Quen me dera que a miña irmá me dese hoxe unha tunda*
Da fraga érguese un rumor
que semella o das praias da infancia,
dun lado, o estrondo das ondas de Panxón
doutro o doce bisbeo das cadeluchas do Vao
Entre as rochas e os penedos,
Desde o meu Coruxo ao teu Courel, María,
de Panxón á Barbanza, quen me dera,
que a miña irmá me dese hoxe unha tunda.
Na praia de Panxón
deitadas miña nai e ti, irmá,
cos bucles dourados
deusas das dunas
agachadas dunha bandada
de cabaleiros rendidos
aos vosos pés.
E andarán a soñar contigo
Coma min, irmá,
inaccesible á rabia,
ao outono, á vida
tamén á min, a nena vai e vén co caldeiro
vai e vén refrescarlles o peito
tamén a min, miñoca mártir do estío.
Como narrar o teu feitizo irmá,
A lenda, chamábante así
de Coruxo ás Illas Cíes,
eu, coa pala, a facer castelos na area
por que ninguén me protexe a cabeza?
insolada nas dunas do Vao
quentura dos recordos.
Dáme a febre de verán
Dáme unha tunda
Polos areais orfos
Dáme a ironía, devólveme a lingua bufa
que o teu sorriso,
escintile entre os xuncos
alén Monteferro.
A marea dilúe as pegadas sen nome
Quen son eu? un humor da nada.
Onde quedarei sen vós
insípida narración de min, de nós
A cravar con saña a pala na area
ata ver sangrar ao chan
baixo os toxos, para volvermos á vida.
Candeleda, agosto de 2024
*En homenaxe a María Mariño Carou, a lombos da súa poesía, á que intentei aproximarme co título e algún retallo emotivo.
Neste momento sombrío, uns versos elexíacos para a miña irmá Pilar.
Nota:
Descubrín a obra de María Mariño, os poemarios Palabra no tempo e Verba que comenza, no ano 1997, cando as Feministas Independentes Galegas, FIGA, preparábamos o Encontro de poetas peninsulares e das illas, celebrado en Vigo en xuño de 1996. As actas do Encontro, xunto cuns artigos e unha antoloxía sobre María Mariño, completaron a edición da Festa da palabra silenciada número 13.
Sería o xermolo do volume de 2006, cando María Xosé Queizán nos propuxo dedicarlle, integramente, o monográfico nº 21 da Festa da palabra silenciada a María Mariño Carou.
Comprometínme coa escolma de poemas, agardando coñecer máis da autora a través dos artigos de escritoras máis acreditadas.
Axiña sorprendeume a súa maneira de versificar, de torpedear a sintaxe; non lera nada semellante ata o momento: unha vangardista a contratempo?
María Xosé Queizán convocou para este monográfico, e diría máis, incitou ás persoas participantes para que, a través das súas investigacións e relecturas, esclarecesen quen era, en verdade, María Mariño, figura da que mesmo se cuestionaba a súa existencia como escritora. Que tanto había de patriarcalismo no seu halo de misterio, ou ao contrario, de inconsistencia da súa literatura.
En definitiva, ese foi o propósito do monográfico da Festa, resolver estas cuestións ou, polo menos, dirixir unha ollada máis ampla e feminista á vida e obra desta poeta misteriosa.
Mónica Bar Cendón

Ningún comentario:
Publicar un comentario