Buscar neste blog

Amosando publicacións coa etiqueta Chus Pato. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Chus Pato. Amosar todas as publicacións

mércores, 25 de setembro de 2013

Um big-bang vírico

Foto: Foshie

Por Susana Sánchez Aríns

Quando a gripe ataca, esse bechinho tão pequeno, aparece com ela a súbita consciência da matéria corporal. Atrapadas no nosso dia a dia de trabalhos, horas de carro, ansiedades vitais, lavadoras por tender, jantares e relaxing cups, concebemos o nosso ser como um tudo compacto. Um eu agigantado por uma sociedade louvadora do ego e o individualismo.

E chega a gripe e nos recorda que, ademais de sermos humanas, somos corpo. Carne, vísceras, fluídos. E ataca o bechinho e de súbito já não somos rosto mas mandíbula dorente, saliva espinhenta em amídalas inchadas, nariz pinguento, músculo orbicular a comprimir as meninhas até a dor, occipital em pleno choque tectónico contra o parietal. Viramos corpo deconstruído em cada uma das suas centas partes que também somos nós, mas nunca lembramos.

O facto de sentirmos cada parte em por si, impede, quando a gripe nos entra, que tenhamos aplicados os sentidos ao exterior. Concentradas na nossa própria matéria, toda a matéria que nos é estrangeira perde centralidade e desaparece do nosso horizonte de atenções. E de comprensão. Abismadas nos nossos sons internos, perdem significado os barulhos de fora. Lá vão os trabalhos, as horas de carro, as ansiedades vitais, as lavadoras por tender, os jantares e as relaxing cups.

E desaparece a gripe e experimentamos o alívio de voltar a sermos um tudo e a felicidade de sentir novamente a armonia entre as centas partes do nosso tudo visceral. E vemos com outras meninhas, menos comprimidas, o mundo que nos envolve. Com uma dor menor.

Como uma gripe é o novo poemário de Chus Pato.

Um bechinho pequeneiro que lemos como rebentação no meio dos olhos, como pedrada em toda a fronte, golpe seco que nos fai tomar consciência daquilo que esquecemos no dia a dia.
Lim Carne de Leviatán como sendo convidada a um big-bang vírico que devolve à matéria o protagonismo do início dos tempos e a possibilidade de participar duma nova gênese.

Primeiro foi o verbo, diz, seique, o livro dos livros. E não é certo. Primeiro foi o fonema, diz-nos Chus Pato, o golpe de voz que desenha mundos, sejam jardins, sejam desertos. A língua como poço de barrena gutural que cospe água a pressão desde as capas freáticas do pensamento. O som como um ovo cósmico de incalculável quantidade de energia que forma, ao avançar do tempo, palavras, pensamento, poesia. O mundo.

Reivindica Chus Pato o poder criador da palavra. O nome que cai na Terra como humus do que nasce a vida: Cando desaparezan todas as flores do mundo / (Hecatombe / Dioivo) / entón as palabras agromarán / como margaridas. / Digo unha flor

Lim Carne de Leviatán como quem recorre a cronologia da evolução da vida na Terra. Puidem observar, acompanhada da poeta, o passo do berro à língua como o do procarionte à borboleta, da améndoa ao gromo à árvore ao fruito.

Mas não é o caminho evolutivo uma linha recta do aqui ao horizonte do passado ao agora. Não. Porque observar não é perceber. Não é comprender. Porque o big bang inicial provoca um caos de pensamento e linguagem, uma nebulosa filosófica nas nossas mentes. E isto acompanha-o a Chus Pato com a deconstrução, nas suas centas partes, da língua poética: Non existen o que se di non existe non ten existencia. Non existen, as palabras. Mas precisamos perceber? Como com a gripe, o necessário é a expansão do cérebro no baleiro. A súbita percepção da matéria.

E quando acabamos a leitura, aliviadas, vemos com outras meninhas, menos comprimidas, o mundo que nos envolve. Com uma dor menor.

Chus Pato: Carne de Leviatán. Editorial Galaxia. Vigo 2013.

luns, 4 de marzo de 2013

“A muller escuálida morreu”, Iman Mersal

Iman Mersal

Por Andrea Nunes Brións

“Eu era o bonito proxecto de converterme noutra persoa, 
pero foi desbaratado polas miñas acertadas decisións”

Cómpre situarnos hoxe na delgada liña que hai entre a poética feminista do Delta do Nilo e do noso Miño na Galiza. Coñecín fai pouco a obra de Iman Mersal. Entereime de que ía estar en Compostela, fai escaso un mes, fun vela e fiquei abraiada. Días antes perdera a posibilidade de vela recitar na Coruña con Chus Pato en poetas (din)versos que organiza Yolanda Castaño. Ela foi a persoa que turrou para traer a Mersal a Galiza, e a que, por sorte, me achegou a súa tradución ao galego dalgúns textos de Camiñar canto sexa posible e outros poemas. Atopei despois, tamén a súa tradución do árabe ao español por Laura Salguero e Margarita Ossorio.

Así, de varias voces, coñecín a Iman Mersal, editora do xornal feminista independente exipcio Bintal - Ard (Filla da terra) profesora de lingua árabe e literatura na Universidade de Edmonton, poeta e feminista, utiliza as palabras para mudar o mundo, para achegarnos ao cotiá dende o persoal.

Unha experiencia próxima á individualidade colectiva, un ollo crítico e aséptico que debate e xulga unha sociedade patriarcal e deteriorada polas ansias e o poder. Dispónnos dunha casualidade segura e convéncenos de que “o sentimento de culpa non é mais que unha invención dos sensatos”. Porén atopamos tenrura, sensualidade, diferentes expresións de feminidades, unha escrita segura e distante, entendedora e rebelde. Concede así o desvarío e incítanos á búsqueda de novos camiños onde vérmonos nese intercambio de ideas, desexos e contradicións.

Mersal escribe coa cosmovisión de dúas culturas, de diferentes espazos, cun texto próximo e insolente, achegándonos á cartografía do habitado, do máis íntimo. Isto lévame a Fátima Mernissi, cando dicía que as mulleres teñen (temos) que asumir o noso papel, loitando coa palabra como arma principal para lograr facer a revolución.

E a revolución aquí, lanza “berros que chegan ás que estan (estamos) lonxe”. Vaise fiando modernidade e tradición, occidente e oriente.. Nestes textos fumeantes, o odio, as náuseas, a felicidade, o sexo... exprésase con seguridade e irónica brincadeira.

Penso nunha personaxe desvelándose en cada poema... imaxínoo como facéndolle homenaxe a Huda Saadawi naquel xesto simbólico da estación do Cairo ou recollendo o potencial da voz de Nawal el Saadawi , todas elas exipcias e rondando na diáspora.

Estas voces e os espazos sufocantes, liberan e/ou venlle a cara á barbarie, “beixos como rituais previos ao planto”. Transformando os nosos argumentos para a infidelidade, destruíndonos da mellor forma co escepticismo.

Daquela, revélanse as inclemencias do cotiá, as da existencia e todo o seu potencial, as contradicións, un espir o día a día como fotogramas da rebelión a nos lembrar, máis unha vez, que “o persoal é (e ten que seguir sendo) político”.