Buscar neste blog

Amosando publicacións coa etiqueta Giselle Vinokur. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Giselle Vinokur. Amosar todas as publicacións

xoves, 14 de agosto de 2025

Unha espiral de caracol por Giselle Vinokur

   Unha casa é moitas casas, e todas forman un lar. Eu teño dous, separados por unha inmensidade de auga salgada e a contradición dos puntos cardinais.

    É estraño construír unha casa co mundo ao revés. Entender que a calor chega co vento dende o sur e o frío é unha estrela polar. Que o idioma é o mesmo e é outro.

    Ata o ceo é diferente: hai tres anos que non lle falo á Cruz del Sur.

    Cando deixei a miña cidade, a vida era moi distinta: nin pensaba en ter unha casa.

    Ao chegar, despoxeime do que fun. Aprendín a relacionarme de novo. Atopei persoas, historias, a cerna da miña memoria celular. Mudei cemento e neon por verde e aire de mar.

    

    Na primeira casa cumprín o meu soño de nena: vivir ao lado dun bosque. Tamén se crebaron outros máis antigos: sentina sarcófago pecharse sobre min. E cando a agulla do meu compás toleou, quedei atrapada entre murallas.

Alí coñecín o baile dos estorniños. Apropieime de palabras novas e comecei a falar na lingua que miña avoa sepultou unha vez hai setenta anos no Río da Prata. Tamén aprendín a defender a cadencia do meu argot e ofrecín palabras novas, mestizas.

Cambiei de casa tres veces. Nas dúas primeiras habitei a precariedade do piso compartido no que nada se comparte de verdade. Un día sentinme profundamente soa e puxen en dúbida os últimos quince anos da miña vida. Fíxenme vella e saíronme canas.

Pero pouco despois namorei e esquecín o tempo. Díxome: onde esteamos xuntos, seremos casa, aínda que non teñamos un teito sobre nós. Aprendín unha terceira linguaxe. Ensináronme a inventar ese lugar seguro.

Hoxe sei que unha casa ten polo menos catro paredes e un teito, pero un fogar é todo iso que a enche. 

Algunhas veces cústame lembrar que esta é miña casa. Outros días son incapaz de imaxinarme fóra dela. Aínda camiño as rúas da (miña) vila sentíndoa allea. Vexo o vento ondear a ría e semella un espellismo de soño. Non sei se algunha vez o farein propio ou se me pasará o mesmo o día que volva pisar o meu barrio: o da casa que deixei en Buenos Aires.

jacarandá

    Neste lado do mundo, poñamos, o norte (que non é nin arriba nin abaixo, só unha dirección) non existen os jacarandás, as miñas rúas non se tinguen de lila e estraño o cheiro a xasmín de novembro. Porque un fogar é máis que catro paredes: é un territorio, un espazo estendido no que habito. E inda que non haxa jacarandás, nin xasmíns, nin frío ao sur, nin lunfardo, o de acá tamén é o meu. Non un fogar calquera, senón meu fogar.

Hoxe sei que unha casa é unha espiral de caracol, unha forza centrípeta e tamén un punto de fuga. Hoxe sei que un fogar é a casa que habito.

                                                                                                                    Giselle Vinokur

Bio:

Giselle Vinokur Ferreyro naceu en Bos Aires (Arxentina) unha madrugada chuviñenta de novembro. É escritora, socióloga e xestora cultural; tamén foi bailarina profesional –mais esa é outra historia–. Na súa cidade natal formouse en escrita creativa nos obradoiros de Gabriela Yocco (Al filo de la palabra).
Un día recolleu todas as súas cousas nunha maleta e inverteu os puntos cardinais para cursar un máster na USC, en Lugo, preto de onde, setenta anos antes, saíra a súa avoa. Elixiu Galicia como terra na que botar novas raíces.
Na actualidade vive en Fene (A Coruña), traballa na súa primeira novela e imparte os obradoiros de escrita creativa “Ovella Vermella”.