En "Mamá Desobediente", Esther Vivas conforma un rexistro exhaustivo de todas aquelas realidades que xurdiron e xorden na actualidade arredor da figura das nais.
Trátase dun dicionario atentísimo aos tabús, un altofalante das violencias, un ensaio sólido co que deixar constancia que cumpría unha análise rigorosa coma esta da experiencia desde o feminismo e centrada no noso contexto.
Esta lectura eleva o persoal ao político para reflexionarmos xuntas sobre os lugares aos que fomos relegadas e sobre a dificultade de maternar nunha sociedade que quere agochar redes e coidados e á que só lle interesa un modelo de nai.
Esther Vivas pon todo enriba da mesa, e nosoutras, nais rabudas, celebramos esta análise que visibiliza ao grande os nosos debates. Recomendo para as que maternades, ou non, esta achega que nos anima tamén a soñar urxententemente outra sociedade que nos respecte e escoite.

Ningún comentario:
Publicar un comentario