Buscar neste blog

mércores, 19 de novembro de 2025

María Reimóndez recomenda... Suya era la noche de María Ovelar

    Seguramente esta é unha desas novelas onde o formal xustifica un relato que sería unha sucesión de decisións dubidosas. O delirio de sexo, drogas e unha vida na que o material está demasiado ausente (de onde saca a protagonista os cartos para drogarse, como sobrevive un corpo en permanente contacto sexual con outros sen pasar por ningunha ETS?) que se narra ao longo da novela resulta interesante pola compaixón coa que se acompaña a protagonista por esta baixada aos infernos. Esa mirada que acompaña e observa cunha certa tristeza (e que só ao final entendemos a quen pertence) é a que axuda a deixar de manifesto sen glosalas todas as violencias obvias, empezando pola necesidade permanente de validación e o "cuelgue" constante de tipos (un en particular) que se algo merece é, como mínimo, unha patada no cu e, como xusto, unha denuncia (ou varias).
    Aínda que a suposta evolución da protagonista me pareceu bastante curta (e non sei que dicir dunha tía galega maligna que aparece polo medio e onde non sei moi ben a que vén enfatizar unha orixe que non se indica en case ningún outro personaxe... ou do paso tan machocentrado pola bisexualidade da protagonista) penso que a pulsión literaria fai que non poidamos deixar de lela. Nun tempo de moita literatura escasa de, precisamente, literatura, esta voz perdida na noite axuda a explorar espazos nos que as mulleres tamén teñen dereito a estar, a vivir como decidan, coas sùas decisións e conflitos.

Ningún comentario:

Publicar un comentario