Buscar neste blog

Amosando publicacións coa etiqueta Beatriz Suárez Briones. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Beatriz Suárez Briones. Amosar todas as publicacións

domingo, 24 de febreiro de 2013

Ler, escribir lesbiana(mente)

Por Beatriz Suárez Briones

"@s 'queer' non somos outra cousa que bo@s lector@s".
(Cindy Patton)

A cultura patriarcal é, entre outras cousas, unha cultura da fratría (ou “cultura do entre-homes”, como a definiu unha das súas grandes deconstrutoras, Luce Irigaray). Nela, para ser, individual e colectivamente, as lesbianas fomos desenvolvendo unha mirada especial: a antena é o noso particular detector de lesbianas, unha ferramenta coa que lesbianizar o mundo; e lesbianizar é unha estratexia interpretativa, unha forma de lectura que nos permite entender: ao mesmo tempo hermenéutica e acto de supervivencia nun mundo homófobo.
Ao longo dos anos a crítica literaria lesbiana usou tres criterios, ningún excluínte, para contestar á pregunta que é a literatura lesbiana:

1. autoría: escritura lesbiana é a que escribe unha escritora lesbiana. Problemas: non todas as escritoras lesbianas escriben literatura lesbiana; ademais, esta perspectiva só será válida se temos a certeza do lesbianismo dunha escritora; de aplicar este criterio, a historiografía lesbiana sería practicamente imposible. A palabra “lesbianismo” (e “lesbiana”) só pode usarse con rigor histórico para referir a experiencias sexuais entre mulleres dende comezos do século XX; antes, é anacrónica e un exemplo de presentismo perverso. Por outra banda, confundir literatura e vida real, obra e autora é un erro descomunal: a literatura lesbiana non vai de escritoras lesbianas. Os problemas críticos que presenta este criterio son tantos que, directamente e para min, o invalidan.

2. tema: literatura lesbiana é a que trata historias lesbianas. Para a escrita contemporánea a teoría lesbiana adoptou unha decisión certamente política: a literatura lesbiana escribe o corpo lesbiano. Formular o corpo lesbiano como modelo de identidade lesbiana é un acto de demolición do modelo único que a cultura ofrece como paradigma de norma(lidade) social, psíquica e lingüística; o contrato (hetero)sexual produce dous sexos complementarios e relaciona xerarquicamente a homes e mulleres. Nesta construción dicotómica (a matriz heterosexual, que di Juddith Butler; a heterosexualidade obrigatoria, que dixo Adrienne Rich), “muller” é un signo exclusivamente heterosexual. A dualidade home/muller exclúe absolutamente á lesbiana. É por iso que Monique Wittig pode afirmar convincentemente que as lesbianas non somos mulleres. A lesbiana non-muller de Wittig, ademais de crear un novo suxeito político posxenérico, permitiunos fuxir da excesiva romantización da identidade entre mulleres, da utilización dun concepto de identidade baseado fundamentalmente no anatómico e que ignora outras formas de diferenza entre mulleres. Tamén o protagonismo que teñen nas prácticas simbólicas e nas eróticas os xogos de roles e as masculinidades de muller ou o SM lesbiano formula novos retos á utilización dun concepto de identidade restritivo e inxenuo.

3. recepción: á pregunta que é un texto lesbiano tamén podemos responder subliñando o papel da lectura e da lectora: un texto lesbiano é o que a lectora lesbiana decide ler como tal. Problema: ¿existe acaso un modo de lectura lesbiano? De ser así, este modo de lectura é, obviamente, aprendido. Implica isto que calquera persoa pode aprender a ler lesbianamente e, polo tanto, ler como una lesbiana? A teoría da recepción mantén que ler como é una estratexia interpretativa: se quen le só puidese ler como o que é toda lectura sería solipsista e todos os textos hermeneuticamente inaccesibles excepto para quen xa estivese dentro do círculo pechado da comunidade interpretativa que fose. E cales son as pistas, os indicios lesbianos nun texto? Cales son as marcas textuais comprometidamente lesbianas do corpo lesbiano? Unha delas é o camp, anti-realista na súa preferencia polo artificio, pola ironía e a parodia, desnaturalizador e deconstructivo sempre nas súas formas de enunciación por exceso do xénero como mascarada, como actuación; deste punto de partida podemos tentar dous camiños tremendamente produtivos: un, a teoría sobre o corpo carnavalesco derivada da obra de Mijail Bajtin; outro, a teoría da abxección de Julia Kristeva. O corpo carnavalesco é un corpo excesivo, aberto, dionisíaco, pantagruélico, apocalíptico (en oposición ao corpo clásico, impoluto, elegante, pechado, estático, apolíneo); é un corpo fluído, secretante, abxecto. Dende aquí o suxeito lesbiano, o corpo lesbiano, son un activo facerse a si mesma (por tanto: construción consciente e ideolóxica, é dicir, política) contra os modelos impostos da feminidade canónica, un antimodelo profundamente contracultural cuxa mera existencia visibiliza o papel modelizante e ultraconservador do canon. Este corpo lesbiano resiste, esaxera e desestabiliza as fronteiras que manteñen no centro hexemónico á cultura –no sentido máis amplo do termo- e as súas institucións, sen as que a orden social sería imposible. O suxeito/corpo lesbiano é indócil, esaxerado, intemperante, transgresor ás leis da diferencia sexual. Un suxeito/corpo posxenérico sen ningunha dúbida. Neste e deste mundo pos- vive e toma forma o lesbiano: creación tan intencionada e ideolóxica como a literatura.