Buscar neste blog

venres, 19 de xaneiro de 2024

María Reimóndez está lendo... The left hand of darkness de Ursula K. Le Guin


Adoita facerme especial graza o labor dalgúns críticos que se emperran en asignarme lecturas que non teño e que supostamente inflúen na miña escrita. Unha cousa son as conexións que a persoa que le establece coa súa propia bagaxe, un aspecto marabilloso da lectura, e outra estas teimas de señorOs. Cando publiquei Cobiza houbo algún que se gabou en publicitar os libros nos que eu me inspirara (sen falar comigo endexamais, poderes!), a obra de Ursula K. Le Guin figuraba entre esa selección. Porén, ata día de hoxe eu non lera nada dela.

E, sinceramente, é unha desas autoras ao redor das cales entendo que haxa interese, mais que a min, como lectora, non me interesan. O tipo de ciencia ficción de K. Le Guin segue unha estela demasiado masculina, cos homes no centro (neste texto, nun mundo novo con seres humanos hermafroditas, todos son "el") e cun afán descriptivista que me lembra unha certa antropoloxía da que tamén sospeito.
Non teño ningunha dúbida de que este texto, no que un enviado viaxa ao planeta Inverno para convencer os seus dirixentes de que se unan a unha especie de federación pacífica, será de interese para moitas lectoras. Tampouco dubido de que, en comparación con moitas cousas que se escriben de ciencia ficción, a súa calidade en canto a lingua e manexo de rexistros é excepcional. Mais comigo non conectou, cousa que tampouco lle detrae ningunha virtude.

Ningún comentario:

Publicar un comentario