Buscar neste blog

Amosando publicacións coa etiqueta Ilhéu dos pássaro. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Ilhéu dos pássaro. Amosar todas as publicacións

luns, 22 de abril de 2013

Orlanda Amarílis. A voz de muller africana, negra e colonizada.

Eli Ríos


Por Eli Ríos

Orlanda Amarílis é unha escritora caboverdiana que publica os seus primeiros contos en revistas como Certeza (1944) ou Claridade (1960), entre outras. É nestes textos onde a voz desta narradora xa deixa albiscar que elas tamén contan na escrita da historia porque "nascer homem ou mulher em qualquer sociedade é mais que um simples fato biológico. É um fato biológico com implicações sociais"( Christiane Klapisch-Zuber ) e, no caso das escritoras africanas, estas implicacións son aínda maiores xa que, como dicía Alda Espírito Santo ,"a mulher africana é duplamente colonizada " por ser muller e por ser negra.

Cais-do-Sodré té Salamansa é o primeiro libro de Orlanda Amarílis e foi publicado en 1974. Xusto nesa década, a de setenta, crucial para a construción da identidade caboverdiana.

Cabo Verde ten a peculiaridade de contar con mais habitantes residentes no estranxeiro que no seu territorio pero as migracións das mulheres ata 1960 só representaban o 35% do total. A partir dese período prodúcese unha feminización das migracións e os últimos estudios feitos en 2009 por Cáritas, revelan que, por exemplo, o 85% da emigración a Italia desde Cabo Verde son mulleres. Este feito cambia considerablemente o entramado social das illas e Orlanda Amarilis non é allea a el. A identidade feminina comeza a camiñar ao lado da identidade nacional.

Amarílis aborda a resistencia da muller caboverdiana dentro e fóra do arquipélago presentándoa no seu día a día. Ata este momento os discursos de poder producidos sobre a muller privilexiaban a ideoloxía e xerarquía patriarcal e propuñan o estudio do cotián feminino desde o discurso masculino . O traballo de Amarílis dalle a volta completamente: as "marcas femininas" articúlanse ao social e non ao contrario (como acontecía nas obras de autoría masculina), procúrase o xeral a través do particular, a nación a través da rexión, o coletivo a través do individual. Orlanda Amarílis ve o seu pobo de emigrantes a través da muller e desde a adversidade da súa condición ve unha adversidade máis xeral.

Á identidade da nación súmase a da denominada de"xénero". Non se trata apenas de representar Cabo Verde senón de construír a “maneira de ser" das mulleres caboverdianas. E cal é segundo esta autora? A muller como suxeito da súa propia existencia. As mulleres que quedan nas illas non están á espera do home que marchou senón que, día a día, desenvolven pequenas loitas, micro historias, que sacan o traballo adiante, alimentan familias e, incluso, desenvolven tarefas como facer estradas ou a construción das casas cando os homes estaban emigrados. Nas súas obras Cais-do-Sodré té Salamansa (1974), Ilhéu dos Pássaros (1983) e Casa dos Mastros(1989) Amarílis négase a reducir as mulleres a abandonadas, loucas ou viúvas de vivos e plasma a resistencia das que fican e/ou a rebeldía das que emigran. Solitarias? SI! pero subversoras dos modelos que as pretendiam submisas porque os feitos cotiáns son os que mudan a Historia. Esta hermenéutica da vida cotiá, da política, da sexualidade, da arte, da economía..., en Orlanda Amarilis, non só procura visibilizar o feminino senón prender a identidade individual e nacional á cultura domesticando o portugués como vehículo de expresión.

Nun artigo do Praza (marzo 2013), Teresa Moure comentaba que "a necessidade de insurreição com respeito a um estado opressor, repressor e mentireiro, (...) está a mover-nos (...) para adoptarmos estratégias múltiplas, inclusive a estratégia ortográfica... que, certamente, não é menor."  Esta "estratégia ortográfica" nos contos de Amarílis ten dúas vertentes: Por unha parte, é ben visible o coidado estilístico no uso do portugués ao tempo que, por outra banda, incorpora o “papiâ” caboverdiano desde o mesmo título da obra. O portugués é enriquecido por palavras crioulas e o discurso aproximase á fala de todos os dias dos caboverdianos. Non é unha escolla fácil a de Orlanda Amarílis porque estas "tensións" colocan en xaque a lingua dos colonizadores (patriarcal) e deconstrúen a súa oficialidade dunha forma maxistral. Un bo exemplo disto é o conto Nina:
É Nina, é. Conhece-a tão bem. Fora hóspede da tia de Nina, precisamente quando viera para se matricular em agronomia. Nesse tempo era uma piralha de tranças. Entrava-lhe pelo quarto para comerem juntos as pequenas guloseimas recebidas todos os meses e acondicionadas em caixas num canto do quarto. Assim se tornaram amigos e ele a conquistara ensinando-lhe a comer daquelas comidas: cuzcuz torrado com mel, doce de papaia, farinha de pau. (Cais do Sodré té Salamansa, 1991, p.22)
Este fragmento ilustra o encaixe artístico amariliano que transita entre a formalidade (uso do antepretérito) e o coloquial (É Nina, é/ piralha). A mestura dos diferentes niveis lingüísticos desvela perspectivas sociais diferentes nunha realidade na que a muller emigra para estudar agronomía sen esquecer as súas orixes lingüísticas e culturais. A auto conciencia feminina do elo que une a cultura deixada e a nova asimilada.

Orlanda Amarílis é unha narradora neorrealista que recolle na súa ficción a complexidade do feminino propoñendo un todo no que a identidade, o cotiá, etc, non só son conceptos baleiros senón que apousentan as súas raíces na cultura, sociedade, lingua... conflitos e multiplicidades totalmente vixentes na actualidade incluso en latitudes por riba do ecuador.