Buscar neste blog

Amosando publicacións coa etiqueta Teresa Moure. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Teresa Moure. Amosar todas as publicacións

luns, 25 de novembro de 2013

Não che tenho medo, lobo, lobo, não che tenho medo

Grabado de Gustave Doré

Por Susana Sánchez Aríns

Instruções para confeccionar uma bomba caseira disque circulam avondas pola internet. E segundo as últimas condenações da Audiência Nacional espanhola qualquer de nós somos potenciais artificieiras. Basta possuirmos uma garrafa de coca-cola ou uma pota -mães, baleirade as lacenas!-, qualquer produto com ácido clorídrico -mães, baleirade o armário do lavabo!- e um algo de papel alumínio -ai, mães, mães, e nós a acreditar-vos inofensivas cozinheiras!-.

Teresa Moure, aparente mãe e inofensiva, colheu os arquétipos dum conto tradicional, perigoso em por si, como as garrafas de coca-cola, mas associado culturalmente ao establishment do meninhas, não andar com estranhos, encheu-no com auto-afirmação feminina como acelerante e inflamou-no com a lixívia da acção violenta e sexual. E, accionada polo acto de leitura, a bomba textual explode-nos nos olhos enquanto fazemos o leve gesto de passar a primeira página.

Não confundamos, o conto tradicional reborda violência e sexualidade, ou violência sexual; o único que faz a poeta e mudar o agente dessa força e esse sexo. E cuidado, também não era o lobo que a exercia no continho, mas a comunidade: aquela que envia a menina ao monte, sabendo-o habitado por alimárias, aquela que educa às raparigas para não parar nos caminhos a apanhar flores, grande delito!, ou conversar com as gentes que cruzam na vida, aquela que aprende às moças a temer o encontro sexual, aquela que nos aprende a violação como uma morte da que não há recuperação possível.

O acto subversivo da poeta não é outro que mudar a vítima em agente violentador. Porque nisso consiste o que muitas vezes é chamado de terrorismo: em usar a violência sem permiso e contra o poder hegemônico. A atitude terrorista da autora explicita-se qual manifesto no próprio título do poemário: eu violei o lobo feroz, onde identificamos com uma vista de olhos, esse EU com a da Carapuça encarnada. Uma eu que age, que actua, que faz, que não se oculta mas procura o choque furibunda.

E o sexo. Se algo aprendem as meninhas no conto tradicional é a esconder a sua curiosidade sexual: a que pergunta, a que quer saber por que esse apêndice engrandece, morre devorada. A violadora da Carapuça procura o encontro sexual. Ela mesma se sabe puta e condenada ao ostracismo pola assembleia cívica e o tribunal da cidade. Mas não por isso deixa de querer ver a pele do lobo, e lambê-la, e chuchá-la e deixar-se entrar por ela. Exibe o seu desejo como metralha que penetra em cada poro epitelial com mais força que a dor física da mutilação. Como uma femem desafiante, que escandaliza a próprias e estranhas, usa o seu corpo para provocar o questionamento dos papeis e o róis.

E quem, o lobo? Ao modo duma velha esmorga feminista não se aparece nem se pronuncia. Preside a sala do tribunal sem que cheguemos a vê-lo nunca. Dai o desejo. E não. O lobo feroz não é o lobo do conto tradicional. Não nos deixemos enganar. Este lobo é, insistimos, a comunidade, o poder que organiza as batidas contra animais equivocados, deixando com vida a todos os humanos repressivos e repressores que nos envolvem. Aqueles que se cargam o bosque em que vivemos.

Diz a da Carapuça que os 49 poemas que escreveu e publicou em forma de livro não são poesia. Explicita-o no texto intitulado post-scriptum. Porém, pensamos que o afirma levada pola súbita subida de oxitocina e prolactina orgásmicas.

Porque nós encontramos, sim, poesia. E por que não? Que um discurso nasça da realidade invalida-o como lírico? Que seja movido pola história e a memória retira-o para o mundo documental? Deixa a literatura de urgência de ser literatura por urgente? Não, Carapuça, não.


Teresa Moure: Eu violei o lobo feroz. Através Editora, 2013

luns, 25 de febreiro de 2013

O silencio que buscaba erradicar a semellanza


María Reimóndez

Por María Reimóndez

Calquera sistema literario fala tanto dende a voz como dende o silencio. Sen dúbida o silenciamento crítico de certas obras axuda a entender sobre todo o sistema que as expulsa e o seu carácter perturbador para as identidades hexemónicas e construtoras da nación. O silencio xeral ante as obras escritas por mulleres en xeral e moi en particular daquelas escritas dende unha óptica feminista e lesbiana indica unha incomodidade que marca textos como este do que hoxe nos ocupamos, A semellanza, de María Xosé Queizán.

O silencio ten como efecto precisamente erradicar a semellanza, crear a ficción do inicio perpetuo, de non termos ninguén nunca a quen parecérmonos e fomentar a cansativa declamación recorrente por parte das autoras das nosas referencias. Mais o certo é que obras posteriores que foron celebradas como feitos (post) modernos tales como Benquerida catástrofe de Teresa Moure ou as obras de Lopo e Queipo non poden entenderse sen A semellanza. Estas cuestións que foron analizadas xa en profundidade pola crítica académica deben saír ao debate máis xeral da crítica literaria que chamaremos de divulgación.

É neste tipo de crítica onde a obra ten a capacidade de aparecer diante das súas potenciais lectoras con algunhas claves de lectura que amosen o interese dunha certa proposta. Sen dúbida A semellanza ten suficientes puntos de interese para recibir a atención non só académica senón das lectoras galegas. Primeiro, porque nesta obra Queizán amosa a súa tremenda capacidade para levar unha idea filosófica, a da busca da semellanza (con todos os ecos Freudianos e sobre todo Lacanianos que queiramos imaxinar), a unha narración imbricada na máis pura contemporaneidade. A problematización da sexualidade e do xénero maniféstase n'A Semellanza nun retorcer ata o extremo a aleatoria dicotomía entre o corpo e o xénero asignado socialmente mediante un personaxe central que muta nos sentidos máis fondos do termo.

Queizán artella a súa crítica ao discurso heteropatriarcal a través da historia de Juanjo, un mozo de boa familia luguesa, que pasa de vivir unha vida impostada de casado a explorar a súa identidade primeiro como home homosexual ata pasar pola transexualidade e o lesbianismo. Así, a semellanza cobra tamén o sentido metafórico da busca da igual, do amor pola igual, tan presente nas teorías gais e lesbianas. Así, a obra de Queizán abre un diálogo coas teorías sobre os corpos e sobre a sexualidade que as feministas lesbianas levan tempo debatendo. Esta obra non é comprensible, por exemplo, sen as reflexións de Judith Butler sobre a performatividade do xénero. Queizán, moi lonxe das interpretacións habituais da súa obra, non escribe unha “novela de tese”, senón que experimenta o social nos seus personaxes levándoos aos puntos máis extremos, como quen tira dunha idea ata o momento máis absurdo, o único momento onde esa idea se examina na súa totalidade. Esa totalidade da obra de Queizán é a esencia d'A semellanza.

Mais o diálogo desta novela co marco feminista máis amplo tamén o atopamos na súa relación coas teorías do abxecto de Julia Kristeva dado que o corpo de Juanjo se converte nunha metáfora que pon en xaque a heterosexualidade obrigatoria da que falaba Adrienne Rich. Pero a complexidade da obra non remata aí, pois a viaxe de Juanjo dende o seu Lugo natal a Barcelona e Marrocos antes de regresar á orixe fai que o xénero tamén estea unido ao lugar dunha maneira fondamente crítica. Esta novela, ademais, interpretada en moitas ocasións como pesimista, en realidade sinala co dedo a unha sociedade que, naquela altura e en grande medida tamén na actual, non permite a expresión da identidade das persoas fóra de certos patróns de xénero establecidos.

Mais os valores desta obra son tamén outros. Dende a densidade da forma de narrar ata os antolóxicos diálogos nos que cobran vida os ambientes homosexuais do tardofranquismo e da transición nunha cidade como Lugo, os espazos de prostitución de Barcelona ou mesmo o ambiente xa decadente e orientalista de Marrocos. A linguaxe d'A semellanza está viva en cada palabra e polo tanto cada palabra conta. Resulta complexo atopar novelas onde os espazos resulten tan palpables e os diálogos tan acaídos, próximos na súa verosimilitude ás mellores partes d'A esmorga.

Ante todo isto unha volve á cuestión do silencio. Silenciar unha obra como A semellanza implica silenciar todo un marco filosófico sen o cal o mundo xa hai tempo que non é comprensible, por moito que haxa que turre por ficar en vieiros obsoletos e trillados. Por sorte, nunca é tarde para volver aos textos, sobre todo a aqueles que nos falan de igual a igual, como semellantes.