Buscar neste blog

domingo, 15 de xuño de 2025

Eli Ríos estivo lendo... Las mil naves de Natalie Haynes

        

        Nesta novela( tamén en audiolibro) a historia pon o foco nas consecuencias da Guerra de Troia. Non só no último ano, o que se ficcionaliza na Ilíada, senón no antes e no despois. E, por unha vez, van ser elas as que narren os acontecementos. Creúsa, Hécabe, Ifigenia, Penélope, Andrómaca, Casandra, Clitemnestra, Eris,…, deixan os seus testimonios en primeira persoa – poderosísimos– sobre a guerra de homes e as súas secuelas.

        Quen vertebra a historia é Calíope e vainos interpelar continuamente! As persoas lectoras somos parte fundamental desta ficción e convertémonos nas encargadas de actualizar o texto. Esta voz, hai momentos en que incluso“ameaza” á do poeta e aí acabamos por transformarnos en lectoras cooperativas que non permitiremos que nos volvan impor o relato do poeta, non! Queremos saber máis sobre elas e sobre as realidades que sempre quedan fóra da escena.


         Se a lectura desta obra é un aire fresco, non o é menos a parte máis “técnica”. No final hai un glosario de personaxes, ben interesante, e un apéndice “curioso” en que se fai algunha que outra crítica–elegante– às revisións máis rancias feitas por algún estudoso. Tamén se citan as obras de referencia usadas porque as historias das mulleres xa están escritas nas fontes antigas e si importa moito a ollada e a perspectiva coa que se transmiten. E Las mil naves de Natalie Haynes é unha desas miradas que estabamos desexando ler.





Ningún comentario:

Publicar un comentario