Buscar neste blog

Amosando publicacións coa etiqueta despedida. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta despedida. Amosar todas as publicacións

domingo, 17 de maio de 2015

Da semente, das espigas. A María do Carmo Kruckenberg

Foto: AELG

Toda semente debe caer primeiro na terra para se facer espiga. Nun ciclo interminable, dunha nace a outra e doutra a unha. Como palabras que se dan a man coa terra e abren os seus dedos cara ao aire. As sementes e as espigas enchen o ceo de paxaros que arrechouchían nas mañás de primavera, coma esta na que nos deixou María do Carmo Kruckenberg. Porque tamén en Vigo, no centro da cidade, nacen sementes e nacen espigas. Aquelas que, coma ela, dedicaron a vida a construír un corpo de palabras, unha aventura irrepetible compartida con todas as que a lemos e a coñecemos. Fronte ás dificultades dun tempo inhóspito, María do Carmo Kruckenberg escolleu a liberdade da semente que voa por conta propia, que se acolle aos ventos que mellor a abanean, que percorre o aire alén dos mares, que xunta o seu corpo a outros corpos, as súas palabras a outras palabras.

Na súa inmensa obra poética ­e non só­ María do Carmo Kruckenberg percorreu os camiños da natureza, do silencio, da melancolía e tamén da celebración. Na testemuña da súa vida que entregou cómplice e xenerosa, dona de seu, grazas ao traballo de Mercedes Queixas, percorreu as portas abertas e pechadas dunha historia que se resistiu ás marcaxes e ás definicións, rebelde e consciente do seu lugar no mundo.

Toda semente debe caer primeiro na terra para se facer espiga. Hoxe despedimos a María do Carmo Kruckenberg mais sen dúbida o seu corpo de palabras non nos deixa. Ese que ten a forza suficiente para facer que na súa cidade comecen a agromar xa as espigas que crecerán co tempo e se encherán de paxaros cantores e libres, coma ela.