrotexto de Janeiro, Compostela, a Compostela tomada pola Igrexa e o turismo, con esoutra cidade real silenciada baixo capas de pintura que agochan pintadas que contan cousas que os medios non contan (“liberdade para…” ou “máis de 1000 toneladas de fuel asolagan as nosas costas”); a Compostela que fervía a finais dos 70 e a que ardía, literalmente, no verán o 2006; a Compostela contrastada con esa Venezia que esmorece, “afunde” baixo a invasión turística.
Están, diciamos, os silencios. O “Intervenido Guardia Civil” nas páxinas web (páx. 37). O que cala David, o defendido de Nadia, preso en Teixeiro porque a conciliación da vida familiar da avogada, nai recente, é argumento de maior peso que que a familia de David tivese que desprazarse quilómetros para velo, incluíndo o día que efectivamente o trasladan a Teixeiro e ninguén avisa á familia (a dispersión é unha das formas máis sofisticadas de tortura que se seguen a empregar neste Estado). O que Nadia cala fronte á súa parella. As vivencias que Malvina non lle conta a Nadia.
Non é esta unha novela maniquea, malia apórselle “apoloxía do terrorismo” nalgún momento. “Se cadra cando papá vivía, cando seus pais loitaban, era máis doado. Daquela os malos constituían un grande e libre todo, e só había unha maneira de ser os bos, que pasaba por matar os malos, e todo o mundo estaba de acordo niso”. (p. 38-39). Se carecemos da comprensión lectora necesaria para entender o que se nos conta, mellor collamos e sigamos crendo as páxinas de “El Correo Gallego”. Di David na cadea “hai moitas formas de matar” (p. 185). Cando o tío Suso comeza a explicarlle cousas a Malvina, ela “non comprendía aquelas cousas que estaba a dicir, porque nunca antes ninguén llas contara”. (p. 115). A moza que cosía, “non era estudante” e sentía que aquela revolución das rúas non ía con ela remata por se unir á loita, e, á volta dos anos, escribila. A novela comeza no punto en que a súa filla defende un preso independentista e ela tenta rescatar a memoria daqueles días de loita estudantil, e do seu amor asasinado, Braulio, nun libro que non acaba de arrincar. Contrasta este personaxe redondo coa súa ascendente directa: “Todo na vida de Mariví era marabilloso porque era recto, xamais se desviara do camino trazado polos seus pais, e para ela as cousas saíran exactamente como ela quería, tiña un negocio próspero que a súa nai lle axudaba a controlar, un marido devoto e traballador, e uns fillos guapísimos coma o seu pai que chegarían ben lonxe na vida, eles serían médicos ou enxeñeiros e elas casarían con médicos ou con enxeñeiros” (p. 143). Nos retratos que tan ben definen os personaxes de Janeiro, e que neste caso debullan unha complexa saga familiar, non faltan o humor e a ironía que son necesarios para entender formas de organizar o mundo e a marcha “correcta” das cousas. Hai perspectivas e perspectivas… A perspectiva que dan as catorce portas que hai que atravesar a para saír da prisión, a que dá o xornal sobre persoas que pinta como “os malos” sen pudor ningún, ou sobre “falecidos en prisión”, cando sabemos que estes “falecementos” non poden chamarse así, coma nas noticias sobre violencia machista. A perspectiva desde a porta ábrenos, efectivamente, unha porta para mirar as cousas que ninguén mira ou que nos chegan deformadas. Unha novela tremendamente valente, no 2007 e no 2017.

[ Patricia Janeiro,  A perspectiva desde a porta, Edicións Positivas, 2009]

venres, 18 de agosto de 2017

A Distancia por Lorena Conde


Fotografía Paula Gómez del Valle


Hai entre a teoría e a praxe, entre os principios e os actos, entre os ideais e a vida diaria unha distancia que é ás veces dunha profundidade insalvable.

E delas fala Patricia A. Janeiro no seu recente Manual básico de hostalería. Un libro breve, lixeiro e armado cunha intelixencia retranqueira que fai imposible a súa lectura discreta no autobús ou na consulta do médico. Proben e verán.

A historia, como a propia autora di, non é complicada: tres camareiras en situación precaria vense envoltas, sen saber moi ben como sucedeu, nun crime. Dende aí, Janeiro lanza cordas a outras tramas paralelas que se enredan na principal e miden esas distancias das que falabamos: a distancia entre o que se agarda dos xestores da cousa pública e o seus cuestionables intereses persoais; a distancia entre o ideario dos empresarios da esquerda e as súas prácticas, a distancia entre a honestidade esixible aos medios e as súas servidumes e, finalmente a distancia entre o que di a letra de calquera convenio e as condicións reais de traballo; asunto este que, hai que recordar, non é só unha cuestión de mala praxe puntual, senón unha práctica constante e mesmo desculpada como algo menor no caso de determinadas profesións:

Unha vez un daqueles líderes pedíralle que lle puxese unha cervexa máis cando xa estaban pechando, a ti que máis che dá, e ela dixéralle, de camarada a camarada, que se lle pensaba reclamar el as horas extraordinarias ao xefe ou el só estaba para defender os obreiros do metal. “Nena, non compares” ofendérase el. A culpa era de Marx, que se esquecera de incluír o capítulo das nenas cando estaba a redactar O Capital. (Manual p.82)

Patricia A. Janeiro non predica. Lonxe de explicarnos como deberían ser as cousas, aproveita esas distancias para construír un fresco da vida compostelá pintado a escopetazos. O resultado é unha sorte de opereta bufa que nos planta diante dos fuciños a cidade que non aparece en ningures. A Compostela de entre bastidores que non se lle ensina aos visitantes nin a certos sectores da cidadanía para que non se aususten. Unha cidade ben distinta da que Janeiro debuxaba noutros traballos anteriores como Caixa de mistos ou A perspectiva desde a porta. 
 
De feito a propia Patricia, nun xogo de opostos, define esa cidade que retrata o Manual como o negativo fotográfico da cidade que ela ama “unha cidade na que sería impensable ter tres alcaldes nunha lexislatura; na que un medio de comunicación nunca querería ditar a política local e os explotadores non se crerían libertadores.” (Manual p.103)

Tal e como xa ten explicado a autora, o seu coñecemento dos clarescuros da hostalería compostelá son de primeirísima man e iso nótase. Patricia A. Janeiro fai unha análise irónica pero moi afinada desa sorte de free style co que se aplica o convenio do sector:

“As horas extra nos bares teñen truco. O máis sincero dos patróns pódeche dicir que nunca se sabe a que hora vai pechar, depende da xente que haxa e de cómo fose a noite, non vas deixar de servirlle a alguén porque dea a hora se estiveches media noite parada. Iso, e que non sabes cánto che vai levar limpar, depende do porco que estea todo. Outros din que non son horas extra, que porque saias un pouco máis tarde un día non pasa nada, xa o compensas entrando máis tarde outro. Pero nin o de saír máis tarde é so un día, nin chega nunca ese misterioso día no que che está permitido entrar máis tarde. (Manual p.53)
(...)
O xefe díxolle que non todo na vida era cuestión de cartos, que había máis cousas. Se el mirase tanto o carto coma ela, dixo, non lle debería pagar a noite, porque aquilo era un negocio e ela non estaba traballando. Ter o bar aberto unha noite coma aquela xeráballe máis gasto ca beneficio, así que se podía dicir que aquela noite abrira só para pagarlle a ela. Porque el sempre pagaba aos seus empregados, mesmo que non fixese cartos. (Manual p.81)

Pero tampouco parece descoñecer os vicios da política ou do xornalismo:

“O outro día díxenche que se me ocorreran unha serie de artigos de opinión coa problemática da permisividade cos mendigos... e vas ti e dáslle a noticia á nena de local? Cres que unha rapaza vai saber escribir co carácter que lle dou eu?” (Manual p.85)
(...)
O director ergueuse e foi pechar a porta que o outro nin se molestara en arrimar cando entrara no despacho coas súas mexericadas.
“Escóitame ben” volveu á súa mesa. “Imos seguir publicando as novas dos mendigos porque nos vai moito niso...
(Manual p.86)

A grandísima sorte que temos as lectoras é que a autora decidira contar todas estas miserias nunha narración áxil, chea de piscadelas, xiros e retranca que consegue movernos con rapidez dun escenario a outro. 
 
Patricia Janeiro, lonxe da narración notarial, sitúase nun humor irreverente certamente refrescante, malia que sexa imposible evitar no final da novela un certo pouso amargo. Á fin e ao cabo estoutra distancia, a que media entre o Manual e a nosa vida diaria, non parece tanta.

No tocante aos personaxes, Janeiro non necesita moito máis de cen páxinas para repartir estopa en todas direccións: políticos mediocres e corruptos, xornalistas deshonestos e servís, empresarios hipócritas e trapalleiros... 
 
Tampouco se salvan da melé as tres protagonistas: tres mulleres novas que fan a súa vida integradas no estado de excepción do precariato cunha normalidade que todas recoñecemos e nunha anestesia que todas aceptamos.

Ela tíñase anoxado moito con Vane porque era a primeira que lle daba sermóns aos demais sobre a dignidade profesional e despois co seu xefe sempre baixaba a cabeza. Agora que se decidía a deixar o choio o único que se lle ocorrera dicirlle era que agardase a ter outra cousa, coma se iso fose posible. (Manual p.20)

Así aparecen as tres camareiras, algo menos caricaturizadas có resto dos personaxes, recoñecidas como figuras con pasado, presente e futuro, con nome; ou, dito nas parabras de Patricia: na novela as camareiras teñen nome e, deles, poucos o teñen. Porque normalmente son os homes, profesionais, cun perfil ben definido, os que teñen nome, e as camareiras son as anónimas. Eu quixen darlle a volta a isto. Elas son as que teñen nome e evolucionan.1

Tres mulleres atrapadas na lóxica da supervivencia que, cando entenden que o que poden perder é escaso, poñen a xirar a roda da acción na novela:

Con iso abondaba, as pretensións desorbitadas coas que aquela madrugada pensaban confrontar aos hostaleiros do ramo eran as condicións mínimas que establecía a lei e estaban ratificadas por eles mesmos. (Manual p.54)
(...)
Empapelando as portas así de seguida remataron coa fita adhesiva, e a seguinte idea tívoa ela. “Deberiámola cravar nas portas, como as teses de Lutero”. Ou como as cabezas de animais mortos da mafia. (Manual p.54)

Unha acción que as vai enredar inesperadamente nun crime e da que finalmente sairán non con maior fortuna, pero si máis fortes.

É aprezable ás claras a evolución da escrita dePatricia A. Janeiro dende a súa primeira novela. O Manual é un libriño fluído, que se deixa beber moi ben. Divertido e notablemente máis medido e axustado en relación á solemnidade excesiva dalgúns dos textos máis antigos. 
 
De ter que poñer algún pero a este libro, podería mencionarse, por unha banda, a sinxeleza da trama policíaca que en ningún momento entra no rego das convencións do xénero; e, pola outra, a simplicidade esquemática coa que se debuxan os personaxes secundarios. Aínda que, como xa a propia autora revelou, nin ela pretendía facer unha novela negra nin a caricatura dá moito espazo para os matices psicolóxicos.

En resumo, e volvendo ao asunto das distancias, pódese dicir que Patricia A. Janeiro vén de nos escribir unha peza furiosamente divertida, cun certo aroma de verbena bufonesca que recorda nalgúns momentos ao Mendoza de El misterio de la cripta embrujada pero que non perde nunca de vista o obxectivo: retratar nunha fotografía algo movida a mecánica interior dunha cidade real, con luces e sombras pola que os unicornios que nos venden os reclamos turísticos sabemos que non pacen.

  1. Patricia A. Janeiro: "Cústanos máis identificar a explotación laboral na hostalería cando o local é do noso 'rollo' político"; Entrevista de Montse Dopico para Paza Pública; http://praza.gal/cultura/14710/patricia-a-janeiro-custanos-mais-identificar-a-explotacion-laboral-na-hostaleria-cando-o-local-e-do-noso-rollo-politico/
[ Janeiro, Patricia, Manual básico de hostalería, Edicións Positivas, 2017]

luns, 14 de agosto de 2017

IV Día das Galegas nas Letras


Durante estes días iremos presentando a cada unha das protagonistas das actividades que se levarán a cabo o día 15 de agosto no marco do IV Día das Galega nas Letras.
CHUS ÁLVAREZ: Actriz e mestra de teatro. Narradora oral. Contacontos, actriz de dobraxe e programa, ademáis, microteatro no espazo creativo NO IMPORTA.
50% de Teatro da Semente, coa que ten levado ao público infantil da Galiza, España e Portugal os espectáculos “Chíos”, “Viaxe a Dadá” e “Gretel e Bela”.
100% de enerxía, palabra e luz.
Chus abrirá as actividades da tarde cunha contada con tintes poéticos para público adulto ás 17:00 h.

IV Día das Galegas nas Letras




O día 15 de agosto, dentro das actividades do IV Día das Galegas nas Letras, arredor das 17:30, contaremos coa música de M.J.
M.J. PÉREZ, que inicia en 2014 o seu percorrido como cantautora galega levando a súa música e voz por toda Galiza.
O seu primeiro traballo, autoeditado, “Ollos que non ven, síntoma de cegueira” achegouna ao público a través da rede. Despois viría o potentísimo
“Guerrilleira”, producido por ela mesma.
Finalista do I Certame de Canción de autor en galego, acada tamén o segundo posto no VIII Certame Musical da Deputación da Coruña.
Entre tanto, acompaña voces poéticas como a de Mercedes Leobalde, Luísa Abad ou Lidia Bao.
Nestes días apresenta o primeiro clip do que será o seu novo traballo: “Ai de min”

IV Día das Galegas nas Letras

Arredor das 18 h, no Bonaval do IV Día das Galegas nas Letras, acompañaranos CHARO PITA.
Narradora oral e membro de AEDA (Asociación de narradorxs orais). Actriz de teatro, filóloga, cantora, escritora…Charo Pita di que naceu á idade de seis anos, cando rematou a lectura do seu primeiro libro.
Máis tarde iría debullando as súas historias e escribíndoas. Para maiores e miúdas, desde o relato erótico ao terrorífico.
Podemos atopala entre as páxinas de Velliñas, A rúa do vento, Igor, A la sombra del cuento, Desde Arcadia para Govinda (poesía), o libro disco Estamos no verán (con Xoán Curiel) ou a súa última novela infantil Oxalá estiveses aquí.

IV Día das Galegas nas Letras

Na Rúa Travesa, 7 está a Libraría de Mulleres Lila de Lilith, soporte esencial para moitos dos proxectos dA Sega, como o Clube de lectura feminista, e custodia da nosa Rosi (Premio na Gala do Libro Galego ao mellor proxecto literario na rede). A Lila e o seu motor revolucionario, Patriza Portopaderne, estarán tamén con nosoutras o Día das Galegas nas Letras, con libros e material feminista. Non podían faltar!

IV Día das Galegas nas Letras



Desde Barcelona, o Colectivo Glitter Zines chega para acompañarnos mañá cos seus fanzines cheos de poesía, ilustración e fotografía feminista.

Desde 2015, Henar Bengale (deseñadora gráfica e fotógrafa), Patrisick (fotógrafa) e Elena Barrio (poeta, autora de Hormigas en el aire, Valparaíso Ediciones), botaron á rúa publicacións como "Nietas de la hoguera" e "Supernova".


A súa penúltima publicación é o pequeniño zine bilingüe galego-castelán "Fluír/Fluir", con poemas menstruais de Elena Barrio e Emma Pedreira.

http://glitterzines.bigcartel.com
glitterzines@gmail.com
Glitter Zines

venres, 11 de agosto de 2017

Os últimos índios por Eli Ríos




2012. " Os empresarios galegos volven ser vítimas dun atentado terrorista. A fábrica de Mobles Silva, propiedade do coñecido empresario compostelán Amador Silva, foi atacada de madrugada con dous cócteles molotov" (p. 9). Así comeza Os últimos índios de P. Janeiro, cunha información de axencias na que se dá conta do final da novela. E non pensedes que fago spoiler, non. É a propia autora quen o fai. Cunha estrutura circular perfecta o libro empeza no punto exacto no que comezou... ou non... Realmente o principio e o final son pechados? É relevante o incendio da fábrica de mobles ou quizais estamos perdendo nos titulares a miga da cuestión? Pois si! P. Janeiro debulla, nesta nota de axencias, toda a información que poderíamos encontrar en calquera xornal, no noso día a día, e que asumimos como verdades universais. Temos o feito cualificado como un atentado terrorista, as iniciais do presunto pirómano, a intervención da policía, o apoio dos partidos políticos ao empresariado galego ou a investigación da relación do autor con grupos anarquistas ou independentistas. E a autora obríganos a repensar o que lemos, a nova. Retrocede aos días anteriores na vida do presunto pirómano para preguntar(-nos) os porqués. Por que alguén toma a decisión de incendiar unha empresa? Son certas as etiquetas que lle axuntan no diario? Por que o alcalde e os políticos o cualifican de atentado terrorista? Por que falan de ataques nos centros de crecemento económico do país? Por que alguén querería atacar postos de emprego? Por que só deteñen a unha persoa? Todas estas preguntas quedan pendentes nesa primeira nota de axencias e iranse desvendando mentres lemos o cotián do protagonista, Pedro. Ou non... porque o primeiro capítulo quen nos conta a súa vida é Maxina, a filla de Manolo, o ex-compañeiro de traballo de Pedro. Entón a que vén toda esta lea do si ou do non? Pois a que a autora xa nos avisa desde as primeiras páxinas que debemos prestar atención porque nos quere dentro dunha lectura activa. Vainos presentar a imaxe xeral dun quebracabezas que hai que petelar unha a unha e, como tal quebracabezas, unha peza non vai funcionar sen o elo coa anterior. E todas, ata a máis diminuta, teñen a súa importancia. E, aquí, neste punto, é onde se encontra o grande logro desta novela.
Na maioría de relatos nos que hai un misterio por resolver costumamos ler un prota que pasa determinadas penurias e consegue resolver. En Os últimos índios, non. Estamos ante unha historia coral na que cada persoa ten voz propia e unha situación persoal que converte nos últimos índios a Maxina, Marcial, Manolo e Pedro. Aquí encontramos as diversas personaxes protagonistas nun contexto que as vai definir por completo (psicolóxica, físicamente, etc), que as diferencia, unha das outras, ou que aporta os motivos e razóns para comportarse dunha maneira ou outra ( ou que as outras personaxes se comporten así con elas). E as personaxes que rodean as protagonistas non son simples adobíos narrativos. Cumpren unha función. Unha función decisiva. A primeira lembranza que ten Pedro na cela (antes do primeiro capítulo) son as palabras da súa nai, Maxina non regresaría a Compostela sen a chamada da nai, Marcial non podería manterse económicamente se non fose polo traballo da súa muller, etc Si, as personaxes secundarias, as esquecidas nas narrativas toman aquí un papel protagonista desde as posicións subalternas da sociedade. Sen elas non sería posible o desenvolvemento dos acontecementos. E, como dicía no comezo, ata as máis pequenas son fundamentais. Neste caso, a filla de Marcial. Unha nena de dous anos que non dí unha soa palabra en toda a novela, pero que ten nome: Paula. É ela quen marca os tempos das reunións que as personaxes teñen para debater como realizar o ataque, é ela quen obriga a incorporar un sistema de retención infantil no vehículo co que vixían a fábrica de mobles, é ela quen, sen dicir palabra, define a estratexia do asalto, é ela quen, sen nin sequera un son, vai cambiar a vida do matrimonio de Marcial, e, aínda máis importante, é ela quen nos vai indicar os trazos psicolóxicos ou describir os comportamentos das persoas. E cando non está ata a narradora omnisciente o fai notar: " Sorprendeulle que Marcial non levase a nena consigo, era unha imaxe case habitual, a cativa durmindo no colo protector do seu pai delincuente mentres eles tres conspiraban, era un pouco como un amuleto" (p.77)
Os últimos índios de Patricia Janeiro retrata unha realidade social que os grandes medios de comunicación tentan ocultar: o abuso dos empresarios nos momentos de crise. Esta situación laboral conduce as personaxes protagonistas a unha situación extrema na que optan pola violencia, pero, como xa vimos, o feito en si non é o sobranceiro deste texto, non. O singular é o xuntar das pezas que nós como lectoras fagamos. A nosa lectura activa. Ese exercício tan agradecido que non procura unha recepción pacífica e si revoltarnos contra as inxustizas desde a primeira liña. Ese movemento ao pensamento crítico polo que nos guía a Nosa Señora das Letras cunha mestría e intriga que non decae ata a última páxina. A pesar de coñecer o final na primeira.

[ Os últimos índios, Patricia Janeiro, Concello de Santiago, 2017]

martes, 8 de agosto de 2017

Chus Álvarez no IV Día das Galegas nas Letras

Durante estes días iremos presentando a cada unha das protagonistas das actividades que se levarán a cabo o día 15 de agosto no marco do IV Día das Galega nas Letras.

 Chus abrirá as actividades da tarde cunha contada ás 17:00 h.

CHUS ÁLVAREZ: Actriz e mestra de teatro. Narradora oral. Contacontos, actriz de dobraxe e programa, ademáis, microteatro no espazo creativo NO IMPORTA.
50% de Teatro da Semente, coa que ten levado ao público infantil da Galiza, España e Portugal os espectáculos “Chíos”, “Viaxe a Dadá” e “Gretel e Bela”.
100% de enerxía, palabra e luz.

www.chusalvarez.com


luns, 7 de agosto de 2017

Caixa de mistos por Ánxela Lema

Fotografía Paula Gómez del Valle

Caixa de mistos, de Patricia A. Janeiro, cóntanos a historia de Ulises Grosz, un escritor un tanto perfeccionista, maniático e frustrado que descobre que só alterando a súa tan medida rutina vai poder, por fin, sumerxirse nunha escrita continua, sen pausa, coa que acadar o recoñecemento que tanto tempo leva esperando. Janeiro somérxenos, pois, neste proceso de escrita ininterrumpida ao que asiste Grosz por causa tanto de feitos que se están a dar nese momento en Galicia, como por diferentes persoas que cruza pola rúa nos seus matutinos paseos e que tanto semellan inspiralo. É así que comeza un xogo de cámaras ao redor dunha noite de San Xoán en Santiago de Compostela, un dato que, de seu, outorga misterio e acción a esta novela. Entre cacharelas e alcohol, por tanto, moitos son os sucesos que acontecerán.

Nesta liña un tanto cinematográfica que veño de indicar, todas e cada unha das personaxes que aparecen nesta historia crúzanse, ben por azar, ben por se coñeceren previamente, e fan que nos sintamos como viandantes silenciosas, curiosas e expectantes con cada persoa que chocamos e pola que estaremos dispostas a deixar o que estabamos a facer con tal de saber cada vez máis. Janeiro sóltanos nas rúas de Compostela e, asegúrovolo, ficaremos enganchadas a todas as historias coas que imos topar.

Con Abel e Dimas, por exemplo, descubrimos unha rede mafiosa galega dedicada ao roubo dunha parte do patrimonio histórico e cultural galego, os cruceiros, e márcasenos un ton de novela negra conseguido á perfección. Así, meténdonos polas calellas polas que nos levan estas dúas personaxes daremos con Dios, o xefe para o que traballan por encargo, e viviremos momentos de escuridade, intriga, medo e indecisión por parte dun Abel, un mozo estudante de historia da arte, que non sabemos moi ben como puido terminar nese mundo.

Continuando polas rúas de Compostela topamos con Rosalinda, que vivirá nesta noite un lío amoroso con Abel, e con ela metémonos timidamente no movemento asambleario estudantil. Coñecemos unha rapaza que se esforza en vivir como ela quere, sen depender de ninguén e que se sente un pouco perseguida polas personaxes masculinas que cruza e que non entenden que é unha muller dona de si mesma e libre de decidir con quen deitarse e con quen non.

As vereas da cidade universitaria por excelencia tíñannos que levar, case que por obriga neste ambiente estudantil compostelán, a un deses típicos bares en que se reúnen os amigos. É así que encontramos o bar onde traballa Txema, familia política de Rosalinda, e no que Roi, Iria e outras amigas e amigos se reúnen para xogaren e beberen. Historias de amor de mocidade, inseguridades, saídas de ton... nunha noite de San Xoán en que os excesos por causa do alcohol foron moitos e que levarán a unhas e outros a tomar decisións cuxo final apenas poderedes coñecer no proceso de lectura.

En definitiva, Caixa de mistos é unha novela de intriga, que engancha e que lemos dun tirón coa ansia de saber que é o que pasa con cada unha das súas personaxes. Unha lectura, ademais, das que xa non quedan, nun formato case tan alongado como o cruceiro que acompaña a capa. Unha historia sen finais felices, real e crúa para regalar a quen di que non hai apenas novela negra en lingua galega escrita por mulleres. 

[Patricia Janeiro, Caixa de mistos, Sotelo Blanco, 2003] 

martes, 1 de agosto de 2017

IV Día das Galegas nas Letras

E, despois do roteiro coa Nosa Señora das Letras,  xantar popular, actuacións musicais,..., no Parque de Bonaval de Santiago de Compostela.



IV Día das Galegas nas Letras

O próximo día 15 de agosto, antes da romaría, a Nosa Señora das Letras, Patricia Janeiro, guiará un roteiro polos lugares que aparecen nas súas novelas. Non é preciso apuntarse, só estar ás doce na praciña de San Roque (Hospitaliño) de Santiago de Compostela. Alí vos esperamos!


xoves, 4 de maio de 2017

IV Día das Galegas nas Letras: Unha carta de amor aos puntos suspensivos

Unha carta de amor aos puntos suspensivos
MANIFESTO D’A SEGA NO IV DÍA DAS GALEGAS NAS LETRAS




“Os puntos suspensivos empréganse para indicar a omisión dun texto nunha transcrición literal cando se produce ao principio ou ao final da cita”*
Esta é unha carta de amor aos puntos suspensivos.
Dedicada a todas aquelas cuxos textos foron omitidos, cuxas transcricións literais non chegaron ao final da cita. A todas aquelas que tiveron que padecer que mentres uns atopan os recoñecementos, o lugar nos libros de texto ou os máis altos honores cunha ou dúas obras publicadas, outras escapen polos mesmos motivos ata dos andeis das librarías, xa non digamos a atención da crítica, o canon e a fama literaria.
Se a omisión se produce no medio do texto, os puntos suspensivos van encerrados entre corchetes [...] ou entre parénteses (...), con preferencia para os primeiros, para evitar que o lector pense que os puntos suspensivos forman parte do texto orixinal:
Esta é unha carta de amor aos puntos suspensivos.
Dedicada a todas as que nos aparecedes tronzadas, deturpadas, feitas obra incompleta, resto antolóxico, palabra silenciada. Ás que vivides a creación literaria como unha enorme paréntese entre a primeira obra (…) e aquela que poderá ser o non, quen sabe. Porque encontrades pedras […] no camiño das que ninguén se responsabiliza, mas que eis as están, á nosa vista.
“Cando non se desexa concluír unha enumeración, pode optarse quer polo uso da abreviatura etc. quer polos puntos suspensivos”
Esta é unha carta de amor aos puntos suspendidos.
Dedicada a aquelas que nos permiten seguir escribindo, interrompidas polas cargas laborais e domésticas, pola violencia implícita e explícita, polo rexeitamento, polo paternalismo editorial, polos críticos que canonizan catro autores, polos homes que pretenden falar por nosoutras e levarnos polo carreiro das modas, polo fastío de que a unha a traten seguido como escritora de segunda categoría.
Sen que ninguén interrogue os silencios.
“En ningún caso se debe utilizar de forma combinada a abreviatura etc. (nin a súa forma plena etcétera) e os puntos suspensivos, xa que resulta redundante”
Esta é unha carta de amor a cada punto suspenso.
Dedicada a todas aquelas que nunca serán redundantes. Que nos manteñen en estado de expectación, agardando o regreso. Que nos negamos a ver coma un etcétera, sen nomes e apelidos. Para vos dicir que vos entendemos. Mais que vos botamos en falla. Que vos necesitamos. Que vos queremos a cada unha con nomes e apelidos. Este ano, cos de Patricia Janeiro. Que nos deu a caixa de mistos e a perspectiva dende a porta. Imprescindibles, coma cada punto que marca o non-fin dos nosos textos…




*http://wikidog.xunta.es/index.php/Signos_de_puntuaci%C3%B3n#Puntos_suspensivos