No caso do sistema literario, os entes velenosos defenden só o que lles é favorable e cospen por enriba de quen amosa unha actitude vital de construción común e de colectividade. Pensan, malia seren en moitos casos autores, editores ou críticos autodesignados, que o sistema só pode vivir segundo as súas normas; que o deles é o importante, que as demais somos un molesto lixo que cómpre constantemente tentar eliminar por calquera vía.
Só así podemos entender que a estes elementos químicos molesten as escritoras, sobre todo se temos lectoras e relevancia social, sobre todo as que non lles rimos as boutades e as que creamos os nosos propios espazos. Tamén lles molestamos as críticas, a miúdo moito mellor formadas ca eles, no académico e no vital, porque compartimos impresións fundamentadas sobre textos explicitando dende onde o facemos por que e para quen. Por suposto, molestan as activistas do ensino e das bibliotecas que buscan facer da lectura un lugar habitable para quen o precisa. Logo tamén molestan os clubs de lectura, cheos de mulleres que forman a súa opinión e que atopan a compaña das iguais, que se refuxian nos libros. Por último, na súa última actualización, semella tamén molestan as compañeiras que se dedican a difundir nas redes contidos sobre libros en galego.
Nun contexto complicado socialmente para literatura galega, cunha perda de falantes atroz, son precisamente todas estas mulleres antes mencionadas as que sosteñen a conexión social, a relevancia literaria e a terra na que todas podemos ter un espazo e un lugar. Somos as que sementamos e sachamos, as que creamos o humus para que o habiten outras plantas e animais, incluídos eles mesmos.
No seu afán ridículo de relevancia, estes señores ignoran, ademais, que nosoutras somos as que facemos do veleno un antídoto. Somos as que sabemos colaborar coas herbas, cos animais e, sobre todo coas persoas para crear un mundo no que, dende os textos a quen os difunde e le, se promovan valores antagónicos aos que eles, reiteradamente, manifestan. Fronte o seu veleno, a nosa comunidade.

Ningún comentario:
Publicar un comentario