Buscar neste blog

Amosando publicacións coa etiqueta Alice Munro. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Alice Munro. Amosar todas as publicacións

martes, 5 de xaneiro de 2016

O valor da colleita

Cadro 'Segadoras' da pintora Olga Cecilia Giraldo Gómez

Por Belén Martín Lucas*

A miña veciña pediume que colabore na sega. Lémbrame que as compañeiras levan xa varias tempadas dándolle ao fouciño, coas mangas refucidas baixo o sombreiro ancho, e que a ver cando lles boto unha man, que hai moita colleita, moito sementado, moita froita que se vai botar a perder se non a recollemos. E ten razón, porque a tarefa é urxente. Porque neste fértil campo no que traballamos (o da literatura), os froitos/textos que se non se colectan a tempo podrecen axiña; ou, con moita sorte, quedan aí engurrados e secos coma os figos ou as uvas pasas, até que algunha lectora meses, anos ou séculos despois, lles crava o dente e descobre por fin o seu sabor (sempre diferente en cada padal). 
E por iso hoxe únome á tarefa, pola insistencia da miña veciña, que é ben teimuda, e porque comparto coas compañeiras da Sega o convencemento de que é preciso intervir dende posicións explicitamente feministas na valoración da nosa cultura. E esta cuestión, a dos múltiples sentidos do termo “valoración”, é sobre a que me interesa reflexionar aquí, porque o considero un aspecto clarificador para comprender a necesidade desta plataforma crítica, A Sega, e o alcance da súa contribución ao alimento (cultural, emocional, intelectual) dun país máis igualitario e xusto.
O Manifesto d’A Sega infórmanos que esta plataforma creouse “cun afán claramente visibilizador de textos que se impulsan ás marxes ben co silencio ou ben con lecturas nesgadas e cargadas de bagaxes patriarcais”; son estes os froitos dos que falaba, os que se deixan caer e podrecer mediante á “falla de análise crítica dos textos das autoras”.  
Tal como indicara o sociólogo Pierre Bourdieu, debemos ter en conta que todo artefacto cultural (o que Bourdieu chamou “capital cultural obxectivado”, por exemplo, un libro) ten, polo menos, un dobre valor: o valor económico que alcanza no mercado (o prezo marcado na caixa rexistradora, nos ingresos das editoriais, etc.), e o valor cultural, medido pola influencia, impacto ou valor simbólico dese ‘obxecto’ (texto, imaxe, escultura, canción, etc.) nas sociedades que o acollen ou, en termos de Bourdieu, se apropian do seu capital cultural. Ningún deles son valores inherentes ao obxecto en si, senón que se calculan segundo as premisas ideolóxicas de cada sociedade. Se ben o capital económico e o capital cultural non sempre van parellos (pensemos nos bestsellers que xeran moita ganancia repentina pero non resisten a transmisión dunha xeración a outra), é indubidable que canto maior sexa o recoñecemento social do valor cultural dun obxecto, maior tende a ser tamén o seu valor económico. O efecto contrario tamén está a acontecer e, nos tempos ultracapitalistas nos que vivimos, o máis frecuente é que aqueles produtos que os poderes económicos consideran máis rendibles/vendibles reciban maior atención nos medios de comunicación e institucións que lles proporcionan ese valor cultural; isto é o que as segadoras describen no seu manifesto como “espazos de autoridade e remuneración”, que nos convidan a okupar. Neste armazón de intereses económico-culturais a vella alianza entre capitalismo e patriarcado vese reforzada, como amosan numerosos estudos feministas da globalización. Por isto o propio acto de darlle espazo e relevancia a textos que non teñen moito “valor económico”, .é dicir, que non son de interese no mercado, constitúe un acto de resistencia ao imperativo capitalista que emprega a rendibilidade económica como escusa para agochar as voces disidentes. Porén, o pensamento hexemónico vai proclamando un discurso de posfeminismo autocompracente que leva a moitas mulleres a participar de xeito máis ou menos voluntario no status quo. Dáselle protagonismo a un mal entendido empoderamento dunhas poucas mulleres destacadas (sobre isto, ver o artigo de Beatriz Suárez Briones en Sermos recollido na Bibliografía), para facernos pensar que xa está todo conseguido, e isto é especialmente evidente no ámbito da cultura e o académico. Por unha banda, dende posicións feministas hai un esforzo común por resistir o desmantelamento do estado de benestar que durante unhas poucas décadas fixo posible a notable mellora nas condicións de vida das mulleres e por combater a regresión nos nosos dereitos sexuais e reprodutivos inducida pola ditadura da moral católica. Agora ben, no ámbito literario semella que a percepción de que homes e mulleres reciben un trato totalmente igualitario e que as discriminacións de xénero son cousas do pasado. Mais non é así, como ben indican a desequilibrada composición da RAG no século XXI, a ratio de mulleres premiadas co Xerais, ou a de autoras galegas traducidas ao inglés (por mencionar un dato de proxección internacional da nosa literatura). A pesar da hipervisibilización dunhas poucas autoras no sistema literario galego, o certo é que aínda persiste unha clara infravaloración da contribución das mulleres que as segadoras denuncian así: “A sega nace do exercicio de observar un panorama da crítica caracterizado polos silencios das voces das expertas, por lecturas sen explicitación da posición, pola falla de análise crítica dos textos das autoras”. Estes profundos silencios no ámbito da crítica non son cousa do pasado, nin acontecen só nalgunhas sociedades particularmente “atrasadas” en cuestións de igualdade de xénero. Eu, que me dedico profesionalmente ao estudo da literatura canadense, mundialmente recoñecida polas súas autoras máis destacadas, como Alice Munro (Premio Nobel) e Margaret Atwood (Premio Príncipe de Asturias e Premio Booker Man, entre outros), levo décadas escoitando a estas mesmas autoras (como cabezas máis visibles do colectivo) denunciar o nesgo discriminatorio do estamento crítico literario e dos medios de comunicación cara ás escritoras no seu país. As autoras e críticas canadenses, como as compañeiras da Sega, tamén decidiron crear unha plataforma para visibilizar a literatura de autoras e difundir unha achega crítica aos seus textos dende perspectivas non androcéntricas, fundando en 2012 a asociación Canadian Women in the Literary Arts (CWILA). Esta asociación descríbese en termos similares aos da A Sega como “unha organización literaria nacional para persoas que comparten valores feministas e ven a importancia da equidade de xénero na cultura literaria canadiana”. O seu estudo estatístico máis recente, coas cifras de 2014, amosa que a pesares da idea xeral en Canadá de que as autoras son tan ou máis importantes que os autores, é dicir, que reciben igual ou máis atención que eles, os libros de autores recensionados foron un 53%, e os de autoras só un 39%. Isto no ano do “efecto Nobel”, xa que Alice Munro recibira o premio a finais do 2013 e polo tanto todos os seus libros foron reeditados no ano seguinte (e amplamente recensionados), e no que a publicación da novela Maddam de Atwood (última na súa triloxía distópica e moi esperada) tamén a finais de 2013 indubidablemente influíu para que as cifras fosen moito máis altas das de anos anteriores. É dicir, que mesmo ao considerar o número de recensións de libros de autoras publicadas, temos que ter en conta a hipervisibilidade dunhas poucas fronte ao silenciamento da gran maioría. Un dato destacado que continúa a ser especialmente negativo en Canadá é o escasísimo número de recensións de libros de autoras escritas por homes, quen non contribúen á visibilización do capital cultural que crean as mulleres (sen entrar na cuestión de valorización que fan dos textos, que en poucas ocasións escapan á doutrina patriarcal). En cambio, desde a constitución de CWILA rexístrase un notable aumento de mulleres que deciden publicar recensións. É o que chaman “o efecto CWILA”: o impulso que este colectivo vai dando á produción cultural de autoras e que co seu recoñecemento motiva a outras mulleres a escribir, tanto obras literarias como recensións críticas; da apoio (intelectual, moral, afectivo, político); crea comunidade, unha comunidade gozosa da súa cultura como indica o manifesto da Sega ; crea, en definitiva, un país culturalmente máis xusto, e tamén máis forte na defensa do propio, fronte á invasión cultural do poderoso veciño do sur, Estados Unidos, contra o que os produtos culturais canadenses apenas poden protexerse.
Haberá quen pense que o caso canadense non é de moito interese para abordar a situación das recepción das autoras galegas, mais as similitudes entre as preocupacións de CWILA e as das compañeiras da Sega non deixan espazo ás dúbidas; a análise do manifesto da Sega e dos manifestos de CWILA coinciden plenamente na necesidade dunha maior consideración cara a produción literaria das autoras, por xustiza, e polo ben da propia cultura.
Esta é a contribución máis valiosa das segadoras, precisamente a “posta en valor” das nosas literatas, fronte ao silenciamento, por omisión, por falla de reflexión sobre esta cuestión, por inercia, ou por misoxinia intencionada. É preciso revelar –sacar á luz—os posicionamentos ideolóxicos dende os que se efectúa a avaliación crítica en calquera caso, pero máis aínda no contexto global de regresión en canto a igualdade que estamos a sufrir nesta época post-feminista mais non post-patriarcal. A avaliación por pares que outorga rango de excelencia á unha publicación non é tal cando os parámetros empregados para considerar a calidade responden a criterios que historicamente veñen favorecendo valores masculinistas, nin cando os avaliadores son maioritariamente membros do colectivo hexemónico. Estes non son pares situados no mesmo nivel. Por isto tamén ten especial valor a énfase das segadoras no traballo comunal, cooperativo, en rede, que reivindica unha ética do traballo propia da práctica feminista.
O recoñecemento da contribución á literatura galega das mulleres é un acto de xustiza social pendente, que non se pode limitar a honras e homenaxes especiais en momentos puntuais, senón no día a día. Temos que continuar a espallar sementes de talento, regar e nutrir os brotes das novas xeracións creativas, e recoller entre todxs eses froitos para que sigamos alimentando a esa “gozosa comunidade lectora galega” da que formamos parte. Porque como din as segadoras, “quen sega tamén sementa o pobo no que quere vivir”.

Referencias:
-Bourdieu, Pierre. “Los tres estados del capital cultural”
-Suárez Briones, Beatriz. “Empoderamento é poder-con e poder-para, nuncapoder-sobre”. Sermos Galiza. 20 xullo 2014.
-2014 CWILA Count Infographic. 


*Belén Martín-Lucas é profesora titular no Departamento de Filoloxía Inglesa, Francesa e Alemá na U. de Vigo, onde coordina o grupo “Feminario de Investigación Feminismos e Resistencias”. A súa docencia e investigación enmárcanse nos Estudos Feministas, Poscoloniais, e da Globalización. Ten publicados numerosos libros e artigos sobre literatura de autoras diaspóricas en Canadá, e sobre a violencia simbólica. Sobre este tema destacan os seus traballos sobre a relación entre o uso do corpo feminino como metáfora da nación e a violación como crime de guerra; a explotación do corpo ‘exótico’ nas portadas de libros de autoras racializadas; ou a linguaxe sexista.

xoves, 26 de decembro de 2013

A Tchekhova canadiana

Foto: Susana Sánchez Aríns

Por Susana Sánchez Aríns

Um senhor apampa entanto molha uma madalena no chá, e coloca a literatura numa epifanía sensorial e mnemónica, oferecendo um depurado exemplo de reflexão filosófica sobre a passagem do tempo, que some raudo e intangível. Uma mulher permanece muda na missa, incapaz de acompanhar a feligressia no canto, e leva as insignificâncias da vida à literatura. Porque molhar uma madalena no chá é desses actos que mudam a história.

Recebeu Alice Munro o Prémio Nobel por [é dizer, apesar de] descrever “um mundo anódino, limitado”, um “mundo de mulheres”, retratos de “gente vulgar” [é dizer, mulheres vulgares]; isso sim, mui bem escrito, como faria o melhor Tchekhov.

Hei de admitir que a frasse que chicotou a minha curiosidade foi essa de que ainda a escrever sobre mulheres, não ser Munro complacente com a psicologia feminina. Chicotou-me a curiosidade e o orgulho, porque nunca escuito essa inecessária justificação para autoras que edificam a sua obra em volta de psicologias masculinas.

E dei em ler Amada Vida.

E o que encontrei, sem necessidade de derrubar muros entre as linhas, nem de sisudas análises genérico-gramaticais, foi um impactante catálogo daquilo que no feminismo denominamos micromachismos: essas subtilezas da vida diária que nos recordam às mulheres, no anódino do dia a dia, fora das grandes agendas políticas, qual é o nosso lugar nesta sociedade.
É lógico que ao narrar vidas em apariência vulgares, pequenas, anónimas, mulheris, agrome delas uma forénsica disecção das pequenas e contínuas presões que uma mulher vive para orientá-la a ser a-mulher-que-deve-ser. Porque Munro faz literário o clássico berro feminista de que o privado é político, lema que aínda hoje muitas não percebem.

A menina que aprende na escola, sem saber quando nem como, que andar em bicicleta não é apropriado para raparigas; a outra menina que não podia ver os filmes do cinema em que trabalhava, a narradora que aclara ser professora não de literatura mas de matemáticas; a mestra que teme caminhar polo bosque sozinha, a poetisa aborrecida de ter que aclarar ser poetA; e tudo isto deslizado assim, sem mais, sem necessidade de complementária aclaração. Porque somos as leitoras as que devemos realizar as implicações correspondentes: ai, a virgindade, ai, o desporte de mulherõas; ouh, há mulheres cientistas?, passear acompanhada não polo medo, mas polo que-dirão, mulher a ler livros sérios, perigosa!

E o melhor, para quem isto escreve, é o facto de muitas das personagens, das vozes narrativas, não dar por isso, não serem conscientes destas violências diárias que as limitam. Como na realidade. E pavorosos, por magistrais, me parecerom os contos Porto de Abrigo (pensai no título uma vez lido!) e Vozes. A inocência, melhor cegueira, das duas vozes narradoras perante as violências que presenciam, é um acaído reflexo da cegueira quotidiana que suportamos.

Só assim é comprensível que onde uma escritora deixa claros os seus referentes literarios -femininos-, outros insistam em proporcionar-lhos diferentes -masculinos, claro-. Ou que a única maneira de elogiar uma autora seja compará-la com um homem.
A leitura de Amada Vida chicotou algo mais que a minha curiosidade e o meu orgulho. Chicotou também o interesse pola comparação: hei-lhe entrar aos contos do Munro russo.

Alice Munro: Amada Vida. Edições Relógio d'Água.
Lisboa 2012.Tradução de José Miguel Silva.