Buscar neste blog

xoves, 13 de marzo de 2025

A continuidade planetaria por M. Reimóndez


    En Australia, semella que o nome de Inga Simpson adoita ir sempre acompañado da ladaíña “escritora da natureza”. É este un título estraño que se cadra busca recoller a escrita dunha autora fondamente sensible e cunha gran capacidade para achegarse á realidade dende un lugar que supera os límites do humano (e, polo tanto, acaba entrando no “natural”).

    Tiven a fortuna de compartir unha mesa sobre “escrita verde” con Inga Simpson no fantástico Festival Literario da Universidade de Dibrugarh, no estado indio de Assam e, como adoito facer nesas ocasións, sempre que as miñas habilidades lingüísticas mo permiten, achegueime a un dos seus títulos que atopei en formato electrónico, Nest. Fascinoume esa historia íntima da relación entre unha pintora solitaria e o seu alumno, un neno pequeno, que reflexiona sobre a perda e a capacidade para pechar feridas que o coñecemento proporciona. Mais se algo me abraiou desa novela foi a capacidade de Simpson para inserirme nun lugar, Nova Gales do Sur, en Australia, do que nada coñezo e sentir o canto riseiro das cucaburras, a ollada de todos os paxaros, a súa plumaxe e a presenza dos diversos tipos de eucaliptos que alí, si, están no seu fantástico medio natural.

    Non puiden máis que recibir coma un auténtico agasallo que Simpson me trouxese unha copia da súa última novela, non accesible en formato electrónico, ao festival. The Thinning vén descrita coma un thriller distópico e novamente non sei se concordo de todo con estas categorizacións comerciais, porque para min o libro estableceu unha conexión mesmo estraña (no sentido dos “contos estraños”, non de allea) coa miña propia escrita que me deixou bastante pampa. Non entendo aínda como dúas mulleres en dous lugares tan distantes podemos escribir de cousas tan semellantes. Serán os eucaliptos? (Espero que non!)

    The Thinning é unha novela narrada por unha adolescente, Fin, a quen atopamos nunha Australia distópica na que, por motivos que ela mesma vai relatando, acaba vivindo unha vida como proscrita ao negarse a que a alisten para procrear cos chamados “seres incompletos”. Estes “incompletos” son seres humanos que “evolucionaron” a teren grandes capacidades mentais para desvantaxe das súas capacidades físicas (por exemplo, non poden soportar a luz do sol porque as súas retinas sufriron deformación polas pantallas, algo que Simpson comenta nunha nota final, xa está comezando a acontecer con crianzas en moitos países deses que chamamos “desenvolvidos”). 

    Fin vainos contando os feitos que a levaron a atoparse percorrendo furtivamente o espazo no que antes vivía con liberdade e a facelo con outro furtivo: un incompleto chamado Terry. Nos días previos a un eclipse solar total e sen entender moi ben por que, Fin e Terry deben chegar ao cumio do Monte Kaputar para axudar nunha misión rebelde da que realmente teñen moi poucos datos. A mai de Fin, unha fotógrafa dos ceos, é quen encomenda esa tarefa que fai que Fin percorra tamén o lugar onde viviu en liberdade cando a súa familia se dedicaba á observación astronómica.

    É esta unha novela que traballa temas como o dó ou, por suposto, o control estatal dos corpos das mulleres, ademais da devastación do medio natural (que se amplía tamén ao espazo) para chegar a un final conmovedor onde a propia Terra, con axuda dunha humanidade rebelde, acaba coas ameazas da cobiza.

    A escrita de Simpson volve ser directa, sincera e evocativa, unha combinación certamente de finos equilibrios. É interesante como a adolescencia ocupa un espazo central e tamén a multiplicación de significados, dende o propio título. Thinning ou “adelgazamento” non é só o proceso polo cal se vai perdendo biodiversidade (Simpson relata como escoitou falar deste concepto nun podcast), senón tamén a adelgazamento da luz solar cando a Lúa se interpón entre o astro e a Terra.

    En tempos de Intelixencia Artificial e de viaxes comerciais á Lúa precisamos máis relatos que nos fagan reflexionar sobre as consecuencias e, sobre todo, que nos dean esperanza e responsabilidade. Porque Fin e Terry constrúen no seu perigoso percorrido unha lapa que interesa seguir. E, se a seguimos ata o final do libro, atoparemos unha nota sobre como as paisaxes que no libro se mencionan, tan alleas para min pero que tan próximas sentín, están en mans de pobos orixinarios australianos que loitan neste momento nos tribunais e fóra deles contra un macroproxecto mineiro. Que Simpson doe parte dos beneficios da obra a esta iniciativa forma parte dun relato de esperanza que ten que partir de facernos conscientes da unidade de perigos que asexan en todas as latitudes. E tamén sobre a capacidade da literatura de achegarnos a quen, nun principio, parece ficar distante.



Simpson, Inga (2025). The Thinning.


Ningún comentario:

Publicar un comentario