Buscar neste blog

Amosando publicacións coa etiqueta Paula Carballeira. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Paula Carballeira. Amosar todas as publicacións

martes, 24 de febreiro de 2026

Eli Ríos recomenda O transgredir das ondas de Paula Carballeira

O transgredir das ondas é unha obra de teatro inzadiña de curiosidades e quereres como para prender sen remedio desde a primeira aparición, perdón, quero dicir mención á autora á que se lle dedica o Día das Letras Galegas 2026.

Entón, "movémonos ao compás dos latexos, do sangue que circula" (p.19) para acompañar este podcast en que interveñen persoas que compartiron tempo con Begoña Caamaño e descubrir, de novo, cun sorriso nos beizos, a "Bego, para as amigas, a do sorriso eterno, a da voz na radio, a da escrita necesaria, a da roupa lila, a insubmisa, a desobediente, a transgresora"(p.74).

Nesta historia "aínda que moito do que se vai contar aconteceu no pasado, todo é presente para quen confiamos no poder das palabras"(p.19). E ese presente, quizais, está por escribir nos escenarios de moitos centros educativos e ata pode que algunha presenza misteriosa se achegue para brincar coas luces e co son!

Carballeira, P. O transgredir das ondas, Galaxia(2026)

xoves, 11 de abril de 2024

As alumnas de Paula Carballeira por Mónica Cores

Crieime escoitando as historias sobre a escola de meus pais durante o franquismo. Unha escola chea de medo, de golpes con varas por falar galego, de leite en po e de servidume absoluta. Miña nai sempre conta o caso dunha compañeira de clase que era obrigada a traer cada día unha vara de vimbio coa que sabía que a mestra, Dona algo, lle ía pegar por non saber ler ben.


En “As alumnas”, ese mundo narrado na casa, cobrou máis vida e devorei esas case cen páxinas coma quen busca nun álbum de fotos familiar en branco e negro o seu pasado.

Elvira e Rosa, amigas dende a infancia, foron alumnas da pedagoga Maria Barbeito e foi tal a súa influencia que ambas decidiron ser mestras buscando seguir o seu exemplo. Ás veces, as que nos dedicamos ao ensino soñamos, non digo que non haxa algo pretencioso en iso, en poder ofrecer ilusión e formación a partes iguais. Mais, que ocorre con Elvira e Rosa? Que ven a guerra e logo a ditadura e, o ensino xa non é libre se non unha especie de cárcere onde se busca que ninguén saia do camiño marcado polos que mandan.

Rosa, ou Paula Carballeira, fala da liberdade como aquilo que “entendemos mellor o que é cando nos falta”. E a estas dúas mestras fáltalles. As dúas son a cara dunha moeda. Elvira, cedendo ás presións impostas, deixando o ensino e aguantando un matrimonio polo que dirán. Rosa, rebelde, castigada continuamente pola súa maneira de ensinar, ao borde da fame e da soidade. Nesa moeda as dúas nunca se miran pero comparten espazo.

Rosa e Elvira reencóntranse tras anos sen verse no enterro de Maria Barbeito e nese encontro van facendo memoria e abrindo debate. O libro é unha homenaxe absoluta a esta pedagoga culta e liberal que introduciu na ensinanza galega métodos como os de Montessori ou Decroly buscando unha transmisión de coñeementos viva. Co auxe do franquismo, Barbeito foi destituída do seu cargo e posteriormente forzada á xubilación con acusacións como formar unha biblioteca escolar con autores pouco recomendables, ser partidaria da coeducación ou descoidar a educación moral das nenas.

Outros temas de interese na obra son o tratamento ás mulleres e ao galego. Na ditadura, existían manuais de como ser boas esposas, xa non mulleres, esposas. Esposas que soubesen bordar, cociñar e criar aos fillos e fillas mentres poñían boa cara. Onde ían a a parar os soños e as ansias desas futuras esposas? Con respecto ao galego, máis do mesmo, oprimilo e rexeitalo buscando non só acabar coas ansias de soñar se non coa arma para expresar eses soños. Acabar co propio.

Paula Carballeira é para min das mellores narradoras orais do mundo e, esta peza de teatro destila iso. Contar algo importante e facelo dunha maneira única, que chega ao corazón. De aí, os premios que esta gran historia vai acumulando, Premio Nacional de Literatura Dramática, Premio Follas Novas á mellor obra de teatro 2023 e Premio Luisa Villalta a proxectos pola Igualdade.

“Rosa: Todo o que non é normal trae mala sorte. Que é normal?

Elvira: O que segue a norma.

Rosa: E quen marca as normas?

Elvira: Nós non.

Rosa: Non. Nós non”


Carballeira, P., As alumnas, Galaxia, 2022

luns, 11 de marzo de 2013

Sempre nos queda o mar

Lara Rozados

Por Lara Rozados

Faise estraño comezar unha serie de críticas literarias feministas cun texto inédito, malia ser premiado co Manuel María de Literatura Dramática Infantil no 2011 e levado ás táboas en xaneiro deste mesmo ano. Pero tamén é interesante ter en conta estas circunstancias e preguntarse de qué son sintomáticas. Cando menos, de certa amnesia, de que as institucións que convocan este premio “esquecen” varias cousas: a) un texto dramático, aínda que sexa concibido para ser escenificado, ten valor literario por si mesmo; b) que un produto, ben literario, ben teatral, teña un destinatario infantil, non lle resta calidade (presuporlle menor intelixencia ao público/lectorado que precisamente é máis esixente é un grave erro); e c) as institucións que convocan o premio teñen a obriga de póreno ao servizo da cidadanía: das compañías, profesionais ou non, que desexen escenificar o texto, dos centros de ensino, das persoas. 

Despois de analizar, moi polo aire, o contexto de produción e difusión (ou non difusión, máis ben) deste texto, entremos en fariña: O refugallo foi levado á escena co empeño da propia autora (Paula Carballeira) e a súa compañía Berrobambán, en coprodución con Bichakadela, hai un par de meses. Pode que a crítica estea xa mediatizada pola posta en escena, pero tentaremos cinguirnos á materia textual... E o que atopamos é o relato do xogo máis básico, o de argallar cousas coa imaxinación, unha “peza de teatro adicada ao que ninguén quere”. Segundo os paratextos iniciais, o espazo escénico é “calquera lugar onde a xente bota o refugallo”, e as personaxes practicamente non teñen nada máis que a si mesmas: Isolda é unha “nena cun libro de viaxes”, Hipatia, unha “nena cun telescopio”, Borboronte, “neno con tartaruga”, e Lustucrú, “neno cunha pata de pau”. Son nenos e nenas que non aparecen idealizadas, heroicas e felices, senón que están eivados e non poden ir moi de présa, coma Lustucrú, ou perderon a familia, como Hipatia, ou a casa, coma Borboronte, ou só teñen un libro, coma Isolda. Pero, como din na canción final, “por non ter, non temos nada que perder”. 

Hai unha evidente pegada da Momo de Michael Ende (e podemos atopar en Úrsula, a tartaruga amiga de Borboronte, un trasunto daquela Casiopea que sabía o que ía pasar media hora antes de que acontecese), e referencias a dúas mulleres míticas: unha é a lendaria Isolda de Bretaña, que, xunta Tristán, formaba parte da clásica parella de amantes cun destino tráxico (morreren pola imposibilidade do seu amor). Mais esta Isolda cun libro de viaxes, que quere ler, coñecer e ela tamén navegar, achégase máis á subversiva “Penélope” de Xohana Torres que non se resigna a agardar; outra, a matemática e astrónoma Hipatia de Alexandría, considerada meiga no seu tempo (IV d.C.), é representada en escena pola propia Paula Carballeira, na montaxe que desta obra fixeron Berrobambán e Bichakadela, como unha nena curiosa e afouta. Xa o I Premio Manuel María fora gañado por Carballeira con Boas Noites, que tiña a Xiana, unha nena inqueda e curiosa que non quería durmir, como protagonista. Tamén se contrapoñen os tradicionais valores asociados ao masculino e ao feminino: cando Lustucrú fala de guerreiros no ceo, Hipatia interroga: “E non hai guerreirAs?”, obrigándoo a cuestionarse o que sempre lle ensinaron. “A min díxome guerreirOs”, ao que Isolda retruca “Mellor. Eu non quero ser guerreira”. En só tres frases, Paula Carballeira consegue facer visíbeis as mulleres, espir a educación patriarcal e poñer en cuestión os valores competitivos asociados ao masculino. Ter a oportunidade de ver o texto representado supuxo poder constatar o efecto que estas tres frases teñen no público. 

Carballeira volve recorrer á linguaxe máis sinxela e máis directa para expresar as grandes verdades, e atopamos n'O refugallo teatro infantil que non se afasta do brechtiano: a importancia da música, a estrutura en cadros e o texto, sintético e contundente, tecen esta historia que ten que ver co que ninguén quere, co que se desbota. Pero ao mellor, dese lixo que ninguén quere sae un barco pirata quen de chegar ás Galápagos. Nós tamén navegar, ou que?