María Mariño no ronsel das escritoras galegas é un estudo coordinado por María Pilar García Negro. E digo coordinado porque xa desde a “Nota inicial”, a autora pon en valor unha primeira persoa do plural: o NÓS de quen encomenda o traballo; o NÓS das axudas emprestadas e o NÓS de quen axunta, nos “Apéndices”, o textos autoriais. Estamos, por tanto, diante dunha obra cunha declaración de intencións cristalina: un achega á creación de María Mariño como parte dun proxecto colectivo en que “ a leitura da obra de María Mariño, como de toda a literatura galega, (per)dure máis aló do 17 de Maio, Día das Letras Galegas”1 Aínda que este colectivo debe manter a individualidade de cada quen, de aí o ronsel e seguir as pegadas, porque se de algo é consciente P. García Negro é da “necesaria individuación das escritoras”2. Recolle, a autora, neste punto unha extensa cita3 da crítica literaria Pilar Pallarés sobre o canon e a poesía escrita por mulleres. Nela clarifica como dentro do canon se masculiniza o universal e se universaliza o masculino.
Xoguemos ás hipóteses: ¿que plus de coñecemento tería a nosa autora se en lugar de María se chamase, por exemplo, Roberto (o nome do seu home)? ¿”Roberto Mariño” * ocuparía o lugar merecido naquela sincronía da literatura galega? 4
Xa vimos noutras ocasións, nesta páxina web5, como rematar coa escrita das mulleres6 e é moi de agradecer que Pilar García Negro presente, na mesma liña, esta lúcida análise no caso mariñá, incluída a da escolla lingüística, para examinar os motivos e razóns do ostracismo da escritora María Mariño e dos que levaron á demora de 27 anos en publicar a súa obra.
Esta primeira parte do estudo pon na mesa unha problemática documentada rigorosamente, e exemplificada ata a extenuación, e convídanos a reflexionar sobre o uso dos lugares comúns xa que se son verdadeiros teñen un gran valor, pero como sexan falsos son ben nocivos. Estes tópicos, que se aplican á escrita das mulleres, vai desmotalos, un a un, Pilar García Negro cunha documentación irrefutable. Así enuncia unha mostra representativa de autoras invisibilizadas que rebate o tópico de que hai poucas escritoras na literatura galega; recolle os textos do Padre Feixoo, a defensa dos dereitos das mulleres por Xoán Vicente Viqueira, entre outros, que desmonta o non interese pola produción das escritoras por parte dos homes; arromba coa “lóxica matrilineal” que sostén que todas somos fillas de Rosalía de Castro e non escritoras con características propias;etc
Pilar García Negro debulla todos estes elementos para propoñer que nos acheguemos á
poesía de María Mariño lonxe das impresións androcéntricas e optar pola opción que a insere nunha tradición social e cultural que non unifica a escrita das mulleres como descendentes de Rosalía de Castro senón que “estima no que vale unha distintiva diacronía galega, dentro da cal a nosa autora brillou con luz propia e intransferíbel no combate contra a xinofobia e contra a galegofobia, abrindo un suco de valor incomensurábel para todas as colegas que alumou a posterioridade e que, inevitabelmente, viron e tiveron nela un antecedente lexitimador da súa propia dedicación. Unha muller abrira o camiño: outras podían tripalo con seguridade e confianza nas súas forzas.” 7 María Mariño, e as escritoras galegas en xeral, temos en Rosalía de Castro unha xinealoxía de noso, referentes propios, que gorece e ilumina o camiño individual de cada unha.Unha vez que a parte teórica xa se sitúa como marco, P. García Negro propón unha revisión das lecturas feitas sobre a obra poética de María Mariño xa que “se se consignan com méritos estilísticos ou achados de grande relevo transgresións, rupturas iluminadoras, en poetas homes coetáneos ou contemporáneos, tal mérito non se pode ralear na poesía da autora que nos ocupa”8. Como nos capítulos anteriores, García Negro argumenta, con exemplos e bases teóricas, a definición da creación da autora como poesía existencialista moi afastada do simple paisaxismo xa que a natureza corporeízase, asenta nas raíces da xenealoxía galega (Rosalía de Castro, Amado Carballo, Manuel María, etc) e acubilla a comunicación coa palabra escrita.
É poesía existencialista por antonomasia, como a que pioneiramente inaugurará o Manuel María de Advento (1954), o que acredita na literatura galega un alento criativo, orixinal (para os perpetuos contempladores do exterior, un estar à la page), que, máis unha vez, pede clamorosamente unha análise desde dentro da especificidade da propria literatura galega, non a reboque das literaturas institucionalizadas do centro do sistema.9
Fai, tamén, García Negro unha revisión dos elementos que constitúen esta denominada ruptura formal, nas composicións mariñás, pola que Novoneyra lle atribuiu aquel “dinamiteira da fala” antes de pasar á escolma en que se recollen textos de Palabra no tempo (1963) e da obra póstuma Verba que comeza.
Na última parte hai unha recolla de textos coetáneos á publicación das obras de María Mariño. Así, transcríbese o prólogo á edición orixinal de Palabra no tempo feito por Ramón Otero Pedrayo en 1960, un artigo de Manuel María publicado en El Progreso en 1963, un de Xosé Luís Méndez Ferrín de 1965 e outro de Uxío Novoneyra, xa de 1982 e publicado na Nosa Terra, en que a califica como “dinamiteira da fala” que é sabedora “de que a verdadeira esencia do noso idioma é a liberdade”10. Ademais, inclúense dous artigos que nos achegan, por unha parte, no de Carmen Blanco, publicado en 2006, unha “Elexía previa a María Mariño” composta por U. Novoneyra e, por outro, no escrito por Kathleen N. March, e publicado en 1989, unha reivindicación da escrita de María Mariño moito antes de que a RAG decida dedicarlle o Día das Letras Galegas.
María Mariño no ronsel das escritoras galegas é un estudo feito por María Pilar García Negro que dá de beber ao colectivo. Somos moitas quen hai dezasete anos gozamos desta lectura e aprendemos un outro mirar que nos agasallaba moita paz no medio dunha celebración das Letras desacougante. Hoxe, na lectura de 2024, este estudo continúa a remoer as cabeciñas de quen le e iso si que é abraiante: 17 anos despois da súa escrita as reflexións case proféticas que aniñan nas súas páxinas son de plena actualidade. Toca, polo tanto, seguir sachando os camiños que antes abriron as compañeiras e que podemos tripar con seguridade e confiando nas nosas forzas grazas a elas.
García Negro, M. P., María Mariño no ronsel das escritoras galegas, Laiovento, 2007.
1En María Mariño no ronsel das escritoras galegas, páx. 10
2Páx. 15
3Páx 16-17
4Páx. 18
5 http://www.asega-critica.net/2024/03/sermos-o-reverso-por-susana-s-arins.html?q=joanna+Russ
6Joanna Russ, How to Suppress Women's Writing(1983)
7En María Mariño no ronsel das escritoras galegas, páx. 24
8Páx. 33
9Páx. 34
10Páx. 73



Ningún comentario:
Publicar un comentario