Buscar neste blog

mércores, 14 de febreiro de 2024

Marga do Val recomenda A semente, a árbore, a froita. Ana Pontón en conversa con M. Reimóndez


A semente, a árbore, a froita” é un libro de conversas publicado en 2020 por Edicións Xerais de Galicia. Un libro en que dúas persoas dialogan en igualdade de condicións, unha conversa entre Ana Pontón e María Reimóndez que vai fluíndo desde a empatía e a curiosidad crítica, que é como se achega Reimóndez a Pontón. Os encontros tiveron lugar nos últimos meses de 2019, despois nada máis saír o libro, chegou a pandemia e o libro ficou fechado, sen percorrido, algo realmente incomprensíbel. Inaceptábel, por iso o libero, pola intelixencia das dúas persoas que conversan.

A infancia, a lingua como un territorio emocional ou de reconciliación coa propia identidade; o conflito na procura de dereitos e a contradición na adolescencia como aprendizaxe, como ferramentas para enfrontar a vida adulta, tamén a da vida política e colectiva; un souto de carballos e castiñeiros en Chorente que é símbolo da sustentabilidade, a herdanza para o futuro fronte ao curtopracismo, e nadar a contracorrente, como un acto libre, que nos fai persoas críticas e nos dá máis espazos de liberdade. Isto é a Semente.

Como desfacérmonos do discurso que nos oprime nun espazo patriarcal como a política, o feminismo como elemento transformador intrínsico na acción política, que cuestiona as estruturas de poder, as do estado e as de xénero; a invisibilidade da presenza das mulleres na historia, o camiño aberto pola lei galega contra a violencia de xénero, o proceso de aprendizaxe para xestionar a exposición pública e as críticas; como xestionar as contradicións entre políticas ambientais e laborais, a falta de información sobre a descapitalización, sobre a desgaleguización das empresas, a perda das caixas, a tarifa eléctrica, o desmantelamento dos sectores públicos, a firme convicción de que todo proxecto económico sen ética vai ser insostíbel e só creará desigualdade, falar desde Galiza en conexión co mundo; o racismo nas estruturas da sociedade mesma, os dereitos sexuais, os dereitos da identidade de xénero, a memoria histórica, Defende a Galega contra o secuestro dos medios públicos. Isto é a árbore.

Velaí a semente: un país mellor en que vivir.

Ningún comentario:

Publicar un comentario